JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O III Foro da Muller Rural Galega rende homenaxe a Luisa Alonso, un exemplo de emprendemento e aposta polo rural

Preto de 75 persoas participaron na bodega Quinta Couselo do Rosal neste punto de encontro que dá voz a todas as mulleres que "con intelixencia, compromiso, decisión e sen medo camiñan para crear un futuro mellor para o rural"

O foro contou coa presenza de 15 emprendedoras que presentaron as súas iniciativas nos 13 concellos do territorio

"Sodes todas un exemplo para nós de emprendemento, de desenvolvemento do medio rural, de resiliencia... O exemplo das mulleres que rachan ese teito de cristal da sociedade machista na que vivimos". Con estas verbas, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, daba a benvida ás 15 emprendedoras que protagonizaron o III Foro da Muller Rural Galega, un lugar de encontro posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural para dar voz ao traballo de todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo e transformando o territorio.

Unhas xornadas que chegan á súa terceira edición con moito esforzo para "visibilizar ás nosas mulleres, un sitio para que todas nos recoñezamos e vexamos as marabillosas propostas que moitas veces están ocultas no rural", explicou a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. "Hoxe volvemos poñer luz para descubrir historias de vida de mulleres, a súa capacidade de emprendemento e a importancia desa decisión de poñerlle ao rural cara de muller e sacar adiante este territorio", resaltou.

Este acto busca tamén amosar as verdadeiras protagonistas da economía rural, xa que como recollía o manifesto co que se conmemora o Día Internacional da Muller Rural, en España máis de 8 millóns de mulleres viven e traballan en zonas rurais na agricultura, na gandería e na transformación agroalimentaria, pero tamén na artesanía, no turismo, na industria, na educación, no comercio...

Fernández Callís quixo agradecer a todas as mulleres participantes "o voso traballo con eses proxectos innovadores, apaixonados, sensibles e sobre todo o voso empuxe, a vosa loita por un rural no que cremos e no que é posible desenvolver as nosas vidas de xeito profesional". "Seguiremos loitando con intelixencia, con compromiso, con decisión e sen medo para camiñar cara a un futuro próximo no rural no que as diferenzas de xénero non sexan nunca máis unha realidade, senón unha triste lembranza do pasado. Non queremos discriminación positiva, reclamamos a igualdade de oportunidades e que non se nos negue o que é noso por dereito", salientou.

En total 15 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 13 proxectos, iniciativas que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que o sector primario. Así, nesta terceira edición compartiron as súas experiencias e visibilizaron as súas realidades Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona), Teresa Covelo, da casa niño 'Curuxa de Lúa' (Fornelos de Montes); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación 'Llamas de Cea' (Nigrán); a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de 'Héroes para la ciencia' (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); a arquitecta María Fandiño, do Rosal; Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño); e Ana María Alonso, da tenda artesanal de artigos en pel Cabuxa, en Tui.

Eu Rural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de emprendemento rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da asociación.

Emprender hai máis de 40 anos

Un ano máis, o Foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a rosaleira Luisa Alonso, un exemplo de emprendemento feminino e de aposta polo rural. Hai máis de catro décadas puxo en marcha Exclusivas Alonso, un comercio dedicado ao mundo do agro "que viviu toda a transformación agraria no Rosal ata o día de hoxe e que tivo a capacidade de actualizarse e adaptarse aos tempos".

Un negocio "de mulleres", como ela mesma di, ao que lle deron o relevo xeracional as súas tres fillas e no que a propia Luisa segue a visitar a miúdo para seguir facendo algo que lle gusta: seguir en contacto coa clientela. Moi nerviosa, Luisa recibía da man da alcaldesa Ánxela Fernández Callís unha escultura da artista búlgara afincada en Tomiño Liliya Pobornikova.

Comezou vendendo sacos pequenos de penso e millo "cando non se vían negocios de mulleres" e pouco a pouco ela soa foi aprendendo un negocio que medrou ata ser un referente no Rosal. Por todo o feito, o foro quixo dar "as grazas ás nosas Luisas, as devanceiras as que lle debemos todo, grazas por construír todas xuntas o noso presente".

EU Rural


O Concello do Rosal rexeita a información falsa difundida sobre a reparación da ponte das Eiras

O Concello do Rosal rexeita a información falsa difundida polo Partido Popular municipal en relación co proceso de arranxo da ponte das Eiras, que sufriu importantes danos durante as extraordinarias inundacións que afectaron á nosa localidade o pasado mes de decembro.

Non houbo ningún tipo de comunicación oficial por parte do grupo popular local para trasladar as súas inquietudes con respecto ao reacondicionamento da ponte, unha infraestrutura que depende única e exclusivamente de Costas do Estado, a administración que ten as competencias.

Dende o seu derrubo o pasado Nadal, o Goberno municipal está en permanente contacto con Costas do Estado para supervisar a evolución dos trámites relacionados coa reparación da ponte. Este proceso segue un procedemento ordinario debido a que a Xunta de Galicia non declarou a zona de Emerxencia de Interese Galego tras as inundación, a pesar de que alcaldes e alcaldesas do sur da provincia lle trasladaron a necesidade de aplicar esta figura tras os importantes danos sufridos. Esta declaración aceleraría os trámites administrativos para a reparación da ponte das Eiras, unha cuestión que lamentablemente a Xunta non considerou.

O Goberno municipal recalca que o Concello do Rosal non recibiu ningunha subvención por parte da Deputación de Pontevedra para a reparación da ponte, xa que non ten competencias para levala a cabo. Os aproximadamente 140.000 euros asignados están destinados exclusivamente ao arranxo de case 12.000 metros cadrados de camiños que sufriron importantes danos durante as inundacións. Concretamente, xa está en proceso de licitación a reparación e mellora dos camiños de Canas e Morraceira, así como dunha parte da Estrada de Couselo, dende o cruce entre o Camiño Barriños e o Camiño Couselo de Abaixo e o Camiño Vilariños, en Fornelos.

Por outro lado, no que respecta á información relacionada coa mellora da estrada provincial das Eiras é importante destacar que se trata dun proxecto realizado de forma íntegra polo equipo redactor da Deputación de Pontevedra en conformidade coa normativa establecida para este tipo de vías. Durante a execución do proxecto leváronse a cabo as cesións de terreos necesarias para crear unha senda nos espazos nos que era posible segundo a lexislación vixente. Nas zonas máis estreitas que non cumprían os requisitos necesarios estableceuse unha plataforma única, a única solución posible. O Goberno municipal non realizou ningunha modificación no proxecto, suxeito a normativa e cuxas características permitiron á Deputación de Pontevedra conseguir fondos europeos.

O Concello do Rosal reitera o seu compromiso coa transparencia e a correcta xestión dos asuntos públicos, proporcionando información veraz e actualizada sobre este e outros temas de interese municipal en calquera momento.

Concello de O Rosal


As 40 voces de Mistura Vocal, en concerto este domingo 22 no Rosal

Será ás 19.00 horas no Auditorio do Rosal con entrada de balde

A música encherá O Rosal esta fin de semana. O domingo 22 o auditorio municipal acollerá o concerto de Mistura Vocal, un coro formado por 40 voces da zona de Baixo Miño, Condado e Vigo e dirixido por Aloia Martínez que farán as delicias do público rosaleiro co seu variado repertorio.

Sobre o escenario desenvolverán a súa característica elegancia musical, a súa serenidade estética, a súa sensibilidade e unhas dotes artísticas que confiren a este colectivo semi ou profesional un nivel envexable que conquista a todas e todos os oíntes.

Na súa curta vida contan cunha exitosa traxectoria con múltiples e prestixiosos premios, galardóns obtidos tanto en Galicia como en diversos lugares de España. Tamén é recoñecido o seu labor na creación e realización de espectáculos, que sempre acollen unha grande afluencia de público.

Organizado pola Agrupación Musical do Rosal, o concerto contará cun repertorio integrado por obras de diferentes estilos e épocas, sen esquecer a autoras e autores galegos. A cita será ás 19.00 horas con entrada de balde.

Concello de O Rosal


O Rosal traballa na análise dos usos enerxéticos nos fogares

Ao abeiro do desenvolvemento dunha comunidade enerxética, o Concello lanza unha enquisa á veciñanza para coñecer o tipo de consumo enerxético de rosaleiros e rosaleiras

O Concello do Rosal continúa avanzando para promover as enerxías renovables no eido local. Ao abeiro do proxecto pioneiro para a posta en marcha dunha comunidade enerxética no municipio, o Concello ten aberta á veciñanza unha enquisa sobre o uso da enerxía nos fogares rosaleiros,

Trátase dunha lista de dez preguntas que se responde en apenas uns minutos en liña que permitirá analizar o tipo de consumo enerxético de rosaleiros e rosaleiras. Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, trátase "dun paso máis para traballar man a man entre todas e todos para avanzar desde o local no camiño das enerxías limpas, un dos grandes compromisos do Goberno municipal".

O Concello do Rosal foi unha das cinco entidades galegas beneficiadas pola axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para crear unha Oficina de Transformación Comunitaria que impulse as comunidades enerxéticas que permitan acadar determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte a fortes convulsións do mercado enerxético.

Por outra banda, O Rosal tamén se adheriu ao proxecto EC4RURAL da Universidade de Vigo, unha iniciativa que busca desenvolver novos mecanismos de apoio ás comunidades enerxéticas nos espazos rurais. Financiada con fondos europeos a través do programa LIFE, busca impulsar a creación destas comunidades no rural, así como mellorar a colaboración entre Concello e veciñanza, a concienciación social e a formación en desenvolvemento enerxético comunitario, ademais de promover a participación cidadá e decisións de investimento flexibles e viables en enerxías renovables.

Concello de O Rosal


O Rosal percorre miles de anos da súa historia coas III Xornadas de Patrimonio

Comezarán este sábado 21 de outubro cunha charla de Augusto Pérez e visita guiada á praia de bolos de Portecelo

O Rosal volve botar unha ollada ao seu pasado coa celebración da terceira edición das súas Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades de balde para todos os públicos coas que o Concello busca dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro tanto material como inmaterial. Catro xornadas que permitirán á veciñanza "achegarse a aspectos fundamentais da nosa historia para entender O Rosal de hoxe e valorar o traballo das nosas e nosos antepasados", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As xornadas comezarán este sábado 21 de outubro ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente coa charla de Augusto Pérez Alberti sobre 'O patrimonio xeomorfolóxico da costa do Rosal: unha historia de máis de 120.000 anos'. O catedrático de Xeografía Física da Universidade de Compostela achegará o seu coñecemento sobre esta zona dun xeito didáctico e accesible para todos os públicos nunha charla que rematará cunha visita guiada á praia de bolos de Portecelo ás 12.00 horas.

Pérez Alberti ten participado en máis de 300 libros e artigos en diversas revistas e investiga sobre a xeomorfoloxía glacial e periglacial, a xeomorfoloxía costeira, a climatoloxía, a paleoclimatoloxía e a cartografía dixital. É membro da Asociación de Geógrafos Españoles e da Sociedad Española de Geomorfología e foi fundador e primeiro presidente da Sociedade Galega de Xeografía.

As xornadas continuarán o sábado 28 de outubro cun encontro con Eduardo Méndez Quintas, quen falará ao público sobre os '300.000 anos do traballo da pedra en Galicia' ás 11.00 horas no Centro Social Polivalente. Méndez é investigador posdoutoral Xunta de Galicia na Universidade de Vigo e centra as súas investigacións na prehistoria antiga europea e africana, que desenvolve en diferentes xacementos paleolíticos peninsulares, especialmente na conca do río Miño. Nesta zona lidera os proxectos en xacementos como Arbo, Porto Maior, Gándaras de Budiño ou A Piteira. Ademais é codirector da iniciativa Melka Kunture de Etiopía e do Olduvai Paleoanthropology and Paleoecology Project na Garganta de Olduvai en Tanzania. A charla rematará cunha visita guiada ás 12.00 horas ás escavacións arqueolóxicas das Gándaras de Budiño.

A terceira edición das Xornadas de Patrimonio do Concello do Rosal rematarán afondando no traballo dos cabaqueiros. O sábado 4 de novembro a doutora en Xeografía e profesora en Ensino Secundario Ánxeles Verea Castelo falará sobre 'Os 'fomentadores' da industria do barro'. O público poderá achegarse ás 11.00 horas ao Centro Social Polivalente para escoitar a esta investigadora descendente dunha coñecida saga de fabricantes de Boimorto que estuda dende hai anos o mundo dos cabaqueiros.

Na súa exposición explicará como naceu a súa paixón polo coñecemento dos telleiros do Baixo Miño e destacará non só o importante papel que exerceron na construción dunha das grandes obras do século XVIII como o estaleiro e arsenal de Ferrol, senón tamén que puxeron as bases do nacemento de futuras industrias cerámicas en Galicia.

Será a propia Ánxeles Verea a encargada de dar o pregón ao día seguinte, o domingo 5 de novembro, na xornada de demostracións do traballo dos cabaqueiros que se realizará a partir das 17.00 horas na Praza do Calvario.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais