Na xornada deste xoves día 27 de xullo de 2023, realizouse no Salón de Plenos do Concello da Guarda a Presentación da VI edición do Torneo de Baloncesto Vila da Guarda, un evento deportivo que terá lugar o vindeiro día 5 de agosto dende as 9:00h da mañá nas instalacións do C.T. Codesal.
No acto de presentación estiveron presentes os concelleiros Aser Estévez e Celso Rodríguez, así coma representantes do clube Baixo Miño Basket, organizador da proba deportiva que chega este ano á súa sexta edición.
As inscricións están abertas ata o 2 de agosto a un prezo de 10€/persoa e 8€/persoa para membros do BMB ou do C.T. Codesal, coa opción de comida de confraternidade post-torneo por 8€ máis.
En total o torneo terá un máximo de 10 equipos de entre 4 e 5 xogadores, puidendo ser os mesmos mixtos e para as categorías de júnior e sénior, a partir dos 16 anos con partidos 3x3 con cambios.
Haberá premios para os gañadores, concurso de triples, concurso MV, medallas e trofeos para os tres primeiros.
Dende o Clube Baixo Miño Basket se quere facer un chamamento a todas as persoas que lles gusta o deporte do baloncesto, de cara a promover a súa práctica na comarca, facendo especial fincapé na base ou canteira.
" O venres 4 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 5 en horario de 10:15h a 14:30h.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 4 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 5 en horario de 10:15h a 14:30h.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.
" A Festa do Peixe Espada, a Mostra Creativa e un concerto de malabares son algunhas das propostas para a vindeira fin de semana na Guarda.
A Guarda remata o mes de xullo con novas iniciativas para todas as idades, dende ORPAGU organízase a XVIII Festa do Peixe Espada, un evento gastronómico que será inaugurado este venres día 28 de xullo ás 19:00h no Salón de Plenos do Concello da Guarda. O evento terá lugar nun total de 16 establecementos de hostalaría do municipio que dende o 28 e ata o 30 de xullo ofrecerán diferentes pratos especiais elaborados con Peixe Espada como a zorza, empanada, á cazuela, en escabeche, á brasa, entre outras elaboracións. A maiores a Festa inclúe diferentes actividades de dinamización con obradoiros, exposicións, pasarrúas… toda a información pódese consultar na web https://orpagu.com
Seguindo coa programación da fin de semana, na xornada deste sábado terá lugar a III Mostra Creativa do Baixo Miño, unha aposta polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión. Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos. Xa son máis de 20 os inscritos para esta terceira edición, entre eles: Acontravento(roupa), Anxo Ferreira (cantería), Vikensen (madeira), Merino Coqueta (Fieltro e lá), Little Vero (roupa), Vargas Lemos (xoieria), Mar.jewelrin (xoieria), Coco bisutería (xoieria), Sapone di Principesca (cosmética natural), É Fish (xoieria), Marina Alonso San Miguel (ilustracións), Sapoconcho (ilustracións), Tullavecord accesorios (en madeira, resina, etc.), Cuchituras design (accesorios para o pelo), La casa taller (pintura), Pazosketchbook (pintura), Luc&Luc (roupa), Sil Domínguez (roupa), Breaktime (Ilustración sobre prendas) e Lana (Amigurumis).
O vindeiro sábado 29 de xullo ás 20:30h. terá lugar no Auditorio de San Benito unha das grandes citas culturais deste verán. Un concerto onde os malabares serán os bailaríns deste ballet aéreo, ao ritmo dos clarinetes, saxos e trompetas da Agrupación Musical da Guarda, que farán de pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxarán no ar os sentimentos e emocións que transmiten a música e o circo. O espectáculo Concerto de malabares é na actualidade un dos proxectos máis orixinais e suxerentes no eido escénico en Galicia, concebido pola prestixiosa compañía de circo Pistacatro, está ideado para poder ser desfrutado por público de tódalas idades, albergando un especial valor familiar e educativo debido ó contido pedagóxico que inspira todo o proxecto. Sen dúbida a emoción e a diversión están garantidas, para crianzas, adultos, amantes da música, de pasar un bo rato e sobre todo para todo o que este aberto. Este espectáculo é financiado parcialmente con cargo ao programa do AGADIC-XUNTA DE GALICIA "CULTURA NO CAMIÑO 2023" e para facerse realidade precisou do traballo conxunto da compañía Pistacatro e a Agrupación Musical da Guarda, que se remonta a principios de 2023.
O Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte. Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecela cultura castrexa e a nosa paisaxe. Tan só hai que estar a hora no punto de encontro(antiga casa forestal). Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.
O pasado día 18 de xullo inaugurouse na Casa dos Alonso a Exposición de Pintura "Catro médicos pintores en A Guarda", unha exposición que recolle diferentes obras pictóricas de catro compañeiros de profesión que comparten tamén a súa paixón pola arte. Nela se poden observar diferentes maneiras de entender e plasmar as variadas percepcións dos seus actores, Leopoldo García, Pablo Galego, Jesús Vázquez e Tino Cuesta. A Exposición "Catro médicos pintores en A Guarda" estará aberta ao público ata o 31 de xullo en horario de 9:00h a 14:00h de luns a venres.
O Concello da Guarda colabora un ano máis coa Asociación Piueiro e durante os meses de verán vanse ofrecer saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro Piueiro para aqueles que queiran descubrir esta embarcación a vela que incluirá ademais de navegación polo exterior do porto. O prazo de inscrición abrirase o domingo anterior ás saídas desa mesma semana e poderase realizar presencialmente na Oficina de Turismo, mediante mail aguarda.oficina.turismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 986 61 45 46 a partir das 10:00h, horario de apertura do domingo.