|
Tomiño conciencia sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias panel a panel
O Mercado de Tomiño acolle ata o vindeiro 6 de setembro a exposición 'Protempo', unha mostra coa que Axega está a percorrer a área transfronteiriza do Miño
A alcaldesa visitou este venres a exposición acompañada do xerente de Axega e do Xefe de Servizo de Emerxencias de Pontevedra
Concienciar sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias. Ese é o obxectivo da exposición do proxecto 'Protempo', unha mostra que estará ata o vindeiro 6 de setembro no Mercado de Tomiño e que, panel a panel, amosará ao público as emerxencias derivadas do cambio climático e dos desastres naturais.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou este venres a exposición acompañada do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e do Xefe de Servizo de Emerxencias da provincia de Pontevedra, Miguel Ángel Pérez Dubois.
A parada no concello tomiñés pecha esta exposición itinerante que percorreu o río Miño transfronteirizo e que está integrada por paneis e material audiovisual sobre as situacións de risco na Eurorrexión, as causas, o impacto e os recursos para combatelas.
A mostra está enmarcada no proxecto Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixida á Poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, financiado con fondos Interreg Europa do programa Poctep 2014-2020. A iniciativa ten como obxectivo promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais nas zonas de fronteira.
Con este proxecto búscase reforzar a transferencia de coñecementos aos grupos de poboación máis vulnerables, a cativada e as persoas maiores, co fin de que sexan conscientes e teñan a capacidade para actuar ante os riscos de emerxencias relacionados co cambio climático, cada vez máis frecuentes e de maior virulencia, como incendios forestais, vagas de frío ou calor, tormentas, inundacións... Trátase así de conseguir un incremento da eficacia na prevención, mediante campañas e accións de capacitación cara a un público obxectivo con menor coñecemento sobre como auto protexerse ante as distintas situacións da emerxencia climática.
O Concello de Tomiño aclara que a reposición do posto de Tesourería é responsabilidade de Xunta e Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
A provisión de funcionariado habilitado nacional aos concellos depende do Goberno central, encargado de convocar as oposicións, e da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta como axente intermediario
O Concello de Tomiño atópase nunha situación financeira saneada e sólida, cun recoñecido rápido pago de facturas a provedores e contratas
O Concello de Tomiño ten vacante o posto de Tesourería trala xubilación da persoa no cargo este mes de agosto. En previsión desta situación, no mes de xullo o Goberno municipal solicitou un concurso público de comisión de servizos ao que non optou ningunha persoa ante a falta por parte da Xunta dunha bolsa de interinidade con persoal coas oposicións superadas para poder proveer ás administracións locais en caso de necesidade.
Ante a desinformación emitida polo grupo da oposición do PP, o Goberno local aclara ao Partido Popular que a reposición e provisión de funcionarios habilitados nacionais á administración local para os postos que quedan vacantes depende exclusivamente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, encargado de convocar as oposicións, e da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, axente intermediario responsable de dotar de persoal os postos vacantes.
O Concello soamente é responsable de crear o posto e de contar coa consignación necesaria. Dende o Goberno municipal laméntase a falta de planificación e organización da Xunta ao non contar co persoal candidato suficiente para cubrir este e outros postos do corpo especial de funcionariado que non depende da administración local.
Cabe destacar que a cobertura do posto non depende de "convencer" a ningunha persoa, senón de seguir os pasos regulamentados establecidos pola administración pública para dotar e proveer de persoal suficiente aos concellos.
O Concello de Tomiño atópase nunha situación financeira saneada e sólida, cun recoñecido rápido pago de facturas a provedores e contratas, e lamenta que se utilicen os posibles mínimos retrasos xerados polas vacacións estivais do persoal de intervención para facer política e xerar alarmismo.
O Goberno municipal seguirá traballando para resolver este asunto en estreita colaboración con Xunta Ministerio e evitar calquera problema derivado desta situación.
As festas do Alivio de Tomiño enchen de actividades culturais o final do verán
As actividades para público familiar serán as protagonistas da semana de festas, que culminará co Acto Cívico do Alivio o 9 de setembro
As festas da Virxe do Alivio de Tomiño arrancan este 4 de setembro e prolongaranse ata o día 9 cunha programación cultural dirixida a todos os públicos, con propostas de contacontos, circo, teatro e espectáculos musicais. A Praza do Seixo será o escenario de todas as actividades, que serán de acceso libre e de balde.
"O Alivio é o broche de ouro da nosa programación de verán, a antesala do inicio escolar e académico para a nosa cativada e mocidade e é o motor de arranque dos inicios que tamén teñen que ver cos novos proxectos", como indicou a alcaldesa, Sandra González, que convidou á veciñanza a gozar das festas grandes de Tomiño e dunha programación inclusiva, pensada para o desfrute das familias.
A semana festiva comezará o vindeiro luns 4 de setembro ás 19.00 horas coa proposta da compañía Asacocirco, que presentará un espectáculo circense no que compartirán protagonismo o humor e as acrobacias da man de dous clowns que garanten risas, emocións e sorpresas a esgalla.
O martes 5 de setembro, tamén ás 19.00 horas, será a quenda de Trémola Teatro e a súa "A gran aventura dos animais". A gata Emilia contará as súas aventuras desde o día no que, farta de estar metida na casa, decide viaxar arredor do mundo.
De viaxes falará tamén "A Ramona pequena vai á lúa", unha historia que forma parte do libro-disco "Pequena Ramona" de Pakolas, e que encherá de música a Praza do Seixo o mércores 6 de setembro, de novo ás 19.00 horas.
O último espectáculo para público familiar será "Canto conto" de Brais Iriarte. Un espectáculo participativo e didáctico que fará un repaso desde a música académica á música actual, pasando polo blues, o jazz e o rock. Diferentes estilos musicais de diferentes épocas nas que o público será convidado a cantar e a bailar.
Como ven sendo habitual, a programación cultural das festas culminará co Acto Cívico do Alivio, no que se homenaxeará a unha persoa vencellada á historia de Tomiño e no que tamén participará a Agrupación Musical de Goián. O acto celebrarase o 9 de setembro ás 21.00 horas na Praza Do Seixo.
Con estas actividades culturais, o Concello de Tomiño pon o broche a unha programación cultural de verán que contou con más de 35 actividades culturais e artísticas que percorreron diferentes prazas e espazos do Concello, ofrecendo unha programación diversa e para os diferentes públicos.
Sandra González afirmou que "estas son unhas festas referentes para a veciñanza tomiñesa de todas e cada unha das parroquias, pero tamén para as persoas que nos visitan". Ademais expresou o seu agradecemento a todas as persoas que traballan na organización destas festas, sinalando que "no empeño por coidalas está a Comisión de Festas, encabezada por Manuel Álvarez, un grupo de homes e mulleres que definen perfectamente o que é o compromiso público e a dedicación a prol dos demais, que traballan arreo e de xeito altruísta durante todo o ano para o noso desfrute colectivo".
Tomiño habilita unha nova zona para autocaravanas no Seixo, tralo éxito da de Goián
A área de autocaravanas de Goián mantén unha alta ocupación e colleita excelentes reseñas dos seus usuarios
O Concello de Tomiño dá un novo paso no turismo de autocaravana e inicia as obras da nova área no Seixo, tralo éxito da de Goián. Esta nova zona de autocaravanas situarase no aparcadoiro fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha.
O inicio da obra é inmediato e ten unha duración prevista dun mes. A empresa que levará a cabo o acondicionamento, Zona de Obras, prevé que estará rematado e en pleno funcionamento o próximo 1 de outubro. Esta nova área de aparcamento de autocaravanas no Seixo terá 6 prazas e os mesmos servizos que a de Goián: baleirado de augas grises e fecais, abastecemento de auga e iluminación, axardinamento e arborado de perímetro. A actuación para a habilitación desta área conta cun orzamento de 40.000 euros e está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
En palabras da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, "o turismo de autocaravana é un modelo xa consolidado que facilita a chegada de visitantes a Tomiño, como podemos ver dende que inauguramos a área de Goián, que está a ter unha grande acollida. Coas dúas áreas en activo seguiremos impulsando un turismo de calidade e que lle permite aos nosos visitantes ter a posibilidade de contemplar e deleitarse cos demais atractivos do noso municipio". González alientou, ademais, que este turismo é "un activo para a nosa economía local e sitúa o concello de Tomiño como un destino coñecido e relevante nas rutas dos autocaravanistas".
A área de autocaravanas de Goián leva todo o verán mantendo unha alta ocupación e colleita excelentes reseñas entre os seus usuarios, que salientan a seguridade da zona, o fácil acceso e a boa localización, próxima a todos os servizos necesarios para a estadía na zona. Tras dous meses en funcionamento, esta área xa se converteu en toda unha referencia para as e os autocaravanistas que visitan o sur de Galicia. Trátase dunha zona de aparcadoiro situada na Avenida Pío Troncoso, preto da Escola de Música, con 8 prazas sinalizadas e que conta con todos os servizos necesarios. Inaugurouse o pasado 18 de xuño cun encontro promovido pola Asociación Galega de Autocaravanas que xuntou a arredor de 200 persoas.
Co acondicionamento destas dúas áreas de aparcamento de autocaravanas, o Concello de Tomiño procura a diversificación o turismo que se achega ao municipio, facilitando a chegada de máis visitantes que veñan a gozar de Tomiño e da súa contorna, e contribuíndo así á dinamización da economía local.
O Concello de Tomiño fai unha reforma integral na Escola Unitaria de Carregal cun investimento de 15.000 euros
Nos centros de Taborda, Figueiró e Amorín tamén se realizaron traballos de mellora por valor de 21.000 euros, que as deixan a punto para o inicio do curso escolar
O Concello de Tomiño pon a punto as escolas antes do comezo do curso escolar. Así, durante o verán, efectuáronse traballos de reforma e mellora nas escolas de Carregal, Taborda, Figueiró e Amorín, ademais do mantemento básico que se efectúa en todos os centros escolares en época estival.
A Escola Unitaria de Carregal é o centro no que se realizaron as reformas máis significativas, que incluíron o cambio do pavimento, a instalación dunha nova tarima de madeira, a substitución do falso teito para mellorar o illamento, a limpeza da cuberta e arranxo do tellado, e o pintado da aula. Con estas actuacións, resólvense problemas de humidade que tiña o inmoble, ademais de mellorarse a eficiencia enerxética e mellorar o benestar do alumnado e profesorado que utiliza estas instalacións. As obras de reforma tiveron un custe global de case 15.000 euros.
Pola súa banda, as escolas de Figueiró, Amorín e Taborda tamén foron obxecto de obras. En todas elas se efectuou a limpeza de cubertas e o arranxo e substitución de rastreis de madeira e tellas. Ademais, no caso das instalacións de Taborda, foi efectuado un hidrofugado da fachada. As obras na escola de Taborda ascenderon a case 12.000 euros, mentres que no caso de Amorín se investiron case 6.000 euros e en Figueiró as obras supuxeron un investimento de arredor de 3.500 euros. Todas estas obras son financiadas con fondos propios do Concello de Tomiño.
Estas actuacións foron consensuadas coa Dirección de cada un dos centros, e teñen o obxectivo de modernizar e acondicionar as instalacións das escolas unitarias, para mellorar o benestar do alumando, ademais de redundar nun significativo aforro enerxético.
Éxito de participación nas Rutas de Artes e Oficios do Concello de Tomiño
Arredor de 60 persoas achegáronse aos tres roteiros, que visitaron o Viveiro da Barxa, Cítricos Rías Baixas e o Obradoiro de madeira Vikensen
O patrimonio cultural e artístico de Tomiño volveu ser o protagonista das Rutas de Artes e Oficios, que este ano visitou o Viveiro da Barxa, Cítricos Rías Baixas e o Obradoiro de madeira Vikensen. Estas rutas son unha cita xa consolidada de cada verán, e este ano gozou dunha grande acollida por parte da veciñanza.
Na primeira das visitas, ao Viveiro da Barxa, as e os asistentes coñeceron polo miúdo da man do seu Xerente, as instalacións e o traballo neste espazo de cultivo de gramíneas ornamentais. O segundo roteiro visitou as fincas de Cítricos Rías Baixas en Barrantes, onde as persoas participantes puideron coñecer e saborear os froitos que alí se cultivan. No terceiro roteiro, visitouse o Obradoiro de torneado en madeira Vikensen en pequenos grupos, para descubrir como se traballa a madeira de forma totalmente artesanal. A alta demanda do terceiro roteiro, e o espazo reducido do obradoiro, obrigou a facer un grupo de agarda para futuras visitas.
O Concello de Tomiño organiza desde 2017 estas Rutas de Artes e Oficios, co obxectivo de poñer en valor a riqueza patrimonial e cultural do municipio. Así, cada verán percórrense diferentes empresas tomiñesas, a través de visitas guiadas e de balde, nas que o público descubre o patrimonio e mais o talento locais.
O Concello de Tomiño esixe á Xunta que reabra o consultorio médico de Goián e que lle abone os gastos dun inmoble que segue sen uso
O Concello de Tomiño adecuou en marzo un novo inmoble para o consultorio médico, no que xa leva gastados 18.500 euros, pero nin o Sergas nin a Xunta se pronunciaron sobre a súa reapertura
O Pleno do Concello de Tomiño aprobou onte por unanimidade unha moción pola que se lle esixirá á Xunta de Galicia a reposición inmediata do servizo médico de Goián, que leva tres anos co seu consultorio de atención primaria pechado.
O consultorio de Goián foi pechado durante a crise da COVID-19, e trasladouse o seu servizo ao Centro de Saúde de Tomiño. Posteriormente, comunicóuselle ao Concello de Tomiño a necesidade de atopar un novo inmoble que cumprise cos parámetros da nova guía de protocolos da pandemia. O Concello alugou e acondicionou un novo local seguindo os parámetros do Sergas, e púxoo a disposición da Xerencia da Área Sanitaria Vigo-Tui en marzo deste ano.
Desde o mes de marzo, nin o Sergas nin a Xunta se comunicaron co Concello sobre este tema, nin responderon ás diversas chamadas e escritos remitidos desde Tomiño, expoñendo a necesidade de poñer en funcionamento o consultorio de Goián no menor tempo posible.
Polo momento, o Concello de Tomiño leva gastados 18.500 euros en concepto de reformas, alugueiro e suministros do inmoble en Goián que non está operativo. Un dos puntos do acordo foi reclamar á Xunta de Galicia os gastos nos que incurriu o Concello en poñer o inmoble en funcionamento, sen que sirva aínda de consultorio médico. Porén, o PP opúxose a este e fixo un voto particular en contra de facer esta reclamación de gastos á Xunta de Galicia.
Desde o Concello existe unha gran preocupación pola cobertura deste servizo de atención primaria, que se suma á falta de persoal no Centro de Saúde de Tomiño, no que non se cobren nin as vacacións nin as baixas médicas do persoal médico. Todo isto conleva a saturación do centro de Saúde e grandes problemas para os veciños e veciñas, que ven minguar un servizo tan fundamental como é a atención médica primaria. Por iso, a moción aprobada onte tamén inclúe a esixencia de que o Sergas substitúa ao persoal sanitario e administrativo de baixa ou de vacacións no Centro de Saúde de Tomiño.
Comezan as obras de mellora da rede de saneamento en Vilachán
O Concello acomete estes traballos de mellora e ampliación da rede de saneamento cun orzamento de máis de 160.000 euros
A Concellaría de Servizos Públicos do Concello de Tomiño comezou hoxe as obras de mellora da rede de saneamento na zona de Vilachán, que dá servizo a 32 vivendas dos barrios de Torneiros, Arrotea, Vilachán e O Xibao.
A actuación, cun coste superior aos 160.000 euros, cofinanciado polo Pan Concellos da Deputación de Pontevedra, ten un prazo de execución de tres meses, e consiste na ampliación dun tramo da rede e a mellora doutro tramo xa construído.
En concreto, colocarase un colector de 1.100 metros de lonxitude, dos cales 240 son de renovación do colector existente, por fallos no funcionamento. Ademais, renovaranse oito acometidas (conexión do colector principal coas vivendas).
Con esta obra, o Concello de Tomiño continúa acometendo obras de saneamento en distintos barrios do termo municipal, que se están a levar a cabo en varias fases e que se seguirá a ampliar progresivamente.
O Pleno do Concello de Tomiño aproba a tramitación da modificación do PXOM para crear o Parque Empresarial Transfronteirizo
Unha vez se publique nos diarios oficiais, comezarán dous meses de información pública nos que o Concello abrirá unha oficina de atención á veciñanza
O Pleno do Concello de Tomiño aprobou o inicio da tramitación da modificación puntual do PXOM para crear o Parque Empresarial Transfronteirizo. A proposta tivo unha grande acollida, e aprobouse con 15 votos a favor, do BNG e do PP, e dúas abstencións do PSOE. Tralo pleno, e en canto se publique nos diarios oficiais, a continuación da tramitación desta modificación urbanística pasará polo proceso de información pública de dous meses, nos que o Concello creará unha oficina de atención ao público para informar aos veciños e veciñas e resolver todas as súas dúbidas.
Tal e como se informou no Pleno, o lugar idóneo para a creación deste Parque Agroindustrial é a "recta de Figueiró", e ven predeterminado pola súa proximidade á Ponte Internacional e, consecuentemente, a súa posición xeoestratéxica no contexto xeográfico da Eurorrexión.
Alén diso, a ubicación vense favorecida pola existencia dos servizos urbanísticos necesarios para o seu desenvolvemento: as conexións de auga e saneamento municipal, fibra óptica e accesibilidade viaria. Nese sentido, a decisión da Xunta de Galiza de aprobar o proxecto de trazado da Autovía do Baixo Miño desdobrando a recta de Figueiró e configurándoo como unha autovía urbana con tres rotondas foi determinante, pois favorece á conectividade e integra e complementa a rede de varios accesorios.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que "este vai ser un pequeno gran paso para Tomiño, pois é un proxecto de emprego e de futuro, no que se tiveron en conta as posibilidades de crecemento das empresas da zona". Un proxecto no que "levamos traballando case catro anos, sempre dende o diálogo e o consenso coas administracións sectoriais competentes e co tecido empresarial de Tomiño".
A Modificación Puntual Nº10 para o desenvolvemento do Parque Agroindustrial Transfronteirizo contempla a ordenación de case 650.000m2 de solo empresarial, dos cales se contempla a ordenación de máis de 150.000m2 de actividades empresariais existentes e xérase case 500.000m2 de novo solo empresarial. Ademais, o proxecto inclúe unha importante vertente medioambiental, xa que se contempla o correcto dimensionamento das infraestruturas hidráulicas da zona, e a mellora do sistema hídrico, para recuperar as canles naturais dos regatos que foron cerradas, e así evitar as inundacións periódicas que se padecen na actualidade nesta área.
Este proxecto de Parque Agroindustrial Transfronteirizo foi presentado nunha reunión o 9 de marzo de 2021 ao Vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. O proxecto foi incluído na manifestación de interese de proxectos que a Xunta enviou ao goberno central para execución cos fondos Next Generation. Así, foi anunciada por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no último plenario da Comunidade de Traballo da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, a cal tivo lugar en Salvaterra do Miño o pasado 28 de xuño de 2021.
Ademais, o Parque Agroindustrial foi presentado a asociacións de empresarios da Eurorrexión e conta co apoio expreso da Cámara de Comercio de Tui, Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Associação Empresarial de Viana do Castelo.
Tomiño pon a punto os parques infantís para o verán
Cunha inversión total superior aos 380.000 euros, foron construídos dous novos parques e outros doce foron renovados ou mellorados
O Concello de Tomiño pon a punto os parques infantís do municipio tras finalizar diversas obras de construción e mellora, cunha inversión total que superou os 380.000 euros. Estas actuacións teñen como obxectivo facer dos parques espazos máis inclusivos, pensados para nenos e nenas con todo tipo de capacidades, e que conviden ao xogo en grupo.
Son dous os novos parques que foron construídos, o parque do Campo da Feira e o de Goián. O parque de Goián foi financiado polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Ambos espazos foron realizados por petición expresa do Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño e en colaboración con el.
No caso do Campo da Feira, conta cun espazo verde e de descanso no que se realizou unha reordenación do espazo e colocáronse novos elementos de xogo, potenciáronse os espazos de sombra que achega a vexetación existente e renováronse o mobiliario urbano e mais as luminarias.
Pola súa banda, o parque da Praza da Mina, no Seixo, foi totalmente renovado, acondicionándose para que os máis pequenos, incluíndo bebés, poidan xogar nel, con chan acolchado e xogos inclusivos. Desde que remataron os traballos de mellora, todos os eventos ao aire libre que organiza o Concello para público infantil realízanse neste parque da Praza da Mina, que se converteu nun espazo moi acolledor.
En canto ás diferentes parroquias do municipio, no Parque de Cristelos tamén se realizaron obras completas de renovación. Entre os elementos de xogo colocados neste parque, destacan a tirolina, a excavadora e a pirámide de cordas.
No parque de Pinzás, levouse a cabo unha acción de mantemento integral, mentres que se realizaron outro traballos no resto de espazos, dentro do Plan de Mellora dos Parques Infantís. En concreto, actuouse nos parques de Vilachán, Cotro, Carregal, Taborda, Vilachán do Monte, Fontenova e Cruceiros en Forcadela, e Gándara, en Sobrada, entre outros. Con estas accións, boa parte dos parques infantís do municipio foron mellorados ou renovados.
O Concello emprendeu ademais, coa Policía Local, unha acción conxunta para manter os parques limpos de defecacións de cans e mais de cabichas, colocando cartelería na contorna de cada un deles. A finalidade é que a cidadanía entenda que son espazos de especial protección e os respecte como tales, especialmente as áreas de céspede artificial, que son utilizadas diariamente por bebés, nenos e nenas para quen o chan é tamén un espazo de xogo.
O Concello instala unha caldeira de biomasa en dependencias municipais
As dependencias da Policía Local, Protección Civil e o Edificio de Benestar foron beneficiados con esta renovación
Ao abeiro do programa FEDER de Desenvolvemento Sostible, esta nova caldeira suporá un aforro enerxético de máis do 30%
O Concello de Tomiño renova a caldeira da Policía Local, Protección Civil e o Edificio de Benestar. Substituíuse a caldeira de gas propano existente por unha nova de biomasa, co obxectivo de reducir as emisións de carbono e mais o consumo de enerxía eléctrica en, polo menos, un 30%.
Esta actuación, cun orzamento total de case 40.000 euros, levouse a cabo no marco dun acordo de colaboración coa Deputación de Pontevedra, e forma parte do proxecto IDAE, cun financiamento do 80% Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020. A finalidade deste Programa é favorecer o paso a una economía baixa en carbono nas entidades locais.
A mellora no sistema térmico destas dependencias municipais é un avance máis no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que o Concello de Tomiño botou a andar no ano 2020. O seu obxectivo é reducir as emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030, aumentar a capacidade de resiliencia do Concello minimizando o consumo enerxético, e incrementar o uso de enerxías renovables.
Con estas medidas, Tomiño avanza tamén no cumprimento do seu plan de Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O BNG de Tomiño critica a “política de barro” na que
parece estar instalada a portavoz do PP Lara Meneses
desde as eleccións municipais
Lara Meneses critica que o persoal de confianza non teña experiencia política
cando ela en menos dun ano pasou de non participar en política a colocarse de
persoal de confianza do PP en Santiago
A demagoxia é tal que Lara Meneses critica salarios de 24.000 euros cando ela
cobrará 54.406 euros como deputada provincial
O BNG de Tomiño quere saír ao paso das criticas suxas e demagóxicas de
Lara Meneses que non fan máis que evidenciar que continúa coa liña de “política do
barro” que practicou durante toda a campaña das eleccións municipais.
Lara Meneses non ten reparos de cualificar de “enchufismo” o nomeamento da
persoa que ocupa o posto de persoal confianza do Concello de Tomiño e mesmo
afirma “é unha autentica cacicada poñer nese posto a unha persoa sen experiencia
política”. As declaracións da portavoz do PP de Tomiño póñena en evidencia toda
vez que ela mesma acaba de comunicar que deixa o seu posto de traballo para
incorporarse a un posto político de persoal de confianza no PP en Santiago. Esa
suposta falla de experiencia política que pide para os demais non a aplica para ela,
en menos de 1 ano pasa de non participar en política a vivir dela.
A demagoxia de Lara Meneses chega a un nivel extremo ao criticar o importe
de salarios de dedicacións exclusivas do Concello de Tomiño por valores de 24.000
euros ou de 33.000 euros pois precisamente o PP vén de aprobar hai dias no pleno
da Deputación o salario que cobrará Lara Meneses cando asuma a acta de deputada
provincial cun importe de 54.406 euros.
Máis para o BNG de Tomiño o que nos parece máis deplorable son as
declaracións de Lara Meneses respecto da dimisión da concelleira Ana Fernández
aludindo “non se senten cómodos no equipo que teñen debido as súas liortas
internas”. Estas declaracións mostran unha mesquindade política inadmisible en
política, toda vez que Lara Meneses e concelleiros do PP foron informados dos
problemas persoais e familiares que motivaron a dimisión da concelleira.
Consello Local BNG de Tomiño
|