|
Maridaxe de enoloxía, cultura e lecer na XXXI Feira do Viño do Rosal
A Praza do Calvario será o 14, 15 e 16 de xullo un grande escaparate no que gozar de xeito lúdico do valor dos caldos elaborados polas adegas DO Rías Baixas subzona do Rosal
Por primeira vez contarase coa participación do tecido asociativo rosaleiro
A Feira do Viño do Rosal quenta motores para celebrar unha nova edición cunha morea de actividades para todos os públicos nunha contorna única. Do 14 ao 16 de xullo, a Praza do Calvario aglutinará boa parte da actividade dunha feira que de novo maridará a enoloxía coa música, a cultura, o lecer, a gastronomía e o patrimonio rosaleiro e que por primeira vez contará coa participación do tecido asociativo do municipio.
"O viño está arraigado na nosa cultura. É parte da nosa identidade, da nosa orixe, un sector estratéxico que non só imprime calidade e emprego ao Rosal, senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das bodegas e empresas participantes na feira.
A feira abrirá as súas portas o venres 14 coa tradicional cata comentada baixo inscrición previa e lectura do pregón, que este ano será a cargo de Jorge Vila, fundador e director de Galicia Wine Academy, a primeira escola autorizada para impartir as prestixiosas cualificacións do Wine&Spirit Education Trust en Galicia e unha das principais escolas WSET© en España.
O pregón de Vila dará paso ao nomeamento de confrades e entrega de insignias e, xa ás 23.00 horas, ao concerto de Blues do País e Sindicato da Verbena, que porán o peche á primeira xornada da feira.
O sábado 15 as casetas abrirán ás 11.30 para dar paso ás 12.30 horas ao showcooking a cargo do chef Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional 'Eurochef II - European Showcooking: Sharing gastronomy and experiences', do que forma parte Eu Rural. Despois de abrir boca, ás 13.30 horas, será a quenda dun concerto lixeiro a cargo de Llorente&Tribu. Pola tarde, ás 19.00 h tocará o grupo de gaitas Airiños do Folón, ás 20.00 horas Pulpiño Viascón amenizará a tarde de nenos e nenas co seu 'Trikimachín' e ás 23.00 h rematará o día ao ritmo de The Soul Jacket.
Xa o domingo a feira comezará ás 12.00 horas cun obradoiro de cociña para nenos e nenas con Isaac Míguez para o que será necesario realizar inscrición previa. Antes de comer, ás 13.30 horas, volverá haber concerto lixeiro, nesta ocasión a cargo de Acevedos Delgados. Pola tarde, actuación infantil do Mago Noel e o seu espectáculo 'Que curioso' ás 19.00 horas e concerto con Somoza Trío ás 20.00 h.
Ademais, a Feira do Viño do Rosal contará esta edición con máis actividades durante a semana previa. Así, as persoas interesadas poderán inscribirse para participar nas visitas guiadas que haberá do 10 ao 14 de xullo ás diferentes adegas ou á visita guiada aos Muíños do Folón o xoves 13 de 11.00 a 13.00 horas. Tamén haberá unha visita ao Museo do Cabaqueiro, situado na planta baixa da Cámara Agraria, o xoves 13 de 11.00 a 13.00 horas.
A sala de exposicións do Concello acollerá tamén do 14 ao 25 de xullo tres mostras de balde das que o público poderá desfrutar de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas: dúas exposicións de pintura de Antonio Baños Saldaña e Antonio Comesaña Abalda e unha mostra a cargo do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal.
Por outra banda, para facilitar os desprazamentos ata a feira da veciñanza da comarca, o Concello habilitará un servizo de autobús con dúas liñas circulares San Xián-O Rosal e Tui-Tomiño-O Rosal. Os billetes terán un prezo de 2 euros.
Fernández Callís quixo agradecer ás adegas o seu esforzo e implicación nesta nova edición da Feira do Viño do Rosal, "un escaparate no que gozamos de xeito lúdico do valor do viño elaborado polas bodegas DO Rías Baixas da Subzona do Rosal, un lugar no que sumar sinerxías coas que valorar e dar a coñecer á sociedade toda esa variedade de caldos que reúnen este distintivo de calidade no noso concello".
Pola súa banda, o presidente da confraría, Enrique Costas, quixo enxalzar unha vex máis "o labor de todas e todos os que achegades a vosa axuda para visibilizar o noso traballo e que os nosos veciños e veciñas sintan orgullo. Os éxitos dos viños do Rosal son éxitos para todo o territorio e para todas as persoas que viven nel".
Concello de O Rosal
Emocionante xornada de ciclismo no Baixo Miño co Campionato de Galicia
Máis de 140 participantes desafiarán este domino 9 as esixentes probas nun espectacular percorrido entre O Rosal e A Guarda
A emoción do ciclismo regresa esta fin de semana ao Baixo Miño co Campionato de Galicia das categorías cadetes, junior e féminas organizado polo Club Ciclista O Rosal. Como lugar de saída e meta, a Praza do Calvario será testemuña desta intensa competición que contará coa participación de máis de 140 persoas inscritas nestas tres probas independentes. O evento promete ser un espectáculo de velocidade e resistencia nun percorrido desafiante.
Deste xeito, este domingo 9 de xullo ás 11.00 horas tomarán a saída as e os participantes da categoría cadetes, que se enfrontarán a un percorrido de 60 km. Mesma distancia para féminas cadetes, junior e máster, que sairán do centro do Rosal ás 13.00 horas. Xa pola tarde, ás 16.30 horas comezarán a carreira junior e féminas élite/sub23, que se enfrontarán a un percorrido de 108 km.
O Alto da Portela presentarase como a principal dificultade en todas as probas, chegando a subilo ata tres veces na categoría junior masculina e unha no resto de categorías. As e os ciclistas participantes enfrontaranse a este desafío para poñer a proba a súa resistencia e habilidades de montaña.
Os percorridos de todas as probas atravesarán O Rosal e A Guarda, brindando ás e aos deportistas a oportunidade de desfrutar da beleza da costa e do interior destes municipios. A competición contará cun Premio de Meta Voante na Guarda e un Premio da Moñana no Alto da Portela rosaleiro.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, expresou o seu entusiasmo por acoller este evento deportivo de grande envergadura. "É un orgullo ser saída e meta deste campionato, unha oportunidade marabillosa para amosar a beleza do noso municipio e promover o deporte entre a nosa mocidade. Agardo que todas e todos os participantes desfruten dunha xornada que vai estar repleta de emocións", resaltou a rexedora na presentación do campionato.
No encontro tamén estiveron presentes membros da organización do Club Ciclista O Rosal; o Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete; Jacobo Ucha, da Federación Galega de Ciclismo e concelleiras e concelleiros do Rosal e da Guarda.
Concello de O Rosal
O Rosal cultiva música canción a canción con Brais das Hortas
Chegará co seu 'Conssertasso na horta' este xoves ás 20.30 horas á Praza de Martín. De balde
O Rosal continúa cultivando música, diversión e lecer nos barrios. Este xoves chega á Praza de Martín 'Conssertasso na horta', unha viaxe pola horta musical de Brais das Hortas, polas súas loucuras e fantasías.
Canción a canción, rego a rego, un feixe de personaxes levarán ao público de excursión polos variados cultivos sonoros deste veterano e ecléctico músico, con cancións de músicas diversas coas que reivindicar con alegría e amor a vida e a rebeldía da horta.
As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo, o reggae. Os lagartos toman o sol entre as cenorias ao son dun tumbao e os kiwis non paran de brotar bailando ska. E tamén hai sitio para os sonos, como o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para sulfatar as viñas. Un sen fin de temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentos máis.
A actuación está dirixida a público familiar, con nenos e nenas maiores de 3 anos. Será ás 20.30 horas con entrada de balde.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal aproba a súa organización municipal
O pleno aprobou este martes as atribucións dos concelleiros e concelleiras e as diferentes dedicacións do Goberno municipal
A alcaldesa destacou o compromiso do equipo de Goberno para mellorar a calidade de vida da veciñanza e que "O Rosal sexa o lugar elixido por moitas persoas para desenvolver o seu proxecto de vida"
O Concello do Rosal aprobou este martes en pleno a organización e funcionamento da Corporación municipal para o mandato que acaba de comezar, no que se abordaron cuestións como as competencias de cada concelleira e concelleiro, as dedicacións, a composición e atribucións da Xunta de Goberno Local ou a periodicidade das sesións plenarias.
Como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a estrutura do equipo de Goberno municipal responde ao obxectivo de poñer á veciñanza e as súas necesidades no centro da acción política e facelo "cun equipo preparado, diverso, capacitado e con moitas ganas e ilusión para seguir mellorando a calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras". "Traballaremos para que O Rosal se converta no lugar elixido por moitas persoas para desenvolver o seu proxecto de vida", salientou.
Neste camiño, dende Alcaldía manterase tamén a coordinación das áreas de Economía e Facenda, Formación e Emprego, Proxectos, Mobilidade, Participación Veciñal e Comunicación e Transparencia. En canto aos concelleiros e concelleiras delegadas do equipo de Goberno establécense as seguintes atribucións:
- Germán Fernández Rodríguez levará Vías e Obras, Tráfico, Protección Civil, Saneamento e redes de subministro.
- Beatriz Rodríguez Alfonso estará ao fronte de Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Voluntariado, Montes e augas.
- José Carlos Martínez Crespo asumirá as áreas de Deportes, Educación e Turismo.
- Roxelio Fernández Portela levará Urbanismo.
- Carlos Villanueva Domínguez coordinará Cultura, Patrimonio, Sanidade e Transporte.
- Alejandro González Martínez collerá as rendas das áreas de Comercio, Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Xuventude e Persoal.
Respecto ás dedicacións e retribucións, o Concello do Rosal mantense a mesma dedicación exclusiva de 38.500 euros ao ano da Alcaldía e establécense dúas parciais ao 75% de 28.000 euros e unha parcial a media xornada de 18.000 euros, que exercerán Germán Fernández, Beatriz Rodríguez e José Carlos Martínez Crespo, respectivamente. Pola súa banda, outros tres edís desempeñarán o seu cargo sen dedicación.
Ademais, durante o pleno acordouse a periodicidade das sesións plenarias ordinarias, fixada para os últimos xoves dos meses impares ás 20.30 horas, e a composición, atribucións e funcionamento da Xunta de Goberno Local, que permitirá unha maior eficacia e celeridade na resolución de determinados asuntos de interese público.
Concello de O Rosal
Virtuosismo, música e diversión con Tonichi&Pacheco no Rosal
O dúo levará a súa proposta artística este venres 7 de xullo á Praza do Calvario. Será ás 21.00 horas con entrada de balde
A axenda cultural do Rosal trae moita música para o mes de xullo. Este venres 7 de xullo é a quenda de Tonichi&Pacheco, un dúo con máis de 20 anos de experiencia ás súas costas que presentará unha proposta artística na que se mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toque de humor.
Será ás 21.00 horas na Praza de Calvario cunha actuación de balde na que o público poderá desfrutar da música de Paco de Lucía, Djando Reinhardt, Zorba the Greek... e dunha gran selección de temas de jazz, bossa nova, rumba e rancheira nun concerto para bailar dende principio a fin.
Unidos por unha grande amizade e despois de compartir distintas bandas, Tonichi&Pacheco deciden dar vida a este proxecto co que percorreron escenarios por todo o mundo e compartiron táboas con artistas como Manu Chao, James Brown, Emir Kusturika, Kiko Veneno, Coque Malla, Raimundo Amador, Los Enemigos ou Los Secretos.
Despois da actuación a música continuará na Praza do Calvario da man de Roberto Caco nun concerto organizado por Daordaria e o Bar Tapería A Plaza.
Concello de O Rosal
Cultura polos barrios coa completa axenda do mes de xullo no Rosal
O Concello prepara unha programación cargada de actividades en San Xián, Martín, San Miguel, As Eiras ou O Calvario
O Concello do Rosal prepara unha axenda cultural cargada de actividades para este mes de xullo. Dez propostas para todos os públicos e gustos que dá a benvida por primeira vez ao programa 'Cultura polos barrios', unha iniciativa que levará diferentes actividades este mes e o seguinte a diferentes puntos do municipio e que comezará este mesmo martes 4 de xullo coa actuación de 'Acordeireta'.
Patricia González e Alejandro Balbuena fusionan a música de acordeón e pandeireta para divertirse e transmitir un sentimento arraigado nas raíces, reivindicar temas sociais dos nosos tempos e dignificar a lingua e cultura galega. Chegarán co seu repertorio ás 21.00 horas á Praza do Calán de San Xián, con entrada de balde.
Tras o 'Conssertasso na horta' o día 6 na Praza de Martín e a actuación de Tonichi&Pacheco o venres 7 na Praza do Calvario chegará a quenda dunha nova edición da Feira do Viño do Rosal os días 14, 15 e 16 de xullo.
O día 22 o público poderá desfrutar coa actuación de Uxía e Javier Ruibal na Praza do Calvario, na que presentarán un disco inspirado en poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Será o primeiro acto das Festas do Pilar de Verán, que ata o día 25 contará con difrentes eventos como o Festival Xente Xida, o Encontro dos Pobos, o Torneo de Xadrez, actuacións infantís e coa actuación da Banda da Agrupación Musical do Rosal cun repertorio dos mellores musicais e acompañada de cantantes solistas como peche de luxo.
A axenda cultural deste mes no Rosal acolle ademais unha nova edición do Rosal Cámara Fest, organizado pola Agrupación Musical do Rosal e que comeza o 26 de xullo coa actuación do grupo de clarinetes Klason na Escola Vella de San Miguel ás 21.00 horas e que continuará durante a primeira semana do mes de agosto.
O mes rematará coa Mostra de Cine das Eiras, organizada pola Asociación Ghorghalado, que celebra xa a súa terceira edición e comeza a facerse un oco entre os festivais dedicados ás curtametraxes.
"Temos lista unha completa e vibrante programación coa que levar o lecer aos barrios do Rosal, gozando do bo tempo, das actividades ao aire libre e dun verán cheo de ocio, cultura e experiencias", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora convida a toda a veciñanza a desfrutar e participar nas diferentes actividades preparadas para as vindeiras semanas.
Concello de O Rosal
|