|
A mocidade tomiñesa toma as rúas para concienciar á veciñanza sobre a importancia da auga
A Praza do Seixo acolle unha exposición realizada pola rapazada da OMIX de Tomiño na que descubrirán ao público a cantidade de auga que requiren algúns obxectos cotiás
A mocidade tomiñesa emprega a creatividade, o inxenio e a innovación para concienciar á veciñanza sobre a importancia da auga e as grandes cantidades que se consumen en cada un dos obxectos da vida cotiá. Para facelo, este venres o grupo de rapazas e rapaces da OMIX de Tomiño instalaron na Praza do Seixo unha exposición na que se trata de responder á pregunta de se a sociedade é consciente da cantidade de auga que se consume en todos os aspectos da vida.
Como sinala a rapazada participante nesta exposición, "ideamos e creamos unha mostra na que poder ensinar ao público obxectos cotiás para reflectir o consumo real de auga que facemos cada día". Así, na exposición o público poderá coñecer por que para producir uns pantalóns vaqueiros se precisan máis de 7.500 litros de auga, entre outros moitos elementos.
Con esta iniciativa, a mocidade tomiñesa leva a cabo unha acción da chamada comunicación de guerrilla, un novo concepto que busca facer reflexionar á poboación a través de intervencións no espazo público, como performances, o uso non vandálico do mobiliario público e outras estratexias relacionadas co mundo da publicidade.
Rapaces e rapazas idearon e levaron a cabo esta exposición a través do proxecto europeo 'People & Planet. Un destino común', impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración do Concello de Tomiño. O obxectivo é concienciar á xuventude sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sostible.
O punto de partida desta exposición foi a participación da mocidade nun obradoiro previo impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), no que as e os participantes aprenderon as peculiaridades da comunicación de guerrilla, así como tamén se mergullaron na importancia da auga como un dereito humano fundamental e na crise climática global e comezaron a ideas esta particular mostra.
Tomiño e Cerveira celebran o 19 aniversario da Ponte da Amizade con actividades para a mocidade
Durante a fin de semana haberá Xogos transfronteirizos e un concerto de rock no skate park de Goián
Centrándose en atraer a cada vez máis mozos e mozas para a consolidación do proxecto arredor dun territorio común, a Eurocidade Cerveira-Tomiño dinamiza, esta fin de semana, os 'Xogos da Eurocidade - Sen Fronteiras' e a 'Música Nova', as dúas propostas gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023. A data para a realización destes eventos non foi escollida ao azar, senón que coincide co 19º aniversario da Ponte Internacional da Amizade.
A entrada en funcionamento, o 11 de xuño de 2004, desta travesía rodoviaria sobre o río Miño, representou un feito histórico para as dúas poboacións veciñas, afirmando a centralidade e a conectividade dun territorio común e suprimindo as limitacións de mobilidade. Case dúas décadas despois, ambos concellos manteñen o seu ideario, querendo un maior envolvemento da xente máis nova na construción dun futuro común.
Neste sentido, a mocidade residente o o estudantado da Eurocidade Cerveira-Tomiño poderán desfrutar dunha fin de semana marcada pola diversión deportiva e pola celebración dos valores europeos. Sábado e domingo, entre once da mañá e seis da tarde (hora galega), o Skate Park de Goián (Tomiño) e o Centro Municipal de Atletismo (Vila Nova de Cerveira), respectivamente, serán o escenario dos 'Xogos da Eurocidade - Sen Fronteiras', dirixidos a rapazada de 12 a 25 anos.
Os mozos e mozas participantes formarán equipos que, ao longo de dous días, loitarán nun conxunto de desafíos, acumulando puntuacións para atopar o equipo gañador. Haberá torneo de tracción de corda, inchables de fútbolín humanos, xogo da illa e xogo 'big bags', xincana de bicicletas, tiro de tiratacos, inchable 'Basket Challenge', xogos tradicionais, xogo do pneumático, xogo do pé atado, xogo ovo na culler, xogo da malla, Fun Games, paintball e slide.
Rematado o primeiro día dos 'Xogos da Eurocidade - Sen Fronteiras', o sábado, 10 de xuño, ás 18.00h (hora galega) presentarase o espectáculo final do proxecto 'Música Nova'. Participantes locais, en colaboración co alumnado da Escola do Rock Paredes de Coura, saltarán ao Skate Park de Goián, en Tomiño, para un concerto que reúne algunhas das mellores e intemporais músicas rock.
Tras dous meses de ensaios, o grupo de mozos e mozas presenta un repertorio diverso, no que o público poderá escoitar dende The Beatles a Talking Heads, de Sixto Rodriguez a Lhasa de Sela ou de Idles a The Bangles, ademais de moitas outras sorpresas.
Tanto os xogos como o concerto trasladaranse a espazos cubertos, pavillóns municipais e Auditorio de Goián, respectivamente, en caso de choiva.
Ambas as actividades son de entrada libre e forman parte do proxecto "0780_AMIZADE_1_P", Consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado nun 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Consello da Cultura Galega e CSIC abordan en Tomiño a arte como fonte de información para a ciencia
O Mercado acolle o venres 9 ás 20 h unha charla con Ana Cao e Pilar Gago investigadoras da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC
Debaterán sobre o valor da arte barroca para estudar a evolución histórica da viticultura en Galicia e a antigüidade dalgunhas variedades
Recoller a través da arte información para a investigación científica. Ese é o tema que se abordará este venres 9 no Mercado municipal de Tomiño nunha xornada singular deseñada polo Consello da Cultura Galega e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A cita, titulada 'A arte como fonte de información científica' e coordinada pola responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Luisa Martínez, pretende poñer o foco no feito de que as diferentes manifestacións artísticas, dende as primeiras pinturas prehistóricas atopadas nas covas ata as de hoxe en día, son unha fonte de información moi valiosa para algunhas disciplinas da ciencia.
O secretario do CCG, Silvestre Gómez Xurxo, e mais a coordinadora da xornada seráa as persoas encargadas de inaugurar esta actividade, que non se retransmite en directo pero será gravada para a súa posterior difusión. Neste encontro, as investigadoras da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC Ana Cao e Pilar Gago debaterán sobre o exemplo do valor de arte barroca galega á hora de estudar a evolución histórica da viticultura en Galicia e a antigüidade dalgunhas variedades. Estará moderado por Luisa Martínez e ao remate haberá un coloquio co público asistente.
O Concello de Tomiño convida a toda a veciñanza a participar nestas xornadas nas que se abordará o exemplo dunha investigación levada a cabo na Misión Biolóxica de Galicia e que, aplicando unha visión interdisciplinar ao estudo de tallas barrocas, logrou identificar algunhas variedade de vida concretas en retablos de igrexas de diferentes zonas galegas, poñendo en valor estas manifestacións artísticas como fontes de información para o estudo da historia da viticultura en Galicia.
O CCG e o CSIC veñen tempo colaborando na organización de actividades de divulgación científica en espazos atípicos. En 2022, organizaron "As xentes do mar", unha xornada que buscaba fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras a través da traxectoria profesional da pescantina Laura González, da científica Luisa Iglesias García e do pescador e influencer Rogelio Santos Queiruga, que dedican ou dedicaron a súa vida ao traballo no mar. Nese mesmo ano, en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), tivo lugar en Muros unha actividade para analizar a repercusión social que hai detrás do fenómeno coñecido como "mar de ardora".
A Escola de Teatro remata o curso enriba do escenario
O grupo de cativos e mocidade interpretarán 'A primavera da aldea e mamá gatiña' este domingo 11 ás 19.30 h. Será de balde no auditorio de Goián
A Escola de Teatro de Tomiño remata o curso do mellor xeito posible, sobre o escenario. O grupo de cativos e cativas de 4 a 8 anos e os de 9 a 12 porase este domingo 11 de xuño diante do público para interpretar 'A primavera da aldea e mamá gatiña', unha obra na que o alumnado da escola municipal demostrará todo o aprendido ao longo destes meses de clases e ensaios.
A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 19.30 horas con entrada de balde e coa colaboración especial da Agrupación Musical de Goián, que dará apoio aos rapaces e rapazas durante todo o espectáculo.
A través da Escola de Teatro municipal, cativada e mocidade achéganse ao mundo teatral ao tempo que se estimulan as súas capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo ou se melloran os recursos comunicativos, entre outros aspectos. Ademais, combínase a expresión dramática coa creación, co ensaio e coa posta en escena desta obra final coa que deleitarán ao público este domingo.
Tomiño súmase ao 'apagón' para concienciar sobre o cambio climático
A Casa do Concello apagou este luns as súas luces para sumarse á acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Día do Medio Ambiente
Tomiño uniuse este luns 5 ao 'apagón' convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Dende as 23.00 horas, o Concello suspendeu a iluminación pública na Casa Consistorial e a Praza do Seixo para concienciar sobre o consumo de enerxía. Trátase dunha acción encadrada no proxecto europeo 'People and Planet', que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Aínda que en Galicia o consumo eléctrico se mantivo estable en 2021, segue a ser un tema preocupante na actualidade polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que se deba continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.
O apagón ambiental proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto 'People and Planet', que van desde accións de rúa como a comunicación de guerrilla na que tamén participa Tomiño ata obradoiros de cociña sostible, debuxo urbano, exposicións virtuais, concursos... O proxecto 'People and Planet' ten por obxectivo concienciar a mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.
Tomiño premia a creatividade do alumnado para mellorar a xestión do lixo dos seus centros educativos
O xurado premiou as pezas audiovisuais de 4º, 5º e 6º de EI do CEIP Pintor Antonio Fernández, de 5º e 6º de primaria do CEIP Tebra e de 4º da ESO do IES Antón Alonso Ríos
Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e pondo o broche final á Semana do Medio Ambiente, o Concello de Tomiño premiou a creatividade e as ideas do alumnado do municipio para mellorar a xestión do lixo nos seus centros educativos. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, fixo a entrega dos galardóns ás autoras e autores dos proxectos premiados no concurso audiovisual 'Como mellorar a xestión do lixo no meu centro', un certame co que se buscaba "achegar a toda a veciñanza a importancia dunha xestión adecuada dos residuos, reflexionando sobre o impacto que produce o lixo no medio ambiente e facéndoos partícipes da solución".
Na categoría benxamín o gañador foi o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil do CEIP Pintor Antonio Fernández co seu 'Pequenos xestos', un vídeo que recolle o seu traballo de reflexión sobre o que se fai ben e o que se pode facer mellor no tratamento do lixo no centro. Como segundo clasificado quedou o grupo de EI CEP Tebra.
Mentres, na categoría infantil a peza audiovisual gañadora foi a do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra, que adaptaron unha canción que tocaron contando o que se fai no centro e pedindo a colaboración de todas as persoas para continuar mantendo limpo o colexio.
Pola súa banda, na categoría xuvenil os premiados foron os vídeos de 4º ESO A, 4º ESO B e 4º ESO C do IES Antón Alonso Ríos, que recompilan o que xa se está a facer e achegan diferentes ideas e propostas para seguir mellorando a xestión do lixo no centro. Nesta categoría os proxectos presentados por 1º ESO E e por 1º ESO C e 1º ESO D quedaron como segundos e terceiros clasificados, respectivamente.
As clases gañadoras dos primeiros premios foron galardoadas cunha visita grupal á Aula temática da Comunidade de Montes de Pinzás, con actividades adaptadas a cada grupo de idade e un detalle individual para cada un e cada unha das participantes. Na categoría benxamín o segundo clasificado foi premiado con esta mesma visita, mentres que na xuvenil os grupos que quedaron en segundo e terceiro posto recibirán un detalle individual.
A concelleira agradece a participación de todas e todos os estudantes nesta iniciativa e a implicación do equipo docente e dos centros.
Tomiño e Cerveira publican unha guía turística ilustrada para familias
A mascota Mizi é a encargada de narrar de xeito divertido e didáctico os episodios máis relevantes dos dous municipios
Ante a existencia dunha diversidade de recursos comúns de ámbito familiar, Tomiño e Cerveira publican 'A Pequena Grande Historia - Eurocidade Cerveira-Tomiño', unha guía turística e educativa ilustrada na que a mascota Mizi narra dunha forma divertida e didáctica os episodios máis relevantes desde os primeiros habitantes ata á actualidade, dando a coñecer os lugares máis emblemáticos a visitar neste territorio transfronteirizo.
As familias procuran territorios atractivos que combinen natureza con turismo urbano e cultural, de forma que poidan gozar de tempo de calidade. Incorporando o concepto de 'Dous Países, Un Destino', Vila Nova de Cerveira e Tomiño pretenden afirmarse cada vez máis como un 'destino amigo das familias', unindo as súas potencialidades naturais, patrimoniais, culturais e de lecer en prol dunha experiencia verdadeiramente única.
Con un perfil moi amigable e un discurso accesible, Mizi asume o papel de guía turístico e promete conquistar a atención das familias. A través de diferentes episodios, como a chegada dos romanos, a independencia de Portugal, a Guerra da Restauración ou a Invasión Francesa, Mizi explica a evolución histórica deste territorio transfronteirizo, sen esquecer a realidade actual. Á medida que conta estes feitos, convida ás familias a visitar monumentos ou outros espazos.
'A Pequena Grande Historia - Eurocidade Cerveira-Tomiño' é contada coa conxugación dos dous idiomas, optando por usar unha ou outra lingua, de acordo co idioma no que foi escrito o texto orixinal, e distinguíndoo coa respectiva bandeira. O obxectivo é tamén sinalar a proximidade lingüística, derivada dunha orixe histórica compartida e que contribúe a reforzar aínda máis os lazos de amizade.
Esta guía turístico-educativa ilustrada únese á Guía para Promoción do Sector Turismo xa distribuída nunha vertente máis empresarial, coa intención de mellorar a divulgación e promoción da competitividade do sector turístico, a través da compilación dos principais recursos naturais, culturais e patrimoniais de ambos os concellos.
A Guía forma parte do proxecto "0780_AMIZADE_1_P", cofinanciado nun 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.
|