JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

As Rutas de Artes e Oficios regresan este verán a Tomiño

Comezarán coa visita a Viveiros da Barxa o 13 de xullo para continuar no mes de agosto con Cítrico Rías Baixas e o obradoiro de torneado en madeira Vikensen

Xa está aberta na web municipal a inscrición para participar

Tomiño é terra de artistas, pintores, escultores, ceramistas, viveiristas e un longo etcétera. Para achegar á veciñanza a esta realidade, o Concello de Tomiño pon en marcha un ano máis as Rutas de Artes e Oficios, que ofrecerán tres visitas comentadas polas e polos artistas e artesáns, todas de balde, coas que promocionar esta riqueza cultural e patrimonial.

Durante a visita, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man o día a día dos traballos que se levan a cabo polas e polos diferentes profesionais, coñecendo os procesos de elaboración, os materiais empregados e todos os segredos que queiran amosar ao público in situ.

"Que mellor forma para promocionar o noso patrimonio cultural que mergullándonos no día a día do traballo destes e destas profesionais, coñecendo dende os talleres nos que se forxa a creatividade ata os viveiros nos que florece a nosa propia natureza", explica a alcaldesa, Sandra González.

A Ruta de Artes e Oficios arranca esta edición o vindeiro xoves 13 de xullo cunha visita guiada aos Viveiros da Barxa ás 20.30 horas. As persoas participantes terán a oportunidade de coñecer como se traballa nun dos sectores máis importantes para a economía do municipio, neste caso achegándose a un viveiro especializado en plantas ornamentais.

A segunda das rutas será xa o día 3 de agosto, tamén ás 20.30 horas, e nesa ocasión o público poderá coñecer as diferentes variedades de cítricos coas que traballan en Cítricos Rías Baixas, así como todo o relacionado co seu cultivo, os coidados ou a demanda do produto.

Xa por último, as Rutas de Artes e Oficios rematarán o xoves 10 de agosto coa visita ao obradoiro de torneado en madeira Vikensen, dirixido por Aitor Martínez, finalista o ano pasado dos XV Premios Nacionais de Artesanía na modalidade de Emprendemento.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través da web municipal.

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño organiza o Goberno municipal en tres grandes áreas para centrarse nas necesidades da veciñanza

Establécense as áreas de Territorio e Ambiente, Social e Promoción do Benestar e Parroquias, Obras e Participación Veciñal, que englobarán varias concellerías

O pleno aprobou este xoves as atribucións dos concelleiros e concelleiras

O Concello de Tomiño organizará o seu Goberno municipal en tres grandes áreas principais coas que se busca poñer á veciñanza e ás súas necesidades no centro da acción política. Neste camiño, o Goberno local contará coas áreas de Territorio e Ambiente, Social e Promoción do Benestar e Parroquias, Obras e Participación Veciñal, englobando cada unha delas varias concellerías con responsabilidades específicas.

"Esta nova estrutura do equipo de Goberno reflicte o noso compromiso por poñer aos veciños se veciñas no centro de todas as nosas accións, dándolles voz para construír un futuro próspero e sostible para o noso municipio", salientou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora destacou ademais que con estas áreas claramente definidas "poderemos brindar unha atención máis directa coa veciñanza e fortalecer lazos para seguir gobernando con responsabilidade, transparencia e proximidade".

A primeira área, Territorio e Ambiente, estará coordinada por Uxío Benítez, que asumirá a Concellería de Planificación Estratéxica, Facenda e Acción Urbana. Lois Vázquez estará ao fronte da Concellería do Ciclo da Auga e Eficiencia Enerxética, mentres que Ana Belén Casaleiro encargarase da Concellería de Medio Ambiente e Axenda 2030.

Pola súa parte, Cristina Martínez coordinará á área de Parroquias, Obras e Participación Veciñal e asumirá a Concellería de Parroquias e Participación Veciñal. Esta área compleméntase coa Concellería de Obras e Acción Rural, a cargo de Alexandre Pérez.

Finalmente, a área Social e de Promoción do Benestar estará coordinada por Rubén García, quen tamén asumirá a Concellería de Benestar Social e Deporte. Esta área incluirá tamén á Concellería de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, con Ana Isabel Fernández Carrera como responsable, e a Concellería de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, encabezada por Ana Fernández Ordóñez.

Ademais, neste camiño por seguir achegándose ás necesidades da veciñanza de todas as parroquias e implicar a tomiñeses e tomiñesas no futuro do municipio, o Goberno municipal estruturarase tamén territorialmente e cada un os concelleiros e concelleiras serán responsables de varias parroquias.

Por outra banda, as dedicacións e retribución mantéñense igual que ata o momento, cunha dedicación exclusiva de 48.787 euros, catro parciais ao 75% de 24.020 euros e unha ao 35% de 10.918 euros. A única novidade neste sentido será a incorporación da figura da Tenencia de Alcaldía que asumirá Uxío Benítez e que contará cunha dedicación parcial ao 75% cunha retribución bruta anual de 32.931 euros.

O Concello de Tomiño aprobou esta nova organización este xoves nun pleno no que tamén se acordou a periodicidade das sesións plenarias ordinarias, fixadas para os últimos xoves dos meses pares ás 20.00 horas, así como a composición da Xunta de Goberno Local, das Comisións Informativas e os representantes na Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño.

Concello Tomiño


O Festival Vaideson celebra o seu quinto aniversario cun grande espectáculo na Praza do Seixo

Organizado pola Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio, o público poderá gozar tamén da actuación de Ldanzia e da

Será este sábado 8 de xullo ás 21.00 h con entrada de balde

A programación cultural de verán continúa esta fin de semana cunha nova edición do Festival Vaideson, que celebrará o seu quinto aniversario cun grande espectáculo na Praza do Seixo. A Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio organiza un ano máis este festival gratuíto en colaboración co Concello co obxectivo de animar ao público a gozar do baile tradicional galego, do talento e da boa música.

O espectáculo será este sábado 8 de xullo as 21.00 horas con entrada de balde e aberto a todos os públicos. Nesta ocasión, a organización estará acompañada sobre o escenario da Escola de Danza Ldanzia.

Concello Tomiño


Cineclub Poleiro, 25 anos de paixón pola sétima arte

A entidade celebrou o seu cuarto de século cunha asemblea da Federación de Cineclubs de Galicia e unha recepción no Concello de Tomiño

O cineclub resiste o paso do tempo e continúa achegando o cine de calidade á veciñanza do Baixo Miño

Vinte e cinco anos de paixón polo cine e achegando a numerosas xeracións á maxia da sétima arte. O Cineclub Poleiro celebra este ano o seu cuarto de século de vida con orgullo e con moita ganas de seguir traendo a Tomiño "ese cine representativo que non está tan accesible nas salas a través de oito películas ao ano".

O cineclub naceu en marzo de 1998 ao abeiro da asociación cultural Eliseo Alonso cun obxectivo claro: servir como xermolo de promoción cultural no Baixo Miño propoñendo puntos de encontro cultural a toda a veciñanza.

Primeiro no Cine Avenida da Guarda e logo no auditorio municipal de Goián, coa actividade do cineclub "quixemos achegar o cine de calidade a unha comarca que durante as últimas décadas foi comprobando como os cinemas foron desaparecendo dos seus concellos. Pensamos que a selección de películas que fixemos ao longo destes anos constituíu unha boa forma de dar a coñecer modestamente unha representación do cine máis actual, lonxe moitas veces dos circuítos comerciais", como sinala Ramón Álvarez, actual presidente do cineclub.

Integrado dende o primeiro momento na Federación Galega de Cineclubs, que lle brindou o seu respaldo dende o primeiro momento, para o Cineclub Poleiro non había mellor forma de festexar os seus 25 anos de vida que coa celebración dunha asemblea da federación en Goián, á que precedeu unha recepción no Concello de Tomiño, que cada ano brinda o seu apoio ao cineclub.

Ao longo destes 25 anos, veciños e veciñas creceron co Cineclub Poleiro descubrindo grandes películas, directores e actores e actrices e unhas propostas "que cremos sempre interesantes para unha sociedade como a nosa, que mantén o espírito orixinal da asociación Eliseo Alonso e incorpora ideas como unha visión trasnfronteiriza".

"A pandemia cambiou as nosas vidas, empezamos a desfrutar máis das plataformas, sentados no sofá da nosa casa. Pero para todas e todos nós é un gran descubrimento ver que o público segue saíndo da casa para sentarse ante a gran pantalla, participar e compartir con nós esa paixón polo cine", resalta Álvarez.

Cada ano o CineClub Poleiro organiza dous ciclos de cine con catro proxeccións cada un os primeiros xoves de mes e saca á venda un abono para que a veciñanza desfrute do cine e da cultura a un prezo asequible.

Poleiro forma parte da Federación de Cineblubs de Galicia, que "fai un gran labor altruísta para divulgar a sétima arte en lugares rurais nos que o cine desaparecera". Esta federación é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro creada en 1984 que actúa como xestora da práctica totalidade dos cineblus galegos, prestando servizos de asesoramento e organización de proxectos, programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate...

Dende a súa creación formalizou ademais acordos cos cineclubs de Portugal que levaron, por exemplo, á creación da Comisión Luso-Galaica de Cooperación Cinematográfica e Cineclubista. A Federación galega pertence ademais á Confederación de Cineclubs do Estado Español e á Fédération Internacionale des Ciné-Clubs (FICC), coa que ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quijote, que se outorga en diversos festivais internacionais como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.

Concello Tomiño


Tomiño capta un millón de euros do Plan PON2030 para a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura e melloras na contorna

O proxecto, que terá un custe de 1,3 millóns de euros, suporá a integración total dos equipamentos a través do espazo público

Tomiño vén de conseguir unha subvención dun millón de euros do PON2030, un plan extraordinario da Deputación de Pontevedra co que se busca transformar os concellos para seguir avanzando na execución da Axenda 2030. A través do proxecto beneficiado, denominado 'Integra Tomiño', o Concello levará a cabo a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura e implementará melloras no espazo público de toda a contorna.

Dentro do proceso de avaliación dos proxectos presentados, a proposta de Tomiño acadou a oitava mellor puntuación entre as 40 iniciativas finalmente subvencionadas. Deste xeito, o Goberno municipal continuará transformando Tomiño para convertelo nun concello máis sostible a través desta axuda que "representa un importante impulso para o desenvolvemento e revitalización do municipio".

Cun investimento total de 1,3 millóns de euros, o proxecto 'Integra Tomiño' non só abarcará a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura, senón tamén a mellora e acondicionamento de todo o espazo adxacente situado diante do edificio de Benestar Social, na rúa República Arxentina e na vía situada tras a Casa de Cultura, ata o Centro de Día. A proposta busca a integración de equipamentos a través do espazo público co obxectivo de crear unha contorna cohesionada e funcional para desfrute da veciñanza.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosou a súa satisfacción "por este importante investimento no noso concello, que nos permitirá levar adiante un proxecto que mellorará e modernizará a infraestrutura existente e creará un espazo máis accesible e atractivo para a veciñanza".

Concello Tomiño


O ciclo 'Música e Románico' arranca este verán cun concerto na igrexa de Santa María de Tebra

Caamaño&Ameixeiras inaugura a segunda edición deste programa co que Tomiño pon en valor o seu patrimonio histórico artístico

Será este venres 7 de xullo ás 20.30 h con entrada de balde

Tras o éxito do pasado verán, Tomiño acolle no mes de xullo a segunda edición do ciclo 'Música e Románico', un programa co que o Concello pon en valor o importante patrimonio histórico artístico que representan as igrexas da época románica situadas nas parroquias de Santa María de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra e Barrantes.

Caamaño&Ameixeiras inauguran este novo ciclo este venres 7 de xullo cunha actuación ás 20.30 horas na igrexa de Santa María de Tebra. Unha actuación que estará precedida por unha breve explicación ao público participante das principais elementos románicos do templo que serve nesta ocasión de escenario.

"Este ciclo é unha oportunidade única para mergullarse na riqueza cultural e patrimonial de Tomiño combinando historia, arquitectura e música. Un encontro co importante legado do noso concello ao son do melodías excepcionais que nos farán desfrutar dunha experiencia enriquecedora e única", salienta a alcaldesa, Sandra González.

Caamaño&Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Ao son do acordeón diatónico, o violín e a voz, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras achégannos a esta música cun toque moderno e fresco a través do seu primeiro traballo 'Aire!', no que participan diversas figuras de reputación internacional como Abraham Cupeiro ou Silvia Pérez Cruz. Estas dúas mozas acadaron dous dos premios máis importantes do panorama musical en España: o 1º Premio Martín Códax da Música 2021 e o 1º Premio no Folkez Blai 2021.

Concello Tomiño


O Spartan Team celebra a súa primeira velada de boxeo profesional en Tomiño

Organizada polo club tomiñés en colaboración co CKM de Mos e co apoio do Concello, a xornada acollerá 8 combates de diferentes categorías

Será este sábado 8 de xullo ás 20.30 h no pavillón de Goián

Tomiño prepárase para acoller a súa primeira velada profesional de boxeo. O club local Spartan Team en colaboración co CKM de Mos e co apoio do Concello organiza este sábado 8 de xullo a xornada 'Comezo da lenda - Return', un encontro ás 20.30 horas no pavillón de Goián no que o público poderá desfrutar de oito combates disputados nas diferentes categorías amateur, neoprofesional e profesional, 7 masculinos e un feminino, que reunirán a boxeadores de diferentes zonas da comarca.

Os irmáns tomiñeses Charly e David Lopez subiranse por primeira vez xuntos a un ring para boxear como contrincantes. Tanto Charly como David, parte do equipo técnico do Spartan Team, tiveron unha longa vida vinculada a diversos deportes, dende fútbol ou motocross, no que conseguiron varios títulos e campionatos galegos, ata piragüismo, no que chegaron a proclamarse campións de España. Tras esa dilatada vida deportiva recalaron no boxeo, no que tamén posúen títulos rexionais e nacionais. Os irmáns boxearán diante da súa xente nun combate que será a terceira experiencia profesional sobre o ring para David e a quinta para Charly tras unha dilatada carreira como kickboxer e boxeador amateur.

Neste evento tamén competirán Filipe Amoedo, Daniel Fernández e Luis Mercedes, tamén do Spartan Team, así como diferentes púxiles de clubs da provincia.

As persoas interesadas en desfrutar da velada poden xa mercar as súas entradas no bar Vaya Punto de Goián, no Olalá de Tomiño, no Pool Chaos da Guarda, no bar El Cielo de Tui, no Kick&Box Club de Salceda de Caselas ou no CKM de Mos, así como en taquilla o mesmo día da xornada. A apertura de portas será ás 19.30 horas.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais