JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño acolle novas historias ao son das Catro Estacións de Vivaldi

Os Monicreques de Kukas chegan este domingo 26 ao auditorio municipal co seu espectáculo para público familiar 'Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 estacións)'

Tomiño pechará o Mes do Amor e a súa programación teatral de novembro a ritmo da música clásica. Este domingo 26 de novembro a compañía Os Monicreques de Kukas chega a Goián para conmemorar o 300 aniversario das Catro Estacións de Vivaldi cun divertido espectáculo para público familiar, 'Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 Estacións), no que recollen os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano a través de pequenas historias que valoran a importancia da amizade e das relacións afectivas e solidarias.

Interpretado por Marián González, Larraitz Uruzola e Marcelino de Santiago, pequenos, pequenas e maiores poderán gozar durante a tarde do domingo das peripecias da pintura Maruxa, da escritora Rosalía e o músico Antón, que crearán un mundo fantástico e poético cuns monicreques tratados cunha paleta de cores brillantes e contrastados.

A actuación, dirixida a público familiar, será ás 17.30 horas no auditorio municipal de Goián e terá un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para nenos e nenas menores de 12 anos. As entradas poderán comprarse unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.

Concello Tomiño


O conxunto de sobreiras de San Roque, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

Este logro é un recoñecemento ao traballo de posta en valor do patrimonio natural único do Concello de Tomiño

O conxunto de sobreiras de San Roque do Concello de Tomiño acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Trátase dunha formación de 14 exemplares de sobreiras que se atopan nunha superficie aproximada de 2.300 m2 na parroquia de Goián distribuídas en catro grupos ao longo do adro a carón da capela de San Roque, espazo de interese histórico e patrimonial. Os exemplares, algún deles de máis de 18 metros de altura, teñen unha idade estimada de máis de 250 anos.

Este logro supón un recoñecemento do compromiso do Goberno municipal de Tomiño pola protección e posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia. Foi o Concello o que solicitou a catalogación a raíz da información recadada para realizar no ano 2020 un libro no que se recollen 116 árbores ou pequenos grupos de árbores e 9 formacións de 40 especies diferentes logo dun intenso traballo de catalogación no que se recolleu información achegada polo propio Concello, grupos naturalistas da zona, comunidades de montes e veciñanza, ademais da realización de prospeccións de campo realizadas nos anos 2016 e 2017.

Na solicitude destacouse o emprazamento das sobreiras de San Roque, que estarían situadas no espazo fortificado do século XVII coñecido como Forte da Concepción. Na zona onde se localizan as sobreiras está tamén a Capela de San Roque, que data da mesma data de construción do forte. A capela xunto coas sobreiras foi recollida polo pintor tomiñés Antonio Fernández na súa obra durante a década dos anos 40 do século pasado.

O Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento 192 elementos pertencentes a 84 especies diferentes, 151 deles exemplares e 41 formacións arbóreas. Coa inclusión da formación das sobreiras de San Roque neste catálogo garántese a protección e conservación do conxunto, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa apariencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.

Concello Tomiño


Misterio, paixón e igualdade con Estudio Momento este sábado 25 en Tomiño

A compañía chega ao auditorio municipal con '1888. A señorita Xulia', unha adaptación da obra de August Strindberg galardoada co Premio Luísa Villalta

O sábado 25 de novembro ás 21.00 h no auditorio de Goián con entrada de balde

Un misterioso asasinato, un ambiente sórdido, un interrogatorio interminable. Eses son os alicientes de '1888. A señorita Xulia', unha orixinal proposta de Estudio Momento que ofrece ao público unha visión actualizada da obra de August Strindberg cun dos personaxes femininos máis fortes escritos xamais.

A compañía estará no auditorio municipal de Goián este 25 de novembro con este espectáculo gañador do Premio Luísa Villalta pola Igualdade en 2018 que forma parte da programación posta en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Inés Ares e Carlos Mejuto protagonizan unha versión rompedora da obra na que Estudio Momento volve a demostrar o seu compromiso co feminismo rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor no que as mulleres teñan sempre a liberdade de pensar e vivir por elas mesmas.

Cunha estrutura áxil e cun toque cinematográfico de thriller actual, Estudio Momento presenta a historia de Xulia, que decide aproveitar a ausencia do seu pai o Conde para organizar unha festa segreda cos criados. Durante a velada seduce a Juan, criado predilecto do Conde, e os dous amantes caen nun perigoso xogo de paixón, violencia, inocencia e amor, dúas criaturas vítimas do condicionamento social e moral dos seus mundos. O público poderá gozar da loita entre o home e a muller, deixando nun segundo plano a loita de clases.

A obra poderá verse ás 21.00 horas con entrada de balde. As localidades poderán adquirirse unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do auditorio de Goián.

Concello Tomiño


Tomiño aposta pola formación e a cultura para conmemorar o 25N

O Concello prepara ao abeiro do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres unha programación con teatro e obradoiros

O sábado 25 de novembro a Praza do Seixo acollerá a declaración institucional e unha concentración cidadá

Concienciar á veciñanza e traballar a prol da igualdade para previr a violencia de xénero e crear unha sociedade máis xusta. Ese é o obxectivo da programación que o Concello de Tomiño porá en marcha para conmemorar este 25 de novembro o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha morea de actividades culturais nas que a formación, o teatro, a visibilización da igualdade e o autocoidado serán os eixos centrais.

"Un ano máis preparamos para a tomiñeses e tomiñesas un programa de actividades co que amosar o noso máis rotundo rexeitamento ás violencias machistas, unha cuestión debemos de poñer en relevo e que debe figurar como unha prioridade na axenda de problemas públicos. Dende o Concello seguimos traballando para facer de Tomiño un concello libre de violencias machistas, apostando pola concienciación e pola formación, coa olla especialmente posta nas xeracións vindeiras", destaca a alcaldesa, Sandra González.

A campaña municipal do 25N arrancará en Tomiño cunha declaración institucional coa lectura dun manifesto e cunha concentración cidadá que se celebrará o propio sábado ás 12.00 horas na Praza do Seixo, ou no mercado municipal en caso de choiva.

Ese mesmo día arranca o curso de autodefensa por e para mulleres, unha iniciativa coa que as participantes aprenderán exercicios básicos de acondicionamento físico, movementos e técnicas de brazos e pernas e con diversos utensilios cotiás para a autodefensa e orientación e pautas para desenvolver hábitos de prevención en calquera lugar. Serán dous cursos de balde, un do 25 de novembro ao 27 de xaneiro e outro do 3 de febreiro ao 30 de marzo, con prazas limitadas para os que están abertas as inscricións.

Celebrarase tamén o sábado 25 o primeiro taller de autoestima recollido nesta programación, un obradoiro de hora e media no que as particpantes poderán aprender a construír o amor propio coas técnicas máis avanzadas e efectivas de autocoñecemento. O primeiro taller será o 25N de 17.00 a 18.30 horas na Casa Salgosa e o segundo o 9 de marzo. Tamén con prazas limitadas, as mulleres interesadas xa poden inscribirse para participar a través da web municipal.

A programación para este 25N pecharase con Estudio Momento e a súa obra '1888. A señorita Xulia', un espectáculo co que a compañía, Premio Luísa Villanta pola Igualdade en 2018, volve a amosar o seu compromiso co feminismo, rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor.

Todas as actividades contan co apoio do Ministerio de Igualdad, Pacto de Estado contra la Violencia de Género, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño.

Concello Tomiño


As ferramentas de protección á infancia e adolescencia centran o pleno infantil de Tomiño

O Concello celebrou unha nova edición deste encontro no que participaron nenos e nenas de todos os centros de ensino do municipio e co que se conmemorou o Día Universal da Infancia

Defender, promover e celebrar os dereitos de nenos e nenas a través do diálogo e de accións que constrúan un mundo mellor para os máis pequenos e pequenas. Con ese obxectivo Tomiño celebrou este luns o Día Universal da Infancia cedendo a palabra aos seus rapaces e rapazas no pleno infantil, un lugar de encontro no que cada ano rapazas e rapaces de todos os centros de ensino do municipio abordan temas e cuestións que lles afectan de forma directa.

O auditorio de Goián foi o escenario escollido para celebrar unha nova edición deste pleno infantil, que foi presidido pola alcaldesa, Sandra González, e que contou coa presenza do concelleiro de Mocidade, Agustín González. A rexedora destacou a implicación de todas as nenas, nenos, mozas e mozos participantes "nesta iniciativa tan vital para todas e todos nós, xa que nos permite coñecer de primeira man a vosa visión, escoitar as vosas opinións e inquedanzas e empaparnos coas vosas propostas sobre todos aqueles temas que vos afectan dunha forma directa e sobre calquera cuestión que permite definir o Tomiño do futuro".

O encontro contou coa participación de alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández, do CEIP de Barrantes, do CEP Pedro Caselles Beltrán, do CEIP de Sobrada, do CEIP de Tebra e do IES Antón Alonso Ríos. Durante as súas intervencións, rapaces e rapazas realizaron peticións tan singulares como a mellora dos espazos públicos como camiños ou a toma de medidas para reducir a velocidade dos vehículos, especialmente naquelas zonas con camiños máis rurais.

Tamén fixeron fincapé na importancia da creación de contornas seguras, lugares libres de violencia, nos que todas as persoas se rexen polo respecto aos dereitos da infancia e a adolescencia e onde existe un trato afectivo. Durante as súas intervencións todas e todos os participantes quixeron agradecer a implicación do Concello coa infancia e a mocidade tomiñesa e ese proceso de escoita activa permanente que lles permite comunicarse dun xeito directo e sinxelo coa administración.

Pola súa banda, Xoel, Alfredo, Zuriñe e Natalia, integrantes do Consello da Infancia e da Infancia e Adolescencia de Tomiño, 'Voces Novas', explicaron ao alumnado participante no pleno infantil a súa experiencia participativa no Encontro Galego de Conselos Locais de Participación Infantil e Adolescente celebrado no Carballiño, dúas xornadas de convivencia no que traballar man a man no manifesto que levarán ao Parlamento galego o vindeiro 28 de novembro sobre 'Os nosos dereitos, a nosa voz'.

Concello Tomiño


Voces Novas participa no III Encontro Galego de Consellos da Infancia e Adolescencia

Neste encontro encontro celebrado no Carballiño participaron 50 mozos e moxas de 12 consellos locais de toda Galicia

A mocidade tomiñesa continúa a traballar a prol da infancia e adolescencia de toda Galicia. Cinco integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, 'Voces Novas', participaron esta fin de semana no Carballiño no III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente promovido por Unicef, que buscaba reflexionar sobre a protección de dereitos infantís e previr a violencia.

Durante dous dúas de convivencia, 50 rapazas e rapaces de entre 10 e 17 anos integrantes de 12 concellos locais de participación de toda Galicia traballaron man a man no manifesto que levarán ao Parlamento galego o vindeiro 28 de novembro, que se centrará sobre 'Os nosos dereitos, a nosa voz' e a través do que compartirán coas autoridades as súas peticións sobre esta temática.

Esta iniciativa completarase coa entrega do cadro colaborativo de Leandro Lamas pintado estes días e que se entregará no XI Foro de Participación Infantil e Adolescente que se celebrará tamén no Parlamento de Galicia.

Como sinala o concelleiro de Mocidade, Agustín González, que acompañou á rapazada tomiñesa ao Carballiño, "é fundamental que a infancia e a mocidade de todos os concellos galegos poida propoñer, idear, debater e ter voz e voto en todas as iniciativas que poidan marcar as pautas das políticas relacionadas coa xuventude e a infancia a nivel autonómico".

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais