|
A Maleta Viaxeira chega ao Rosal cargada de recursos formativos en igualdade e contra a violencia machista
Ánxela Fernández Callís recibiuna en Pontevedra da man do Delegado do Goberno en Galicia
A Maleta Viaxeira é un proxecto que pon a disposición da cidadanía da provincia 5 "maletas viaxeiras", una serie de materiais e recursos formativos en igualdade e para a loita contra a violencia machista.
As maletas van percorrendo os diferentes concellos da provincia, e no seu percorrido unha delas chega agora ao concello do Rosal, tras pasar por 7 municipios da provincia e o Centro Penitenciario de A Lama.
A maleta foi recollida pola alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, de man do Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
O delegado destacou o compromiso do concello do Rosal en materia de igualdade e loita contra a violencia machista, e destacou que "a educación a prol da igualdade é una ferramenta fundamental para combater as violencias contra as mulleres."
Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal destacou a importancia desta e doutras iniciativas que reflicten un "fronte común" das institucións públicas, traballando da man, unidas, sen pausa nin descanso, contra a lacra que supón a violencia machista" así como o "imprescindible papel da educación en igualdade para promover un cambio social que conduza por fin a igualdade real e efectiva.
A estancia da maleta viaxeira no Rosal será de 3 meses, tras os cales seguirá o seu percorrido por otros lugares da provincia.
Concello de O Rosal
O Concello rexeita as informacións falsas en relación a unha suposta débeda que non existe
O Concello do Rosal desminte a información falsa difundida en nota de prensa no día de onte polo Partido Popular do Rosal, referente a unha suposta débeda que non existe, e rexeita enerxicamente o que parece estar converténdose en estratexia habitual pola súa parte: mentir ás veciñas e veciños.
Estar en contra das iniciativas promovidas polo equipo de goberno non xustifica utilizar a mentira e o engano para tratar de erosionar a imaxe e reputación da institución, que é un ben de todas e todos. Por isto, o goberno do Concello volve a verse na obriga de defender a verdade fronte ás rosaleiras e rosaleiros, desmentindo a suposta débeda á que fai mención a nota de prensa de onte. Tal e como reflicten todos os indicadores económicos, o Concello goza de estabilidade e dunha boa saúde económica.
O Concello do Rosal reitera o seu compromiso coa transparencia e a correcta xestión dos asuntos públicos, proporcionando información veraz e actualizada sobre este e outros temas de interese municipal en calquera momento.
Concello de O Rosal
O Rosal aproba a modificación do IBI urbano para facelo máis sostible
A moción, que se aprobou por maioría absoluta, incorpora medidas contra o cambio climático
O Rosal aprobou onte en pleno extraordinario a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles IBI. A moción, presentada polo equipo de goberno, busca tres obxectivos principais: adaptar o gravame á actual situación económica, xa que non se modificaba dende 2006, por outra banda adecualo á media dos concellos galegos, e por último introducir unha serie de bonificacións relacionadas co uso de enerxías limpas. A medida susténtase na necesidade de facer máis eficaz e sostible a xestión económica do concello, e adecuar o tributo máis importante dos concellos á realidade actual coa finalidade de seguir na vangarda dun concello responsable e referente na xestión económica, que foi quen nos últimos anos incluso de dar un salto importante máis alá dos recursos ordinarios na captación de recursos externos.
A medida afecta únicamente ao IBI urbano, e supón unha suba do actual 0,45% ata 0,58%, o que sitúa ao O Rosal dentro da franxa media dos concellos galegos con poboación similar. Este tipo de axustes estanse a levar a cabo en outros moitos concellos de Galicia como resposta a situacións similares. Un bo exemplo e A Guarda, que hoxe mesmo leva a pleno unha medida similar.
A loita contra o cambio climático e a Axenda 2030 tamén están presentes nesta medida, que incorpora unha bonificación potestativa por instalación de sistemas para o aproveitamento térmico e/ou eléctrico da enerxía proveniente do sol.
Concello de O Rosal
O Rosal avanza cara a creación dunha mesa municipal contra a violencia de xénero
A Secretaría Xeral de Igualdade ven de celebrar no concello de O Rosal unha serie de formacións específicas ao persoal para a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
Unha mesa local de coordinación interinstitucional é un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirecta- mente, na loita contra a violencia de xénero, co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración de dereitos que supón a violencia de xénero. O obxectivo xeral da MLC é promover, no ámbito municipal, políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.
A implicación de todos os servizos e persoas implicadas é fundamental nesta ferramenta, de tal xeito que ademáis da alcaldía, a concellería competente na materia e o persoal técnico en materia de violencia de xénero, forman parte da mesa a policía local, outras forzas e corpos de seguridade do estado, os centros educativos, os servizos sanitarios, os servizos sociais e outros axentes de ámbito xurídico, laboral, etc.
Este é un paso máis no traballo do concello en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero. "A loita contra a violencia de xénero non permite pausas. Temos que traballar arreo dende as institucións e como sociedade para seguir dando pasos que permitan que nun futuro, o máis cercano posible, erradiquemos para sempre esta lacra da nosa sociedade" declara Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal.
Nas xornadas celebradas déronse pasos para concretar as diferentes necesidades, de cara á creación desta mesa local no ano 2024.
Concello de O Rosal
Eduardo Méndez amosa os 300.000 anos do traballo en pedra en Galicia nas III Xornadas de Patrimonio do Rosal
Ofrecerá unha charla este sábado 28 ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente e unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas das Gándaras de Budiño
O Rosal prepárase para unha nova sesión rememorando o pasado ao abeiro das Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades de balde para todos os públicos coas que o Concello busca dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro tanto material como inmaterial.
Este sábado 28 de outubro o público poderá revivir os '300.000 anos do traballo da pedra en Galicia' da man de Eduardo Méndez Quintas, investigador posdoutoral Xunta de Galicia na Universidade de Vigo centrado na investigación da Prehistoria antiga europea e africana.
Méndez desenvolve as súas investigacións en diferentes xacementos paleolíticos peninsulares como El Sotillo (Ciudad Real), Cuesta de la Bajada (Teruel) e máis especialmente na conca do río Miño. Nesta zona lidera os proxectos en xacementos como Arbo, Porto Maior, Gándaras de Budiño ou A Piteira. Ademais é codirector do proxecto de Melka Kunture (Etiopía) e 'The Olduvai Paleoanthropology and Paleoecology Project' na Garganta de Olduvai, en Tanzania.
A charla será ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente e rematará ás 12.00 horas cunha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas das Gándaras de Budiño.
Concello de O Rosal
O Rosal pecha o ano con tres novos cafés a prol da igualdade
Chegan tres novos encontros deste programa co que o Concello busca crear un espazo de reunión para familias no que abordar diferentes temas de interese
O cancro de mama, os ciber delitos e a prostitución serán o eixo central destes encontros que se celebrarán o último xoves de mes en establecementos hostaleiros rosaleiros
O Concello do Rosal remata este 2023 cunha nova edición dos seus 'Cafés en Igualdade', un espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar de xeito cómodo e distendido ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal e que tivo grande éxito de acollida en todos os encontros celebrados ao longo deste ano.
A primeira sesión deste novo trimestre dos 'Cafés en Igualdade' será este xoves 26 de outubro, na que a traballadora social da Asociación Española contra o Cancro (AECC) Sonia Cousillas Creo falará sobre o cancro de mama e as patoloxías con máis incidencia feminina. Será en horario de 17.30 a 18.30 horas na cafetería A Liga, na Praza do Calvario.
O vindeiro mes de novembro, o xoves 30 a axente da Garda Civil Elena Domínguez abordará con todas as participantes unha cuestión de vixente actualidade, os ciber delitos, facendo especial fincapé nos delitos con enfoque de xénero. Esta sesión será na Tapería A Praza, no Calvario.
O ciclo pechará o ano o 28 de decembro da man de Águeda Gómez, socióloga e profesora na Universidade de Vigo, que dará unha interesante charla sobre a prostitución, debuxando para todas as asistentes un mapa completo da explotación sexual. Esta última sesión celebrarase na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario.
Todas as sesións serán de balde de 17.30 a 18.30 horas, unha hora ao mes que procura ser un balón de osíxeno para todas as familias rosaleiras. "Cando falamos de conciliación sempre pensamos na necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co doméstico e coas responsabilidades familiares, pero debemos lembrar que tamén é moi importante dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal de cada persoa. E iso é o que creamos cos 'Cafés en igualdade', un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para conversar de forma distendida sobre temas de interese", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Concello de O Rosal
|