JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal con Tania Justo

Será o martes 17 ás 17.30 h para nenos e nenas de 3 a 6 anos

O próximo martes, 17 de outubro, ás 17.30 h continúan as actividades de "Outubro mes da Biblioteca" cunha nova actividade de animación dirixida a rapazas e rapaces de 3 a 6 anos de idade.

Nesta ocasión estará na Biblioteca Pública Municipal de Tui Tania Justo co seu espectáculo "Cantacontos Kairos" que pretende fomentar a iniciación á lectura dos máis pequenos mediante diferentes historias e melodías buscando a implicación e participación dos nenos e nenas asistentes. É un contido adaptado para todos tipo de rapaces e rapazas e as súas familias.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, con esta actividade que mestura a lectura e a música dende a Biblioteca Municipal promóvese que os usuarios más cativos deste centro bibliotecario se acheguen aos libros dun xeito lúdico que contribúa ao fomento da lectura.

A programación de "Outubro, mes da Biblioteca" complétase o martes 24 de outubro, data na que se celebra o Día da Biblioteca, cunha nova sesión de contacontos para bebés de 0 a 3 anos de idades a cargo de Charo Pita.

Concello Tui


Presentación do libro "Ribadelouro; terra e auga é vida" de Manuel Vázquez de la Cruz

Será este sábado, 14 de outubro, ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez

Este sábado, 14 de outubro, terá lugar a presentación do último libro do tudense Manuel Vázquez de la Cruz titulado "Ribadelouro; terra e auga é vida" recentemente editado e que recolle as numerosas vivencias e experiencias acumuladas polo autor centradas arredor da súa parroquia de Ribadelouro. Este acto comezará ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez González no Edificio "Francisco Sánchez".

Nesta presentación o autor, Manuel Vázquez de la Cruz, estará acompañado pola súa irmá Marita Vázquez de la Cruz (prestixiosa xurista, presidenta da asociación Diálogos 90 pioneira nos temas de igualdade e Medalla de Ouro da cidade de Vigo en 2018) xunto coa escritora Marga do Val (autora de diversos poemarios, tradutora e crítica literaria e que co seu libro "A cidade sen roupa ao sol" logrou o Premio da Crítica de poesía daquel ano 2010).

Ao longo deste acto haberá un vídeo en lembranza de Laura Landeira, xunto coa actuación Mijail Ghanime Comesaña, con guitarra e canto, e tamén un baile de Patricia Ricón. En definitiva, un grupo de amigos de Manuel Vázquez de la Cruz que se reunirán en Tui para esta presentación.

O acto é de entrada libre ata completar o aforo e forma parte da programación de actividades da Biblioteca Municipal de Tui que ao longo deste mes se agrupan coa denominación de "Outubro, mes da Biblioteca".

Concello Tui


Balance positivo dos primeiros nove meses do servizo de permiso de uso de biotrituradoras

Pódese solicitar o uso da biotrituradora de forma gratuíta. O triturado dos restos de poda evita as queimas e xera estruturante para o proceso de compostaxe

Son diversas as iniciativas postas en marcha polo Concello de Tui a prol do medio ambiente. En decembro de 2022 comezou o Servizo de permiso de uso de Biotrituradoras e até a actualidade estas biotrituradoras municipais foron empregadas xa en 68 ocasión, o que é considerado un éxito da iniciativa, e demostra a utilidade do servizo para a cidadanía.

O concello de Tui conta con 4 máquinas biotrituradoras que, de forma gratuíta, son cedidas en uso durante unha semana, xunto cos elementos de protección auditiva e visual e un manual de uso. Coas mesmas pódense triturar restos de poda de até 4 centímetros de grosor, evitando a súa queima, e facilitando o seu uso por exemplo coma estruturante para os composteiros individuais.

Así con este servizo municipal contribúese a minimizar a queima de material vexetal que é unha das prácticas comúns de xestión dos restos de poda e que ten un custe ambiental moi elevados debido a xeración de gases de efecto invernadoiro e a perda de materia orgánica do solo. Tamén, coma se sinalou, co material obtido ofrecese un complemento en forma de viruta de madeira esencial para os proceso de compostaxe ao aportar este tipo material e mellorar a calidade do compost xerado tanto a partir de composteiros como mesmo ao realizado en pilla.

As persoas interesadas poden solicitar o uso da biotrituradora descargando o impreso de alta no servizos e a solicitude de autorización de uso dispoñibles en https://tui.gal/gl/departamentos/medio-ambiente/biotrituradoras. Estes documentos débense presentar xunto cunha instancia xenérica no rexistro de entrada do Concello ou a través da sede electrónica.

Concello Tui


Tui presente no novo portal turístico da Red de Juderías de España

En caminosdesefarad.com poden consultarse os seis roteiros distribuídos por áreas xeográficas. Tui forma parte do primeiro que inclúe tamén Ribadavia, Monforte de Lemos e León.

A promoción turística de Tui como membro da Red de Juderías de España, asociación na que se integrou en 2019, da un paso importante coa posta en marcha por parte da Red do novo portal turístico Caminos de Sefarad. Esta web céntrase na promoción turística do patrimonio xudeu que conservan as cidades pertencentes a este colectivo. Mentres redjuderias.org mantén a súa actividade centrándose na información da actividade da propia Red.

A concelleira de Turismo de Tui, Ana María Núñez Álvarez, salienta que esta nova web "Caminos de Sefarad" resulta de gran interese pois "ofrece os recursos precisos para que os interesados en coñecer a nosa cidade e o seu patrimonio ligado á presenza xudía se acheguen ata Tui como primeira etapa do roteiro que comprende as xudarías galegas - Tui, Ribadavia e Monforte de Lemos - xunto coa cidade de León.

A nova web, dispoñible en tres idiomas, español, portugués e inglés, ademais de destacar e dar protagonismo aos aspectos turísticos e patrimoniais da herdanza sefardí de cada unha das cidades da Red de Juderías, ten como obxectivo descubrilas a través de roteiros turísticos que conectan os 21 destinos.

Así articuláronse seis grandes roteiros distribuídos por áreas xeográficas. Nunha primeira ruta é posible descubrir as Xuderías galegas, de Monforte de Lemos, Ribadavia, e Tui, e a de León. A ruta das Xuderías do Alto Ebro percorre as cidades de Tudela, Calahorra, Estella-Lizarra e Tarazona. A viaxe polas Xuderías Mediterráneas visita Barcelona, Sagunto e Lorca. Mentres as Xuderías Andaluzas percorre Lucena, Córdoba e Xaén, as Xuderías de Castela articúlanse en torno ao legado de Toledo, Segovia, Ávila, ademais da salmantina Béjar; e o último roteiro polas Xuderías estremeñas levará ao turista a coñecer Cáceres, Plasencia e Hervás.

Cada etapa dos roteiros está vinculada a unha das cidades da Red, e en cada unha delas, ademais de material audiovisual promocional, pode descargarse gratuitamente a guía turística deseñada especificamente para descubrir a súa herdanza xudía, e acceder a unha base de datos de provedores de servizos da cidade.

O portal é un lugar onde o visitante pode contactar directamente cos provedores membros de RASGO, o selo turístico da Red, que facilitan servizos e experiencias turísticas asociadas aos roteiros. Así, restaurantes, aloxamentos e establecementos con oferta cultural e comercial poden ofrecer directamente a través desta plataforma o seu produto ao cliente final.

A través da web, tense acceso a aqueles provedores que ofertan experiencias destacadas e que foron deseñadas especificamente para promocionar e difundir o legado xudeu da cidade. Igualmente, terase acceso a unha serie de axencias de viaxe expertas en programar circuítos ou deseñar viaxes a medida polos Camiños de Sefarad.

Antes da viaxe

Co obxectivo de que a experiencia de descubrir as cidades da Red de Juderías se converta nunha experiencia total, a nova web propón unha serie de pasos a realizar antes da viaxe para coñecer a historia da cultura xudía a través da realización de cursos específicos, así como acceder, antes de emprender o roteiro, ao kit básico de Descubridor de Sefarad para poder selar o pasaporte en cada etapa, ou poder adquirir directamente as guías turísticas impresas e demais publicacións da Red de Juderías de España, que poñen en valor o seu patrimonio material e inmaterial.

Como novidade, para regresar cun recordo de Sefarad da viaxe, deseñouse un azulexo coa famosa marca da Rede de Xuderías que sinaliza nas cidades elementos patrimoniais vinculados á herdanza xudía, e que pode adquirirse directamente na web.

Memorias, testemuño dun legado común

Camiños de Sefarad propón formar parte aos visitantes de Regreso a Sefarad, un libro dixital de recordos que se construirá coas testemuñas e as imaxes do seu paso polas cidades da Red de Juderías, e poñerá en valor como o esforzo de recuperar o legado xudeu en España ten sentido para que poida ser visitado.

Todo o contido turístico da Rede de Xuderías de España está dispoñible en español en caminosdesefarad.com, en inglés en sephardicroutes.com e en portugués en caminhosdesefarad.com.

Concello Tui


Tui protagonizará un dos capítulos da serie documental "Caminos de Sefarad, diario de una ciclista"

Ainara Hernando, baixo a dirección de Salva Ruíz, rodou o sábado en Tui un dos capítulos

O patrimonio xudeu de Tui formará parte do documental "Caminos de Sefarad, diario de una cicilista" cuxa rodaxe chegou o sábado a Tui. Trátase dunha serie documental que se emitirá en La2 de TVE a próxima primavera.

Ainara Hernando, ciclista e xornalista especializada en ciclismo, percorrerá ao longo de 13 capítulos os municipios que contan cun destacado patrimonio histórico, artístico e cultural herdanza das comunidades xudías que os habitaron. Baixo a dirección de Salva Ruiz e coa produción de Surf Chanel, esta serie contará tamén cunha proposta didáctica para descubrir a cultura sefardí. A rodaxe desta serie documentou comezou o pasado domingo 1 de outubro.

En Tui Ainara Hernando, xunto a Manuel Guerreiro da empresa Tamuxe Kayak, percorreu o río Miño en piragua, gozando dunha fermosa panorámica do conxunto histórico dende o río, nunha calorosa mañá de outono. Logo dirixíronse ao conxunto histórico para na Catedral, da man do historiador Suso Vila, coñecer a menorá gravada no claustro, pero tamén os Sambenitos, e e outros elementos ligados á presenza xudía e criptoxudía na cidade. Do documental formarán parte tamén os outros dous municipios galegos membros da Red de Juderías de España, Ribadavia e Monforte de Lemos.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, amosa a súa satisfacción pola presenza de Tui desta serie documental que contribuirá á promoción turística da cidade a nivel nacional e internacional. Sinala que "no capítulo que gravado en Tui quedará reflectido a nosa gastronomía, o patrimonio, a natureza e a hospitalidade da cidade". Destaca a concelleira coma nunha nova ocasión a cidade é escenario de producións audiovisuais.

Concello Tui


O Concello de Tui entregou máis de 350 trampas e 700 doses de atraínte para loitar contra a vespa velutina

As persoas interesadas poden solicitar aínda este material de forma gratuíta

O Concello de Tui está comprometido na loita contra a vespa velutina, ante as adversas consecuencias que ten esta especie invasora. Así púxose en marcha unha campaña na que se levan entregadas 360 trampas, 50 en 2022 e 310 no que levamos de 2023, e 700 dose de atraínte, 100 en 2022 e 600 este ano. Deste xeito facilítase de forma gratuíta á poboación os medios materiais para loitar contra a invasión desta vespa ante as consecuencias que ten para a poboación de abellas, e para a seguridade da veciñanza xa que a picadura desta especie adoita ser de maior envergadura que as das vespas comúns.

As persoas interesadas en obter unha trampa ou a dose de atraínte pode solicitalo no teléfono 687 24 99 53, ou na Oficina de Xestión de Residuos, na nave municipal de Guillarei os xoves de 10 a 14 h. A concellería de Medio Ambiente do Concello de Tui fará entrega deste material de forma gratuíta até rematar existencias.

Por outra parte cómpre lembrar que no caso de ter un niño de vespa velutina preto dunha vivenda ou que ofrece un perigo para a poboación debe solicitarse a súa retirada no 012.

Concello Tui


Unha véntena de persoas participaron esta fin de semana en Tui nun Encontro de Autocoidado Profesional

O patrimonio natural e patrimonial, xunto aos servizos dispoñibles na cidade fixeron que Tui fose o lugar elixido para celebrar o II Encontro de Autocoidado Profesional organizado pola entidade de aprendizaxe vivencial e xestión emocional Creando Educación Social.

Raquel Montero e Lucía Fernández, de Creando Educación Social, puxeron en marcha esta iniciativa o ano pasado co obxectivo de crear espazos de encontro e autocoidado nos que profesionais do ámbito social coiden da súa saúde emocional, creando, ao tempo, unha rede de apoio sólida e que perdure no tempo.

Ata Tui desprazáronse esta fin de semana un véntena de persoas de Galicia, Madrid, Tenerife ou Valladolid. Así na cidade reuníronse profesionais e estudantes de Educación Social, Traballo Social, e Psicoloxía xunto a profesorado de toda España

Seguindo o programa previsto realizaron distintas actividades coma experimentación con arcilla, ou talleres de relaxación ou risoterapia. Amais o sábado pola tarde percorreron a senda do río Tripes guiadas pola Asociación de Muiñeiros do río Tripes.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, agradece ás organizadoras deste Encontro ter elixido Tui para a súa celebración, destacando coma a cidade reúne as características idóneas para este tipo de iniciativas tanto polos seus atractivos naturais, patrimoniais ou turísticos, coma polos servizos profesionais que hai na cidade para este tipo de evento dende aloxamento, restauración, guías, … Ana Núñez destaca amais coma este Encontro fai fincapé en algo tan importante coma o "autocoidado", necesario tanto dende o punto de vista persoal coma profesional.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais