JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal estréase con dúas Flores de Honra no certame 'Vilas en Flor'

A recuperación de espazos, os ecoparques ou a conservación do paisaxismo en lugares como As Eiras foron as claves do galardón

O Rosal estreouse con dúas Flores de Honra no certame Vilas en Flor, unha iniciativa que busca poñer en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos. O Concello rosaleiro participou por primeiro ano neste certame organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar).

"Para nós é toda unha honra recibir hoxe este galardón que non deixa de ser un dos froitos de todo o traballo feito ata o de agora para recuperar espazos e dar vida ao noso municipio. Fainos moita ilusión conseguir este recoñecemento á nosa aposta pola sostibilidade ambiental en todas as áreas de acción e competencia municipal para converternos nun concello do rural galego modelo do avance verde, respectuoso e responsable coa nosa realidade e o noso medio ambiente", agradeceu a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O xurado valorou todas as intervencións e proxectos desenvolvidos ao abeiro da transformación verde do Rosal, como a Praza do Calvario, "exemplo de transformación e de recuperación de espazos públicos nun Rosal pensado para as persoas no que se traballa para eliminar o uso desmedido da mobilidade motorizada e a contaminación ambiental ou o emprego de materiais contaminantes na creación das áreas de lecer". A Explanada do Horizonte, un dos tres ecoparques creados nos últimos tres anos no Rosal, ou as sobreiras catalogadas como árbores senlleiras da Madalena foron algúns dos piares clave para obter este galardón.

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal mapea de forma dixital a rede de abastecemento de auga municipal e veciñal

A alcaldesa mantivo un encontro coas traídas veciñais para abordar as accións do novo Plan Director da Auga

O Concello do Rosal continúa co seu compromiso coas traídas de augas veciñais. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro de traballo coas distintas comunidades de augas para afondar sobre as accións que se levaron a cabo ao abeiro do novo Plan Director da Auga, que incluíu o mapeado dixitalizado da rede de abastecemento de auga municipal e veciñal.

"Para a administración local é fundamental crear un inventario co que ter rexistradas e xeolocalizadas as súas infraestruturas, xa que permite ter información detallada que non só facilita calquera nova obra que se leve a cabo, senón que tamén pode consultarse de forma rápida en caso de calquera incidencia", explicou Fernández Callís.

O Concello investiu preto de 18.000 euros neste mapeo dixitalizado que ademais de preparar a cartografía base e envorcado da rede municipal e veciñal. Incluíndo as infraestruturas de captación, potabilización, estacións de bombeo, conducións xerais, depósitos reguladores, diámetro das tubaxes e anos e outros elementos que son seu conxunto son susceptibles de levar a auga ata os depósitos de cabeceira ou puntos de conexión.

Este inventario dixitalizado da rede de augas permitiu tamén definir as zonas das traídas veciñais para o seu posterior trazado por parte das comunidades de augas, así como a xeración dos planos específicos.

A rexedora quixo agradecer ás comunidades de augas veciñais a súa implicación, xa que "xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga, polo que o Goberno municipal seguirá colaborando en todo o que precisen". O Concello financia as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos, ofrece soporte para levar a cabo as reparacións urxentes do día a día e acaba de incorporar aos orzamentos de 2024 unha liña de subvención para acción planificada de 30.000 euros, incrementando nun 50% a partida dedicada nos últimos dous anos.

Concello de O Rosal


A Agrupación Musical do Rosal visibiliza o papel da muller nas artes no seu concerto de Santa Icía

A actuación será este 25 de novembro ás 19.00 horas no auditorio municipal e contará con moitas sorpresas

A Agrupación Musical do Rosal prepara xa os seus instrumentos para o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha actuación que este ano se converterá no acto central da conmemoración no Rosal do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Baixo o título 'Con nome de muller' e a dirección de Javier Alonso, a Agrupación prepara un espectáculo con moitas sorpresas que servirá para visibilizar o papel das mulleres nas artes, especialmente na música.

O programa seleccionado para a ocasión deleitará ao público asistente e contará como prato forte cunha obra extraordinaria pola súa dificultade e beleza, 'El Jardín de Hera', do mestre José Suñer. Este compositor valenciano de recoñecido prestixio, escribiu esta obra no ano 2015 e dende entón converteuse nunha referencia dentro da literatura para banda en todo o mundo. Momentos dunha factura lírica excepcional intercalados con pasaxes técnicas extremas farán que esta obra de arte se transforme nunha viaxe sensorial para todo o público asistente, viaxe na que se demostrarán as capacidades técnicas dos compoñentes da Agrupación Musical do Rosal.

O concerto contará ademais con pezas como 'Carnaval', da compositora americana Julie Giroux, que porá o broche de ouro ao concerto. Esta peza final, cunha linguaxe fresca e divertida, fará as delicias das persoas asistentes, así como dos e das 80 artistas que formarán sobre o escenario.

A Agrupación Musical do Rosal tamén promete sorpresas no seu tradicional concerto de Santa Icía, como a aparición en escena de Irene Ruiz, unha extraordinaria violinista que porá a súa delicadeza e excelencia ao servizo do espectáculo para crear un momento de sublime calma.

O público poderá desfrutar desta espectacular concerto que promete grandes emocións o propio sábado 25 de novembro ás 19.00 horas no auditorio municipal do Rosal. A entrada será de balde.

Concello de O Rosal


Obradoiros, música, charlas e arte para camiñar cara á igualdade no Rosal

O Concello pon en marcha unha campaña cunha morea de actividades para seguir revolucionando mentes ao abeiro do 25N

O Rosal avanza no seu compromiso a prol da igualdade e contra a violencia machista. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organizará obradoiros, concertos, charlas, exposicións e diferentes accións de visibilización coas que concienciar e sensibilizar á veciñanza. Unha morea de accións de carácter transversal "coas que continuamos revolucionando mentes e dando pasos para facer do Rosal un lugar máis igualitario no que non teña cabida a violencia machista", destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A campaña arrancou este mesmo luns coa colocación dun valado publicitario que incide na campaña contra o acceso dos menores á pornografía, unha iniciativa que dá o pistoletazo de saída a toda unha serie de actividades que desenvolverá o Concello durante este ano e o vindeiro para concienciar e sensibilizar ás familias. Todas as accións que se desenvolvan neste camiño contan co financiamento de fondos do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Xa o martes 21 de novembro inaugúrase unha nova edición da exposición 'Eu Tomo Partido', que nesta edición contou coa colaboración da Unión Deportiva Ribera con parte da directiva e persoal técnico do club, que coa súa imaxe amosan o seu rexeitamento á violencia de xénero.

O mércores 22 os obradoiros toman as aulas. O Concello impartirá a última sesión do obradoiro de afectividade e sexualidade ao alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, no que se traballan conceptos como o consentimento nas relacións, o bo trato e a sexualidade. Pola súa banda, 90 cativos e cativas de educación infantil do CRA María Zambrano traballarán na igualdade co obradoiro 'Corresponsabilidade no forno de pan'. Unha proposta baseada no libro de Maruxa e Pepiño de Eva Mejuto no que a través do teatro amósase que as tarefas domésticas son máis amenas se se comparten entre todas as persoas que viven nunha casa. O taller remata con todos os nenos e nenas poñéndose mans á masa e facendo un riquísimo pan.

O xoves 23 a campaña do 25N esténdese a todo o concello con 'Senta e pensa no último machismo ante o que calaches'. Serán seis paneis que se situarán no CPI Manuel Suárez Marquier, na Biblioteca Municipal, no Concello, no Auditorio municipal, no Centro Social e no Centro de Saúde para convidar a toda a veciñanza a reflexionar sobre o papel da testemuña nos casos de machismo. A campaña está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia.

A música chega ás aulas da ESO do CPI o venres 24 co obradoiro 'Mulleres na música', un pequeno concerto en directo con anécdotas, citas e detalles curiosos das compositoras co que concienciar ao alumnado da importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo do tempo. A actividade finalizará coa interpretación dunha peza musical para todo o centro como peche das actividades do 25N.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro na concentración que se celebrará no salón de actos do Concello ás 12.00 horas, no que todos os grupos da Corporación municipal lerán un manifesto. Contará coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal e a actuación á frauta de Antía Domínguez.

A actividade continuará ás 12.30 horas coa inauguración da exposición 'Mulleres que inspiran', unha mostra que busca render homenaxe ás avoas, nais... e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade. Xa ás 19.30 horas a Agrupación Musical do Rosal ofrecerá no auditorio municipal o seu tradicional concerto de Santa Icía, que este ano incidirá na visibilización do papel da muller nas artes.

A programación do 25N rematará xa o vindeiro xoves 30 de novembro cunha nova sesión dos Cafés en Igualdade, que centrará a súa charla nos ciberdelitos con enfoque de xénero. A axente da Garda Civil Elena Domínguez afondará nestas cuestións a partir das 17.30 horas na Cafetería Juan.

Como colofón, a Maleta viaxeira comeza o seu percorrido polo Rosal coa primeira parada na Biblioteca municipal. Unha mochila con numerosos materiais e recursos formativos en igualdade e para a loita contra a violencia machista que permitirá á veciñanza ter ferramentas para combater as violencias contra as mulleres.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais