JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal avanza na implementación da Axenda 2030

O Concello comezou a elaborar un plan estratéxico que permita a localización, implementación e seguemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no municipio

O proxecto contará coa colaboración do tecido asociativo, económico e social rosaleiro

O Concello do Rosal mantén un firme compromiso por implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no municipio, adaptando as metas á realidade local. Para conseguilo, xa comezou a traballar na elaboración dun plan estratéxico que permita a localización, implementación e seguemento dos ODS da Axenda 2030, pasos que se van a dar da man do tecido asociativo, económico e social rosaleiro.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a involucrarse no proceso participativo que se porá en marcha como primeira fase deste proxecto, "unha primeira parte na que recolleremos a información precisa para incorporar os elementos diferenciais do Rosal".

Será unha diagnose participativa de situación que tome como punto de partida a realidade do territorio e as actuacións que xa se están realizando e fixar as bases sobre as que traballar para a elaboración dun Plan de Acción Local e deseñar políticas públicas cun enfoque máis integral para o desenvolvemento sostible a nivel social, económico e medioambiental.

"O resultado será unha ferramenta de planificación estratéxica coa que se poderán establecer liñas de actuación coas que incorporar os ODS, detallando os compromisos e medios a mobilizar e programando accións concretas para despregar a Axenda 2030 no noso concello", explica a rexedora.

O Concello do Rosal leva anos traballando nesta liña, polo que este plan estratéxico "contribuirá a favorecer a loita contra o cambio climático e a transición cara a economías baixas en carbono, a eficiencia enerxética, a economía circular e a construción de sociedades máis xustas e igualitarias".

Ao abeiro do proxecto tamén se levarán a cabo accións de sensibilización entre a veciñanza, estendendo os coñecementos da Axenda 2030 e os ODS e suscitando o interese entre a cidadanía. Porase en marcha tamén un grupo de traballo con representantes a nivel político e técnico que se irá abrindo a outros actores locais a medida que a iniciativa avance, establecendo sinerxías e reforzando alianzas.

A posta en marcha deste plan conta coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

A Axenda 2030 distribúese en 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que van dende o fin da pobreza á loita contra o cambio climático, pasando pola igualdade de xénero, a educación ou a saúde. Estes obxectivos divídense en 169 metas que representan todos os aspectos que a gran maioría dos países do mundo acordaron que é necesario mellorar.

Concello de O Rosal


Unha unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o vindeiro 2 de outubro

Estará situada na rúa Ramón Franco, 4, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas

O Rosal comeza o outono coa visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 2 de outubro á disposición de todas aquelas persoas que queiran deixar a súa pinga de solidariedade.

O autobús estará na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, e abrirá ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Concello de O Rosal


O Rosal abre de novo as portas do seu Espazo Crianza

O Concello ofrece este servizo de acompañamento na crianza para embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses

Comeza o 11 de outubro e será de balde con inscrición previa

O Concello do Rosal abre un curso máis o seu Espazo Crianza, un lugar de encontro co que acompañar a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 anos na crianza de nenos e nenas. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con este espazo "ofrecemos a nais e pais unha canle de comunicación, de información e de aprendizaxe sobre o desenvolvemento infantil, así como de resolución de inquedanzas para unha crianza sen culpas e sen xuízos nin prexuízos".

A actividade será de balde e comezará o vindeiro mércores 11 de outubro. As clases continuarán os mércores 25 de outubro, 8 e 22 de novembro e 13 e 27 de decembro e estarán divididas en dous grupos: o de embarazadas, con horario de 10.30 a 11.45 horas, e outro para familias e bebés de 12.00 a 13.15 horas.

En cada sesión abordaranse diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas de grupo e prácticas que se adaptarán ás necesidades das persoas participantes para un encontro enriquecedor e didáctico.

No grupo de 'Acompañamento na xestación consciente' afondarase na preparación para un parto feliz, falando dos cambios físicos e psicolóxicos que se producen durante o embarazo, con exercicios para un embarazo activo, o mapeo do ventre e falando do plan de parto. Tamén se referirá ao parto consciente, ensinando posturas facilitadoras e métodos de alivio da dor, e ao posparto en compañía.

Nos encontros para familias e bebés traballarase nunha crianza respectuosa nas que nais e pais aprenden a entender ao neno ou nena e as súas necesidades. Ademais de falar das primeiras horas de vida e das probas de cribado dos primeiros días e dos hábitos hixiénicos, tamén se abordarán cuestións como a alimentación do bebé ou a estimulación para o seu desenvolvemento.

As persoas interesadas en participar deberán facer unha inscrición previa a través do formulario dispoñible na web.

Concello de O Rosal


O 13 de febreiro e o 26 de xullo, festivos locais no Rosal no 2024

As datas aprobaranse no pleno que se celebrará este xoves 28 de setembro ás 20.30 horas

O 13 de febreiro e o 26 de xullo de 2024 serán festivos locais no Rosal. Esta é a proposta que se aprobará na sesión do pleno municipal que se celebrará este xoves 28 de setembro ás 20.30 horas na Casa do Consistorial, na que se abordarán entre outros temas os días festivos propios que o Concello ten dereito a marcar cada ano.

Deste xeito, como é xa tradición, o martes de Entroido, que o vindeiro ano coincide co 13 de febreiro, volverá marcarse en vermello no calendario local de rosaleiros e rosaleiras. Por outro lado, o Goberno municipal tamén declarará festivo o venres 26 de xullo do 2024, coincidindo coa festividade de Santa Ana e dando así cabida aos distintas datas sinaladas nas parroquias rosaleiras.

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal avanza na mellora da súa eficiencia enerxética con dúas novas caldeiras de biomasa

A súa instalación sae a licitación por un importe de case 95.000 euros financiados ao abeiro do Fondo de Cooperación Local

O Rosal camiña con paso firme cara a mellora da eficiencia enerxéticas das instalacións municipais co obxectivo de "mellorar a eficiencia enerxética no noso municipio, comezando pola renovación daquelas infraestruturas máis obsoletas, reducindo as emisións de CO2 e redundando nun aforro económico e enerxético", destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello vén de sacar a licitación a instalación das caldeiras de biomasa no pavillón municipal e no campo de fútbol da Mata, unha renovación que permitirá substituír as caldeiras de gasóleo destas instalacións deportivas por dúas de pellets con combustible de biomasa para a produción de calefacción para estes edificios e de auga quente para as duchas dos seus correspondentes vestiarios.

Trátase dunha modernización das instalacións municipais adaptándoas ao uso das enerxías menos contaminantes e renovando equipos obsoletos, nos que tamén se mellorará o seu illamento e regulación, permitindo un control total do sistema con termostatos de ambiente e telexestión.

As obras saen a licitación por un orzamento base de case 95.000 euros financiados ao abeiro do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. Fernández Callis resaltou que este proxecto "é un paso importante no noso compromiso coa eficiencia enerxética e a sostibilidade, reducindo a nosa pegada de carbono ao tempo que melloramos o confort de usuarias e usuarios e logramos un aforro económico importante. O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables".

As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 10 de outubro ás 23.59 horas.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais