JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tui reivindica a posta en valora das iniciativas locais de Turismo Sostible

As entidades participantes na xornada de "Oportunidades de Turismo Verde en Tui" poñen o acento na calidade fronte a cantidade e nunha maior coordinación na xestión do turismo

A xornada "Oportunidades de Turismo Verde en Tui" celebrada onte no Edificio Francisco Sánchez destinada a reflexionar sobre a sostibilidade turística con representantes de proxectos de boas prácticas de diferentes puntos de Galicia serviu para poñer en valor aquelas iniciativas que nacen da iniciativa local e contan coa colaboración das asociacións ou as administracións nas que se desenvolven. De feito todas as persoas participantes coincidiron en destacar que os proxectos que nacen de abaixo arriba aínda que son máis complexos deixan un maior retorno social no territorio. Outra das cuestións que reivindicaron é unha maior coordinación entre os diferentes entes que operan nun destino tanto públicos (administracións) como privados (asociacións ou representantes do sector) para que exista unha xestión ordenada do destino Galicia e daqueles espazos de maior tracción turística.

Por outra banda, na rolda de intervención expuxéronse diferentes preocupacións ou retos que se deben afrontar.

María Abuín da empresa MÁIS QUE ROMÁNICO que opera na Ribeira Sacra defendeu que a sostibilidade dos territorios do rural e dos espazos naturais depende tamén de primar a calidade sobre a cantidade e no mesmo sentido se manifestaron Leticia Castro e Andrea Menéndez que desde a súa experiencia de artesanía e creatividade colaborativa en O Grove manifestaron a súa preocupación polo turismo de consumo rápido e barato e defenderon un modelo no que as persoas visitantes disfruten da paisaxe, da tradición local, dos recursos culturais e consuman nas vilas que visitan.

Diego Chapela, da Fundación Juan XXIII fixo fincapé na defensa do ocio e turismo inclusivo no que as persoas con discapacidade poidan desenvolverse profesionalmente nas diferentes actividades (guías, hostelería, atención ao público, etc) e explicou o proxecto de formación dual e recuperación do entorno do Lago de Castiñeiras para uso turístico que está a realizar a asociación.

A visión local sobre as oportunidades de turismo verde dérona Ricardo Da Silva e Alberto Romer da Asociación de Muiñeiros do río Tripes que explicaron as diferentes actividades que realizan con visitas escolares e eventos culturais e destacaron a importancia de coidar o patrimonio etnográfico e o entorno natural de Tui para poñelo ao servizo do desenvolvemento sostible.

Por último todas as entidades destacaron o potencial que ten o municipio de Tui para o desenvolvemento turístico do destino a través do río Miño, as diferentes sendas e os espazos naturais como recursos complementarios da potencial dun patrimonio histórico e cultural de referencia en Galicia. Neste senso a concelleira de Turismo, Ana Núñez, que pechou a xornada, destacou "o esforzo na captación de recursos para conservar e embelecer toda a zona monumental e para poñer en valor todos os recursos fluviais que serven para disfrute da cidadanía local e tamén para diversificar e desestacionalizar a oferta turística". Ademais anunciou que se realizarán mesas de traballo e novas xornadas no ano 2024 co sector turístico e o comercio da cidade.

Concello Tui


Teatro, música e cinema encherán o Teatro Municipal na programación de Outono

A cita será cada venres con espectáculo para público infantil e adulto. As entradas están xa á venda en tui.gal

Oito espectáculos conforman a programación de outono que do 6 de outubro ao 24 de novembro se poderá gozar no Teatro Municipal de Tui. Teatro, música, maxia e cinema centran esta proposta cultural.

A programación foi presentada esta mañá na casa do concello de Tui pola concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, e a primeira tenente de alcalde, Ana Núñez, xunto a Alba Caneda, actriz, Antela Cid, produtora, e Fran Peleteiro, produtor da Compañía Humana, e Laura De Gabriel Alberti, produtora e cantante de Uxía Lambona, dúas das compañías que actuarán no Teatro Municipal este outono.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención que "o Teatro Municipal de Tui goza de moi boa saúde, conta cun público estable". Salientaba que grazas á pertenza á Rede Galega de Teatro e Auditorios podemos gozar dunha programación ampla "na que se este concello vai seguir implicado e participando porque é aposta que imos seguir facendo ". Destacou a colaboración do AGADIC a través e o compromiso e implicación do concello. Salientou coma se oferta unha proposta para todos os públicos cunha programación moi variada.

Pola súa a primeira tenente de alcalde, Ana Núñez, aludiu tamén a aposta clara que o Concello de Tui fai polo mundo da cultura nas distintas programacións que se realizan ao longo do ano, cunha selección para todos os públicos e presentando distintos xéneros. "Tui destaca pola súa cultura" afirmaba a concelleira.

Dos oito espectáculos previstos catro son para público infantil e familiar e catro para público adulto.

A Compañía Humana será a encargada de abrir esta programación o próximo venres 6 de outubro con "Iphixenia", unha revisión contemporánea do clásico de Eurípides. Sara Rey dirixe esta obra interpretada por Alba Caneda. Tal e coma explicaba hoxe actriz protagonista salientaba que esta é "unha obra necesaria" na que denuncia os recortes, principalmente no ámbito da sanidade, pero se abordan tamén sociais. Antela Cid e Fran Peleteiro, actores que agora contan coa súa propia compañía Humana, salientaban que "este é un texto que conecta con moito público e coa xuventude" e aludían a que esta é a primeira vez que este texto galardoado noutros países se presenta en galego nunha revisión contemporánea na que "Iphixenia se sacrifica polo ben da sociedade".

Talía Teatro representará o venres 20 de outubro "Unha inimiga do pobo", unha adaptación do clásico de Ipsen dirixido por Tito Asorey e interpretado por Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala. Unha prestixiosa médica que volve á súa vila para emprender novos proxectos é a protagonista desta historia na que loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos.

Outra historia protagonizada por unha muller chegará coa proxección da película "Matria" de Álvaro Gago. María Vázquez obtivo o Premio á mellor actriz no Festival de Málaga pola interpretación de Ramona. A cita será o venres 10 de novembro.

Pechará esta programación o 24 de novembro Redrum Teatro con "Hamelin". Alex Sampayo dirixe esta obra baseada no texto de Juan Mayorga e interpretada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rubén Porto e Fran Lareu. De forma sutil aborda as diversas formas de violencia sobre nenos e nenas nunha cidade Hamelin, que podería ser calquera cidade.

O público infantil e familiar contará tamén con catro espectáculo. O ilusionista Joshua Kenneth presentará o seu espectáculo de maxia "Degustación de imposibles" o venres 13 de outubro.

Unha revisión do clásico "Pedro e o lobo" chegará ao Teatro Municipal o venres, 27 de outubro, con Fantoches Baj. Inacio Viñariño é o director e tamén actor xunto a Larraitz Urruzola, e Luchi Iglesias desta obra na que empregan marionetas manipuladas coa técnica xaponesa do bunraku e acompañadas coa música do clásico de Prokofiev.

"Un soño é…" é o novo espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona que estará en Tui o venres, 3 de novembro. O fío conductor do espectáculo son os soños de cada un dos integrantes da banda, Ñoc, Pali, Abraham, Serghaño, Roscón e Uxía, tal e coma hoxe explicaba Laura De Gabriel. Sinalaba que este non será "un concerto ao uso" xa que terá unha gran parte de animación. Laura De Gabriel animaba "á rapazada a cantar e bailar con nós" nas versións que fan de cancións galegas e temas propios.

O venres, 17 de novembro, Baobab Teatro representará "Ás para Álex". Andrea Bayer e Óscar Ferreira dirixen a Cora Velasco e Xose Esperante neste espectáculo protagonizado por Alex, un neno de 8 anos, ao que Laura lle ensina a cambiar a mirada logo de ter que renunciar a todo o que lle gustaba tras perder a mobilidade.

A cita será cada venres ás 19.30 h para os espectáculos infantís e ás 21.30 h no caso dos dirixidos a público adulto. As entradas están á venda dende hoxe en tui.gal con prezos que oscilan entre os 3€ e os 10€ en función do espectáculo, e os descontos establecidos. Pódense adquirir até quince minutos antes do inicio da función.

Programación de Outono no Teatro Municipal de Tui
" Compañía Humana - Iphixenia na porta do súper
o Venres, 6 outubro, ás 21.30 h
o Xénero Monólogo teatro
o Publico +12 anos
" Joshua Kenneth con "Degustación de Imposibles"
o Venres, 13 outubro, ás 19.30 h
o Xénero Maxia familiar
o Publico Todos os públicos
" Talía con "Unha inimiga do pobo"
o Venres, 20 outubro, ás 21.30 h
o Xénero drama
o Publico adulto +14 anos
" Fantoches Baj con "Pedro e o lobo"
o Venres, 27 outubro, ás 19.30 h
o Xénero monicreques
o Público +4 anos
" Uxía Lambona e a banda molona con "Un soño é…"
o Venres, 3 novembro, ás 19.30 h
o Xénero musica infantil
o Público Todos os públicos
" Cinema Matria
o Venres, 10 novembro, ás 21.30 h
o Xénero cine
o Publico +12 anos
" Baobab Teatro con "Ás para Álex"
o Venres, 17 novembro, ás 19.30 h
o Xénero infantil familiar
o Publico +5 anos
" Redrum Teatro con "Hamelin"
o Venres 24 novembro, ás 21:30 h
o Publico adulto +14 anos

Concello Tui


O VII Supercross Cidade de Tui reunirá a máis de 70 pilotos

A proba celebrarase sábado, 30 de setembro, nas instalacións Offroad do Motoclub Randufe en Rebordáns

O Motoclub Randufe, en colaboración co Concello de Tui, organizará mañá sábado, 30 de setembro, nas instalacións Offroad de Rebordáns, o VII Supercross Cidade de Tui. Participarán máis de 70 pilotos de Galicia e Portugal, nas distintas categorías do evento.

A partir das 11.00 horas e até as 14.00 horas, celebraranse os adestramentos oficiais, e ás 16.00 horas comezará a competición nas distintas categorías, para nenos e nenas, con motos de 50 centímetros cúbicos, 65 cc e 85 cc, e para maiores de 18 anos, as categorías serán amateur, élite e Pro.

O formato de supercross consta dunha pista con saltos e curvas, onde os pilotos terán que dar voltas en modo competitivo.

Destacar a presenza de Román Pérez, varias veces Campión de España e instrutor de Jorge Prado, actual campión do Mundo. O piloto local Thiago Rodríguez, competirá na categoría de 65 centímetros cúbicos.

Concello Tui


O programa "Cultiva a Mente" do Concello de Tui chega a todas as parroquias promovendo o envellecemento activo

A pasada temporada participaron 134 persoas maiores de 55 anos en 9 parroquias

Traballar na prevención e promover un envecellemento activo da poboación son parte dos obxectivos do programa "Cultiva a Mente" organizado e financiado polo Concello de Tui, que dende hai cinco anos se realiza en colaboración de AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia. Dende o primeiro momento dende o Concello de Tui optouse por descentralizar este servizo dirixido á poboación maior de 55 anos achegando esta actividade á poboación das parroquias, favorecendo ao tempo a socialización entre a veciñanza.

"Cultiva a Mente" iniciará a súa sexta temporada no mes de outubro presentando coma novidade que por vez primeira contará con sesións semanais en todas as parroquias, ao incorporarse Baldráns e Paramos.

Nas sesións, de forma dinámica traballarase na promoción dun estilo de vida activo e saudable, no uso de estratexias de memoria activa, no desenvolvemento dun axeitado estado emocional xerando estratexias de autocoñecemento e xestión emocional, previndo a soidade non desexada e fomentando unha aprendizaxe continuada. Neste programa trabállase en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Beatriz Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA, será a encargada de impartilo.

O curso pasado o programa desenvolveuse en 9 parroquias contando con 134 persoas participantes cunha idade media de 80 anos, e das que o 83% foron mulleres. Entre outras iniciativas realizaron actividades interxeneracionais con alumnado do CEIP nº 1 no proxecto "Xeracións activas #ODS2030", e co CEIP de Guillarei co proxecto "Unha historia de amizade".

Nesta nova temporada a actividade comeza a próxima semana os grupos xa formados, e na semana do 9 ao 15 de outubro para os novos. As sesións serán semanais cunha duración de hora media.

Así os martes ás 9.30 h será en Malvas, ás 11.30 h en Ribadelouro, ás 16.00 h en Baldráns e ás 18.00 h en Paramos. Mentres os mércores as sesións serán ás 9.30 h en Pazos de Reis, ás 11.30 h en Areas, e ás 19.00 h en Randufe. Mentres os xoves ás 16.00 h o programa chegará a Caldelas, e ás 18.00 h en Pexegueiro. Por último os venres será ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns.

As persoas interesadas poden inscribirse cubrindo o impreso dispoñible en tui.gal e presentándoo na sede electrónica ou no Departamento de Servizos Sociais.

Concello Tui


O domingo 31 de decembro celebrarase a II San Silvestre Solidaria de Tui

O Concello de Tui e o Club Atletismo Tui organizarán esta segunda edición, de novo a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro

Tralo éxito do ano pasado, no que participaron máis de 500 persoas, o Concello de Tui e o Club Atletismo Tui traballan xa na organización da segunda edición da San Silvestre Solidaria, que terá lugar o domingo 31 de decembro, a partir das 10.30 h, dende o Paseo da Corredoira de Tui.

A semana pasada o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, reuniuse co coordinador territorial da Asociación Española contra o Cancro, AECC, Telmo Crespo e coa delegada no Baixo Miño, Pilar Barbosa, confirmando que, como na edición pasada, a proba celebrarase a beneficio desta entidade. A AECC realizou en 2022 máis de 500 intervencións no Baixo Miño, e máis de 300 no primeiro semestre do 2023, axudando a pacientes e familiares cos seus servizos gratuítos.

En palabras de Telmo Crespo, estar presentes nesta proba non so implica a posibilidade de seguir investindo en investigación grazas á recadación solidaria dos participantes, se non tamén dar visibilidade ao labor que realizan de forma gratuíta no Baixo Miño e axudarlles na busca de voluntarios.

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes lembrou que o ano pasado a proba foi un éxito de participación e organización. Amosou a súa intención de seguir colaborando coa asociación nas seguintes edicións.

As inscricións para a II San Silvestre Solidaria poderán realizarse entre o 1 e o 28 de decembro na páxina web do Club Atletismo Tui. A carreira contará tamén cunha parte lúdica xa que ao remate do evento haberá chocolate quente e rosca, e ás 12 h tomaranse as uvas na praza da Inmaculada.

Concello Tui


Actividades para todas a idades en 'Outubro mes da Biblioteca'

A programación comeza o próximo martes con contacontos e unha exposición

Tui. Mércores, 27 de setembro de 2023.
Ao longo do mes de outubro celebrarase en Tui un amplo programa baixo o título de "Outubro mes da biblioteca". Está organizado pola Biblioteca Municipal tudense co obxectivo de achegar á lectura á sociedade tudense con actividades tanto para público infantil coma adultos, e exposicións.
A primeira proposta chegará o próximo martes, 3 de outubro, ás 17.30 h con La Compañía Espectacular o contacontos con música en vivo "Os nunkis e obradoiro creativo" dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Nesta mesma xornada ás 19.30 h inaugurarase na Sala Municipal a exposición fotográfica "Cuentos, relatos y narraciones" de Manuel Martínez Tobaruela.
O martes 10, ás 17.30 h, realizarase un obradoiro de robótica educativa no que nenos e nenas de 6 a 12 anos poderán deseñar e programación diferentes robots con material e Lego Educación.

O sábado 14, ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez presentarase o libro "Ribadelouro: terra e auga é vida" de Manuel Vázquez de la Cruz, nun acto no que amais do autor participarán María Teresa Vázquez de la Cruz e Marga do Val.
Unha mesa redonda analizará o luns 16 ás 20 h a vida e obra de escritora tudense María Tydeska coincidindo coa conmemoración do Día das Escritoras.
A nenos e nenas de 3 a 6 anos vai dirixido o espectáculo "CantaContos Kairos" que Tania Justo presentará o martes 17 ás 17.30 h. E por último pechando este programa o martes 24, Día da Biblioteca, ás 17.30 h Charo Pita presenta "Porco, porquiño, ensíname o Camiño" no que bebés de 0 a 3 gozarán con contos, brincadeiras, rimas e cancións.
Este ano o lema do Día da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro, é "Tecendo Comunidades". Co mesmo preténdese destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. O cartel conmemorativo a nivel nacional foi realizado pola ilustradora Nuria Riaza. Como sinala a convocatoria deste "Día das Bibliotecas", unha biblioteca non é só un edificio cheo de libros: son corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, son espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizan todas as bibliotecas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos seus usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca que esta programación pretende achegar ao centro bibliotecario tudense á sociedade proporcionando a través das actividades programadas ferramentas para o crecemento, tanto individual como social, mediante a transmisión dos valores que agocha a lectura. Este mesmo impulso está presente no funcionamento do Club de Lectura da propia Biblioteca que reúne a 20 persoas interesadas no intercambio de ideas, de experiencias suscitadas pola lectura dunha obra. Cada lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este "Tecendo comunidades" que celebramos neste ano 2023.

Programa 'Outubro mes da Biblioteca'
Martes 3 ás 17.30 h
"Os nunkis e obradoiro creativo" por La Compañía Espectacular
Contacontos para nenos e nenas de 6 a 12 anos acompañado de música en vivo. O protagonista é un neno, amigo dos Nunkis. Un neno que cre na maxia e no seu poder persoal.

Martes 3 ás 19.30 h
Inauguración da exposición "Cuentos, relatos y narraciones" fotografías de Manuel Martínez Tobaruela (ata 28 de outubro)
Sala Municipal de Exposicións - Edificio "Francisco Sánchez"

Martes 10 ás 17.30 h
"Obradoiro de robótica educativa. Creatividade inspiradora" por A Nube de Artear
Obradoiro de robótica educativa no que os participantes desenvolverán a súa creatividade deseñando, programando e dando vida a diferentes robots co material de lego educación. Actividade que busca fomentar a aprendizaxe mediante o xogo mentres constrúen os seus modelos con pezas, motores e sensores.
Indicado para idade de 6 a 12 anos - compre inscrición en biblioteca@tui.gal

Sábado 12 ás 12.30 h
Presentación do libro de Manuel Vázquez de la Cruz: "Ribadelouro: terra e auga é vida"
Sala Félix Rodríguez González (Edificio "Francisco Sánchez").
Coa participación de María Teresa Vázquez de la Cruz, Marga do Val e o propio autor.

Luns 16 ás 20.00 h.
Día Das Escritoras: María Tydeska
Edificio "Francisco Sánchez"
A celebración desta xornada estará centrada na escritora tudense "María Tydeska" (María Gloria Pereira) cunha interesante obra poética tanto en galego como en español. Unha mesa redonda analizará a vida e obra desta descoñecida escritora tudense.

Martes 17 ás 17.30 h "CantaContos Kairos" con Tania Justo Contos Cantados de Tania, que inmiscuirá ós máis pequenos nas diferentes historias e melodías, buscando a participación de nenos e nenas entre 3 a 6 anos.

Martes 24 ás 17.30 h "Día da biblioteca"
"Porco porquiño, ensíname o camiño" por Charo Pita
Contos, brincadeiras, rimas e cancións porcas, porquísimas para pasalo en grande cos máis peques da familia. Indicado para bebés de 0 a 3 anos

Concello Tui


A Oficina de Turismo de Tui atendeu na fin de semana peregrinos e peregrinas de 24 nacionalidades

Das 167 persoas que realizaban o Camiño e solicitaron información 132 eran internacionais e 35 nacionais

O dinamismo e internacionalización que está a vivir o Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Tui queda reflectido nos datos rexistrados esta fin de semana pola Oficina Municipal de Turismo tudense. Dende o venres até o domingo 167 peregrinos e peregrinas se achegaron até este punto de información turística. O 80% eran persoas estranxeiras de até 24 nacionalidades. Estes datos son unha mostra do importante número de persoas que estes días transitan por Tui camiño de Compostela e cuxa presenza é habitual e numerosa nas rúas da cidade e tamén nos distintos establecementos de hostalería e restauración. Os datos rexistrados superan as expectativas existentes e dan conta do extraordinario nivel de afluencia que o Camiño Portugués está a vivir.

Así o persoal da Oficina Municipal de Turismo atendeu na fin de semana a 132 peregrinos e peregrinas internacionais e a 35 nacionais.

Houbo así 45 consultas de persoas de EEUU que están a realizar o Camiño Portugués, 17 de Alemaña, 7 do Reino Unido, e 6 de Arxentina pero tamén doutros países coma Bélxica (5), Brasil (5), Canadá (4), Italia (4), Porto Rico (4), Portugal (4), República Checa (4), Croacia (3), Irlanda (3), Países Baixos (3), Polonia (3), Xapón (3), Austria (2), Ecuador (2), Singapur (2), Suíza (2), Perú (1), Taiwan (2),e Turquía (1).

Mentres os 35 españois que estaban a realizar o Camiño e se achegaron até a Oficina Municipal de Turismo procedían de Barcelona (5), Granada (5), Madrid (5), Baleares (4), Huesca (4), Alacante (2), Burgos (2), Las Palmas (2), Tenerife (2).

A concelleira de Turismo, Ana Nuñez Álvarez, destaca que estes extraordinarios datos expresan o dinamismo dos Camiños Portugueses, tanto o chamado Camiño Central como o da Costa, que conflúen nos seus trazados oficiais en Valença e Tui. Engade que hai que ter en conta que os datos da Oficina Municipal de Turismo son indicativos desta dinámica, xa que só unha pequena parte dos peregrinos e peregrinas que pasan por Tui se achegan ata este punto de información turística. Ana Núñez sinala que "o Camiño Portugués conforma na actualidade un dos principais elementos dinamizadores do sector turístico tudense". Reclama a edil por parte de todos os axentes implicados "un compromiso pola calidade e mesmo a excelencia na súa atención para manter esta dinámica de crecemento na que nos atopamos".

Concello Tui


Investimento de 2 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia nas obras de rehabilitación da praza de Abastos e do Cárcere Vello

Ambos proxectos están agora en fase de licitación

Tui contará cun investimento de preto de 2 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia NextGenerationEU que posibilitarán a rehabilitación da Praza de Abastos e do Cárcere Vello. Ambas obras están nestes momentos en licitación e prevese que poidan comezan a executarse antes de que remate o ano.

Por unha banda as obras da Praza de Abastos sae a licitación por un importe de 1.127.306,66 euros. O prazo de presentación de propostas está aberto até o 5 de outubro a través da Plataforma de Contratación do Estado.

O proxecto a executar suporá a transformación integral da praza de abastos e a súa modernización e dixitalización. Na actuación mellorarase a envolvente do edificio, instalarase sistemas de aerotermia e aproveitarase a luz natural do lucernario co que se mellorará a eficiencia enerxética da praza, un aspecto no que redundará tamén a carpintería de alumiño RPT que se instalará así coma a iluminación de baixo consumo.

A praza estruturase en catro zonas. No extremo suroeste estará o acceso principal limitando coa nova zona exterior cuberta que se vai crear. No lado sureste haberá un acceso secundario, mentres a zona noreste terá vocación de servizos co acceso de carga e descarga. Por último no noroeste crearase un local gastronómico e unha área polivalente que servirá de obrador e sala de formación e degustación para acoller cursos ou charlas.

No centro da praza haberá unha illa informativa visible dende o acceso, que proporcionará información ás persoas que se acheguen a esta instalación. Entre os catro espazos plantexados crearanse percorridos para favorecer a interacción e a compra. Os postos dos praceiros e praceiras ocuparán o perímetro da zona central situando no medio unha zona de descanso con mesas e cadeiras.

Por outra parte están tamén en proceso de licitación o proxecto de rehabilitación do Cárcere Vello por importe de 550.004,43 euros por parte de Turismo de Galicia. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas até o 3 de outubro.

Tras as obras, financiadas con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia NextGenerationEU, o Cárcere Vello recuperará a súa estrutura e imaxe orixinal para converterse Centro de Recepción e Atención de Peregrinos e Centro de Interpretación Histórico-Artístico. O proxecto museográfico a realizar porá en valor o patrimonio e legado histórico de Tui. O edificio dotarase coa última tecnoloxía con de holografías e paneis interactivos que permitirán percorrer a historia tudenses. Amais será totalmente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará cunha consigna para peregrinos e no patio crearase unha praza central que poderá gozar tanto a poboación local coma as persoas que visiten Tui.

O goberno municipal de Tui, co avance na tramitación destas dúas obras, destaca a aposta por "proxectos ambiciosos destinados a mellorar os equipamentos e os servizos da cidade". Engaden que o investimento de case 2 millóns de euros nesta actuación é froito "do traballo de xestión e planificación realizado previamente na elaboración dos proxectos", así como no traballo rigoroso realizado para poder concorrer as liñas de subvención das diferentes administracións.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais