|
Tomiño acolle a terceira etapa do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica
A proba transcorrerá este sábado 3 de xuño por augas do Miño
O embarcadoiro de Goián acolle este sábado 3 de xuño a 3ª etapa do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, unha competición que busca facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte. Na proba, que comezará ás 10.30 horas e discorrerá polas augas do Miño, participarán 12 parellas de deportistas con e sen discapacidades.
A proba está organizada pola Real Federación Galega de Motonáutica en colaboración co Concello de Tomiño e co Club Náutico Inclusivo Baixo Miño, de recente creación. Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Fran Campo, lembrou o compromiso do Concello de Tomiño por este tipo de probas que permiten dar visibilidade ao deporte inclusivo e achegar diferentes disciplinas cada vez a máis xente.
Pola súa banda, o presidente do Club Náutico Inclusivo Baixo Miño e vogal da Real Federación Galega de Motonáutica, Marcos Casaleiro, destacou a alta participación e sinalou que como novidade este ano estarán probando esta modalidade inclusiva deportistas convidados de Portugal, unha forma de continuar estreitando lazos e seguir avanzando na inclusión. A vicepresidenta do club, Carmen Casaleiro, quixo agradecer o apoio do Concello de Tomiño nesta proba e en todas as actividades que se desenvolven dende o club.
Tomiño creará un sendeiro peonil no río Pego
O Concello aprobou este mércores en pleno a sinatura dun convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que financiará o 80% das obras
A sesión plenaria deu luz verde á modificación de crédito para achegar os 6.000€ primeira anualidade do proxecto, así como outros 50.000€ para a senda de Forcadela
O Concello de Tomiño aprobou este mércores en pleno (20.00 h) a sinatura do convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a creación dun sendeiro peonil paralelo ao río Pego, un compromiso no que o Goberno municipal leva traballando arduamente no último ano.
"Este proxecto supón unha gran noticia para Tomiño, xa que permitirá aumentar o número de sendas para use e desfrute da nosa veciñanza", salientou a alcaldesa en funcións, Sandra González. Non obstante, estas obras suporán tamén unha importante mellora na depuración de Tomiño, xa que o proxecto contempla a reparación do colector xeral que vai pegado ao río Miño, "o que permitirá rematar coas infiltracións detectadas nalgúns casos, reducir a incorporación de augas pluviais ao colector xeral e mellorar moito a depuración".
O proxecto contempla un investimento total de 1,5 millóns de euros en tres anualidades, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil achegará 1,2 millóns de euros e o Concello de Tomiño 306.000 euros. Na sesión plenaria tamén se deu luz verde a unha modificación de crédito extraordinario de 6.000 euros para a primeira anualidade do proxecto e que se sumarán aos 24.000 euros que achegará a Confederación para a contratación da asistencia técnica necesaria para a redacción do proxecto de construción do sendeiro.
Por outra banda, o Goberno municipal tamén aprobou en pleno unha modificación de crédito de 48.000 euros para a creación da senda de Forcadela, que irá dende a Casa dos Mestres ata a Escola de Forcadela, unindo equipamentos de xeito accesíbel. O Concello de Tomiño foi o encargado de redactar o proxecto da senda, que a Xunta de Galicia se comprometeu a financiar con 45.000 euros. Porén, "visto que este financiamento é claramente insuficiente para que a obra conte con todos os criterios e garantías que o Concello esixe nas sendas peonís, como a accesibilidade, a retirada dos postes... decidimos achegar fondos propios para que a veciñanza e visitantes poidan gozar dunha senda única e de calidade".
Participantes no Música Nova darán un concerto este domingo 4 no Museo Serralves do Porto
Acompañarán á Escola do Rock de Paredes de Coura nunha actuación ao abeiro do 'Serralves en Festa', un acontecemento cultural de gran relevancia en Portugal
Mozos e mozas participantes no proxecto Música Nova da Eurocidade Cerveira-Tomiño prepáranse para unha actuación única no prestixioso Museo Serralves do Porto ao abeiro da celebración anual do 'Serralves en Festa', un dos acontecementos culturais máis importantes de Portugal. Este domingo 4 de xuño ás 15.00 h (hora local) varios integrantes do proxecto acompañarán no escenario á Escola do Rock de Paredes de Coura para dar un concerto único no prado do parque de Serralves.
A Escola do Rock de Paredes de Coura, integrada por 40 mozos e mozas de 13 a 30 anos e coñecida polo seu enfoque na música de bandas lendarias, ofrecerá un espectáculo de balde dunha hora de duración e apto para toda a familia no que participantes no Música Nova achegarán ao público todo o aprendido e traballado nas últimas semanas.
O proxecto Música Nova, un dos dous gañadores da última edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, busca unir á mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño a través dun amplo programa de actividades relacionadas coa música, como obradoiros de capacitación, miniconcertos na rúa, ensaios de diferentes estilos musicais ou a oportunidade de coñecer e interactuar con músicos profesionais de Galicia e Portugal. O obxectivo é fomentar a participación da rapazada en actividades musicais conxuntas, promovendo o intercambio cultural e xeracional.
A culminación deste programa será un concerto no SkatePark de Goián o vindeiro sábado 10 de xuño, no que participarán os mozos e mozas que integran o Música Nova, un proxecto iniciado o pasado mes de abril dentro das iniciativas de consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciadas ao 75% pola 6ª Convocatoria do programa INTERREG VA ESPAÑA PORTUGAL (POCTEP) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|