|
Sete concellos de Galicia e Norte de Portugal únense para apoiar o Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago
Alcaldesas, alcaldes e presidentes asinaron este venres en Tomiño o respaldo a un itinerario medieval de 200 km de gran valor natural, patrimonial e inmaterial
Sete concellos de Galicia e do Norte de Portugal únense para certificar o Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago. Alcaldes, alcaldesas, presidentes e representantes municipais de Tomiño, Gondomar, Redondela, Vila Nova de Cerveira, Póvoa de Varzim. Viana de Castelo e Caminha reuníronse este venres no Espazo Fortaleza de Goián para asinar a declaración da 'Vila da Barca', un documento de apoio a esta variante, un itinerario medieval de 200 km cun gran valor natural, patrimonial e inmaterial.
"Damos os segundo paso dun camiño que vai ser longo, pero esta variante do Camiño de Santiago é un símbolo máis das novas pontes de amizade en Europa e que entende o valor desa cooperación transfronteiriza que nos caracteriza porque o Miño para nós é un río que nos une", destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante o acto.
O presidente da Câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, salientou que esta iniciativa "é un exemplo de que a colaboración e as relacións transfronteirizas fan de nós un territorio único e o Camiño é a ligazón que nos faltaba para artellar ese percorrido".
O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago trátase dunha Ruta Xacobea que comeza na igrexa de São Pedro de Rates, en Póvoa de Varzim, e atravesa os municipios de Viana do Castelo, Caminha e Vila Nova de Cerveira para cruzar o Miño. No lado galego, este camino percorrido por peregrinos e peregrinas dende o século XIII desembarca en Tomiño e pasa por Gondomar e Redondela, onde conflúe co Camiño Portugués en dirección a Santiago de Compostela.
A través deste documento os sete concellos comprométense a preservar a herdanza cultural a través da protección e divulgación desta variante; pugnar pola súa valorización a través de iniciativas sostibles de ámbito cultural, infraestrutural e socioeconómico; e a xestión a correspondente certificación ante os organizamos competentes. A certificación da variante do Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago debe formalizarse ante o Xacobeo e Turismo de Galicia do lado galego, mentres que en Portugal deberá facerse ante Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPNP).
O acto de sinatura contou coa presentación ademais da alcaldesa e do presidente de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, coa do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; a concelleira de Redondela Iria Vilaboa; a vereadora de Póvoa de Varzim Maria Lucinda Campos Amorin Ramos; a vereadora de Viana do Castelo Fabiola Oliveira; o vereador de Caminha Joao Antonio Branco Pinto; e do vicepresidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Inácio Ribeiro.
O proxecto de recoñecemento e posta en valor desta variante comezou hai aproximadamente un ano cun traballo iniciado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño cunha investigación histórica realizada polo arquitecto e investigador Antonio Soliño que documenta o paso de peregrinas e peregrinos por Tomiño cara a Santiago dende polo menos o ano 1295. A investigación está recollida no libro 'O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago', que o propio Soliño presentou durante o acto.
Tomiño retira case 50 quilos de lixo dos ríos Pego e Cereixo e do regato das Cerradas
Máis de 200 de estudantes, docentes e persoas voluntarias participaron na xornada de recollida 'Móllate polos ríos'
Grande éxito de participación en Tomiño na xornada de limpeza simultánea 'Móllate polos ríos', unha iniciativa impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Máis de 200 persoas entre alumnado, docentes e persoas voluntarias percorreron o pasado luns o río Pego, o Regato das Cerradas e o río Cereixo e a súas contornas para retirar todos os restos que se atopaban alí espallados.
Na xornada de limpeza tamén estivo presente persoal técnico de Medio Ambiente, así como a concelleira de Educación, Cristina Martínez, e a de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiros, que se repartiron entre os diferentes grupos para acompañar a todos os centros educativos participantes.
En total foron case 50 quilos de lixo recollidos por estas cuadrillas de voluntarios e voluntarias, a maioría deles nenos e nenas do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, do CEIP Pintor Antonio Fernández, do CEIP de Tebra e do CEIP de Barrantes. Os centros educativos tomiñeses amosaron así un ano máis o seu compromiso co coidado do medio ambiente.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, quere "agradecer a implicación de todas as persoas participantes na xornada, xa que o seu esforzo e dedicación é testemuño do seu compromiso coa súa contorna. Cada bolsa de lixo que retiramos é un paso máis cara a un Tomiño máis limpo, saudable e medioambientalmente sostible".
A mocidade tomiñesa pon a proba o seu talento co curso de Música Urbana
A OMIX de Tomiño organiza un obradoiro no que a rapazada poderá crear, gravar, mesturar e difundir a súa propia canción
O Concello de arranca o curso escolar cun novo obradoiro da OMIX de Tomiño dirixido a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A través da Concellería de Mocidade, o vindeiro sábado 7 de outubro comeza un curso de música urbana, unha forma de expresión artística a través da que a rapazada poderá abordar temas relevantes para a súa vida cotiá e desenvolver valiosas habilidades.
Este innovador obradoiro estará estruturado en catro sesións. Nas dúas primeiras abordaranse cuestións como a produción musical e a creación de letras, procurando sempre a participación do alumnado e o seu espírito crítico. Mentres, nas dúas seguintes, as persoas participantes gravarán a súa propia canción, que será mesturada para a súa posterior difusión.
O obxectivo deste obradoiro é fomentar a conciencia crítica da mocidade e potenciar as súas competencias creativas, lingüísticas e musicais, así como fomentar o seu desenvolvemento persoal e social. "Comezamos o curso escolar cun novo obradoiro da nosa OMIX que busca proporcionar á mocidade tomiñesa un espazo no que expresarse, aprender e seguir desenvolvendo todas as súas habilidades", salienta a alcaldesa, Sandra González.
O curso impartirase os sábados 7, 14, 21 e 28 de outubro de 10.30 a 13.30 horas na Praza Cultura (antigo Mercado de Goián). O prezo da inscrición é de 15 euros. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web do Concello.
O Goberno de Irlanda selecciona o Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade
Dúas investigadoras da Universidade de Dublín visitarán a vila o vindeiro 5 de outubro enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria Irlandesa (RSA)
O Goberno de Irlanda vén de seleccionar ao Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade: quere coñecer os mecanismos de redución do tráfico que se aplicaron na vila do Baixo Miño e levar as recomendacións tomiñesas para, de ser posible, adaptalas e aplicalas no seu país, especialmente en zonas rurais como en zonas urbanas de pequenas dimensións.
Para iso dúas investigadoras do equipo de investigación da Escola de Arquitectura, Construción e Medio Ambiente da Universidade Tecnolóxica de Dublín visitarán a vila o vindeiro 5 de outubro enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria irlandesa (RSA) co fin de intercambiar coñecemento.
Para facer esta visita e analizar o caso de Tomiño directamente no terreo o Goberno irlandés púxose en contacto co Concello a través da investigadora principal, Jordana Corrigan, explicando que a Road Safety Authority (RSA) está a realizar un informe para mellorar a seguranza viaria para as persoas no país inglés.
Explicaba Corrigan que a Estratexia de Seguranza Viaria do Goberno (2021-2030) pretende estudar diversos casos en países que adoptaron mecanismos para reducir o tráfico retirando automóbiles das zonas urbanas co propósito de comprender enfoques que poderían adoptarse en Irlanda, revisar os procesos para poñer en marcha esas políticas e avaliar resultados cando estean dispoñibles, ademais de incluír recomendacións para a súa consideración.
Tomiño foi considerada caso de estudo "tendo en conta os importantes avances que se están a realizar nese ámbito da seguranza viaria, a acción climática e a mellora da vida urbana".
A visita a Tomiño incluirá unha recepción institucional por parte da alcaldesa Sandra González, e unha reunión técnica co tenente de alcalde Uxío Benítez, responsable da Concellería de Planificación Estratéxica, Facenda e Acción Urbana, e outras persoas integrantes do goberno local e cargos técnicos, así como unha visita comentada polos diferentes espazos públicos recuperados.
25 tomiñesas fórmanse grazas ao programa 'Galegas Dixitais'
A alcaldesa, Sandra González, deu a benvida a todas as participantes durante a presentación deste curso de balde que busca a dixitalización das mulleres
Grande éxito de acollida en Tomiño do curso 'Galegas Dixitais'. Un total de 25 tomiñesas participan neste programa de formación gratuíto que ten por obxectivo a dixitalización das mulleres na procura de emprego e que este mércores arrancaba co acto de presentación no salón de plenos do Concello.
A alcaldesa, Sandra González, quixo dar a benvida a todas as participantes e animalas a "aproveitar esta oportunidade formativa que favorece a empregabilidade e pode axudar a impulsar o emprendemento e o desenvolvemento do noso rural, ademais de permitirnos seguir traballando para reducir a fenda de xénero".
Do 4 de outubro ao 16 de novembro, en horario de 09.00 a 14.00 horas, as alumnas inscritas participarán nunha formación de 120 horas sobre competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento con sesións impartidas por Beproject Consultores e Ara Formación na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián.
Coa clausura do curso, as mulleres participantes recibirán un diploma acreditativo de todo o aprendido durante a formación e un ordenador portátil como material para axudalas a seguir avanzando nas súas competencias dixitais.
Tras o grande interese que o curso suscitou entre a veciñanza, o Concello estuda realizar outra formación do programa 'Galegas Dixitais' a comezos do vindeiro ano.
Concello e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil investirán 1,5 millóns na creación dun sendeiro peonil no río Pego
A alcaldesa, Sandra González, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron o convenio de colaboración
Paso adiante na creación dun sendeiro peonil paralelo ao río Pego que permita unir o núcleo de Tomiño co sendeiro xa existente no Miño. A alcaldesa, Sandra González, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste proxecto que ademais de xerar novos espazos de lecer permitirá mellorar a depuración no municipio.
Sandra González salientou que esta colaboración "é o froito dun ano de arduo traballo por parte do Goberno municipal para conseguir que Tomiño aumente o número de sendas para o goce da veciñanza, mellorando a conectividade e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas".
O proxecto contempla un investimento de máis de 1,5 millóns de euros en tres anualidades, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil financiará o 80% e o Concello de Tomiño o 20% restante.
Ademais da construción deste sendeiro paralelo ao río Pego, a través deste convenio de colaboración levaranse a cabo as actuacións necesarias para dar solución á problemática de saneamento do colector xeral que vai pegado ao río Miño, que discorre por Dominio Público Hidráulico e que se atopa en mal estado de conservación. "Deste xeito rematarase coas infiltracións detectadas e reduciranse as achegas de augas pluviais e de auga limpa procedente do río, o que mellorará moito a depuración", explicou a alcaldesa.
Dedicación e compromiso da ANPA do IES Antón Alonso Ríos para transformar a educación da mocidade tomiñesa
A asociación repartiu este ano case un milleiro de libros entre 509 alumnos e alumnas, o 88% das e dos matriculados no centro
O Concello colabora co banco de libros, ademais de co 'Xantar dos luns' e de clases de inglés, outros dos servizos da ANPA Solleiro
Dedicación, compromiso e moitas horas de traballo para ofrecer ás familias e á mocidade tomiñesas os máximos recursos e servizos posibles. Ese é o obxectivo da ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos, que arrancaba este inicio de curso cunha importante tarefa: a entrega ao alumnado de case un milleiro de volumes do banco de libros, co que o Concello de Tomiño colabora cada ano.
O obxectivo é facilitar a todas as familias asociadas os libros obrigatorios e de apoio necesarios cada curso a un custo mínimo ou de balde. "Non só alivia a carga económica das familias e garante que todo o estudantado teña acceso aos materiais necesarios, senón que permite construír unha contorna educativa inclusiva e equitativa", explica a presidenta da ANPA Solleiro, Elena Cerezales. Este ano beneficiáronse desta iniciativa 509 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato, o 88% das e dos matriculados no centro, unha cifra que vai crecendo ano a ano.
Recentemente renovada, a asociación está liderada por sete mulleres, sete nais que destinan moito tempo a un traballo altruísta co que mellorar as oportunidades da mocidade tomiñesa. Por iso o seu labor vai moito máis alá do banco de libros. Así, a ANPA Solleiro organiza e xestiona o 'Xantar dos luns', "un espazo adaptado e con monitor para que a rapazada poida comer de friameira no instituto o día que teñen clase pola tarde, xa que a moitos nenos e nenas non lle da tempo ou non poden ir a casa". Cun aforo de 40 persoas, neste servizo dáse prioridade ao alumnado que vive máis lonxe do centro.
A asociación ademais organiza, xestiona e cofinancia as clases de inglés tanto de reforzo como para preparar o B1 e o B2 de aqueles rapaces e rapazas que o soliciten. Estas dúas iniciativas contan tamén coa colaboración do Concello de Tomiño a través de diferentes subvencións municipais sociais e culturais.
As excursións escolares son outro dos apoios que prestan dende a ANPA, xa que se encargan de planificar, xestionar e mediar incluso na venda de produtos para a recadación de cartos de nenos e nenas para financiar as principais excursións do IES, a de fin de curso anual e a da Semana Branca, e colaboran economicamente na medida das súas posibilidades co resto de saídas.
Para a ANPA o inicio deste novo curso é unha oportunidade para implementar novas iniciativas "que conecten directamente coa rapazada do centro, tendo en conta a súa opinión". "Queremos fomentar a participación do alumnado con enquisas para saber que temas lles interesan e poder poñer en marcha en colaboración co equipo directivo e docente do centro charlas e talleres relacionados tamén con temas que preocupan moito ás familias, como a saúde mental, o bo uso das redes sociais ou a orientación académica e laboral", salienta Cerezales.
Dende o Concello agradécese o traballo, esforzo e compromiso da ANPA Solleiros, que conta coa participación xunto a Cerezales de Lorena González, María Xosé Vázquez, Valeria Tesé, Imelda Núñez, Fabiola Galindo e Eva Pereira. Un agradecemento que se estende a todas as asociacións de nais e pais dos centros educativos de Tomiño, un piar fundamental para enriquecer a experiencia educativa de cativada e mocidade.
|