|
A cabaza é a protagonista da fin de semana en Tui
Exposición e venda, obradoiros, demostracións culinarias conforman o programa da III Feira da Cabaza. Tamén se suma á iniciativa o comercio a hostalería local.
A cabaza é a gran protagonista desta fin de semana en Tui. O edificio situado na praza da Inmaculada acolle dende esta tarde e até mañá domingo a última hora a III Feira da Cabaza, coa que se pon en valor este produto do outono. Pódese visitar a exposición das distintas variedades de cabaza producidas en Tui, que se atopan tamén á venda, e que se poden empregar tanto para elaborar distintas receitas coma para decorar polo Samaín. Tanto hoxe pola tarde coma mañá ao longo do día celébranse distintos obradoiros e demostracións culinarias.
O comercio e a hostalería local tamén se suman a este iniciativa decorando os seus locais con cabazas, e no caso dos restaurantes elaborando pratos con este produto coma ingrediente destacado.
Cativos e cativas están xa dende as cinco da tarde decorando as súa cabazas no obradoiro que realiza Corazón de Carballo. Con diversos materiais optan por facer a creación máis terrorífica ou a máis simpática. Poden levar a súa cabaza da casa ou mercala na feira para logo decorala. A entrada é libre até completar o aforo. Ao remate as persoas participantes, que poderán ir disfrazadas, farán un percorrido polo comercio local facendo "truco ou trato".
Ás oito da tarde a cociñeira Gloria Domecq, xerente de Gloria Domecq Catering, que fará unha demostración culinaria, elaborando Risotto de cabaza con améndoa e salvia frita e Flan de cabaza especiado, maridada con viños da zona e música.
Este primeiro día pecharase ás 23 h, con conxuro, queimada e música.
A actividade continuará mañá domingo a partir das 11 h con Amparo Grandío de Conservas Petiscos que realizará un obradoiro de marmeladas. Ás 12 h haberá unha nova demostración culinaria na que o cociñeiro Judicael Romero de Vioncas Bakes, elaborará unha empanadilla con cabaza, e dende Calabizo prepararán distintas receitas con este produto realizado con cabaza. E coma sobremesa poderase degustar o xeado de cabaza por cortesía de Gu Gu Gelato Originale.
Ás cinco da tarde o obradoiro será para público infantil, recomendado a partir dos 6 anos, con Águeda Ubeira de Chupipostres, para elaborar unha Mugcake de cabaza con chocolate, e trufas e bombóns variados tamén con cabaza. Ás 19 h haberá unha nova demostración culinaria con menú degustación a cargo de Águeda Ubeira de Vanetta Food , maridada con viños da zona e música.
Para participar nos obradoiros de marmeladas e de Chupipostres e nas demostracións culinarias as prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05, ou no correo turismo@tui.gal indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o papel fundamental das eurocidades na cooperación transfronteiriza ante a comisaria europea Elisa Ferreira
Reclamou que conten con personalidade xurídica. Amais salientou coma desafíos do territorio a mobilidade transfronteiriza, o río Miño e contar cun marco normativo común
O papel fundamental das eurocidades na cooperación transfronteiriza foi destacado esta mañá polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, ante a comisaria europea Elisa Ferreira. Referiuse o rexedor tudense á necesidades de que estas entidades conten con personalidade xurídica propia. Amais expuxo os tres principais desafíos deste territorio transfronteirizo: a mobilidade, o río Miño, e contar cun marco normativo común.
A comisaria europea Elisa Ferreira, visitou hoxe Tui para coñecer de primeira mans os proxectos transfronteirizos que se están a desenvolver entre Galicia e o Norte de Portugal. O encontrou celebrouse no Parador de Turismo San Telmo de Tui, onde estiveron representantes das eurocidades Tui-Valença, Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao, e Verín-Chaves, pero tamén da AECT Río Minho, do EuresTransfronteirizo, da Xunta de Galicia e o Ministerio de Facenda, entre outras entidades.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comezou a súa intervención resaltando a importancia da creación de instrumentos de cooperación tranfronteiriza. Indicou que as eurocidades, pese a non contar con personalidade xurídica, son "instrumentos fundamentais de cooperación transfronteiriza" e subliñaba que un dos retos que hai por diante é poder dotar a estas entidades desa personalidade xurídica.
Referiuse amais Enrique Cabaleiro aos desafíos deste territorio sinalando en primeiro lugar a mobilidade, aludindo a necesidade dun transporte público entre un e outro lado do Miño. Nese senso avanzou coma o Concello de Tui e a Cámara de Valença están a traballar nunha iniciativa neste ámbito. O segundo desafío citado por Enrique Cabaleiro foi o río Miño, e aínda que lembrou que as Eurocidade Tui-Valença e Salvaterra-Monçao xa desenvolveron o proxecto "Río Miño, destino navegable", é preciso facer fronte á problemas que presenta coma a contaminación e a falla de caudal. Tamén sinalou en terceiro lugar a necesidades dun marco normativo común, xa que explicaba que "a realidade administrativa de España é unha e a de Portugal outra", de aí a necesidade desa normativa común que permita dicía "desenvolver os proxectos de forma máis áxil e eficaz".
Noutro momento das intervencións a vicepresidenta da Cámara de Valença, Ana Paula Xavier, destacou que a Eurocidade Tui-Valença creada hai dez anos é fundamental, engadindo que os programas Interreg continúan a ter un impacto importantísimo neste territorio, avanzando nese senso conxuntamente con Tui-Valença coa AECT Río Minho están traballando xa nos proxecto que presentar a nova convocatoria dos POCTEP.
A comisaria europea Elisa Ferreira escoitou con atención e tomou nota das intervención das distintas persoas representantes das entidades presentes no encontro e na súa intervención final sinalou que "foron moi inspiradoras".
A comisaria europea Elisa Ferreira visita Tui para coñecer de primeira man os proxectos de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal
O encontro celebrarase no Parador de Turismo San Telmo coma actividade paralela ao no Encontro Anual de Interreg 2030 que se está a desenvolver en Santiago
Tui e Valença son un exemplo de cooperación transfronteiriza. Hai dez anos constituíronse na primeira Eurocidade desta zona do Miño, pero a colaboración entre ambos municipios é histórica, ao igual que as relacións entre a poboación das súas marxes do río. O propio Camiño de Santiago, do que Tui é a porta de entrada en Galicia dende Portugal, ten sido ao longo dos séculos un exemplo de cooperación.
Ese elo de unión é un dos motivos polo que Tui foi elixido para acoller mañá venres, 27 de outubro, a visita da comisaria Europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, que está a participar en Santiago no Encontro Anual de Interreg 2030. Durante tres xornadas, dende onte mércores e até mañá venres, celébranse distintas sesións nas que responsables dos programas de cooperación territorial europea debaten sobre as accións que actualmente se están a desenvolver, pero sobre a mesa tamén están as liñas de financiamento plantexadas para novas convocatorias.
En Tui o encontro entre a comisaria europea, Elisa Ferreira, e os distintos axentes implicados na cooperación transfronteiriza no marco do programa Interreg-POCTEP terá lugar a partir das doce do mediodía no Parador de Turismo San Telmo. No mesmo terá a oportunidade de coñecer directamente, por parte dos distintos axentes, os proxectos de cooperación que se realizan entre España e Portugal, nomeadamente nesta zona.
Haberá unha primeira reunión na que participarán representantes da Eurocidade Tui-Valença, da AECT Río Minho, así coma das eurocidades Tomiño - Vila Nova de Cerveira, Salvaterrra - Monçao, e Verín - Chaves. Moderará este primeiro encontro o subdirector de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza de Cooperación Transfronteiriza da Xunta, Xosé Lago.
Ás 13 h terá lugar un segundo encontro centrado nesta ocasión nas solucións transfronteirizas no que participarán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença coma representantes da Eurocidade Tui-Valença, a directora do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, xunto a dúas persoas beneficiarias das súas accións, as valedoras da cidadanía da Eurocidade Tomiño-Cerveira, e persoas mozas emprendedoras da Eurocidade 2020 de Verín-Chaves. Exercerá de moderador o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. O acto de clausura desta visita está previsto para ás 14 h, e contará coa actuación da pianista tudense, Andrea González, directora do IKFEM.
Ao longo dos últimos anos a Eurocidade Tui-Valença teñen sido un exemplo de cooperación transfronteiriza levando a cabo distintos proxectos financiados ao través do programa europeo Interreg. Precisamente os dous municipios elaboraron a Estratexia 2030 para a Eurocidade Tui-Valença no marco do proxecto europeo Unicidade e financiado con cargo ao programa de cooperación Interreg VA España-Portugal 2014-2020 cuxo obxectivo foi a organización, integración, e coordinación das dinámicas de cooperación existentes no territorio.
Entre os proxectos desenvolvidos recentemente, financiados con fondos europeos, e dos que se beneficiou a Eurocidade Tui-Valença cómpre mencionar o "Río Miño: un destino navegable", "Smart Minho_ e-bike, ou Red Lab.
Tamén é de destacar a axenda cultural e deportiva conxunta que desenvolven ambos municipios con eventos culturais coma a Cabalgata Internacional de Reis, o MUMI, e o IKFEM, ou no eido deportivo o calendario anual con probas destacadas coma a Eurocidade Btt, a Urban Trail Night, campionatos de bailes de salón, kung fu, judo, hoquei, baloncesto, remo ou tenis, e o Circuíto de Andainas Saúdables.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa a súa satisfacción porque Tui teña sido elixido coma sede para acoller este encontro coa comisaria europea, xa que será unha magnífica ocasión para expor os distintos proxectos desenvolvidos, así coma aqueles outros nos que se están a traballar. Destaca o rexedor amais coma a axenda cultural e deportiva compartida entre Tui e Valença supón un claro exemplo desa cooperación transfronteiriza.
Executadas obras de mantemento na Escola Infantil Galiña Azul
As instalacións da Escola Infantil Galiña Azul foron obxecto de obras de mantemento no inicio do curso escolar, para que alumnado, profesorado e familias poidan empregar estas instalacións nas mellores condicións.
O Concello de Tui, a través da concellería de Servizos Sociais, e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, teñen executado obras diversas de mantemento na Escola Infantil Galiña Azul dando cumprimento ás actuacións previstas para a anualidade de 2023.
As obras realizadas consistiron por unha parte na apertura de gabias e colocación de canles e reixas con saída de augas pluviais, co que se mellora o sistema de drenaxe e se evitan posibles acumulacións de auga. Por outra parte acondicionouse o céspede e a zona de protección no xardín. Tamén se procedeu á colocación de zócalo na entrada e ao selado e acondicionamento dos lucernarios do teito. Tamén se procedeu á instalación na cociña dun sistema de aire acondicionado con bomba de calor, e dun extractor temporizado con alumeado na lavandería.
O investimento preciso para executar estas obras foi asumido polo Consorcio de Benestar, deducindoo do importe do canon anual que paga o Concello.
Por outra parte o Concello, con fondos propios, levou a cabo o mantemento e pintado do exterior do edificio, limpando as fachadas e saneando as partes afectadas por humidades, coma teitos e paredes, e aplicando dúas más de pintura plástica.
Protección Civil de Tui organiza unha festa solidaria a favor das asociacións Un Máis e 1p36
Celebrarase o sábado, 16 de decembro, na Sala Metropol coas actuacións de Víctor Grande, Manuel Madarnás e Old Bridge
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil volve amosar a súa vertente máis solidaria coa organización dunha festa a favor das asociacións Un Máis e Síndrome de Deleción 1p36 que se vai celebrar o sábado, 16 de decembro, ás 20 h na Sala Metropol de Tui.
Continúan así a liña iniciada hai dous anos coa organización de eventos solidarios coincidindo coas festas do Nadal, e que nas dúas edicións anteriores contaron cunha gran acollida por parte do público, así coma dos establecementos locais que colaboran tamén nestas iniciativas.
Nesta ocasión propoñen unha noite de humor e música que abrirá o monologuista Víctor Grande, nun espectáculo no que non faltará, e en constante interacción co público. Logo será a quenda do trompetista tudense Manuel Madarnás que presentará ao público o seu traballo "La MMarca" no que versiona cancións clásicas aportándolles o seu selo persoal. Para pechar a festa actuará o grupo tudense-valenciano Old Bridge interpretando música dos 70', 80' e 90' con estilos que van dende o blues, ao funk, reggae ou rock and roll.
Na presentación do evento, realizado esta mañá, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu agradecemento ás persoas que forman parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil por organizar este evento solidario, destacando amais o traballo voluntario e altruista que realizan ao longo do ano. Tamén transmitiu o seu recoñecemento aos establecementos comerciais e aos propietarios da Sala Metropol, por facer posible a celebración deste evento nas súas instalacións. No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Servizo Sociais, Ismael Diz, quen amais sinalou que eventos coma estes tamén contribúen a darlle máis visibilidade a estas asociacións.
Juan González, o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui, explicou que amais da Festa solidaria que se celebrará o 16 de decembro, teñen á venda 5.000 rifas para o sorteo de 500 €, e tamén están visitando os diferentes establecementos tudenses solicitando a súa colaboración.
Un Máis é a Asociación de Pais, Nais, Familiares e Amigos de persoas con TEA do Baixo Miño. Dende o ano 2010 traballa na comarca promovendo a educación, a formación e a integración social das persoas con trastornos do espectro autista (TEA) ao longo de toda a súa vida, ao tempo que defenden os dereitos fundamentais das persoas con TEA, e promoven a formación de pais, nais, familiares e amigos das persoas con TEA, así como dos profesionais que traballan habitualmente con elas, entre outros obxectivos. Mentres a asociación Síndrome Deleción 1p36 traballa, a nivel nacional, para mellorar a calidade de vida e a integración social tanto das persoas afectadas por este síndrome coma das súas familias, sendo amais un nexo de unión entre familias, profesionais e organismos implicados na atención de persoas con deleción 1p36, un trastorno xenético ocasionado pola perda dun fragmento de ADN no cromosoma 1.
O Concello de Tui convoca unha nova edición do concurso de debuxo escolar para elixir a postal de Nadal de 2023
O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de novembro. Vai dirixido ao alumnado de Primaria do municipio.
A concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui convoca unha nova edición do Concurso de Debuxo Escolar para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2023. Este certame vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio. As bases desta convocatoria veñen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
A temática deste concurso de debuxo escolar é "O Nadal en Tui". O obxectivo é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.
Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados.
Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condición que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de novembro de 2023 ás 14 h.
A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui.
Establécese un primeiro premio consistente nun lote de material educativo e de pintura por valor de 100 euros. O segundo premio será lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros, e o terceiro premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que "a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal". Destaca que o traballo gañador deste certame será o que empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente felicita á veciñanza do concello, tal como ben facendo nos últimos anos.
|