|
En Tomiño os mellores expedientes académicos teñen nome de muller
As alumnas do IES Antón Alonso Ríos María Fernández, Virginia Beiro, Laura Baquero, Laura Calvo e Mae Taylor foron galardoadas co Premio Extraordinario de Bacharelato
As cinco rapazas pasan a formar parte do grupo de excelencia de alumnado coas notas máis altas de Galicia
Cinco alumnas excepcionais con expedientes académicos de vertixe. As estudantes do IES Antón Alonso Ríos María Fernández Iglesias, Virginia Beiro Bernárdez, Laura Baquero Pereira, Laura Calvo Calzao e Mae Taylor Heredero foron galardoadas co Premio Extraordinario de Bacharelato, pasando a formar parte do grupo de excelencia composto polo alumnado coas notas máis altas de Galicia nesta etapa educativa e nas probas de acceso á universidade.
Un logro académico para María, Virginia, Laura, Mae e Laura que sitúa ao instituto tomiñés no camiño da excelencia, cunha alta porcentaxe de éxito no centro, que este curso contaba con nove posibles candidatos e candidatas a acadar este premio. Agora todas elas, estudantes de ensinanza pública, comezan un novo camiño educativo que queren continuar en Galicia cursando os seus estudos superiores en universidades da comunidade galega.
A de María Fernández Iglesias é unha carreira de fondo: elixiu Humanidades e Ciencias Sociais para cursar Bacharelato e acaba de superar as probas de acceso ao Conservatorio Superior de Música, obtendo a primeira mellor nota de Vigo e a segunda de toda Galicia na especialidade de clarinete. Agora quere estudar xornalismo ou dereito a distancia para poder compaxinar estes estudos coa súa carreira musical.
Virginia Beiro Bernárdez ten o seu futuro claro: gran lectora e estudante da rama de Ciencias, gustaríalle traballar nun laboratorio como investigadora. Para conseguilo vai estudar o Dobre Grao de Química e Bioloxía.
Á alumna de Ciencias Laura Baquero Pereira gústalle desfrutar do tempo coa familia e pasear coa súa mascota. Tras o seu paso polo instituto comezará agora a súa nova etapa educativa estudando Medicina. A súa meta, ser xinecóloga.
Laura Calvo Calzado cursou os seus estudos no IES Antón Alonso Ríos pola rama de Humanidades e Ciencias Sociais. Agora quere estudar psicoloxía, aínda que o futuro pode levala por derroteiros máis artísticos, xa que tamén destaca en debuxo e pintura, disciplina na que tamén ten gañado varios premios.
Por Ciencias tamén foi Mae Taylor Heredero, futura médica. Mae é unha lectora voraz e unha traballadora constante e incansable para acadar as súas metas.
Os seus nomes resoarán polos corredores do instituto, no que deixaron xa unha marca imborrable no ámbito académico. María, Laura, Virginia, Mae e Laura son xa un referente para os seus compañeiros e compañeiras e unha inspiración para futuras xeracións de estudantes. Este premio á súa excelencia é só o comezo dun futuro prometedor para unhas alumnas que seguirán brillando nas súas carreiras académicas, profesionais e persoais.
A aula CeMIT achega as últimas innovacións tecnolóxicas á mocidade tomiñesa
3D, realidade virtual, drons ou robótica son algunhas das temáticas que se traballarán nos cursos de balde que se impartirán durante os meses de xullo e agosto
Dirixidos a nenos e nenas a partir de 10 anos, haberá varias quendas dunha semana de duración
A aula CeMIT de Tomiño prepara un verán cargado de actividades coas que rapazas e rapaces terán a oportunidade de explorar e aprender sobre as últimas innovacións tecnolóxicas dun xeito divertido e creativo. Durante os meses de xullo e agosto, a aula impartirá un curso sobre tecnoloxías disruptivas para nenos e nenas a partir de 10 anos.
"Este curso permitiralles experimentar con tecnoloxías emerxentes e desenvolver competencias relevantes para o mundo actual e futuro. As novas tecnoloxías están a transformar rapidamente a nosa sociedade e debemos asegurarnos de que os nosos mozos e mozas estean preparadas para aproveitar as oportunidades e converterse en cidadáns e cidadás dixitais competentes e creativos", sinalou a alcaldesa, Sandra González.
Será un curso de balde cunha duración de 10 horas e con diferentes datas e quendas de participación para que as persoas interesadas poidan escoller a que mellor se adapte á súa axenda. Así haberá clases as persoas interesadas en participar poderán elixir entre sete quendas diferentes:
- Quenda 1: semana do 3 ao 7 de xullo
- Quenda 2: semana do 10 ao 14 de xullo
- Quenda 3: semana do 17 ao 21 de xullo
- Quenda 4: semana do 31 de xullo ao 4 de agosto
- Quenda 5: semana do 7 ao 11 de agosto
- Quenda 6: semana do 21 ao 25 de agosto
- Quenda 7: semana do 28de agosto ao 1 de setembro
En horario de 10.00 a 14.00 horas menos e nenas desfrutarán das novas tecnoloxías deseñando obxectos para logo imprimilos nunha impresora 3D, coñecendo o metaverso do Educa360 a través dunhas gafas de realidade virtual, programando un dron para que faga voos de forma automática, aprendendo programación e robótica coa placa Micro:Bit e falando dos fundamentos da electrónica a través das placas Arduino.
Para obter máis información ou inscribirse as persoas interesadas poden chamar ao 986 62 33 04, mandar un correo a cemit.tomino@xunta.gal ou pasar pola aula CeMIT, situada no parque do Campo da Feira de Tomiño, de luns a venres de 9.15 a 13.45 horas, ademáis dos martes de 16.30 a 20.30 h.
Tomiño incorpora un desfibrilador semiautomático no Mercado municipal
Praceiros e praceiras realizaron un curso para aprender a manexar este aparello. Con esta adquisición, o Concello conta xa con 4 DESA instalados en diferentes puntos
Tomiño incorpora un Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA) ás instalacións municipais. O Mercado de Tomiño conta xa con este novo aparello eléctrico portátil, adquirido polo Concello e subvencionado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte da Xunta de Galicia e que permite tratar unha parada cardiorrespiratoria, actuar rápido e salvar miles de vidas ao ano.
Praceiros e praceiras do mercado municipal xa realizaron o curso formativo para aprender a empregar o desfibrilador, que durante cinco horas achegáronse ás particularidades deste aparello e a como poder manexalo en caso de necesidade. Todas e todos os participantes remataron o curso co seu correspondente diploma que acredita a súa capacidade para usar o aparello en caso de necesidade.
Con esta adquisición, que foi entregada a Protección Civil, xa son catro os desfibriladores portátiles colocados polo Concello en instalacións municipais, tres en campos de fútbol e un no Mercado de Tomiño, todos eles lugares con moita afluencia de xente. Tras a instalación dos desfibriladores realizáronse os correspondentes cursos de formación para que as persoas habituais nestes centros poidan empregalos chegado o caso.
A alcaldesa, Sandra González, amosou a súa satisfacción pola adquisición deste novo desfibrilador portátil e a formación do persoal e asegurou que o Concello seguirá "promovendo as medidas e ferramentas necesarias para garantir a seguridade e saúde da veciñanza, con instalacións municipais preparadas ante calquera situación de emerxencia".
Temas tradicionais cun novo aire en Tomiño con 'Uxía Lambona e a Banda Molona'
Este domingo 2 de xullo ás 21.00 horas na Praza Pintor Antonio Fernández con entrada de balde
Fin de semana de música en Tomiño con 'Uxía Lambona e a Banda Molona', un espectáculo para todos os públicos co que Troula Animación conquistará á cativada e a maiores este domingo 2 de xullo. A Praza Pintor Antonio Fernández acollerá este espectáculo lúdico, educativo e musical no que temas tradicionais galegos son tratados dun xeito novo e atractivo, con estilos musicais coma o rock, o ska, o hip-hop, o reggae, o klezmer, a cumbia ou o tango.
Un concerto dinámico onde artistas e público participarán de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa e no que se escoitarán clásicos populares cun novo aire, como 'A Carolina' rapeada ou 'O Jato rockeiro'.
A alcaldesa, Sandra González, convida a toda a veciñanza "a gozar desta experiencia musical única e refrescante, unha xornada de diversión, como moitas das que poderemos desfrutar este verán coa ampla programación de actividades da nosa axenda, unha oferta cultural e de lecer de calidade pensada e deseñada para atraer a todos os públicos".
O concerto de 'Uxía Lambona e a Banda Molona' será ás 21.00 horas con entrada de balde.
Fillas de Cassandra desembarca en Tomiño cun obradoiro e un concerto co que conectar presente e pasado
O taller impartirase o sábado 12 de agosto, de balde e dirixido a mocidade a partir de 12 anos. É necesaria inscrición previa
O concerto será ese mesmo día ás 22.00 horas na Praza Pintor Antonio Fernández
Tomiño viaxará entre o presente e o pasado da man de Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedores do panorama galego. O dúo visitará o municipio o sábado 12 de agosto, Día Internacional da Mocidade, con dobre obxectivo: ofrecer un obradoiro para mocidade e dar un concerto aberto a todos os públicos.
Rapazas e rapaces a partir de 12 anos poderán participar nun taller de balde organizado e levado a cabo polas dúas compoñentes do grupo, as viguesas María Pérez e Sara Faro. A partir dos temas do disco 'Acrópole', as e os participantes explorarán as resonancias actuais da mitoloxía, revisando as experiencias como mulleres para conectalas coas das heroínas clásicas para reflexionar sobre a necesidade do feminismo como ferramenta de transformación e a música como posible vehículo para este cambio. O obradoiro impartirase de 19.00 a 21.00 h no Espazo Mercado de Goián e as inscricións xa están abertas na web do Concello.
Ese mesmo día, ás 22.30 horas o dúo vigués subirase ao escenario na Praza Pintor Antonio Fernández para ofrecer ao público un concerto de balde no que a música tradicional galega mestúrase co pop electrónico para revisitar a mitoloxía clásica desde unha óptica feminista, pensamento que atravesa todas as súas composicións. Fillas de Cassandra conta cun estilo moi particular cunha clara aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto tradicional oral, con influencias do pop, electrónica e música clásica.
Chega 'Da túa man', unha campaña formativa destinada ao comercio local de Tomiño
Concello e Deputación colaboran nesta iniciativa financiada por fondos europeos Next Generation
O Concello de Tomiño participa no proxecto 'Da túa man', unha iniciativa a través da que se poñen en marcha diversas medidas de apoio ao comercio local, entre eles tres accións formativas de balde destinadas a comerciantes do municipio coas que dotar de novas ferramentas que axuden a xerar unha maior competitividade do tecido empresarial tomiñés.
A alcaldesa, Sandra González, destacou "a importancia de levar a cabo iniciativas que nos permitan reactivar, impulsar, desenvolver e fortalecer o comercio local, dotando a todas e todos os comerciantes tomiñeses das ferramentas necesarias para dar resposta a unha contorna cambiante e aos novos retos que xorden cada día".
A través deste proxecto, comerciantes de Tomiño poderán acceder a tres cursos diferentes, un en liña e dous presenciais para adquirir habilidades dixitais, así como para achegarse ao packaging sostible como elemento diferenciador dos produtos locais. O prazo de inscrición das actividades estará aberto ata completar prazas. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web da Deputación de Pontevedra.
Dende esta semana ata o vindeiro 26 de xullo, as persoas interesadas poderán participar nun curso en liña de 25 horas sobre competencias dixitais cos que iniciar ás e aos comerciantes na transformación dixital do seu negocio, mellorando as habilidades de xestión interna e aprendendo a usar ferramentas dixitais para traballar mellor.
O vindeiro 12 de xullo será a quenda da actividade formativa sobre habilidades dixitais para persoas consumidoras vulnerables, un curso dirixido a consumidores e consumidoras maiores de 45 anos co que acadar as competencias dixitais necesarias para utilizar con facilidade ferramentas básicas no emprego de internet e do comercio electrónico. A actividade impartirase de forma presencial de 11.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do Regatiño de Goián.
Xa o xoves 13 de xullo comerciantes e persoas consumidoras en xeral poderán participar no curso de deseño de novas embalaxes sostibles, unha formación teórica e práctica na que aprender a crear unha embalaxe creativa e innovadora, cunha estética coidada e materiais reciclables e reutilizables. Será unha hora de formación teórica e dúas prácticas de 10.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do Regatiño, en Goián.
O proxecto 'Da túa man' está coordinado pola Deputación de Pontevedra, que achega un 15% do orzamento da iniciativa, financiada ao 70% polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation da Unión Europea. O Concello de Tomiño achega o outro 15% do orzamento total.
|