|
Festival, concertos e cinema conforman a programación 'Tui, verán na rúa'
Desenvolverase nos meses de xullo e agosto
Sons de rúa, IKFEM, Música no Claustro, a Noite Internacional do Miño, o Festival de Bandas de Música e proxeccións de cinema conforma a programación "Tui, verán na rúa" que se vai desenvolver no meses de xullo e agosto na cidade.
Así a programación prevista ábrese con "Sons na rúa" unha iniciativa conxunta da Eurocidade Tui-Valença que ofrecerá oito concertos o venres 14 e sábado 15 deste mes. O venres o grupo Ponto de Encontro será o encargado de abrir as actuacións ás 17 h ES na praza da República de Valença, onde ás 18.30 h ES actuará Fados e Tal. A proposta musical continuará en Tui onde ás 21 h no Paseo da Corredoira actuará Km Zero e ás 22 h na praza do Concello Acevedos Delgados.
Mentres o sábado Nuno Louro será o primeiro en actuar ás 17 h ES na praza da República en Valença e ás 18.30 h, no mesmo lugar, será a quenda de Yara Gutkin. A cita musical trasladarase até Tui onde Manuel Madarnás actuará ás 21 h no Paseo da Corredoira e ás 22 h Pacheco Bros na praza do Concello.
O festival IKFEM, dirixido por Andrea González, ofrecerá doce concertos na Eurocidade Tui-Valença entre o xoves 20 e o martes 25. Abrirase cun concerto especial titulado "Dous sistemas solares" creado pola artista Delphine Coutant no que un piano flotante sobre o río. Pero tamén contarase con outros nomes destacados coma Vitorino Almeida, Katia Guerreiro ou Cremilda Medina, Antía Muiño, Daniel Pereira, Abraham Martínez ou a Fundación Alqvimia Musicae. A programación contempla tamén outras actividades paralelas coma a novidosa IKFEM Creativa, para a que está aberto o prazo de inscrición até o luns, ou o Balcón do IKFEM.
O Parque do Laxal en Rebordáns volverá acollerá o martes 25, ás 21.30 h, a Noite Internacional do Miño coa participación dos grupos Hei Show Tamure de Tahití, Akademsko Drustvo Novi Beograd de Serbia e African Zebra Kings de África do Sur. O evento está organizado pola Escola de Baile e Música San Fins, coa colaboración do Concello de Tui.
Neste verán haberá dúas citas co cinema no Paseo Fluvial o venres 28 de xullo con "La canción del mar" e o venres 11 de agosto con "Encanto".
O mes de agosto comezará co XVII Festival de música, patrocinio e creación Música no Claustro, dirixido por Samuel Diz, cuxa programación ao completo presentarase o 27 deste mes. Nestes momentos o festival ten aberta a inscrición para o Foro Resonancias.
O venres 18 de agosto, ás 21 h, na praza de San Fernando, celebrase o XXVIII Festival de Bandas de Música coa participación da Banda de Música Popular de Tui e a Banda de Música Unión Musical de Tenorio.
A programación do verán pécharase o sábado 19 coa celebración da XI Festa do Miño. Un actividade que terá o seu remate na rúa Compostela dende ás 20 h coa Festa Gastronómica coa participación de distintas asociacións culturais tudenses, e as actuacións de Troula Animación con "Rufino&Benito", Latexo Percusión e Mekanica Rolling Band.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala que con esta programación apóstase un ano máis pola oferta cultural e de lecer nos meses de verán na cidade, con actividades para todos os públicos. Sinala amais o agradecemento ás distintas entidades que coa colaboración do concello, levan a cabo a organización de parte destas actividades. Lembra amais Sonsoles Vicente, que no verán Tui conta cunha ampla oferta que amais desta programación organizada polo Concello as distintas parroquias tudenses acollen festexos e eventos organizados por comisións de festas e asociación que brindan
Pola súa banda, o alcalde, Enrique Cabaleiro, salienta tamén coma nesta programa estival volvese tender pontes culturais na Eurocidade con apostas novidosas coma "Sons na rúa" ou o IKFEM, nun territorio transfronteirizo que presenta unha axenda única en Europa entre dúas cidades de dous países. Engade coma a oferta de lecer súmase aos atractivos que ten Tui a nivel patrimonial, cultura, histórico, deportivo… e convida o rexedor a gozar deste "verán na rúa".
O Concello de Tui desenvolverá un curso de Auxiliar de Almacén con prácticas en Empresas
Vai dirixido a persoas desempregadas. Está financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Programa Emprego Inclusivo e impartido en colaboración coa Fundación Érguete - Integración
Tui acollerá a partir do mes de outubro un curso de Auxiliar de Almacén con prácticas en empresas froito da colaboración entre o Concello de Tui e a Fundación Érguete-Integración dentro do Programa Emprego Inclusivo financiado pola Deputación de Pontevedra.
O curso de Auxiliar de Almacén contará con 190 horas lectivas. Vai dirixido a persoas demandantes de emprego tendo preferencia no proceso de selección as persoas desempregadas de longa duración, perceptoras de prestacións sociais ou con expediente en Servizos Sociais, que amosen interese no sector. Darase prioridade ás persoas empadroadas no Concello de Tui.
O curso desenvolverase no Centro Municipal de Formación do Concello de Tui en Guillarei entre o 3 de outubro e o 30 de novembro de 9 a 14h. Contará cun módulo específico de formación en auxiliar de almacén, manipulación de alimentos, carretilla elevadora e competencias transversais, ademais das prácticas non laborais en empresas
A finalidade do proxecto Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, de xeito que poidan incorporarse ou volver ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento da persoa e o desenvolvemento das súas competencias.
As persoas interesadas en realizar este curso de Auxiliar de Almacén poden ampliar a información e preinscribirse na Fundación Érguete-Integración no 986 253 176 de 8.00 a 14.30 h ou no enderezo electrónico incorpora@fundacionerguete.org.
Con esta nova acción formativa o Concello de Tui mantén a súa aposta pola formación e a mellora da empregabilidade da poboación en situación de desemprego.
Catro persoas emprendedoras de Tui participaron no coworking da Deputación e da Escola de Organización Industrial
Tui foi o concello que contou con máis participantes. Foron dous meses de formación e cun intenso proceso de mentorización
Cecilia Portela, María Cristina Alves, Javier Argüelles e Gema María Fernández son as catro persoas emprendedoras de Tui que participaron dende o mes de abril no primeiro coworking multisede da Deputación de Pontevedra e da Escola de Organización Industrial (EOI), que se desenvolveu en Tui, Vigo e Silleda.
Estas catro persoas tiveron a oportunidade, durante dous meses, de realizar de xeito intensivo formación clave que lles axudará na posta en marcha do seu proxecto emprendedor, ao tempo que participaron nun intenso proceso de mentorización para facer as súas propostas realidade.
Co obxectivo de lanzar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación, as e o emprendedor de Tui compartiron no acto de clausura do coworking as súas necesidades e as súas impresións tras a súa participación.
Cecilia Portela é propietaria de "Propostas Arquitectura", e presentou este estudo de arquitectura e deseño de interiores que se dedica a proxectos de construción, edificación e urbanismo. Ademais está especializado no aproveitamento de espazos aos que busca "aportar un valor diferencial e innovador".
"Bordados Crisalpa" é o nome da empresa creativa de bordados a medida que impulsou a tamén tudense María Cristina Alves. O seu proxecto naceu como un pasatempo e agora pretende ser unha empresa onde ofrecer produtos bordados a empresas e consumidor final. Ademais, un dos seus obxectivos é pór en valor as vantaxes do bordado sobre outras formas de personalizar.
Javier Argüelles presentou no coworking a súa proposta de espazo cultural onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio, chamado "O Almacén". Javier Argüelles leva 25 anos traballando no sector cultural organizando eventos, e decidiu crear O Almacén para crear unha comunidade mediante a co-creación "implicando á cidadanía na elección das actividades a realizar".
Finalmente, de Tui participou Gema María Fernández cun proxecto que combina a paixón pola artesanía e os detalles para eventos, chamado "Essentia HM". O seu é un proxecto no que quere captar a esencia da celebración en cada obxecto para conseguir "revivir as sensacións e sentimentos dun día especial". Facía balance Gema María Fernández do que foi este coworking, e o definiu como "un antes e un despois", que lle aportou "coñecementos que precisaba".
Tui foi o concello que contou con máis participantes.
A concelleira Ana Núñez, que no anterior mandato estaba ao fronte das concellerías de Formación e Emprego, destaca a utilidade e o valor deste tipo de iniciativas, "que axudan a que os e as emprendedoras non se sintan sós e soas no camiño". Dicía tamén que o Concello de Tui "precisa novas oportunidades de negocio e de emprendemento, e estas catro persoas son o mellor exemplo do talento que hai na cidade".
Asemade, Ana Núñez afirmou que o Concello "está xa mantendo conversacións coas catro persoas participantes para poder impulsar os seus proxectos e brindarlles a axuda necesaria".
|