JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal pon en marcha a reparación de case 12.000 m2 de camiños

O Concello saca a licitación as obras ao abeiro do programa de melloras nos camiños rurais

Os traballos terán un custe de 140.000€ financiados pola Deputación de Pontevedra a través dunha subvención para a reparación de danos causados polas inundacións

O Concello do Rosal continúa avanzando no seu programa de intervencións nos camiños rurais con novas obras de mellora nos camiños de Canas e Morraceira e unha parte da Estrada de Couselo dende o cruce entre o camiño Barriños e o camiño Couselo de Abaixo ata o camiño Vilariños, en Fornelos.

Así, o Goberno municipal ven de sacar a licitación os traballos de reparación de case 12.000 metros cadrados de camiños co obxectivo de "aumentar a comodidade e seguridade viaria en tres camiños que resultaron danados polas fortes choivas ocasionadas o pasado Nadal, ao tempo que se renova o pavimento, deteriorado nalgunhas zonas", como explica a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

As obras, que terán unha duración de tres meses, saen a contratación por case 140.000 euros financiados ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a reparación de danos causados polas intensas choivas de decembro de 2022, que causaron graves estragos en bens, equipamentos, infraestruturas e instalacións municipais.

Aínda que os tramos que se procederá a arranxar non presentan danos estruturais, si é necesario reparar as zonas deterioradas que poden afectar á seguridade da circulación renovando a superficie da calzada, o que permitirá mellorar as súas características funcionais así como a súa durabilidade.

As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 30 de outubro.

Concello de O Rosal


O Rosal busca a súa primeira 'Flor de Honra'

O xurado do certame 'Vilas en Flor' visitou este xoves o municipio para coñecer a traxectoria do Concello na mellora dos espazos verdes urbanos e na xestión sostible

O Concello do Rosal opta por primeira vez a conseguir unha 'Flor de Honra' do certame internacional Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), tres membros do xurado visitaron este mércores o municipio rosaleiro para coñecer a traxectoria do Concello para mellorar e potenciar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación veciñal no coidado da contorna natural.

A visita comezou cunha reunión no consistorio no que se lles amosaron as intervencións e proxectos desenvolvidos ao abeiro da transformación verde do Rosal, "unha aposta pola sustentabilidade ambiental en todas as áreas de acción e competencia municipal para converternos nun concello do rural galego modelo do avance sostible, respectuoso e responsable coa nosa realidade e o noso medio ambiente", como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís durante o encontro.

O encontro continuou co percorrido da Praza do Calvario, exemplo de transformación e de recuperación de espazos públicos nun Rosal pensado para as persoas no que se traballa para eliminar o uso desmedido da mobilidade motorizada e a contaminación ambiental ou o emprego de materiais contaminantes na creación das áreas de lecer. Son máis de 5.200 metros cadrados que pasaron de ser un aparcamento a unha zona de lecer e convivencia que permite un maior dinamismo social e económico da contorna.

Alcaldesa, equipo de Goberno e xurado desprazáronse tamén ata a Explanada do Horizonte, un dos tres ecoparques creados nos últimos tres anos no Rosal, áreas de lecer creadas mantendo as características xeomorfolóxicas do lugar e a vexetación autóctonas e con orixinais instalacións para uso e desfrute da cativada. Xunto a esta zona deseñada por María Fandiño e con numerosos galardóns a nivel internacional, tamén se lles explicaron as actuacións realizadas no ecoparque de Viso dos Eidos e no ecoparque do Sobreiral, no centro urbano do Rosal.

Outro dos piares fundamentais da visita foi o percorrido polas Eiras, tanto pola capela da Madalena como pola zona do río. Neste espazo, alcaldesa e equipo de Goberno amosaron aos membros do xurado a contorna das sobreiras da Madalena, incluídas no catálogo de árbores senlleiras de Galicia, O Concello está a traballar nun proxecto de conservación e transformación do paisaxismo desta contorna, potenciando o gran valor natural da contorna da Ribeira para conectalo co gran valor natural e matrimonial do Monte da Madalena.

A alcaldesa amosou a súa satisfacción pola visita do xurado do certame Vilas en Flor e o seu convencemento de que O Rosal obterá moi bos resultados na súa primeira candidatura a obter unha Flor de Honra. "A sostibilidade ambiental é para nós unha cuestión estratéxica e transversal que afecta a todas as áreas de decisión e xestión e que forma parte fundamental de transformación do municipio", asegurou Fernández Callís. A rexedora tamén resaltou que "o equipo de Goberno segue a traballar en proxectos para a consolidación e desenvolvemento de accións e proxectos futuros que consoliden e acrecenten a transformación verde e sostible dos rosaleiros e rosaleiras".

Concello de O Rosal


O Rosal acolle a terceira edición do Foro da Muller Rural Galega de Eu Rural

Celebrarase o vindeiro venres 20 de outubro cunha xornada de networking na que 16 mulleres compartirán a súa experiencia liderando iniciativas rurais no territorio

As mulleres emprendedoras volven ser as protagonistas na terceira edición do Foro da Muller Rural, unha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural coa que conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais e dar voz a todas as mulleres que apostaron polo rural, traballando, vivindo, transformando e mellorando o territorio.

A bodega Quinta Couselo do Rosal será o escenario no que se darán cita as 16 protagonistas deste ano, que explicarán a súa situación liderando proxectos rurais nos 13 concellos de Eu Rural. Despois do almorzo e networking, ás 10.30 horas comezará a inauguración oficial, que dará paso ao apartado 'Compartindo experiencias, visibilizando realidades', nas que se coñecerá a historia de todas as protagonistas.

Este ano a realidade do rural estará visibilizada por Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona), Teresa Covelo, da casa niño 'Curuxa de Lúa' (Fornelos de Montes); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación 'Llamas de Cea' (Nigrán); a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de 'Héroes para la ciencia' (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); a arquitecta María Fandiño, do Rosal; Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño); e Tui.

Tras este espazo de intercambio ás 12.30 horas procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta teceira edición, que será do concello rosaleiro.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través dun formulario disposto na páxina web de Eu Rural, onde poderá atopar máis información sobre a xornada.

Eu Rural




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais