JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal quenta voces para o IX Concerto Coral Ecos do Verán

O auditorio municipal acolle unha nova edición deste encontro de corais o sábado 10 de xuño ás 20.30 horas

O Rosal quenta voces para acoller un ano máis o Concerto Coral Ecos do Verán, un encontro organizado polo coro 'Ecos do Folón' de Fornelos e que chega á súa novena edición cun programa por todo o alto. A actuación será este sábado 10 de xuño ás 20.30 horas e de balde no auditorio municipal, onde o coro rosaleiro estará acompañado da Coral 'Regia' de Santovenia de Pisuerga (Valladolid) e da Coral Polifónica 'Lira' de San Miguel de Oia, unha coral viguesa nada no 2000 impulsada polas inquedanzas culturais dun veterano grupo de incondicionais da banda de música da Agrupación Musical Lira.

A Coral Polifónica 'Ecos do Folón' naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 3o voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneiras ou rancheiras ata valses, boleros ou zarzuela.

Concello de O Rosal


Viaxando a través da historia de Galicia con Marisa Castro e 'A saga das curandeiras'

A autora presentará o seu libro o sábado 10 ás 12.00 h no Espazo do Mercado e dará paso á sesión vermú con Tonichi&Pacheco na Praza do Calvario

O Rosal prepárase para desfrutar da literatura e da música en directo de balde este sábado 10 de xuño. A recoñecida bióloga e micóloga galega, Marisa Castro, presentará no Espazo do Mercado ás 12.00 horas a súa primeira novela, 'A saga das curandeiras', unha biografía ficticia que achega ao público á figura de Rosalía Carcedo, unha curandeira galega coa que facer unha viaxe durante a primeira metade do século XX, dende a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil ata a súa aldea de orixe.

É nesta contorna onde o personaxe de Rosalía, baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras que visitou, continúa aplicando os seus coñecementos naturais a pesar da incomprensión e a incredulidade das persoas que a rodeaban. Unha trama que permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas, e que aproxima ao lector ou lectora ao uso das herbas e setas, tanto con fins curativos como máxicos, no mundo críptico e infravalorado das meigas galegas.

Marisa Castro, membro dunha saga de curandeiros, ata os 25 anos foi labrega como os seus pais. Micóloga, doutora en Ciencias Biolóxicas cun traballo relacionado coas setas, durante máis de 30 anos foi profesora da Universidade de Vigo, onde impartiu botánica e dirixiu case unha ducia de teses de doutoramento. É socia fundadora da empresa MycoGalicia Plantae e divulgadora científica por convicción. É autora de máis dun cento de traballos de investigación e de máis de 25 libros de divulgación relacionados coas setas, as plantas e as árbores.

Tras a presentación do libro de Castro, a actividade trasladarase á Praza do Calvario, onde o público poderá desfrutar da sesión vermú coa música en directo de Tonichi&Pacheco. Ao abeiro do Primavera na Praza, o dúo presenta unha proposta artística na que se mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toques de humor.

Concello de O Rosal


Xuño comeza no Rosal cunha axenda repleta de cultura e lecer para todos os públicos

Actividades literarias, música, exposicións e memoria histórica fusiónanse nun mes cheo de eventos

O Concello do Rosal prepárase para un mes cheo de cultura, diversión e lecer cunha variada axenda de actividades de balde para todos os públicos. Dende eventos literarios e musicais ata exposicións e propostas relacionadas coa memoria histórica, o programa de xuño ofrece unha ampla gama de opcións para desfrutar no municipio.

Ao longo do mes levaranse a cabo "doce actividades dirixidas a diferentes públicos coas que o Concello busca promover a participación de toda a veciñanza e enriquecer a vida cultural do municipio, xa que este tipo de actividades fortalecen o tecido social e enriquecen a calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As actividades arrancaron este mesmo luns 5 cunha actividade para o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, que puido desfrutar de 'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro. Unha obra na que a rapazada sorprenderase coa actividade de dous científicos e apicultores que no ano 2173 levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado.

Tamén ao longo desta semana o Concello acollerá varias actividades do proxecto 'O pasado por vir', unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que chega ao Rosal cunha semana chea presentacións de libros, exposicións e proxeccións audiovisuais. As actividades comezaron este luns 5 ás 20.30 h no salón de exposicións do Concello coa presentación do libro 'Mulleres represaliadas no cárcere de Tui', unha lembranza a todas as mulleres represaliadas da comarca. Contará cunha visita guiada á mostra do mesmo nome.

Por outra banda, do 5 ao 16 de xuño, o salón de exposición acollerá tamén 'Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra', unha mostra con medio centenar de imaxes a modo de crónica da rodaxe do documental do mesmo nome co que se busca amosar lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra co apoio das voces de artistas do panorama musical galego. A exposición estará aberta ao público de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas. Ademais, o xoves 8 de xuño ás 20.00 horas no auditorio municipal coa proxección do documental 'Acorda' e a curtametraxe 'Mariví, na pel da memoria', unha peza que conta a historia de Mariví Villaverde.

O sábado 10 será unha xornada cargada de actividades no Rosal. Ás 12.00 h no Espazo do Mercado Marisa Castro presentará o seu libro 'A saga das curandeiras', unha obra cativadora que mergullará ao público nun mundo de misterio e tradición ancestral. Tras a presentación haberá sesión vermú coa música en directo de Tonichi&Pacheco ás 13.00 horas na Praza do Calvario. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, o auditorio municipal acollerá o IX Concerto de Corais 'Ecos de Verán'.

A actividade cultural continuará o luns 12 no auditorio municipal ás 10.00 h co contacontos sobre Francisco Fernández del Riego para alumnado a cargo de Polo Correo do Vento e o venres 16 coa actuación de Violencia Zero con Nerea Brey e Miriam Rodríguez ás 20.00 h na Liga de Amigos.

O domingo 18 será a quenda da Festa das Asociacións, que reunirá no parque de Pías á veciñanza para gozar de xogos populares, música e actividades variadas ao longo de toda a xornada. O sábado 24 de xuño o auditorio municipal acollerá un concerto de rock a cargo de San Xerome Emiliani ás 20.00 horas e o mércores 28, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTB, a Praza do Calvario será o escenario dun scaperoom e dun concerto con Terapia de Grupo.

O Rosal pechará xuño o día 30 cunha demostración de teatro a cargo do alumnado da Escola Municipal de Teatro no auditorio municipal ás 21.00 horas. A alcaldesa convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a unirse a esta vibrante programación e gozar dun mes repleto de cultura, música e diversión.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais