|
O Concello continúa coa súa aposta pola educación e o patrimonio coa reforma integral da Escola Unitaria das Eiras
As instalacións acollerán este curso ao alumnado da Escola Unitaria de Tabagón, en pleno proceso de renovación e modernización
O Rosal continúa coa súa aposta pola educación de proximidade a pola recuperación do patrimonio. O Concello está a rematar as ambiciosas obras de rehabilitación da Escola Unitaria das Eiras, instalacións que este curso escolar acollerán ao alumnado da Escola Unitaria de Tabagón mentres se leva a cabo a súa reforma integral, coa que se reorganizarán os espazos e se mellorará a eficiencia enerxética.
A reforma estrutural da escola das Eiras amosa o esforzo do Concello por preservar o patrimonio local, modernizar as instalacións educativas e promover a sostibilidade nos edificios municipais. "As escolas son unha prioridade para nós, xa que ademais de ser inmobles con gran valor arquitectónico e patrimonial, son equipamentos de grande importancia para potenciar o ensino de proximidade, que contribúe sen dúbida a fixar poboación", como salientaron a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo, nunha visita ás instalacións.
Cun orzamento de case 41.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o Concello do Rosal procedeu a realizar melloras na cuberta e nos interiores da Escola Unitaria das Eiras, un edificio de 1955 deteriorado polo paso do tempo. Xunto á renovación do tellado, reparáronse interiores, rematáronse os aseos e cambiáronse as fiestras, contribuíndo así a unha maior eficiencia enerxética do edificio.
O Concello leva a cabo esta reforma estrutural non só para que alumnado e equipo docente poidan desfrutar dunhas instalacións confortables durante este curso escolar, senón que se busca adaptar o edificio para o seu futuro uso por parte da veciñanza e do tecido asociativo, converténdose nun espazo de lecer e convivencia e nun espazo educativo adicional.
Concello de O Rosal
O MES DE SETEMBRO COMEZA CON CURSOS PARA CULTIVAR CORPO E MENTE PARA TODOS OS PÚBLICOS NO ROSAL
A oferta de cursos que ofrece o tecido asociativo do Rosal inclúe actividades físicas, actividades de memoria e alfabetización dixital
No mes de setembro comezan diferentes cursos no concello do Rosal, dirixidos a público adulto e organizados por diferentes entidades do municipio.
A Agrupación Musical do Rosal pon en marcha un Obradoiro de Memoria, que comezará o luns, 4 de setembro. Nel traballaranse a atención, orientación, calculo, razoamento, linguaxe e moito máis. Terá lugar no Local Fundación O Rosal cada luns, de 16 a 17 horas. O prezo é de 20 euros ao mes, e hai que ser socio da Agrupación Musical do Rosal para poder asistir. O curso será impartido por AGA Formación.
A Agrupación Musical do Rosal tamén é a promotora do Curso de Alfabetización Dixital, en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Unha actividade na que as e os participantes aprenderán a manexar internet, o correo electrónico, tramitacións electrónicas, o teléfono intelixente e moito máis. O curso é gratuíto e as inscricións están abertas nos teléfonos 986 62 63 11 e 609 86 67 92 ou no correo electrónico info@agrupacionmusicaldorosal.com.
En canto á actividade física, a Asociación de Persoas Maiores do Rosal organiza clases de zumba no Centro Social Polivalente, cada mércores e venres, de 10 a 11 horas. O curso comeza en setembro, e é posible inscribirse ou solicitar máis información no teléfono 646 63 39 58.
Para quen prefira a ximnasia de mantemento, será posible asistir a clases do 4 de setembro ao 18 de decembro, cada luns e venres de 18.30 a 19.30 horas no Local da Fundación O Rosal. O curso, dirixido a maiores de 50 anos e promovido pola Agrupación Musical do Rosal coa colaboración da Deputación, ten un prezo de 7 euros. Todas as persoas interesadas en asistir poden inscribirse nos teléfonos 986 62 63 11 ou 609 866 792.
Concello de O Rosal
O CONCELLO DO ROSAL SACA A LICITACIÓN PARA A REFORMA INTEGRAL DA ESCOLA UNITARIA DE TABAGÓN
O prazo de presentación de propostas xa está aberto e pode consultarse toda a información na plataforma de contratación do Estado
Xa está aberta a licitación para a rehabilitación da Escola Unitaria de Tabagón, coa que o Concello do Rosal levará a cabo unha reforma integral do inmoble, coa que se reorganizarán os espazos e se mellorará a súa eficiencia enerxética. As empresas que desexen presentarse á licitación teñen de prazo ata o 13 de setembro. Toda a información está dispoñible na plataforma de contratación do Sector Público.
O investimento total desta reforma ascende a 600.000 euros, e está cofinanciado con fondos europeos que o Concello captou a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP Local), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Estas obras realízanse grazas á estratexia de captación de fondos europeos realizada polo Concello. Así, o 65%, será financiado a través deste programa PIREP Local e outros 210.000 euros, o 25%, serán financiados con fondos propios do Concello. A remodelación destas instalacións xa contara anteriormente cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a redacción do proxecto de mellora de eficiencia enerxética, que ascendía a 8.500 euros.
Con esta reforma integral o Concello continúa a dar pasos cara a recuperación do seu patrimonio, modernizando os espazos educativos locais e apostando pola eficiencia enerxética, así como polas melloras na accesibilidade e na redución dos custos enerxéticos das instalacións. Así, trala rehabilitación integral acometida na Escola das Pías en 2022, agora é o turno da Escola de Tabagón, que trala reforma acollerá a sede do Centro Rural Agrupado, que coordina todas as Escolas Unitarias existente no Concello.
As escolas son unha prioridade para o Concello, xa que, ademais de ser inmobles con valor patrimonial e arquitectónico, son equipamentos educativos de gran importancia na estrutura territorial do municipio, que contribúen a fixar poboación. As reformas feitas neles repercuten directamente no benestar dos nenos, nenas e profesionais da educación que utilizan estas instalacións durante todo o curso escolar.
Concello de O Rosal
DEPORTE E MÚSICA DANSE A MAN O PRÓXIMO 2 DE SETEMBRO NO XXV TROFEO DO ROSAL DE BALONMÁN
O torneo celebrarase ás 18 horas no Pavillón Municipal, e a partir das 21 horas haberá guateque na Praza do Calvario
O XXV Trofeo do Rosal de balonmán celébrase o próximo 2 de setembro a ritmo de guateque. Dous eventos conxuntos, deportivo e festivo, que encherán O Rosal de deporte, entretemento e gastronomía nunha xornada de celebración.
Así, o 2 de setembro a partir das 18 horas terá lugar no Pavillón Municipal o Trofeo Concello do Rosal, cun partido entre os equipos de balonmán Valinox Novás e Frigoríficos Cangas. Será un encontro único a tan só unha semana do inicio da liga División de Honra Prata Masculina. Despois deste partido, ás 19.45 horas, será o turno do partido entre lendas, cos amigos de Javi Díaz vs os amigos de Víctor Armán.
Despois do partido, ás 21 horas dará comezo a presentación de todas as categorías na Praza do Calvario. E xa a partir das 22 horas a celebración continuará co Guateque do Valinox Novás, tamén na Praza do Calvario. Ás 22 horas ofrecerase música en vivo co grupo de música Nacional 81, e a partir da medianoite será a quenda dos DJs Anxo Silva e Adrián Mesu, que estenderán a festa ata a madrugada. Ademais da música, haberá unha proposta gastronómica con foodtrucks e cócteles
Na presentación do evento, celebrada no Concello, interviron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez, e por parte do Valinox Novás o presidente, Andrés Senra, un membro da directiva, Rogelio Diego e o Director Deportivo, César Armán. Todos eles convidaron á veciñanza do Rosal a participar nesta celebración deportiva e musical tan especial.
Concello de O Rosal
O CONCELLO DO ROSAL MELLORA O CAMIÑO DO RÍO NO TRAMO DAS EIRAS
Os traballos de limpeza e asfaltado foron sufragados cunha axuda do Plan de Infraestruturas Rurais, xunto con fondos propios do Concello
Xa está operativo o Camiño do Río, no tramo das Eiras, no que o Concello do Rosal executou traballos de mellora ao longo de máis 1.100 metros. As obras, cun orzamento superior aos 55.000 euros, realizáronse cunha axuda que o Concello do Rosal solicitou á Consellería de Medio Rural, no marco do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), xunto con fondos propios do Concello. Esta axuda do PIR foi concedida por tratarse dunha zona de desenvolvemento agrario, próxima a explotacións agropecuarias e núcleos rurais de poboación.
A actuación neste tramo do Camiño do Río incluíu unha limpeza da superficie do pavimento, a limpeza e desbroce das cunetas, así como o asfaltado da capa de rodadura, cubrindo o pavimento desgastado e as fochancas.
Esta actuación resultou nunha mellora significativa na seguridade dos vehículos que pasan diariamente por este camiño, e tamén para a veciñanza da zona.
Concello de O Rosal
O ROSAL SITÚASE Á CABEZA DA CREACIÓN DE COMUNIDADES ENERXÉTICAS PARA O USO DE RENOVABLES
Só cinco entidades de Galicia recibirán a axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a creación de Oficinas que promovan e asesoren a estas comunidades
O Concello do Rosal ven de recibir unha axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica para crear unha Oficina de Transformación Comunitaria que impulse comunidades enerxéticas. É unha das cinco entidades galegas beneficiadas desta subvención, e recibirá 75.000 euros para poñer en marcha este proxecto pioneiro de promoción de enerxías renovables no eido local.
O obxectivo da Oficina de Transformación Comunitaria que se vai crear no Rosal é asesorar sobre eficiencia enerxética, tarifas eléctricas, enerxías renovables e calquera tipo de información relacionada coa transición enerxética.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, expresou a ledicia que supón que O Rosal conte con esta axuda. "É unha moi boa nova recibir esta subvención, que nos vai axudar a avanzar desde o local no camiño das enerxías limpas, co que o Concello ten un compromiso", e engadiu que "Coa creación desta Oficina de Transformación Comunitaria poderemos traballar directamente coa veciñanza en temas tan preocupantes como o consumo de enerxía e o aforro na factura de luz".
O propósito principal destas axudas do Ministerio é que se promocionen e asesoren as comunidades enerxéticas. Estas comunidades son conxuntos de persoas, pequenas empresas ou entidades locais que teñen como obxectivo desenvolver proxectos de enerxías renovables, eficiencia enerxética ou mobilidade sostible, cun impacto positivo a nivel medioambiental, económico ou social sobre os seus membros ou as zonas locais nas que desenvolven o seu labor.
Prevese que o impacto global destes proxectos inclúa grandes beneficios medioambientais, coa diminución do consumo de enerxía e a redución no uso de combustibles fósiles, mais tamén evitar a dependencia sobre as compañías eléctricas, e combater a pobreza enerxética a través do aforro de enerxía, así como outros beneficios sociais, como a creación de emprego local ou o fortalecemento do tecido comunitario.
Concello de O Rosal
O CONCELLO DO ROSAL APROBA A CONTINUIDADE DO XUÍZ DE PAZ CÁSTOR RODRÍGUEZ GONZÁLEZ POR CATRO ANOS MÁIS
O Pleno ven de revalidar a súa continuidade no cargo, que exerce desde o ano 2006
O Pleno do Concello revalida a continuidade do Xuíz de Paz do municipio, Cástor Rodríguez, por catro anos máis. Foi o único candidato que se presentou á convocatoria.
Rodríguez González, veciño do Rosal desde hai máis de corenta anos, foi mestre no colexio Manuel Suárez Marquier. Desde o ano 2006 é o xuíz de paz do Rosal.
Entre as funcións que leva a cabo o Xulgado de Paz, está celebrar conciliacións, matrimonios, e xuízos, ademais de labores administrativas como o despacho de certificados nacemento, matrimonio e defunción, expedir libros de familia e moitos outros trámites.
Concello de O Rosal
NP_MELLORADO O TRAMO OESTE DA ESTRADA VELLA DE SAN MIGUEL, NA CONTORNA DA CUMIEIRA
O tramo da Estrada Vella de San Miguel, no Rosal, xa está a pleno rendemento despois das obras, que foron financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
A estrada Vella de San Miguel, na contorna da Cumieira, no Rosal, xa está a pleno rendemento despois de que se fixeran traballos de reconfiguración e asfaltado ao longo de 260 metros.
Cun orzamento de máis de 110.000 euros, os traballos incluíron unha renovación do muro de contención, que se atopaba en moi mal estado, así como unha mellora na xestión das augas, tanto as pluviais e de abastecemento como augas superficiais, e unha renovación do asfalto. Ademais, mellorouse a diferenciación das vías peonís, para dotar de maior seguridade todo o tramo.
Foron, en total, máis de 1.500m2 de vía nos que se realizaron estes traballos de mellora e que agora mesmo está plenamente operativa. Esta actuación resultou nunha mellora significativa na seguridade da veciñanza residente na zona, e dos numerosos vehículos que pasan diariamente por esta estrada da parroquia de San Miguel de Tabagón.
Concello de O Rosal
|