|
Tui celebrará a próxima fin de semana a III Feira da Cabaza
Exposición e venda, obradoiros, demostracións culinarias e un roteiro nocturno de Samaín forman parte do programa previsto
A próxima fin de semana Tui volverá pór en valor os produtos da terra e as tradicións vinculadas ao outono coa celebración da terceira edición da Feira da Cabaza. O programa de actividades desenvolverase o sábado 28 e o domingo 29, así coma o martes 31.
Obradoiros de decoración de cabazas, demostración culinarias que terán neste produto a súa base, e mesmo un roteiro nocturno do Samaín forman parte do programa organizado polo Concello de Tui. E non faltará a exposición e venda de cabazas producidas en Tui. O edificio dos antigos xulgados, na praza da Inmaculada, acollerá as actividades previstas.
O programa comezará o sábado ás 17 h cun obradoiro familiar de preparación da cabaza de Samaín a cargo de Corazón de Carballo. Para participar deberase levar unha cabaza, ou mercar unha na feira, para logo decorala de forma terrorífica. Ao longo de dúas horas pequenos e maiores poderán derrocharán imaxinación nas súas creacións. Ao remate as persoas participantes, que poderán ir disfrazadas, farán un percorrido polo comercio local facendo "truco ou trato". A entrada ao obradoiro é libre até completar o aforo.
Ás 20 h a cociñeira Gloria Domecq, xerente de Gloria Domecq Catering realizará unha demostración culinaria con receitas que terán na cabaza o seu ingrediente principal, que estará maridada con viños da zona e música.
O primeiro día pecharase cun espectáculo de Samaín, ás 23 h, con conxuro, queimada e música.
O domingo 29 a actividade comezará ás 11 h cun obradoiro de marmeladas artesanais a cargo de Amparo Grandío de Conservas Petiscos. Unha hora despois, ás 12 h haberá unha nova demostración culinaria na que o cociñeiro Judicael Romero de Vioncas Bakes, elaborará unha empanadilla con cabaza, e dende Calabizo prepararán distintas receitas con este produto realizado con cabaza. E coma sobremesa poderase degustar o xeado de cabaza por cortesía de Gu Gu Gelato Originale.
O público infantil terá unha nova cita o domingo ás 17 h cun obradoiro a cargo de Águeda Ubeira de Chupipostres no que elaborarán unha Mugcake de cabaza con chocolate, e trufas e bombóns variados tamén con cabaza. Está recomendado a partir dos 6 anos.
Pechando a xornada dominical, ás 19 h, as cociñeiras Inma López e Paola Giraldo do restaurante Beldade realizarán unha nova demostración culinaria maridada con viños da zona e música.
Para participar nos obradoiros de marmeladas e de Chupipostres e nas demostracións culinarias as prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05, ou no correo turismo@tui.gal indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto.
Por último, o martes 31, ás 21 h realizarase un roteiro nocturno de Samaín polo conxunto histórico con Barafunda Animación. Esta actividade realizarase en grupos de 14 persoas, que poderá ir disfrazadas, que sairán cada cinco minutos, sendo o último horario á 1 h. Consistirá nunha andaina nocturna na que coñeceremos o Conxunto Histórico de Tui, e nos sorprenderemos cos misterios que nel se agochan… No percorrido atoparemos personaxes que nos contarán a historia e a vida deste lugar, pero tamén nos poderemos levar un bo susto. Non é recomendable para menores de 6 anos. Os menores deben ir acompañados por un adulto. Ao remate haberá unha chocolatada. A inscrición, de forma gratuíta, pode realizarse en https://www.barafundaanimacion.com/Roteiros/Tui/ seleccionado o horario elixido.
Tamén o martes 31, ás 17 h, en colaboración con ACITUI, Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui "Vive o Samaín co comercio local" nun percorrido polo centro urbano con "truco ou trato".
Esta III Feira da Cabaza agarda repetir o éxito de público acadado nas dúas primeiras edicións, coa posta en valor das nosas tradicións, produtos e gastronomía. A feira realízase coa colaboración da veciñanza de Tui que produce cabazas, entre a que destaca Carlos "Picho" de Randufe, que protagoniza unha das campañas aceites Abril coas súas cabazas, precisamente promocionando esta feira.
Dende o Concello amósase tamén o agradecemento ao comercio e a hostalería local tamén se suman a esta III Feira da Cabaza decorando os seus escaparates durante a fin de semana, e ofrecendo pratos especiais confeccionados con cabazas nos seus menús.
Tui volverá a celebrar o seu Mercado de Nadal durante un mes
Está aberto o prazo de inscrición até o 5 novembro
O Paseo da Corredoira inundarase do espírito do Nadal do 1 de decembro ao 5 de xaneiro coa celebración do Mercado de Nadal organizado polo Concello de Tui. Doce casetas de madeira, coidadosamente decoradas, albergarán os distintos postos de artesanía, gastronomía, decoración, agasallos, plantas… que abrirán diariamente achegando unha ampla variedade de produtos vinculados a esta época festiva.
O Mercado de Nadal, organizado pola concellería de Emprego e Comercio, vén de publicar as bases que rexerán a celebración deste evento, e de abrir o prazo de solicitude para as persoas interesadas en contar cun posto no mesmo.
Haberá tres quendas de participación, do 1 ao 12 de decembro, do 13 ao 24 de decembro, e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro.
Poderán participar no Mercado persoas artesás e comerciantes que deberán presentar as súas solicitudes até ás 23 h do 5 de novembro no formulario en liña. Amais deberán enviar entre tres e cinco fotografías representativas do seus produtos ao correo mercadonadaltui@gmail.com. A participación é gratuíta aínda que se establece unha fianza de 150 €.
Unha vez pechado o prazo de inscrición a organización procederá á selección dos expositores nos que se dará prioridade aos que presenten produtos de carácter artesán e producidos a pequena escala, valorarán contar con razón social en Tui ou na comarca, a calidade, singularidade e carácter diferencial dos produtos, a variedade de sectores que estean representados no mercado para facelo máis atractivo, que sexan produtos fabricados en Galicia, contar con carta de artesán, e a realización de talleres creativos. As bases completas poden consultarse en tui.gal.
O Mercado de Nadal 2023/24 abrirá de luns a xoves de 17 a 21 h, os venres de 17 a 23 h, os sábados, festivos e vésperas de festivos, de 12 a 14 h e de 17 a 23 h, e os domingos de 12 a 14 h e de 17 a 21 h. Permanecerá pechado o 25 de decembro e o 1 de xaneiro.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, convida a participar neste Mercado de Nadal que tanto éxito ten rexistrado en edicións anteriores. Salienta coma ao longo de toda a época de Nadal este evento converte a Corredoira no epicentro das celebracións desta datas, e tamén sinala coma o mesmo repercute tamén positivamente no comercio e na hostalería local.
As bases completas poden consultarse en tui.gal.
O obradoiro de emprego clausurado onte recuperou máis de 4.600 metros da senda do río Furnia
Durante un ano formáronse en dúas especialidades de forestal e madeira que contan con gran demanda laboral
Onte tivo lugar a clausura do obradoiro dual de emprego "Senda Peonil do río Furnia" tras un ano de formación e traballo que permitiu culminar unha senda de 4.650 metros á beira do río Furnia nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Era un proxecto complexo, tal e coma se destacou no acto de clausura, no que grazas ao esforzo e implicación de todo o equipo do obradoiro, persoal técnico, docentes e alumnado, foi posible rematar, rehabilitando unha senda que parte da Devesa en Malvas e conclúe no Souto en Pexegueiro. Cómpre salientar tamén coma as vinte persoas que participaron coma alumnado adquiriron ao longo dos últimos doce meses unha formación en dúas áreas que contan con gran demanda laboral nestes momentos e das que obtiveron os correspondentes certificados de profesionalidade.
O acto de clausura contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, do xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, membros da corporación municipal, a directora do obradoiro, Mª Dolores Pérez, persoal técnico e docentes e o alumnado.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención, destacou coma o proxecto executado foi complexo dende a súa redacción a súa execución, resaltando o traballo realizado. Salientou a aposta pola formación e pola recuperación de elementos patrimoniais e naturais que se ten feito nos últimos anos con estas accións formativas. Amosou o seu agradecemento aos grupos políticos da corporación que no seu día aprobaron habilitar o crédito preciso para facer fronte á aportación municipal con cargo ao remanente de tesourería.
Tamén agradeceu á Xunta de Galicia ter financiado con preto de 2 millóns de euros tres obradoiros de emprego e tres Programas Integrados de Emprego, así coma polo seu compromiso con políticas activas de emprego e con Tui. Ao que se suma un cuarto obradoiro que vén de ser concedido, dicía.
No mesmo senso pronunciouse a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, salientando que estas acción contribuíron a mellorar o índice de cualificación e tamén os datos de desemprego. Afirmaba que "as políticas activas de emprego dan resultado".
A concelleira felicitou ao alumnado e ao persoal do obradoiro pola súa implicación, esforzo, dedicación e traballo en equipo. E tivo tamén palabras de gratitude para a veciñanza que coa cesión dos terreos precisos posibilitou a execución da senda.
Pola súa parte o xefe territorial da Consellería de Emprego, José Antonio Rodríguez agradeceu tamén ao alumnado o compromiso, esforzo e traballo feito que redunda no propio municipio coa senda que realizaron. Explicou que para a Xunta o emprego e formación son prioritarios e coma os obradoiro duais, coma o clausurado onte, son os buques insignia.
A directora do obradoiro, Mª Dolores Pérez , referiuse tamén ao ambicioso do proxecto executado e a implicación amosada polos alumnos e alumnas que hoxe recibiron os seus diplomas nas especialidades de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Montaxe e instalación de construcións de madeira.
Nestes doce meses o alumnado da especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes levou a cabo a limpeza e roza da zona, melloras no camiños e senda, eliminación de especies invasoras e lixo do cauce fluvial, e elaboración de escadas con troncos de madeira entre outras actuacións. Mentres os alumnos e as alumnas de Montaxe e instalación de construcións de madeira construíron varandas, pasarelas, escadas, pontes biapoiadas, ramplas, e toda a sinalización da senda.
Este obradoiro supuxo un investimento cercano aos 700 mil euros dos que 503 mil euros foron aportados pola Xunta e 160 mil polo Concello.
A totalidade das parroquias tudenses contan con sesións de "Cultiva a mente" nas que participan preto de 180 de persoas
O alcalde e o concelleiro de Servizos Sociais asistiron ao inicio da actividade en Baldráns e Paramos
Baldráns e Paramos son as dúas parroquias tudenses que esta temporada se incorporaron ao programa "Cultiva a mente" organizado polo Concello de Tui, co que o mesmo chega a totalidade do municipio. Son preto de 180 persoas as que participan nesta iniciativa, realizada en colaboración con AFAGA, que promove un envellecemento activo, a socialización e traballa na prevención.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, asistiron nos últimos días á primeira das sesións do programa "Cultiva a mente" en Baldráns e Paramos dando é benvida á persoas usuarias e amosando a súa satisfacción pola extensión do programa, posto en marcha en 2019, á totalidade das parroquias tudenses.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, lembrou a importante aposta que dende o Concello de Tui se fai polo eido social, e destacou coma dende o primeiro momento con "Cultiva a mente" apostouse pola descentralización deste servizo achegándoo á cidadanía das distintas parroquias.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, felicitou as persoas participantes nesta actividade, aludindo á excelente acollida que ano a ano foi rexistrando o programa que foi pouco a pouco ampliando o número de centros nos que se impartía, e que este ano, salientou, chega xa á totalidade das parroquias. Amosou amais o seu convencemento no bo resultado do programa no que se traballan distintos aspectos para que as persoas maiores de 55 anos se manteñan en activo.
O prazo de inscrición no programa permanece aberto ao longo de todo o ano a través do impreso dispoñible en tui.gal.
O xurado de Vilas en Flor coñeceu este luns as actuacións de mellora urbana realizadas en Tui
As sendas fluviais, as rúas humanizadas ou a Veiga do Louro foron algunhas das zonas percorridas. Tui conta na actualidade con 2 Flores de Honra
A aposta polas sendas fluviais, os proxectos de humanización executados e os que comezarán en breve, xunto ao traballo realizado para mellorar o entorno urbano e rural foron algúns dos aspectos transmitidos dende o Concello de Tui aos dous membros do xurado de Vilas en Flor que este luns visitaron o municipio.
O concelleiro de Espazos Naturais e Áreas de Lecer, Miguel Méndez, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, xunto ao técnico municipal Rafael Sánchez Bargiela, acompañaron a Carlos Cárcamo Álvarez, enxeñeiro técnico agrícola municipal do Concello de Ourense, e Salvador Rouco Granxa, enxeñeiro agrónomo e profesor xubilado de xardinería no CIFP A Granxa, de Ponteareas, que foron os expertos de Vilas en Flor que durante máis de 2 horas visitaron distintas zonas de Tui.
Pese ao día de choiva percorreron a senda fluvial a carón do Miño dende a Mariña, coñecendo de primeira man a nova pasarela peonil sobre a desembocadura do río Louro. Tamén se achegaron até a senda do río Furnia, actualmente en fase final de execución polo Obradoiro de Emprego, onde as augas cristalinas e o entorno natural e patrimonial chamaron a atención do xurado.
Amais percorreron o barrio de Riomuíños onde a intervención realizada mantivo a esencia do barrio e puxo en valor os seus recunchos cunha iluminación que resalta os distintos elemento. Tamén estiveron na rúa Antero Rubín que co humanización pasou a contar con algo máis de 1.300 metros de superficie peonil, cunha calzada en materiais tradicionais, zonas verdes e de descanso, con prioridade peonil. Outros puntos visitados polo xurado foron as rúas Lugo e Colón, humanizadas recentemente e nas que se gañou espazo para os peóns e zonas verdes.
O xurado de Vilas en Flor estivo tamén na ponte da Veiga do Louro, un tramo en pleno Camiño de Santiago, onde destaca todo o entorno natural, así coma a senda peonil que une esta zona coa praia de Areeiros.
O Concello de Tui forma parte de Vilas en Flor dende o ano 2020, contando na actualidade con dúas Flores de Honra. Coas Flores de Honra recoñécese a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR, Asociación de Viveiristas do Noroeste, AGAEXAR, Asociación de empresas de xardinaría de Galicia, e da Fundación Juana de Vega.
Os tres aspectos contemplados nas bases que valoran os expertos son: o patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; e o uso social e as sinerxías coa actividade turística.
A entrega dos galardóns Vilas en Flor 2023 terá lugar nun acto público a finais do outono.
|