|
Tui acende un Nadal musical, solidario e sostible
Do 1 de decembro ao 5 de xaneiro terá lugar un amplo programa de actividades
Tui vivirá un Nadal cheo de música cunha ampla programación que comezará o venres 1 de decembro e se prolongará até o venres 5 de xaneiro, centrada na solidariedade e sostenibilidade.
O acendido da iluminación, o venres 1 ás 18.30 h, marcará inicio desta programación festiva encherá a cidade da maxia e ilusión propias destas datas. O Paseo da Corredoira, onde se instalará unha carpa, e o Teatro Municipal de Tui serán os dous escenarios principais das actividades previstas. Pero o percorrido polas distintas rúas será outro dos atractivos nestas datas grazas á decoración sostible que comezou xa a ser instalada.
A música terá gran protagonismo dende o primeiro día co actuación das Arrancaxestas de Ribadelouro tras o acendido das luces. O sábado 2 será a quenda da Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro. Mentres as corais do Centro Social, San Telmo e Ponte das Febres actuarán na Corredoira o sábado 9 e o domingo 10. Estas tres agrupacións achegarán tamén o seu repertorio de panxoliñas ás residencias tudenses e ao centro de día. Á rúa encherase tamén coa música do alumnado do Conservatorio e da Escola de Música o xoves 14, venres 15 e xoves 21. Mentres o Teatro Municipal acollerá o Concerto de Nadal da Eurocidade o sábado 16 a cargo de Mistura Vocal, Vocalis Contrasta, a Academia de Música da Fortaleza de Valença e Kasual Quartet. O mércores 20 neste espazo actuará o alumnado do Conservatorio e da Escola de Música no seu concerto de Nadal. Mentres o venres 22 a Banda de Música Popular de Tui, e as corais Ponte das Febres, Centro Social e San Telmo ofrecerán o Concerto de Fin de Ano.
Na Biblioteca Municipal haberá obradoiros infantís nas mañás do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro. Precisamente este centro bibliotecario volverá celebrar do 13 de decembro ao 5 de xaneiro o seu Mercado Solidario de Libros. E carácter solidario terá tamén o calendario de 2024 que edita a Eurocidade Tui-Valença.
Non faltará unha proposta deportiva e festiva coma é a II San Silvestre Solidaria Correr e Andar coa que se despedirá o ano o domingo 31 de decembro. A programación pecharase coa Cabalgata Internacional de Reis o venres 5 de xaneiro.
Deste xeito Tui vivirá un Nadal repleto de propostas para gozar destas datas que contribuirán á animación festiva e comercial da cidade.
O Concello de Tui reafirmou o seu compromiso na erradicación da violencia de xénero
Este mediodía tivo lugar a lectura da declaración institucional con motivo do 25N
O Concello de Tui manifestou este mediodía a súa "condena absoluta ante a violencia de xénero" e reafirmou o seu compromiso "coa súa erradicación". Así se puxo de manifesto na declaración institucional lida por membros da corporación municipal, en concreto, José Martínez Tato do BNG, Anabel Solla do PP e Sonsoles Vicente do PSdG, no acto celebrado na praza Norte da Catedral.
No manifesto sinalouse coma "a educación e a formación son dous alicerces fundamentais para acabar coas desigualdades entre homes e mulleres e erradicar a violencia machista", e tamén se deu conta do papel fundamental do Concello coma, administración máis cercana, "no desenvolvemento e implementación das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero".
No inicio do acto a concelleira de Igualdade, Ana Nuñez, afirmaba que "a violencia machista é unha realidade, e non se pode ocultar. Aos negacionistas lles dicimos que a violencia de xénero existe, e que o inferno no que viven as mulleres vítimas de violencia é unha realidade da que somos responsables todos e todas coma sociedade".
Pola súa parte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalaba que "a comunidade educativa, a pedagoxía e o ensino teñen que ser tamén armas fundamentais para tratar de erradicar a violencia machista". Aproveitou tamén o acto para trasladar "o noso recoñecemento ao traballo que diariamente realizan os membros dos corpos e forzas de seguridade do estado, nese esforzo que fan por protexer ás mulleres vítimas da violencia machista", agradecía tamén o seu traballo ao departamento de Servizos Sociais. Reiteraba que o concello de Tui "sempre asumirá o compromiso de seguir incrementando cantos instrumentos sexan necesarios para tratar de sensibilizarnos a todos e todas contra a violencia machista".
Nesta acto contouse coa participación de Uxía Morán coa acción escénica "A última cea", que remataba cunha mensaxe de esperanza de que da violencia de xénero se pode saír, e dirixíndose ao alumnado presente dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón e do Seminario Menor lles dicía sobre as relacións "onde non sexades libres, aí non é".
Marta Carballo e Paula Guisande do IES Indalecio Pérez Tizón, deron lectura ao poema "A pouca fortuna" escrito polo alumnado do centro. Tomás, Lucas e Alejandro do Seminario Menor San Paio, leron un manifesto ante este 25N, e Yasminha e Adrea do IES San Paio recitaron un poema de Manu Velasco. O acto pechouse gardando un minuto de silencio en memoria da muller atopada onte morta no Polígono das Gándaras no Porriño.
Os actos previstos continuarán mañá sábado, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Ás 12 h na Biblioteca Municipal terá lugar a actividade "Viaxe á selva das Bonobas" a cargo de Lara Fuentes. Comeza coa lectura do conto "A Historia dos Bonobos" e logo a rapazada terá como misión construír unha selva na que exista a igualdade, xa que na do conto non é así, para iso terán que superar varias probas e ir conseguindo os elementos necesarios para romper estereotipos de xénero, lograr a liberdade, diversidade e respecto.
Xa pola tarde, de 17 a 20 h, no Paseo da Corredoira haberá un Punto Violeta atendido por unha psicóloga e unha educadora social, ambas axentes de igualdade con formación e experiencia na prevención e intervención en casos de violencias de xénero. Este Punto Violeta, busca implicar a homes e mulleres na loita contra a violencia machista, proporcionando a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.
Ás 18 h, tamén no Paseo da Corredoira, a actriz Uxía Morán representará a acción escénica "A última cea". Na peza retrata a unha muller que pasa da ilusión e do amor do día da súa voda, ao confinamento no fogar e á agresión. A música, os silencios, e os golpes sonoros, marcan os ritmos desta proposta que con dureza e contundencia denuncia a violencia de xénero.
A programación prevista nesta campaña continuará o martes 28 ás 19 h na sala Félix Rodríguez cun encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro baixo o título de "A revolución feminista". María Xosé Porteiro conta cunha longa traxectoria coma profesional do xornalismo e autora de varios libros de narrativa, biografía e ensaio. Creou a primeira concellería de Igualdade e a primeira Casa de Acollida de Galicia.
As actividades pecharanse o xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez coa mesa redonda "Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia" dirixida a familias e profesionais da educación. Na mesma participarán profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.
Programa 25N | "Non máis violencia por ser muller"
- Sábado, 25 de novembro
• Ás 12 h na Biblioteca "Viaxe á Selva dos Bonobas" con Lara Fuentes
• De 17 a 20 h Punto Violeta no Paseo da Corredoira
• Ás 18 h no Paseo da Corredoira acción escénica "A última cea" de Uxía Morán.
- Martes, 28 de novembro, ás 19 h na sala Félix Rodríguez
• Encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro
- Xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez
• Mesa redonda "Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia" dirixida a familias e profesionais da educación, a cargo de profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.
A Banda de Música Popular de Tui ofrece mañá un concerto solidario de Santa Icía protagonizado polas bandas sonoras
Comezará ás 20 h no Teatro Municipal. A entrada será un quilo de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño Baixo Miño
O Teatro Municipal de Tui acolle mañá sábado, ás 20 h, o concerto solidario de Santa Icía da Banda de Música Popular de Tui no que as bandas sonoras conformarán o repertorio previsto. A entrada será un quilo de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño - Baixo Miño. Leite, cacao, legumes en conserva, galletas, son algúns dos produtos máis demandados, pero tamén se poden entregar outros vinculados ás celebracións do Nadal.
Nun ambiente cinematográfico, no que amais da música se proxectarán imaxes de película e haberá incluso algunha sorpresa, a agrupación tudense, dirixida por Eloy Carrera, interpretará as bandas sonoras de Century Fox, Pixar, Loney Toons, Enio Morricone, e de filmes coma E.T., Star Wars, O Rei León, Os Vengadores, Aladdin, ou Coco.
No evento colabora o Concello de Tui, a través da concellería de Cultura.
O Concello de Tui colabora cos actos conmemorativos do 101 aniversario dos sucesos de Sobredo
Será este domingo na carballeira de Sobredo
Neste ano 2023, no que se celebra o 101 aniversario dos tráxicos sucesos de Sobredo onde tres persoas labregas foron vítimas do disparos das forzas da orde contra unha mobilización agrarista, o Concello de Tui seguirá colaborando, nunha nova oportunidade, coa celebración da homenaxe aos Mártires de Sobredo que terá lugar este domingo 26 de novembro a partir das 11.00 h na carballeira de Sobredo - Guillarei.
Este homenaxe está organizada polo Instituto de Estudios Agrarios "Mártires de Sobredo" e contará coa intervención do profesor tudense Elías Torres Feijó, decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Estes sucesos do 28 de novembro de 1922 foron provocados pola represión a unha manifestación que tiña lugar en Sobredo, Guillarei na que trataban de impedir o desafiuzamento dun labrego que non tiña pagado as rendas forais e fora denunciado polo rendeiro. Unha intervención que provocou a morte de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Venancio González, de Budiño, e Joaquín Besada de Soutelo, e que tivo unha ampla repercusión en toda Galicia e acelerou o debate político para rematar co sistema foral, que se lograría finalmente no ano 1926.
O pasado ano, ao celebrarse o centenario destes sucesos, o Concello de Tui acordou designar a unha rúa co nome de "Mártires de Sobredo" para, en palabras do alcalde, Enrique Cabaleiro, render unha homenaxe, en primeiro lugar, as vítimas deste desgraciado suceso de Sobredo, pero tamén para reivindicar a importancia da ampla mobilización social protagonizada polo agrarismo nas primeiras décadas do pasado século. Para Enrique Cabaleiro cómpre "reivindicar o papel das sociedades agrarias e o protagonismo tudense neste proceso". En consecuencia, o Concello mantén a habitual colaboración para o desenvolvemento desta homenaxe anual e tamén co ciclo de actividades "Sobredo, 101 anos despois" realizado en días pasados na nosa cidade.
A tradución ao galego de "Quod Nihil Scitur" de Francisco Sánchez dispoñible a cambio de alimentos
A obra foi traducida por Laureano Alonso e editada polo Concello de Tui
A obra "Quod Nihil Scitur" de Francisco Sánchez adquire este días en Tui un compoñente solidario. Isto é así porque a tradución ao galego realizada polo profesor de grego e latín do IES San Paio Laureano Alonso, cambiase por alimentos non perecedoiros.
O pasado xoves, 16 de novembro, coincidindo co IV centenario do falecemento do egrexio pensador tudense Francisco Sánchez, foi presentada esta tradución ao galego da principal obra filosófica deste autor, "Quod nihil scitur". Esta versión da obra foi editada polo Concello de Tui para contribuír á divulgación deste médico e filósofo tudense.
Todas as persoas interesadas en obter un exemplar desta publicación poden retirala a cambio de alimentos non perecedoiros tanto no Arquivo Municipal, na Casa do Concello tudense, como na Biblioteca Municipal, no Edificio Francisco Sánchez.
"Quod Nihil Scitur" foi editada en Lyon no ano 1581. É unha das referencias do pensamento europeo do humanismo renacentista e axiña contou con diversas edición ssempre en lingua latina. Haberá que agardar ata o ano 1922 cando na revista "Nós" foi por vez primeira traducida a unha lingua moderna a cargo do profesor Xan Aznar Ponte. Ao ano seguinte, 1923, foi traducida ao castelán co título "Que nada se sabe". Esta tradución de Laureano Alonso está acompañada dun estudo introdutorio a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela e conta con diversas ilustracións do debuxante tudense Andrés Lamas.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, salienta que "o Concello de Tui coa edición desta obra contribúe á difusión do pensamento do noso filósofo, a incrementar o seu coñecemento pola cidadanía, a reafirmar o noso orgullo de pertenza a esta cidade, na que Francisco Sánchez naceu e viviu os anos da infancia e primeira mocidade, un tempo que marcou a súa personalidade".
O comercio local fará gala de orixinalidade e creatividade este Nadal
Até o 11 de decembro está aberto o prazo para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal
O comercio tudense fará gala de creatividade e orixinalidade nestas festas para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24 organizado polo Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Comercio, en colaboración con ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. O obxectivo do mesmo é dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial durante as festas.
Deste xeito, con esta iniciativa, os escaparates presentarán propostas orixinais e creativas con temática do Nadal, creando unha historia única en cada establecemento. Isto contribuirá ao ambiente festivo nestas datas, a incentivar as compras e tamén o paseo polas rúas comerciais para coñecer as creacións de cada comercio. Faise tamén unha aposta pola economía circular xa que na elaboración dos escaparates deberanse empregar técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais.
Os establecementos que desexen participar deberán enviar a solicitude ao correo comercio@tui.gal até ás 14 h do luns 11 de decembro. Deberase indicar o nome e emprazamento do establecemento e un nome e teléfono de contacto. Axuntaranse dúas fotografías do escaparate e unha breve memoria explicativa. A partir do 15 de decembro o xurado - formado por profesionais de recoñecido prestixioso nas áreas de escaparatismo, deseño, mercadotecnia, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores, e presidido pola concelleira de Emprego e Comercio - visitará os escaparates participantes, que estarán debidamente identificados. Na súa valoración terán en conta a composición e orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan coma elementos decorativos, a interacción co público, o emprego obrigatorio de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou elementos naturais, e o traballo realizado na confección do escaparate. Entre todos elixirán aos dez finalistas, que recibirán un distintivo cun código QR que dará acceso ao público a votar a través da aplicación Easy Promos entre 28 de decembro e o 6 de xaneiro. O martes 9 de xaneiro daranse a coñecer os tres establecementos gañadores que recibirán un premio de 300 € o gañador, 200 € o segundo, e 100 € o terceiro clasificado. Amais todas as persoas que participen na votación optarán a seis vales de compra por importe de 50€ para consumir nos comercios participantes. As bases completas do concurso pódense consultar en tui.gal.
O comercio local, ACITUI e o Concello de Tui únense nesta iniciativa que será un atractivo máis para achegarse a Tui nestas festas de Nadal.
O Mercado de Nadal de Tui consolídase coa participación de 50 expositores de gastronomía, decoración, agasallo…
Celebrarase do 1 de decembro ao 5 de xaneiro contribuíndo á dinamización comercial da cidade
Comeza a conta atrás para o Mercado de Nadal que Tui que reunirá a un total de 50 expositores ao longo das tres quendas en que se vai celebrar dende o 1 de decembro ao 5 de xaneiro. O espírito do Nadal inundará o céntrico Paseo da Corredoira nunha cita xa clásica durante estas festas na cidade, e que contribúe á dinamización da actividade comercial tudense.
As casetas de madeira nas que se ubicarán os postos estarán coidadosamente decoradas converténdose no mellor escaparate para produtos artesáns, gastronómicos, de agasallo, decoración, … que converterán de novo á Corredoira nun punto de referencia na axenda do Nadal tudense.
Desde o 1 de decembro e até o 5 de xaneiro, os expositores rotarán, ofrecendo unha variedade en constante cambio de produtos nas tres quendas establecidas, do 1 ao 12 de decembro, do 13 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, co que prometen unha experiencia renovada en cada visita.
A diversidade de artigos dispoñibles é un dos puntos fortes deste mercado, que presenta unha ampla gama de agasallos do Nadal confeccionados en materiais como madeira, prata, latón, vidro, coiro, resina, tecidos de gancho e punto, entre outros. Ademais, a oferta gastronómica brindará churros, chocolate, crepes, galletas, pasteis, gofres, mel, hidromel, viño quente ... Non faltará a decoración do Nadal cunha variedade interminable de artigos propios da tempada festiva.
O Mercado de Nadal de Tui consolídase coma un referente na zona e gaña forza edición a edición. Amais da actividade expositiva e de venda, non faltarán os obradoiros e a animación musical cun programa que se dará a coñecer en breve.
No Mercado estará situada a "Árbore dos desexos", adornados con bolas que conteñen os desexos que plasmaron nunha tarxeta os nenos e nenas das familias ás que axuda SOS Tomiño Baixo Miño. As persoas que desexen colaborar deben recoller unha das bolas de Nadal, facer realidade ese desexo e entregalo a SOS Tomiño Baixo Miño. Esta iniciativa solidaria está promovida por EMEmedia.gal, SOS Tomiño Baixo, Viveros Nilo e o Concello de Tui.
O Mercado de Nadal, a decoración sostible, a iluminación de rúas prazas, os concertos,… brindarán unha programación de Nadal única en Tui.
Preto de medio millar de persoas participarán este sábado no VII Urban Trail Night Eurocidade
Trátase dunha proba única por ser un trail urbano, nocturno e entre dous países
Preto de medio millar de persoas participarán este sábado, 25 de novembro, no VII Urban Trail Night Eurocidade, que partirá ás 19.30 h do Centro Coordenador de Transportes de Valença, e cuxa liña de meta estará situada no Paseo da Corredoira en Tui. Contará, ao igual que en 2022, con dúas distancias 8 quilómetros e 16 quilómetros. A inscrición está aberta até ás 23.59 h deste mércores, 22 de novembro, en www.deporticket.com e en www.lap2go.com.
A proba foi presentada este mediodía na Biblioteca Municipal de Valença polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o director técnico da carreira, Serafín Martínez de Noko 360 e Justi Peixoto de Sra Emilia Agencia de Comunicación.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a Urban Trail Night coma unha proba "emblemática do noso calendario", do que salientou é "un calendario único no ámbito transfronteirizo da Europa occidental". Tamén destacou coma neste evento "se retroalimentan a posta en valor do noso patrimonio e esta proba deportiva".
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, remarcou que a Urban Trail Night Eurocidade é "un evento espectacular en todos os sentidos", engadindo que se trata dunha proba consolidada no calendario deportivo da Eurocidade. Mentres o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, destacou que o feito de que a proba sexa nocturna e internacional lle confire un carácter único.
No mesmo sendo se pronunciou o director da carreira, Serafín Martínez, sinalando que este é un evento único por ser o único trail urbano e nocturno que se celebra en Galicia. Ao tempo puxo o aceno na súa espectacularidade polo entorno no que transcorre e salientou coma o percorrido cambia cada ano, incorporando novos emprazamos aos lugares emblemáticos das dúas cidades polos que pasa cada ano coma a Fortaleza de Valença, a vella Ponte Internacional e o conxunto histórico de Tui. Este ano incorpórase no percorrido a ponte peonil sobre a desembocadura do río Loureo. Mentres Justi Peixoto explicaba que esta é un proba diferente por tratarse dun trail urbano que tenta "estreitar aínda máis os lazos da Eurocidade, e pór en valor o gran patrimonio das dúas cidades".
|