O entrañable Papá Noel, que cada noite do 24 de decembro traballa arreo para deixar agasallos en cada fogar, fará unha parada moi especial en Oia antes dos seus labores de reparto. Así, durante a mañá e parte da tarde do domingo visitará distintos puntos do concello para recoller as cartas dos nenos e nenas.
Estes son os horarios actualizados e as paradas previstas na súa visita a Oia o 24 de decembro:
-10.40h: Percorrido por Mougás.
-12.00h: Centro cultural de Viladesuso.
-12.40h: Centro cultural de Pedornes.
-13.30h: Praza Centinela (Santa María de Oia). En caso de choiva, trasladarase ao CEIP Mestre Manuel García.
-15.30h: Escolas de Torroña.
-16.00h. Praza de Burgueira.
-16.30h: Praza de Loureza. En caso de choiva trasladarase ás Escolas de Loureza.
Os cativos e cativas que entreguen a súa carta participarán nun sorteo de lotes de libros. Para poder comunicarse coas persoas gañadoras do sorteo e facer a entrega do correspondente lote, as cartas deberán incluír a idade do participante e os datos de contacto da familia.
Despois da visita de Papá Noel do domingo 24, a programación de Nadal do Concello de Oia continuará a vindeira semana con obradoiros infantís en Torroña os días 26 (galletas e bombóns navideños) e 28 (manualidades en igualdade: coñece Oia con Cristina de Pizán) en Torroña e o 29 en Viladesuso (postres navideños). O día 5 de xaneiro chegará a Cabalgata de Reis, que levará ás súas Maxestades de Oriente de visita por todas as parroquias.
Ante a solicitude do grupo municipal socialista dun pleno extraordinario para abordar a cuestión do deslinde entre os termos municipais de Oia e Baiona, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lamenta "verse na obriga" de ter convocar unha sesión na que se van abordar "os mesmos puntos" xa aprobados noutras celebradas anteriormente.
Segundo a Lei de Bases de Réxime Local, ante a solicitude de pleno extraordinario por parte de polo menos a cuarta aparte dos membros da Corporación, é obrigatorio convocar a sesión. No caso da petición realizada polos socialistas, o pleno quedou marcado para mañá venres ás 9.30 horas.
Correa insiste en que os puntos da orde do día da sesión solicitada polo PSOE xa foron aprobados en anteriores plenos. Así, a creación da comisión encargada de traballar no deslinde xa foi aprobada no pleno do 20 de decembro de 2018 e na sesión plenaria do 28 de febreiro de 2019 aprobouse a composición da antedita comisión, formada por representantes dos tres grupos políticos municipais. Ademais, no mesmo pleno designouse a dous veciños que pola súa avanzada idade e acreditado xuízo puideran xustificar o sitio no que estiveron as mouteiras ou sinais divisorios, así como un perito encargado de asistir ao Concello nos labores técnicos. Posteriormente, o 10 de outubro de 2019 celebrouse un novo pleno para actualizar a composición de membros da comisión.
Despois da pandemia de COVID, o Concello buscou un profesional con experiencia para determinar a situación xeográfica dos puntos recollidos no principal documento que se toma como referencia neste ámbito: a acta de amolloamento de 1890. No presente ano 2023, o técnico externo entregou o seu informe, unha extensa memoria con numerosos anexos documentais que, en total, abarca unha extensión de máis de 1.000 páxinas.
Esta documentación era un paso indispensable e fundamental para seguir avanzando co procedemento de deslinde, o cal continuará nos vindeiros meses.
Tendo en conta todas as accións que o Concello de Oia ten ido adoptando nesta cuestión do deslinde, o feito de solicitar agora un pleno pedindo a creación da comisión non achega nada novo ao proceso, pois, como xa se ten indicado, se trata dunha comisión que xa existe.