JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Este Nadal mercar no comercio local de Tomiño volve ter premio

O Concello pon en marcha unha nova edición da campaña 'Nadal + Nadal', con premios en metálico para clientela e establecementos

Os comercios interesados en participar poderán inscribirse ata o 1 de decembro ás 15.00 h

O Concello de Tomiño mantén o seu compromiso co comercio local e coa dinamización económica da vila, especialmente cando se achega unha das épocas con maior índice de vendas do ano, as festas natalicias. Neste camiño, o Goberno municipal vén de lanzar unha nova edición de 'Nadal + Nadal', unha campaña coa que se busca premiar tanto aos establecementos tomiñeses como a todas aquelas persoas que nestas datas realizan as súas compras no propio municipio.

A alcaldesa, Sandra González, resalta a importancia de campañas deste tipo "para apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das edicións anteriores demostra que iniciativas como esta son un grande aliciente para dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos establecementos que temos ao lado da casa". Unha campaña que ademais de ter unha grande acollida "permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolvemos dende o Concello ao longo de todo o ano".

Os comercios interesados en participar nesta nova edición de 'Nadal + Nadal' poden inscribirse a través da sede electrónica da web do Concello ata o 1 de decembro ás 15.00 horas. Segundo establecen as bases, poderán participar todos os establecementos locais agás os que desenvolvan a súa actividade nos mercados municipais e comercios de primeira necesidade, como panaderías, carnicerías, peixerías, farmacias e supermercados de grandes cadeas, aínda que si poderán formar parte da campaña pequenas tendas de alimentación de ámbito local.

Dende o 7 ata o 27 de decembro, a clientela que merque en cada un destes locais participantes disporá dunha urna na que depositar os seus tíckets de compra por valor de máis de 20 euros xunto co seu nome, apelidos, DNI e teléfono para participar no sorteo de vales de compra polo dobre do valor do tícket depositado ata un máximo de 150 euros. Será o propio 27 de decembro cando se abran as urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas para depositar os tíckets nun único recipiente e proceder ao sorteo dos vales. Extraeranse os tíckets necesarios ata que a suma dos premios sexa igual ou inferior a 3.000 euros, tendo en conta que ningunha persoa pode ser premiada con máis dun tícket e que non se repetirán premios por establecemento.

Por outra banda, para fomentar a creación dun ambiente agradable e atractivo este Nadal nas rúas e nos establecementos tomiñeses, os comercios que participen na campaña deberán decorar os seus escaparates e locais como mínimo do 11 de decembro ao 6 de xaneiro para participar na 'Ruta Nadal + Nadal', unha iniciativa que premiará a decoración máis orixinal nas modalidades de mellor escaparate e mellor local, con premios en metálico de 500 euros para os comercios que queden en primeiro posto e de 250€ para os que resulten en segundo lugar. A decoración deberá realizarse con elementos naturais e/ou reciclados de base acompañados da decoración de Nadal.

Conscientes de que son moitos os establecementos participantes nesta campaña que están a facer un grande esforzo por mellorar as súas decoracións ano a ano, as bases establecen que non se premiará a aqueles locais ou escaparates que lograron algún galardón nas edicións dos anos 2021 e 2022 de xeito consecutivo. Os comercios gañadores serán escollidos por un xurado composto por dous representantes do comercio local, un representante do Concello de Tomiño e dous artistas locais. O veredicto coñecerase o 27 de decembro ás 20.30 horas.

Concello Tomiño


'Voces Novas' toma a palabra no XI Foro de Participación Infantil no Parlamento galego

Representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño participaron neste encontro xunto con integrantes de consellos locais doutros once municipios

Representantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, 'Voces Novas' alzaron de novo a súa voz no XI Foro de Participación Infantil e Adolescente de Unicef no Parlamento de Galicia, no que afondaron sobre cuestións como a desprotección de nenos e nenas e adolescentes no campo da familia, da sanidade, da educación e do lecer, incluíndo as novas tecnoloxías e as redes sociais.

Co foco posto no dereito á protección e na non violencia, a portavoz de 'Voces Novas', Alejandra, tomou a palabra para lembrar que en menos de dous anos a sociedade ten asistido ao desenvolvemento de dúas guerras mediáticas, a de Gaza e a de Ucraína, e a outras moitas que seguen existindo, aínda que silenciadas. "Sen saír do país, vemos tamén como a clase política se falta ao respecto abertamente", resaltaba ao tempo que sinalaba que cativada e mocidade "estamos fartas" e reclamaba que se cumpran os artigos da lei de infancia, unha das poucas que ampara aos máis novos e novas.

A rapazada tomiñesa compartiu experiencia con nenos, nenas e adolescentes dos consellos locais de participación de outros once municipios galegos: A Laracha, A Coruña, Burela, Cedeira, Nigrán, Moaña, Moeche, Ponteareas, Redondela, Teo e Viveiros. Durante o acto, as e os participantes entregaron ao Parlamento un cadro realizado xunto a Leandro Lamas no III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente.

Acompañada pola alcaldesa, Sandra González, e polo concelleiro de Mocidade, Agustín González, ao final da xornada a rapazada de Voces Novas participou na entrega de diplomas a todos os mozos e mozas que formaron parte desta nova edición do Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento galego.

O encontro estivo presidido polo Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que animou á mocidade a esforzarse durante a súa etapa formativa "porque o mundo precisa do voso talento e capacidade para edificar unha sociedade mellor".

Concello Tomiño


Rosalía de Castro trae o aroma do seu herbario literario a Tomiño

O Mercado Municipal acolle dende este 28 de novembro unha mostra con 40 imaxes de plantas e flores que rende homenaxe á obra da escritora e á súa unión coa natureza

Rosalía de Castro chega a Tomiño co seu particular herbario. O Mercado Municipal acolle a exposición 'O herbario de Rosalía', unha mostra con imaxes do herbario literario que aparece na obra da escritora realizado polas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela María López Sández e Isabel Fraga. A exposición conta con fotografías de Miguel Fraga para compoñer unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza.

Nesta mostra da Casa de Rosalía e da Deputación de Pontevedra amósanse imaxes de flores e plantas moi vencelladas á obra da autora máis destacada e universal da cultura galega, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito Rosalía durante os seus paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos.

A autora da mostra, María López Sández, percorreu acompañada da alcaldesa, Sandra González, e de concelleiros e concelleiras os diferentes paneis desta exposición que une de xeito maxistral literatura e botánica e que poderá visitarse ata o vindeiro 10 de decembro no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño.

A mostra está dividida en catro seccións: rosas, ás que Rosalía de Castro menciona máis dun cento de veces na súa obra; herbas do campo florido; herbas do camposanto; árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha das seccións da exposición vai acompañada dun panel explicativo no que se conta a importancia destes elementos na obra de Rosalía de Castro e un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos dos que consta o herbario das autoras.

Concello Tomiño


Tomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia

UNICEF valorou o traballo e compromiso realizado polo Goberno local no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes

O Concello leva anos traballando para implicar á infancia e mocidade tomiñesa nas políticas e accións municipais

O Concello de Tomiño revalida o seu recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia. Así o vén de decidir a Secretaría Permanente da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, conformada por representantes do Ministerio de Xuventude e Infancia, da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), do Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e UNICEF España, que trasladou os seus parabéns ao Concello e agradeceu "moi especialmente o traballo e compromiso amosado polo goberno municipal no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes".

"Resulta emocionante que manter o selo de Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que supón un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos para conseguir que Tomiño sexa un concello no que as políticas da infancia e da adolescencia se sitúen no centro do noso facer diario contando coa participación activa dos nosos nenos e nenas e da nosa mocidade", salientou a alcaldesa, Sandra González.

Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade, Agustín González, destacou que en Tomiño "estamos moi orgullosos e orgullosas de ser un Concello que dende hai anos ten en conta aos nenos e nenas en moitísimas facetas da vida municipal, dende pequenas ou grandes obras ata outros aspectos relevantes como a mobilidade". "É unha ledicia ver que a nosa infancia e mocidade participa sempre de forma moi activa e que UNICEF nos inclúa no selecto club de municipios que fomentan a implicación dos nenos e nenas, que son as e os cidadáns do presente, non só do futuro", recalcou.

O Selo Cidades Amigas da Infancia, que só posúen seis concellos en toda Galicia, pon en valor un modelo de xestión centrado no enfoque de dereitos de infancia, un modelo que implica a coordinación interna do goberno con outros actores locais, que promove e xera mecanismos reais de participación da infancia e da mocidade e que conta cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas súas política se accións. "Ser parte desta rede supón compartir unha mesma misión, que todo rapaz e rapaza poida desenvolverse plenamente na súa vila, porque o progreso da infancia é o progreso de todas e todos. É un investimento que ten un impacto positivo, presente e futuro, transformador da realidade da infancia e da mocidade, pero tamén de toda a sociedade", lembra o concelleiro.

Para obter este recoñecemento Tomiño leva anos traballando en diferentes ámbitos e proxectos, como a creación do Consello Local de Infancia e Adolescencia, 'Voces Novas', para dar maior participación á cativada e mocidade do municipio, ou a posta en marcha de proxectos para mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento vital de nenos, nenas e adolescentes.

Concello Tomiño


Cerveira e Tomiño investirán 900.000 euros na adaptación aos cambios climáticos e na promoción da igualdade

A adaptación do territorio transfronteirizo aos cambios climáticos e a promoción transfronteiriza da igualdade son dous novos proxectos que a Eurocidade Cerveira-Tomiño implementará ata o 2026. Unhas iniciativas nas que investirán aproximadamente 900.000 euros cofinanciados nun 75% por fondos FEDER a través do POCTEP, en cumprimento co proceso participativo da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030.

O primeiro proxecto, de maior impacto social e financeiro cun investimento de 700.000 euros, ten como obxectivo a implementación dunha estratexia conxunta de resiliencia do territorio transfronteirizo fronte aos cambios climáticos. Será mediante a valorización dos ecosistemas e os seus recursos comúns, a cooperación institucional transfronteiriza e a participación dos actores locais. Búscase así impulsar unha relación urbana-rural positiva, catalizando unha transformación dos hábitos de consumo baseada na proximidade, nos recursos endóxenos, no control de especies invasoras e na economía circular. Entre as diversas accións, contémplase a elaboración dun proxecto piloto de monitoreo da calidade ambiental, un estudo sobre prevención de inundacións e afectación dos recursos hídricos para a actividade agraria e un proxecto piloto de servizo de economía circular.

Co segundo proxecto aprobado, que suporá un investimento de 200.000 euros e que está enmarcado na Rede de Gobernanza do Río Miño Transfronteirizo do AECT Rio Minho, a Eurocidade Cerveira-Tomiño proponse desenvolver unha acción piloto transfronteiriza para a promoción da igualdade e a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Coa organización de talleres, diferentes accións culturais de concienciación social e unhas xornadas de intercambio de boas prácticas, procúrase sensibilizar á mocidade e ao tecido empresarial e institucional sobre a necesidade de implementar medidas promotoras da igualdade, da non discriminación e do equilibrio entre a vida persoal e profesional.

Cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do INTERREG V-A POCTEP, a Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030, presentada publicamente o pasado mes de outubro, constitúese como un apoio para a afirmación sostible e adaptada aos desafíos do século XXI. Cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 e os desafíos ambientais, de integración social, de mobilidade e conectividade priorizados a escala europea para o período 2021-2027, este plan de acción incorpora 14 proxectos divididos en catro eixos estratéxicos: economía circular e relacións urbano-rurais, desenvolvemento territorial e dinamización de recursos endóxenos, mobilidade e transición dixital e cidadanía e igualdade.

Na práctica, a Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030 establece as bases para a toma de decisións nas diferentes áreas de actuación dos dous municipios e que as accións e expectativas dos distintos axentes territoriais sexan coherentes, sistemáticas e integradas, baseadas na coordinación e cooperación. Cunha longa traxectoria de cooperación, a Axenda Urbana reflicte a historia de colaboración e compromiso mutuo de traballar os dous concellos xuntos para abordar os problemas ambientais, sociais e económicos que afectan directamente a este territorio, así como para promvoer as principais potencialidades comúns.

Concello Tomiño


Tomiño acolle o II Encontro das Mulleres Abelleiras Galegas

Será o sábado 2 de decembro no Mercado municipal. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 29 de novembro en info@maisquemel.gal

Tomiño acolle o vindeiro sábado 2 de decembro o II Encontro das Mulleres Abelleiras Galegas, organizado polo colectivo Mulleres Abelleiras Galegas e Máisquemel en colaboración co Concello tomiñés co obxectivo de ir formando unha rede de mulleres que teñan en común o interese polo mundo das abellas para traballar xuntas na defensa das abellas e do medio ambiente. Ademais, esta iniciativa pretende servir de referente para mulleres que se dediquen aos diferentes ámbitos relacionados coas abellas: apicultura, divulgación, ciencia ou mesmo elaboración de produtos.

A xornada desenvolverase no espazo do Mercado municipal de Tomiño, no que terán lugar as diferentes actividades que xirarán sobre o mundo das abellas e dos seus produtos. Na cita, o colectivo aproveitará tamén para debater sobre o futuro do proxecto, que está en proceso de construción e precisa das ideas e aportacións de todas as que queiran formar parte del.

O programa dará comezo ás 10.30 h para dar a benvida ás persoas participantes e a continuación terá lugar a charla "Efectos da depredación da Vespa velutina sobre os polinizadores", a cargo de Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo e apicultora. Ás 12.00 h terá lugar un faladoiro con Belén Fervenza, produtora de horta e flor agroecolóxica, integrante da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que nos falará sobre funcionamento desta organización que favoreceu a presenza e participación das mulleres no sindicato.

Para rematar a mañá, as participantes na xornada visitarán o mercado e os seus contidos e despois do xantar abrirase un debate sobre o futuro do colectivo no que, as mulleres integrantes e as que queiran incorporarse, poderán propoñer ideas para decidir os seguintes pasos na consolidación deste grupo e as accións a levar a cabo.

Para participar é preciso inscribirse enviando un email a info@maisquemel.gal ata o día 29 de novembro. Máis información da xornada en www.maisquemel.gal.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais