Literatura, cine e fotografías para facer memoria histórica
O Rosal acolle ao longo da vindeira semana seis actividades do proxecto 'O pasado por vir' da Deputación de Pontevedra
Coñecer a historia do primeiro terzo do século XX en Galicia para construír unha sociedade acorde co país soñado por aquela xeración devastada polo fascismo. Ese é o obxectivo do proxecto 'O pasado por vir', unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que chega ao Rosal cunha semana chea de actividades, como presentacións de libros, exposicións e proxeccións audiovisuais.
"Durante a vindeira semana os rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse a diferentes historias de persoas que loitaron por tentar construír o país e a sociedade que querían aínda que o seus soños foran aniquilados", explica a alcaldesa en funcións, Ánxela Fernández Callís.
As actividades comezarán coa presentación do libro 'Mulleres represaliadas no cárcere de Tui', unha lembranza a todas as mulleres represaliadas da comarca, con historias daquelas que pasaron polo cárcere de Tui. A presentación será o luns 5 de xuño ás 20.30 horas no salón de exposicións do Concello e contará cunha visita guiada á mostra do mesmo nome da man de Helena Pousa Ortega e Quico Paz Antón, dous dos autores do libro xunto a Marga do val e María Victoria Martínez.
Pola súa banda, a exposición 'Mulleres represaliadas no cárcere de Tui', deseñada por Ángeles Velázquez e que homenaxea ás mulleres encarceradas entre 1936 e 1939 nesta prisión, estará aberta ao público do 3 ao 7 de xuño de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas.
Do 5 ao 16 de xuño, o salón de exposición acollerá tamén 'Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra', unha mostra con medio centenar de imaxes da fotógrafa Alba Díaz e textos de Lois Pérez a modo de crónica da rodaxe do documental que leva o mesmo nome e co que se busca amosar lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra co apoio das voces de artistas do panorama musical galego, como Uxía ou Tanxugueiras. A exposición estará aberta ao público de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas.
O programa de actividades rematará o xoves 8 de xuño ás 20.00 horas no auditorio municipal coa proxección do documental 'Acorda', do que nace a propia exposición. Ademais, o público poderá ver tamén a curtametraxe 'Mariví, na pel da memoria', unha peza que conta a historia de Mariví Villaverde, unha muller comprometida exemplo perfecto do tempo do exilio, xa que tivo que marchar por ser filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía; da resistencia, na que traballou xinto á súa parella Ramón de Valenzuela; e de loita polos ideais da memoria. Tras a proxección haberá un coloquio coas directoras.
Todas as actividades serán de balde e abertas a todo o público.
Concello de O Rosal
O ciclismo volve esta fin de semana co XVII Trofeo Montes do Rosal
Máis de 280 deportistas, 29 delas e deles rosaleiros e 79 portugueses, participarán nesta proba que comezará o sábado 3 ás 16.00 h
O Rosal volve ser esta fin de semana epicentro do ciclismo. Este sábado 3 de xuño celébrase o XVII Trofeo Montes do Rosal, unha proba organizada polo Club Ciclista O Rosal e que conta coa colaboración do Concello, da Comunidadade de Montes Santa Mariña do Rosal, da Federación de Ciclismo Galego, da Fundación Deporte Galego e da Deputación de Pontevedra, así como doutras entidades e empresas.
Deste xeito, o sábado daranse cita 283 deportistas de entre 3 e 18 anos, entre eles e elas 29 ciclistas rosaleiros e rosaleiras e 79 portugueses que se achegarán ao Rosal para desfrutar "dunha proba que enche o noso municipio de deporte, con novas e novos ciclistas rosaleiros e rosaleiras pero tamén doutros recunchos de Galicia e cunha canteira que vén pisando con forza", salienta a alcaldesa en funcións, Ánxela Fernández Callís.
A proba sairá ás 16.00 horas da Praza do Calvario e congregará a participante de varios clubs de ciclismo galegos que competirán nas categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e junior, tanto en categoría masculina como feminina.
Dende o Concello quérese agradecer ao Club Ciclista O Rosal o inestimable labor para seguir organizando no municipio probas e campionatos que atraen a moito público afeccionado ao ciclismo, así como a inestimable colaboración da veciñanza na celebración desta e doutras probas deportivas que se celebran no municipio.
Concello de O Rosal
Unha unidade móbil de doazón de sangue visita de novo O Rosal o vindeiro 5 de xuño
O autobús estará situado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas na rúa Ramón Franco
A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) enviará a vindeira semana ao Rosal unha nova unidade móbil. Será o vindeiro 5 de xuño, data no que o autobús para a doazón de sangue estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte a Abanca, coas súas portas abertas de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade.
Poden acudir a doar todas as persoas con máis de 18 anos e 50 kg de peso. Para doar debe facerse despois de almorzar se se acode pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se a doazón é pola tarde. Dende ADOS lémbrase que é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao persoal médico en caso de estar tomando algún tipo de medicamento ou tratamento.
O persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que queren doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, non obstante recoméndase a todas as persoas doantes non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos mantén abertos cada día locais de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas, analizadas e preparadas para garantir o subministro de compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días ao ano.
Concello de O Rosal
O grupo de voluntariado de limpeza da natureza prepara unha nova saída en Fornelos
Será o domingo 4 de xuño ás 10.00 h e centrarase na Ponte da Parraporrosa e na Ponte da Pedra
O grupo municipal de voluntariado de limpeza da natureza do Rosal prepárase para unha nova saída coa que fomentar a concienciación e a participación activa da veciñanza no coidado da contorna e na conservación dos espazos naturais.
A actividade desenvolverase o vindeiro domingo 4 de xuño a partir das 10.00 horas. Nesta ocasión o grupo desprazarase ata Fornelos para a limpeza da Ponte da Parraporrosa e na Ponte da Pedra. As persoas participantes irán recollendo o diferente lixo que se vaia atopando na contorna, polo que se recomenda ás e aos participantes que leven luvas, aínda que a organización levará bolsas e tamén luvas por se alguén as precisa.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse ata o 31 de maio chamando ao Concello ao teléfono 986 625 000 ou enviando un correo electrónico a conserxe@orosal.gal especificando nome, apelidos e DNI tanto da persoa participante como daquelas inscritas baixo a súa responsabilidade.
Concello de O Rosal
|