O xurado visitou este mércores o municipio para coñecer os novos avances en materia medioambiental e de recuperación de espazos
O Concello de Tomiño participa un ano máis no programa Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. Despois de obter na pasada edición o máximo galardón, Tomiño continúa a traballar para revalidar as súas catro flores de honra.
Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), dous membros do xurado visitaron este mércores a vila para coñecer os últimos avances en materia medioambiental e paisaxística e achegarse de primeira man a algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos meses.
A visita comezou cunha reunión no salón de plenos do Concello, no que, tras o saúdo da alcaldesa, Sandra González, se lles amosou as intervencións e proxectos desenvolvidos ao longo do último ano. Acompañados pola concelleira de Medio Ambiente e Axenda 2030, Ana Belén Casaleiro; polo de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, e polo técnico municipal da Eurocidade Cerveira-Tomiño Xabier Macías, o xurado visitou tamén o Campo da Feira, un grande espazo renovado, sostible e deseñado para promover a convivencia, a estancia e o lecer nunha contorna segura e agradable.
O Concello tamén lles presentou como actuación destacada o realizado en Vilameán, onde se transformou o torreiro para convertelo nunha praza amable, sostible e accesible que pon en valor a arquitectura e patrimonio da contorna mentres se continúan recuperando espazos públicos para as persoas. Os novos sendeiros peonís que unen o centro urbano de Tomiño co IES Antón Alonso Ríos e o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán foron otros dos proxectos explicados.
Este é o quinto ano que o Concello de Tomiño participa no certame Vilas en Flor, un programa que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente.
A pasada edición, na que Tomiño conseguía por primeira vez o máximo galardón, o xurado destacou especialmente as intervencións artísticas realizadas nas rotondas a través do proxecto Cultivando Paisaxes, unha iniciativa posta en marcha grazas á colaboración da paisaxista Sinda Linda e dos viveiros da comarca coa Fundación Xabier Pousa que permitiu converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila. Durante a resolución, o xurado quixo tamén resaltar "a mellora constante do Concello e o esforzo feito para sacar adiante todas estas iniciativas innovadoras".
A presidenta de Eu Rural, Sandra González, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron o comedor escolar deste centro, que forma parte do proxecto piloto da Rede EcoComedores
O Porriño, 9 de outubro de 2023.- A Rede EcoComedores de Eu Rural desembarcou no Porriño para dar a probar os seus menús saudables á rapazada porriñesa. A presidenta de Eu Rural, Sandra González; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e as concelleiras de Educación e Turismo, Carolina González e Vanessa Ucha, visitaron o comedor do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, no que durante toda a semana pasada cativos e cativas degustaron un menú especialmente deseñado ao abeiro do proxecto con produto local, de tempada e ecolóxico.
Durante unha semana, os máis de 330 rapaces e rapazas que acoden ao comedor escolar deste centro educativo porriñés puideron probar un menú elaborado con produtos servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, o luns comezaban cunha ensalada de tomate e revolto de ovo con espinacas; o martes degustaron arroz 3 delicias e polo guisado con verduras; o mércores foi a quenda de ensalada de garavanzos e fideuá de verduras; o xoves houbo ensalada de pasta de entrante e pescada en salsa verde de prato; e o venres rematou con brócoli gratinado con patacas guisadas con tenreira. De sobremesa houbo todos os días froita de tempada, agás o xoves que foi acompañada de requeixo ou queixo fresco.
Durante a visita, Sandra González destacou "a importancia de proporcionar unha alimentación equilibrada aos nosos nenos e nenas dende unha idade temperá, porque ensinarlles a comer ben dende pequenos e pequenas, inculcando hábitos alimenticios sans beneficiará a súa saúde ao longo de toda a súa vida. Cremos que este proxecto contribuirá de xeito significativo ao benestar da nosa rapazada e á promoción dos e das empresas produtoras locais".
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o orgullo do Concello por colaborar estreitamente no proxecto Rede EcoComedores. "Queremos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas en todos os aspectos e a alimentación saudable é un piar fundamental deste compromiso. Traballar da man cos centros escolares e apoiar iniciativas que promoven unha dieta equilibrada e o consumo de produtos locais e de tempada é esencial para construír un futuro máis sostible", recalcou o rexedor.
Todos os produtos empregados para a elaboración dos menús están a ser servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, por exemplo, o pan é do Porriño; a carne do Suído de Fornelos de Montes dun gandeiro con carnicería propia; o pito ecolóxico e o queixo de Redondela; os cereais integrais, o arroz e as legumes da Guarda; a horta e a froita do Rosal e o peixe de Mos.
A Rede EcoComedores é un proxecto de cooperación que busca tecer unha rede para asesorar, promover e formar ao persoal de cociña e responsables dos comedores escolares na elaboración de menús equilibrados e saudables que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico. Coordinado polo grupo de desenvolvemento local Mariñas-Betanzos, nesta iniciativa participan Eu Rural e outros oito GDR: Seitura 22, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Terras de Lugo, Asociación Montes e Vales Orientais, GDR Limia-Arnoia e Asociación Condado-Paradanta. Conta tamén coa participación de Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) como entidades colaboradoras,
O proxecto está cofinanciado nun 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, en un 10% polas entidades colaboradoras do proxecto.