|
A Guarda completa a casa dos Alonso como sede do concello co equipamento da terceira planta
" Para que esta terceira planta poida estar operativa é necesario dotala do equipamento e mobiliario necesarios por valor de 48.604 €
" Remate da casa dos Alonso como sede do concello forma parte da mellora dos servizos municipais.
O concello da Guarda realizou obras durante o ano 2022 para rematar a terceira planta do edificio municipal con cargo ao plan concellos da Deputación de Pontevedra por valor de 141.000 €.
A planificación prevista é que os Departamentos de Servizos Sociais e Urbanismo pasen a ocupar esta terceira planta para ter centralizados practicamente todos os departamentos e servizos municipais no novo edificio consistorial.
Para que esta terceira planta poida estar operativa é necesario dotala do equipamento e mobiliario necesarios. Para este fin o concello da Guarda solicitou unha subvención á Xunta de Galicia presentando un proxecto de 48.604 €, dos cales a Xunta concedeu financiamento do 70 %, facendo fronte ao restante 30% o concello con fondos propios.
O Remate da casa dos Alonso como sede do concello forma parte da mellora dos servizos municipais. Neste caso representa un avance importante para os propios traballadores e traballadoras do concello e tamén unha importante mellora para a cidadanía que será atendida nunhas instalacións máis modernas e mellor dotadas.
A Guarda realiza unha recepción oficial ás deportistas xuvenís do Clube de Remo Robaleira
" Foron recibidas pola corporación local no Salón de Plenos e ondearon as bandeiras do Campionato Galego e de España nos balcóns da Casa dos Alonso.
O pasado venres día 9 de xuño de 2023 o Salón de Plenos da Casa dos Alonso acolleu a recepción oficial ás deportistas do equipo xuvenil do Clube de Remo Robaleira, gañadoras dos Campionatos territoriais e de Galicia en Bateis e Campionato de España de Traineriña.
As deportistas Uxía Fernández; Tania Dorado; Esther Dorado, Aroa Castro, Claudia Dorado, Lidia García, Nerea Dorna e Tecla Baz, foron recibidas no Salón de Plenos pola corporación local, resaltando cada un dos responsables dos diferentes grupos municipais o esforzo, determinación, compromiso e orgullo de ter na Guarda unha equipa tan xove e que ten colleitado tantos éxitos e méritos deportivos.
Os diferentes membros da corporación local entregaron un ramo de flores a tripulación xuvenil feminina do Clube de Remo Robaleira, ao adestrador e representantes da xunta directiva.
Dende a Xunta Directiva, Eva Uris agradeceu o apoio amosado polo Concello da Guarda e a realización desta recepción, valorando o deporte do remo coma un deporte de gran arraigo e tradición na nosa vila, animando a rapazas e rapaces a que se unan ao clube para a práctica do remo.
Ao remate, e como manda xa a tradición neste tipo de recepcións, a tripulación xuvenil feminina do Clube de Remo Robaleira saíu ao balcón da Casa do Concello onde luciron e ondearon as bandeiras gañadas nos últimos campionatos disputados, aproveitando tamén ao final para facerse fotos cos representantes municipais, familiares e amizades.
O Concello da Guarda substitúe as luminarias do campo de fútbol da Sangriña por outras de tecnoloxia led
" O importe destas obras ascendeu a 47.547,26€ facéndose cargo o IDAE do 80% e o Concello da Guarda do importe restante.
O concello de A Guarda ven de rematar as obras de substitución das luminarias do Campo de Futbol da Sangriña.
Estas actuacións foron froito do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e concello da Guarda dentro do proxecto IDAE con cargo a fondos FEDER denominado ILUMINACIÓN EXTERIOR SOSTIBLE. O cambio de luminarias permitirá baixar a potencia de 20 KW a 13 KW e conseguirase un aforro enerxético estimado do 47%.
O importe destas obras ascendeu a 47.547,26€ facéndose cargo o IDAE do 80% e o Concello da Guarda do importe restante.
Esta inversión en aforro enerxético e nunha economía baixa en carbono, vense a sumar a outras actuacións no mesmo sentido levadas a cabo polo concello da Guarda nos últimos tempos como son as materializadas nos BICs do Castelo de Sta Cruz e Monte Sta Trega e o cambio de luminarias na practica totalidade do concello.
Ao mesmo tempo o concello da Guarda, con fondos propios, levou a cabo a substitución das torres que soportan as luminarias por atoparse as mesmas en un estado de deterioro importante
Por outra banda o concello procedeu a renovación do peche frontal do campo de fútbol da Sangriña.
As tradicionais Alfombras florais regresan as rúas guardesas esta fin de semana
" A Guarda aposta novamente por unha tradición moi arraigada na vila e convida a veciños e visitantes a gozar da elaboración das alfombras florais.
" Este ano a Misa terá lugar ás 19:00h na Igrexa Parroquial e a Procesión ás 20:00h co percorrido habitual.
" Coma novidade recupérase a alfombra de sal na rúa da Ribeira, despois de varios anos sen facerse.
Esta fin de semana celebrase a festividade do Corpus na vila da Guarda e dende fai semanas moitas persoas traballan con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregarán dende a tarde do sábado e ao longo da madrugada deste domingo para a confección das Alfombras Florais.
Deste xeito, traballan a reo os veciños e veciñas do pobo que, colectivamente, organízanse para levar a cabo esta actividade a través da Asociación Alfombras Florais da Guarda, para culminar coa realización duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que lucirán, no seu máximo esplendor, dende a noite do sábado e a mañá do domingo cando rematen os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalan para esta ocasión.
Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.
Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais podan gozar das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez están confeccionadas, sendo auténticas obras de arte en flor.
Do mesmo xeito dende a Asociación Cultural Alfombras da Guarda se fai un chamamento aos veciños e veciñas para que participen na confección das alfombras, para manter viva unha das tradicións máis arraigadas da nosa vila.
Novos cursos de informática este verán na Aula CeMIT da Guarda
" Información e inscricións no Centro Cultural en horario de mañá, no teléfono 986611850 e no enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal
A Aula CeMIT da Guarda reinicia a súa actividade realizando tres novos cursos de informática este verán: manexo do ordenador e internet, editor de texto e informática para crianzas(10-15 anos).
Todas aquelas persoas que estean interesadas poden solicitar máis información e inscribirse na Aula CeMIT da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural en horario de mañá, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal
O Curso de manexo do ordenador e internet realizarase os luns, mércores e venres en dúas quendas de 10:30h a 12:00h e de 12:00h a 13:30h, o curso de editor de texto realizarase os martes e xoves en horario de 10:30h a 12:00h e o curso de informática para crianzas(10-15 anos) terá lugar os martes e xoves en horario de 12:00h a 13:30h.
Todos os cursos son de balde e, debido á limitación de aforo pola pandemia e a demanda, poderán realizarse varias quendas.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento grazas a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
Contacontos musicado e ilustrado sobre Francisco Fernández del Riego este sábado na Biblioteca da Guarda
" A actividade pensada para crianzas a partir dos 5 anos correrá a cargo do grupo Polo correo do vento
O vindeiro sábado día 10 de xuño ás 12:00h. a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle o contacontos "Un día para as Letras. Pequena biografía de Francisco Fernández del Riego".
Esta actividade sobre a vida e obra de Francisco Fernández del Riego está organizada polo Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra e será realizada pola compañía "Polo correo do Vento", contando cos habituais ingredientes deste grupo: a música e a ilustración para explicar de xeito ameno ás crianzas e familias a vida e legado do persoeiroo escollido este ano para homenaxear nas Letras Galegas.
O concello da Guarda realiza un plogging con máis de 200 rapaces e rapazas polo día do medio ambiente
O concello da Guarda realizou este luns 5 de xuño un plogging, unha actividade enmarcada dentro do ciclo medioambiental Sostendo o Futuro III.
O ente municipal convidou aos colexios de secundaria á realización desta actividade coincidindo co día mundial do medio ambiente.
O plogging é unha actividade na que se combina o deporte coa recollida de lixo en espazos abertos. Nesta ocasión na actividade participaron un total de 250 persoas entre alumnado, profesorado e organización.
Os colexios que asistiron foron CPR San José, IES A Sangriña e CPR Somascos, os grupos arrancaron iniciaron a ruta dende dous puntos diferentes da vila unha parte dos alumnos saíron dende San Benito e a outra dende a Sangriña. As dúas rutas tiñan como punto de encontro a praia do Muíño onde o concello obsequiou os participantes con bolsas e vasos reutilizables,auga e froita e outros agasallos por participar.
Con esta actividade queremos concienciar as xeracións máis novas da importancia que ten coidar o medio ambiente e de xestionar correctamente os residuos, a rapazada tamén se puidon dar conta de que é cousa de todos manter a nosa vila limpa e que debemos reducir os plásticos de un so uso, xa que son moi perxudiciais para os humanos eo medio ambiente.
É bo lembrar que os plásticos poden tardar mais de 100 anos en descompoñerse e que moitos deles descompoñense en microplásticos que son moi prexudiciais para a nosa saúde.
A Guarda realizará melloras na rede de abastecemento municipal de auga
" O concello da Guarda realizará un investimento de 50.000 € destinado á modernización e mellora da rede de abastecemento municipal.
O concello da Guarda, seguindo a liña de traballo de mellora dos servizos municipais, realizará un investimento de 50.000 € destinado á modernización e mellora da rede de abastecemento municipal. Para esta actuación o concello fará unha contribución de 4.000 € e a Xunta de Galicia, a través dun fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, fará unha achega de 46.000 €.
Tal e como recomenda o Plan de Seca do concello da Guarda, aprobado o pasado ano, é necesario traballar en distintos frontes para garantir o subministro de auga en situacións climáticas cada vez máis adversas motivadas polo cambio climático. Así, por exemplo, no verán do ano 2022 o concello conectaba o novo pozo dos Casás, cun caudal aproximado de 300 m^3 diarios, ao depósito regulador do Torroso. Este pozo axudou a levar mellor a situación de seca do verán do 2022.
No mesmo ano 2022 o concello encargaba unha "Auditoría Municipal de Abastecemento encamiñada a elaboración de Plans de Actuacións para Minimizar as Perdas de Auga". Un documento xa recomendado no Plan de Seca por ser o control das as perdas de auga un dos factores que máis influe na optimización do subministro e por tanto no aproveitamento da auga.
A Auditoría Municipal do Abastecemento propón un cronograma de actuacións a catro anos para mellorar a rede de subministro de alta presión do concello da Guarda. Coa actuación proposta nesta primeira fase darase inicio ao "Plan de Actuación para Minimizar as Perdas de Auga do Concello da Guarda" que deberá ter continuidade no futuro e que nos permitirá ser máis independentes do subministro de auga de Tui e ter un aforro importante tanto de auga como en reparacións de fugas na rede.
|