|
O Rosal inaugura o Nadal con talleres, mercado, magosto, teatro e o tradicional acendido das luces
A programación arranca esta fin de semana cunha morea de actividades para todos os públicos
O Rosal quenta motores para dar a benvida ao Nadal. O Concello prepárase para máis dun mes de actividades e propostas para todos os públicos e para todos os gustos. Talleres, magosto, teatro, música, deporte, danza, charlas... e moita diversión "para desfrutar dunha época moi destacada para toda a veciñanza. Para o Goberno municipal é moi importante achegar o lecer a todos os rosaleiros e rosaleiras e facelo de balde cun amplo abano de opcións", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As festas comezarán no Rosal xa este venres 1 de decembro coa celebración de 'Un Nadal máis verde', un obradoiro que se celebrará no Daordaria Gastrobar do Mercado municipal no que as persoas participantes aprenderán sinxelos trucos para desfrutar do Nadal dun xeito máis sostible,
A xornada inaugural será ao día seguinte, sábado 2 de decembro, que arrancará coa apertura do tradicional Mercado de Nadal, "un espazo de oportunidades para as persoas que realizan traballos relacionados coa artesanía e o deseño". Será os días 2 e 3 de decembro no Salón de Exposicións do Concello de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
O sábado pola tarde será a quenda do magosto popular ás 18.30 horas e do tradicional acendido das luces de Nadal ás 19.30 horas na Praza do Calvario. No asado das castañas contarase coa colaboración da Asociación de Maiores, da Agrupación Musical do Rosal, do Club Cliclista do Rosal, da UD Ribera e do Valinox Novás.
O domingo 3 pechará a fin de semana inaugural do Nadal 'A comisión das Valadas', unha obra de teatro do Grupo Afeccionado San Fins de Rebordáns (Tui) organizada pola ANPA do CRA María Zambrano para recadar fondos para o servizo de comedor. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal cunha entrada de 5 euros con dereito a un chocolate con churros na Cafetería Juan. As entradas poden mercarse en Regalos Rocío ou Cómplices, reservarse no 623 138 513 ou na entrada do auditorio. Contará con servizo de canguraxe con reserva previa.
O domingo 10 será a quenda do XII Concerto Ecos do Nadal, unha actuación organizada polo Coro Ecos do Folón que contará este ano coa participación da Coral Vagalume de Santa María de Oia e da Coral Cantemos de Salvaterra. Ás 18.00 horas no auditorio municipal.
O Nadal comeza a coller xa forma a partir da segunda quincena de decembro. O sábado 16 a Agrupación Musical do Rosal ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, nesta ocasión co Principiño como eixo central. Será ás 19.30 horas no auditorio municipal cunha entrada de 5 euros. O domingo 17 será a quenda do Festival Escola de Danza Attitude ás 18.00 horas tamén no auditorio.
Volvemos ao auditorio municipal o xoves 21 para as audicións do alumnado da Escola de Música AMDOR (20.00 h) e o sábado 23 para o Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (19.00 h).
Xa o 29 de decembro dedicaremos a xornada á sostibilidade coa charla 'Vehículos eléctricos. Cara a onde imos?', a cargo do enxeñeiro industrial José de Lorenzo Tabales. Ás 19.30 horas no Centro Social Polivalente. O sábado 30 o Valinox Novás organiza un novo espectáculo cos Netos no Auditorio municipal e o domingo 31 pecharemos o ano coa carreira popular de San Silvestre.
A programación de Nadal do Rosal rematará xa estreado o 2024 cunha xornada real. O venres 5 de xaneiro os Magos de Oriente visitarán os barrios de 11.00 a 13.30 horas, saudando a nenos e nenas, e xa pola parte a partir das 17.00 horas haberá Festa de Reis na Praza do Calvario, con saltimbanquis con Sarao Animación, recepción aos Reis Magos e unha gran chocolatada.
Concello de O Rosal
Concerto cheo de anécdotas e vivencias para visibilizar o papel da muller na música
Nuria Naya e Fátima Martínez achegaron á rapazada do CPI Manuel Suárez Marquier a importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo dos tempos
Promocionar a igualdade e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos no eido laboral, cultural, científico... e musical. Ese é o obxectivo de 'Mulleres que inspiran', un programa posto en marcha polo Concello do Rosal para continuar revolucionando mentes e camiñar cara a unha igualdade real dando a coñecer e achegando figuras femininas de calado tamén á rapazada e mocidade.
Ao abeiro desta iniciativa, o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier desfrutaron estes días dun interesante encontro coa violinista Nuria Naya e a saxofonista Fátima Martínez, que a través dun pequeno concerto con anécdotas, citas e detalles curiosos concienciaron á rapazada da importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo dos tempos.
Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, "con estas actividades buscamos dar a coñecer a situación das mulleres e as súas circunstancias sociais, xa que foron moi distintas ás dos homes e esas dificultades vense reflectidas na súa expresión e produción musical". "Non ter en conta e non coñecer ás compositoras, intérpretes, directoras... significa non coñecer boa parte da nosa tradición musical", recalcou.
A través de diferentes pezas musicais, Naya e Martínez fixeron un percorrido histórico dende a antigüidade ata hoxe contando ademais a súa experiencia como mulleres dentro do ambiente musical formativo e profesional.
A compositora e intérprete Nuria Naya foi violinista en diferentes orquestras e na Banda de Gaitas Artalgo, onde nace o seu dúo con Víctor Iglesias, e grava e colabora con formacións de diversos estilos musicais, como Mercedes Peón ou Xoel López. Violinista na actualidade en Luar na Lubre, dende o ano 2020 embárcase nun novo proxecto con Fátima Martínez: a escola de música 'Entresons', un centro especializado en Método Suzuki e Mago Diapasón.
Pola súa banda, Fátima Martínez comezou os seus estudos musicais na Agrupación Musical do Rosal. Formou parte da agrupación ao mesmo tempo que colaboraba con distintas bandas de música populares e agrupacións da xeografía galega. Especialista no método Mago Diapasón, impartiu clase en diferentes escolas de música e encargouse durante varios da dirección coral de Cantores de San Diego e do Coro do Centro Cívico do Castrillón. Actualmente imparte saxofón na Escola Municipal de Música de Cee á vez que dirixe xunto a Naya 'Entresons'.
Co proxecto 'Mulleres que inspiran' o Concello do Rosal busca camiñar cara á igualdade a través de diferentes liñas de actuación para proporcionar visibilidade ás mulleres e aos seus logros, favorecendo a erradicación das desigualdades de xénero, poñendo sobre a mesa os mecanismos que favorecen a violencia de xénero e promovendo a formación en igualdade de oportunidades e a reflexión sobre todo tipo de violencia.
Concello de O Rosal
A área do polígono supramunicipal do Rosal e A Guarda estará definida en marzo de 2024
A xerente de 'Suelo Empresarial del Atlántico', a alcaldesa do Rosal e o concelleiro de Infraestruturas da Guarda mantiveron un encontro para definir os seguintes pasos a dar
Tras a definición da área do proxecto definitivo procederase á sinatura dos convenios entre SEA, Zona Franca e concellos
Novo pulo ao polígono supramunicipal da Guarda e O Rosal. A xerente de 'Suelo Empresarial del Atlántico' (SEA), Beatriz Sestayo, visitou este martes o Concello do Rosal para estudar coa súa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Infraestruturas da Guarda, Isidro Lomba, os prazos que marcarán o arranque definitivo desta zona empresarial que será un revulsivo económico na zona e permitirá atraer investimentos tanto de Galicia como do norte de Portugal.
Durante os vindeiros catro meses realizarase unha ampliación do estudo de viabilidade realizado sobre este polígono supramunicipal para buscar a forma de tramitación máis áxil, ben seguindo a canle actual ou a través da nova Lei de Áreas Empresariais de Galicia, e para tentar ampliar ata nun 20% os 260.000 metros cadrados de solo empresarial previstos inicialmente. En marzo de 2024 prevese presentar o proxecto definitivo do polígono supramunicipal entre O Rosal e A Guarda, paso previo á sinatura do convenio entre SEA, Zona Franca e ambos os dous concellos, que marca o compromiso económico de todas as entidades.
"Estamos ante unha zona estratéxica para investir, cun tecido empresarial moi característico, cunha identidade propia, o que sabemos que posibilita o éxito de determinadas áreas empresariais. E temos que aproveitar esa dinámica do Baixo Miño e do sur de Galicia, esa proximidade con Portugal, para atraer novas empresas que teñan no territorio o necesario para non ter que ir desenvolverse ao país veciño", salientou a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, amosou a súa ilusión ante a posta en marcha do polígono supramunicipal "que facilitará a ordenación territorial necesaria e permitirá dispoñer dunha zona no que continuar co desenvolvemento económico sostible medioambientalmente da contorna. Porque esa capacidade de atraer tecido empresarial é clave para dar á veciñanza a oportunidade de asentarse nos nosos municipios". A rexedora quixo salientar tamén que o desenvolvemento desta zona empresarial "conta cun escenario idóneo, os fondos europeos NextGenerationEU, aos que poderemos optar para cofinanciar este proxecto".
Pola súa banda, Isidro Lomba amosou o compromiso do Concello da Guarda para seguir adiante co desenvolvemento do polígono supramunicipal durante o encontro con representantes do tecido empresarial este martes no Rosal. No encontro tamén participou Antonio Quintela, avogado urbanista de SEA, que resolveu as posibles dúbidas xurdidas entre todas e todos os participantes.
'Suelo Empresarial del Atlántico' S.L, S.M.E., é unha sociedade creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia que está participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Sepes; nun 15,91% pola Xunta de Galicia e nun 1,65% por ABANCA. A entidade ten xa en propiedade máis de 45.000 metros cadrados dos previstos no proxecto sectorial elaborado en 2007 e que está en proceso de actualización.
Concello de O Rosal
O salto xeracional de Suevia Cividanes, fotografía gañadora do concurso 'Mulleres que inspiran'
O Salón de Exposicións acolle ata finais de ano unha mostra con 28 imaxes presentadas ao certame
Diferentes xeracións, o mesmo amor. Iso reflicte a fotografía de Suevia Cividanes Alonso titulada '84 anos sepárannos', a imaxe gañadora do concurso 'Mulleres que inspiran', un certame co que o Concello do Rosal buscaba facer unha homenaxe ás avoas, nais... rosaleiras e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade ao tempo que fomentaba a memoria histórica, a creatividade artística e a participación cidadá.
O Salón de Exposicións do Concello acollerá ata finais de ano unha mostra con 28 imaxes presentadas a este certame, case unha trintena de escenas familiares ou sociais históricas, de reunións xeracionais e de encontro que ofrecen unha ollada ao Rosal de todos os tempos.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a visitar esta interesante exposición que forma parte do programa municipal do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. "Percorrendo as distintas imaxes poñemos en valor o traballo e a vida das mulleres rosaleiras, mulleres loitadoras que turraron cara a adiante por toda unha sociedade cun labor que moitas veces permanece invisible a pesar de ser fundamental para o funcionamento das nosas vidas e das nosas vilas", lembrou a rexedora.
O Concello puxo en marcha esta iniciativa ao abeiro do proxecto 'Mulleres que inspiran', un programa posto en marcha para continuar revolucionando mentes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos.
Financiado pola Deputación de Pontevedra, o proxecto 'Mulleres que inspiran' busca achegar referentes femininos en todos os ámbitos a través de diferentes liñas de actuación, como encontros con profesionais, dando visibilidade ás xornalistas deportivas e deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas ou a través da arte.
Obras da exposición:
- '84 ano sepárannos', de Suevia Cividades (gañadora).
- 'Coliños que dan vida', de Ana Belén Díaz.
- 'Xogando na tenda da avoa', de Andrea Iglesias.
- 'Coa miña tía', de Conchi Balboa.
- 'Catro xeracións arredor da mesa', de Ángeles Martínez.
- 'Nos días de festa', de Esther Rodríguez.
- 'Escola de dona Brígida', de Mariluz Rodríguez.
- 'De paseo con Gilda', de Flavio Vicente.
- 'Nos brazos da avoa', de Beatriz Rodríguez.
- 'Poderoso matriarcado', de Sandra Alonso.
- 'Amor de avoa', de Charo Tabales.
- '70+22', de Ana de Lorenzo.
- 'Aurora rodeada de amor', de Diego Ferreira.
- 'Nai rodeada das súas fillas', de Elisa Conde.
- 'Oito netos para unha avoa', de Vania Álvarez.
- 'Cara ao futuro', de Elsa Fernández.
- 'Xuntos sempre', de Patricia Álvarez.
- 'Rodeada das mellores mulleres da miña vida', de Iria Martínez.
- 'Cariño de nai', de Leire Peniza.
- 'Muller loitadora', de Mª José Álvarez.
- 'Xogos coa avoa', de Paula Molina.
- 'Mulleres emprendedoras do Rosal', de Ainhoa Gómez.
- 'Loitadoras, emprendedoras e sacrificadas pola súa familia', de Rocío Lomba.
- 'Tempo de verán', de Ana Alfonso.
- 'Coidados de avoa', de José Álvarez.
- 'Arredor dunha mesa', de Aurora Rodríguez.
- 'Diferentes pólas dunha mesma árbore', de Sonia Iglesias.
- 'Mulleres fortes', de Teresa Rodríguez.
Concello de O Rosal
A UD Ribera toma partido contra a violencia de xénero
Equipo directivo e corpo técnico son os protagonistas dunha nova edición desta exposición organizada polo Concello ao abeiro do 25N
O Rosal amosa un ano máis o seu máis firme rexeitamento á violencia contra as mulleres cunha nova edición de 'Eu tomo partido, e ti?', unha exposición na que cada ano membros do tecido asociativo, deportivo, cultural ou social dan a cara contra a violencia machista ao abeiro do programa de actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Nesta ocasión as e os protagonistas da mostra son o equipo directivo e o corpo técnico da UD Ribera, que posan ante a cámara cun encerado coa frase 'Eu tomo partido contra a violencia de xénero' escrita. Son nove persoas que se suman a esta iniciativa coa que se pretende concienciar, visibilizar e loitar contra unha gran lacra da sociedade actual.
Xunto co presidente do club, José Adriano Alonso, tamén participan o vicepresidente, Ángel Antonio Pérez; a secretaria da UD Ribera, Adriana Álvarez, así como os e as integrantes do equipo directivo Beti Pacheco, Miguel Gómez, Rosa Alonso e Raquel Iglesias. A adestradora Jennifer e o coordinador Yago Cruces completan a exposición.
Dende a súa posta en marcha, no proxecto 'Eu tomo partido, e ti?' levan participado deportistas locais, profesorado dos centros educativos rosaleiros, xogadores do Valinox Novás, integrantes da Agrupación Musical do Rosal, de Ecos do Folón, membros da asociación de maiores ou a directiva do Club Ciclista do Rosal, entre outros.
Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, "para nós é un orgullo contar cunha veciñanza e un tecido asociativo tan implicado e con ganas de colaborar con nós para seguir revolucionando mentes todos os días do ano, porque a eliminación da violencia contra as mulleres é un traballo continuo e diario de visibilización e sensibilización no que debemos involucrar a toda a sociedade".
A mostra poderá visitarse na Sala de Exposicións do Concello ata finais de decembro
Concello de O Rosal
|