|
A maxia do Nadal chega ao Mercado de Tomiño
Cayetano Lledó conquistará a toda a familia cun novo espectáculo de maxia o xoves 28 ás 11.30 horas
A maxia do Nadal desembarca en Tomiño a vindeira semana. Da man de Cayetano Lledó, o primeiro andar do Mercado municipal converterase nun escenario único para o novo espectáculo desde mago internacional que mestura o ilusionismo co humor para conquistar ao público.
Trátase dunha proposta pensada para todos os públicos, nenos, nenas e maiores, aos que Lledó encantará ao público cun entretido espectáculo no que os xogos de ilusións de sempre se mesturará cunha escolma de técnicas innovadoras para experimentar en familia.
O espectáculo comezará ás 11.30 horas e será de balde ata completar aforo. O evento forma parte das actividades programadas polo Concello de Tomiño "para que a veciñanza goce desta época tan sinalada non só cunha morea de actividades gratuítas para todos os públicos, animando á veciñanza a desfrutar deste tempo de lecer e saír á rúa a vivir o noso municipio".
O Concello elabora unha diagnose sobre igualdade e violencia de xénero en todos os centros educativos de Tomiño
O estudo recolle a formación como punto clave a traballar e desvela que o 70% das persoas participantes coñece algún caso de violencia de xénero
O Concello realizou esta análise a través de foros, entrevistas e enquisas a alumnado, familias, persoal dos centros educativos, ANPAS e persoal técnico
O Concello de Tomiño continúa apostando pola igualdade en todos os eidos, tamén no educativo. Neste camiño, puxo en marcha un estudo-diagnose sobre a igualdade e violencia de xénero nos centros de ensino tomiñeses, unha iniciativa coa que se poñía o foco de atención na realidade da comunidade educativa tendo en conta todos os niveis formativos, dende infantil, primaria, secundaria ou bacharelato ata a FP Básica e os ciclos formativos.
Durante os últimos meses o Concello realizou foros, entrevistas persoais e enquisas a alumnado, familias, ANPAS, persoal dos centros educativos e persoal técnico que permite ter "unha fotografía real do que está a acontecer para deseñar e levar a cabo nos centros educativos intervencións o máis enfocadas posible para acadar resultados na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero", como destacou a alcaldesa, Sandra González.
O estudo-diagnose evidencia a importancia que teñen a igualdade e a violencia de xénero en Tomiño e a implicación do Goberno municipal, pero tamén evidencia a necesidade de continuar coa formación nestas cuestións, non só dirixida á rapazada, senón tamén ao profesorado e ás familias para abordalas de xeito transversal a toda a sociedade para cambiar o problema dende a raíz. E é que o estudo desvela que o 70% das persoas participantes coñece algún caso de violencia de xénero.
A concelleira de Educación Cristina Martínez, salienta ademais que a diagnose recolle que esta formación debe "buscar alternativas e enfoque de abordaxe da temática para chegar mellor á mocidade, afondar máis alá do politicamente correcto nos discursos e acabar con patróns que seguen a perpetuar a desigualdade de xénero ou a violencia machista no día a día".
A pesar da unanimidade de opinión sobre a importancia da igualdade de xénero "como paso tamén para a erradicación do resto de desigualdade" e a prevención e eliminación da violencia machista "unha lacra, non só polos casos extremos que saen nos medios, senón pola violencia oculta no día a día", o estudo desvela que case o 70% das persoas participantes coñecen algún caso de violencia de xénero na súa contorna. Para cambiar a situación, os foros, entrevistas e enquisas rebelan a necesidade de realizar actividades máis participativas, de experimentar con actividades de rol playing e intercambio de roles, realizar actividades fóra da aula ou apostar por xogos educativos.
A diagnose tamén resalta a importancia de seguir traballando nos centros escolares na linguaxe non sexista, no uso de referentes femininos tamén nas distintas materias, no coidado e vixilancia da discriminación positiva, na repartición dos patios de xeito igualitario ou en dar un maior apoio e credibilidade ao alumnado cando expón situacións de desigualdade que se poidan estar a producir. A formación en novas masculinidades, prestar atención ás redes sociais e novas tecnoloxías, talleres de autocoidado e bo trato dirixidos a todos os públicos ou unha educación afectivo-sexual son outros dos aspectos que se destacan no estudo.
Por outra banda, nos foros, entrevistas e enquisas sobresae a cultura popular como un dos principais propulsores das desigualdades e faise referencia en diversos momentos ás redes sociais como un dos eidos importantes a traballar para eliminar esas desigualdades. A diagnose reflicte un desexo de que a sociedade estea a avanzar en termos de igualdade de xénero, aínda que se detecta un sentimento de estancamento na situación.
"A igualdade de xénero e a prevención da violencia machista é para nós motivo de inquedanza, por iso quixemos afondar na realidade das nosas escolas e da nosa sociedade para descubrir ángulos cegos para poder desenvolver iniciativas diana e proxectos que vertebren un cambio real e evidente", sinala a alcaldesa, Sandra González.
Os resultados desta diagnose sobre igualdade de xénero e violencia machista no ámbito educativo foron presentados este xoves no salón de plenos do Concello a todos os colectivos participantes, tanto a persoal técnico do Concello como a membros da Corporación Municipal; membros do Concello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas; representantes dos centros educativos participantes (CEIP de Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CRA Mestre Manuel Garcés e IES Antón Alonso Ríos) e membros da ANPA Barrantes, ANPA A Mimosa-Sobrada, ANPA CEIP de Tebra, ANPA Mosteiro do CEP Pedro Caselles, ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos e ANPA Volvoreta do CRA Mestre Manuel Garcés.
O estudo está cofinanciado pola Deputación de Pontevedra mediante a subvención dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero do ano 2023.
Tomiño ultima a estrea da área para autocaravanas no Seixo
Contará con seis prazas e agarda colleitar o mesmo éxito que a zona habilitada en Goián, cunha alta ocupación e excelentes opinións das persoas usuarias
O Concello quere agradecer a colaboración da Comunidade de Montes de Tomiño, que xa cedera o terreo vinculado á Policía Local e
Tomiño comezará o novo ano estreando a nova área de autocaravanas do Seixo. A alcaldesa, Sandra González; o vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Julio Martín; concelleiros e concelleiras municipais e membros da directiva da Comunidade de Montes de Tomiño visitaron a zona para autocaravanas situada no aparcadoiro fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha, que entrará en funcionamento en breve.
Esta nova área de aparcamento para autocaravanas ten seis prazas sinalizadas que contarán cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado de perímetro.
A actuación para a habilitación desta área contou cun investimento de 40.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e permitirá ás e aos visitantes deixar os seus vehículos nunha zona a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.
"O turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo que trae a moitas e moitos visitantes a Tomiño, como podemos ver dende a apertura da área de Goián, que ten unha grande acollida, cunha alta ocupación e excelentes opinións por parte das persoas usuarias", destaca a alcaldesa, Sandra González.
A rexedora sinalou que coas dúas áreas de autocaravanas en activo "seguiremos dando pulo a un turismo de calidade que permita ás persoas visitantes achegarse e deleitarse con todos os atractivos do noso territorio. Este turismo é un activo para a economía local e sitúa ao concello de Tomiño como un destino coñecido e relevantes nas rutas das e dos autocaravanistas".
O Concello quere agradecer á Comunidade de Montes de Tomiño a súa constante colaboración e a cesión hai anos tanto dos terreos como a edificación situados nesta zona, que foi reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social. A alcaldesa recalcou que "é un orgullo contar cunha Comunidade de Montes que sempre se presta a colaborar no interese dos veciños e veciñas".
O Concello lamenta o descoñecemento do Partido Popular sobre os orzamentos municipais de Tomiño
O Goberno municipal lamenta a falta de información e o descoñecemento da portavoz do Partido Popular, Lara Meneses, do funcionamento e xestión das contas municipais, que serán aprobadas en pleno este mesmo martes 19 de decembro. Uns orzamentos de máis de 9 millóns de euros, os máis altos da historia do Concello, nos que a capacidade de captación e xestión de fondos europeos permitirá levar a cabo novos investimentos transformadores.
Na información trasladada por Meneses á veciñanza, a portavoz popular confunde dous conceptos esenciais como saneamento e abastecemento, un abastecemento que en Tomiño é realizado grazas á boa xestión das traídas de auga. Non obstante, si é necesario incrementar un saneamento co que a Xunta non amosou o seu compromiso en ningún momento, xa que nos últimos 15 anos dedicou 0 euros a solucionar un problema que agora os populares consideran tan grave.
O Goberno municipal destaca ademais o apoio ao comercio local, xa que ademais da partida reflectida nos orzamentos, o vindeiro 2024 investiranse case 400.000 euros a través dunha subvención conseguida polo Concello nunha convocatoria de fondos europeos NextGenerationEU para o impulso á dixitalización do comercio local e a súa adaptación ás novas tecnoloxías. Unha subvención que só acadaron tres concellos en toda Galicia e que permitirán investir o vindeiro ano máis fondos que nunca na dinamización do comercio local tomiñés.
Dende o Goberno municipal laméntase que o Partido Popular se refira aos problemas de aparcamento como un dos problemas para a dinamización do comercio de proximidade cando hai unha ducia de aparcadoiros que permiten chegar en menos de tres minutos camiñando a calquera parte dos núcleos de Tomiño ou Goián. En total máis de 1.500 prazas de estacionamento que foron posibles en gran medida grazas á recuperación de espazos públicos para as persoas e a transformación dos núcleos da vila, permitindo que a veciñanza poida desfrutar de lugares de estancia, convivencia e lecer ao tempo que merca no comercio local con comodidade.
O Concello salienta que asegurar que en Tomiño hai un problema de aparcamento resulta ridículo para calquera que coñeza o municipio. Realizar este tipo de afirmacións só fai dano ao comercio local, xa que disuade á xente a acudir a Tomiño a realizar as súas compras ante un suposto problema de aparcamento. Dende o Goberno municipal recálcase que tomiñeses e tomiñesas deben estar unidos para apoiar ao comercio local, favorecendo que a veciñanza das parroquias, dos núcleos urbanos e de fóra do municipio veñan comprar a Tomiño.
Tomiño presume de Nadal sostible e participativo
Alumnado do FPB de Agroxardinería e Composicións Florais e floristas de Tomiño e Goián embelecen as rúas con orixinais arranxos de arte floral
ADETO realizará concursos e sorteos coas fotos máis divertidas sacadas nos tres photocalls que se colocarán nas prazas Pintor Antonio Fernández, do Seixo e da Mina
Un Nadal participativo, divertido, natural e máis sostible, tamén na súa decoración. Un ano máis o Concello de Tomiño aposta por decorar as rúas coa creativa e orixinal arte floral creada por alumnado de FPB do IES Antón Alonso Ríos e por floristas de Tomiño e Goián, vestindo os diferentes recunchos da vila con diferentes elementos decorativos baseados en plantas e flores típicas desta época e da comarca.
A alcaldesa, Sandra González, destaca a importancia deste tipo de iniciativas que "permiten debuxar un Nadal de visibilización do traballo que están a facer os nosos veciños e veciñas, un Nadal que camiñe nese presente e futuro máis sostible, dándolle un valor especial ao uso de materiais naturais e a artesanía para decorar as nosas rúas e prazas, pero tamén instalacións municipais como a propia Casa Consistorial ou os nosos mercados".
Neste camiño, o alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que xa decoran o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Goián e Tomiño, enchéndoos de verdes e vermellos. Grilandas e coroas naturais feitos con ilusión e agarimo guiados polo equipo docente e que lles permite exhibir o traballo que realizan nas aulas e a súa paixón por un sector de grande importancia no municipio.
As rúas e prazas do concello tamén se encheron de vida grazas ao traballo das floristas de Tomiño e de Goián, que decoraron diferentes recunchos cos seus orixinais arranxos florais. Carmiña, da florería Lilas; Marisa, da florería Marisa Baquero; e Reme, dedicada á venda de plantas, empregaron flores e plantas típicas da comarca para facer espectaculares centros que acompañan e complementan á perfección a decoración de madeira da Praza do Seixo, da Praza da Mina ou da Praza Pintor Antonio Fernández.
Prazas que serán tamén o epicentro dunha divertida actividade de Nadal proposta pola Asociación de Empresarios de Tomiño, ADETO. Durante todas as festas estas tres prazas contarán con tres orixinais photocall coas figuras do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos para que tomiñeses e tomiñesas poidan sacarse divertidas fotos durante o Nadal. ADETO premiará a todas as persoas que se animen a posar e inmortalizar o momento con concursos e sorteos a través das súas redes sociais.
"É un luxo contar cunha veciñanza e cun comercio tan implicado e comprometido, con gañas de facer cousas, de colaborar e de axudar a visibilizar un sector que ten un peso moi importante no noso territorio como o viveirista e de idear orixinais iniciativas que nos permitan seguir dinamizando o noso comercio local", salienta a alcaldesa.
A OMIX de Tomiño pon en marcha dous novos faladoiros para mellorar o inglés charlando
Impartidos polo británico Sam Arbon, os encontros serán todos os luns e martes a partir do 15 e 16 de xaneiro
A mellor forma de aprender calquera idioma é a inmersión lingüística. Por este motivo, para facilitar á mocidade tomiñesa achegarse ao inglés dun xeito directo, ameno e divertido, a OMIX de Tomiño pon en marcha dous novos faladoiros de balde para aprender e mellorar as súas competencias neste idioma charlando.
Da man do nativo británico Sam Arbon, membro do grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño, a rapazada poderá practicar inglés a través dunhas reunións informais nun formato English Speaking Coffee dirixidos a persoas de todas as idades e baseadas en conversacións sobre diferentes temáticas. Arbon preparará diferentes temas que servirán de eixo para que todas e todos os participantes poidan mellorar o seu nivel de inglés dun xeito diferente.
Os faladoiros organizaranse en dous grupos diferentes. O grupo 1 reunirase todos os luns ás 11.00 horas no primeiro andar do Mercado de Tomiño dende o 15 de xaneiro ata o vindeiro 19 de febreiro. Pola súa banda, o grupo 2 encontrarase os martes ás 19.00 horas tamén no mercado dende o 16 de xaneiro ata o 20 de febreiro.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa nestes faladoiros gratuítos a través da páxina web do Concello.
|