|
Visitas guiadas á exposición da Casa Forestal e aos curros de Torroña e Mougás no mes de xuño
A comunidade de montes de Santa María de Oia, a través do seu proxecto da Casa Forestal, vén de poñer en marcha un ciclo de actividades sobre os curros, co obxectivo de contribuír a divulgar esta tradición tan arraigada na Serra da Groba. Dentro desta programación ofreceranse visitas guiadas os días 3 e 10 de xuño.
O ciclo arrancou o pasado sábado 13 de maio cunha visita á Casa Forestal e un percorrido guiado polo curro da Valga e os seus arredores. Agora a actividade continuará nas xornadas previas á celebración das rapas de Torroña (que terá lugar o domingo 4 de xuño) e Mougás (o domingo 11 de xuño).
O sábado 3 de xuño (véspera do curro de Torroña) celebrarase unha visita guiada á exposición temporal "Arredor do curro" que acolle actualmente a Casa Forestal. A continuación sairase en paseo guiado ata o propio curro de Torroña, pasando por A Portela e Xiguente. A actividade comezará ás 18.30 horas e ten como obxectivo divulgar e poñer en valor os valores patrimoniais do curro e dos diferentes espazos por onde pasa a ruta (patrimonio arqueolóxico, etnográfico, lendas, etc).
O sábado 10 de xuño (día previo á celebración do curro de Mougás) farase unha actividade semellante ás anteriores. Neste caso, a visita a exposición da Casa Forestal desenvolverase ás 17.00 horas e, posteriormente, ás 18.30 horas farase un paseo guiado polas inmediacións do curro de Mougás baixo a temática "cabalos, curros e historia local".
Para participar nas actividades, de balde pero con prazas limitadas, cómpre inscribirse previamente no número de teléfono 677.78.32.96.
A Casa Forestal de Oia, edificio de gran valor histórico e patrimonial por tratarse da primeira construída en Galicia, vén de ser rehabilitada pola comunidade de montes de Santa María de Oia co obxectivo de poñer en marcha un centro de interpretación da Serra da Groba. Despois do acto inaugural celebrado o pasado 13 de maio, arranca a súa programación cun ciclo dedicado aos curros.
Nova cita cos curros de Oia, este domingo en Torroña
Este domingo día 4 de xuño celebrarase o tradicional curro de Torroña, que este ano prevé reunir arredor de 600 bestas e 200 poldros. Como vén sendo habitual, esta rapa terá lugar o primeiro domingo de xuño, sendo o segundo da tempada.
Desde as 9.00 horas comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Torroña (parroquia de Burgueira), a onde chegarán sobre as 11.30 ou 12.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.
A xornada, que como todos os anos será gratuíta para o público asistente, transcorrerá co tradicional ambiente festivo que a caracteriza.
Despois dos curros da Valga, celebrado o pasado 14 de maio, e o de Torroña, programado para este 4 de xuño, a seguinte cita será o 11 de xuño en Mougás.
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.
Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.
O 6x6 chega este domingo a Oia cunha xornada festiva arredor do teatro, a danza, a música e o canto
A iniciativa 6x6 Punto de Encontro chega este domingo coas súas innovadoras propostas arredor da arte e a cultura. Teatro, danza, música e canto serán os protagonistas dunha xornada festiva que, organizada polo Concello de Oia e baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística), contará con actividades para todos os públicos.
Neste 2023, no que o proxecto celebrará a súa quinta edición, a proposta desenvolverase baixo o título "Oia. Onde se pon o sol e nacen as sereas". Partindo deste fío condutor, elaborado a partir de textos de Ana Romaní, Lupe Gómez, María do Cebreiro, Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, artéllase unha xornada cultural que terá como prato forte a tradicional representación do obradoiro de teatro veciñal así como diversas actividades complementarias.
A xornada de festa desenvolverase no barrio do Arrabal segundo o seguinte programa:
-A partir das 12.00 horas abrirán os postos de artesanía, onde permanecerán á venda diversos produtos de creadores e creadoras locais como Medialúa Coiro, areladefe Xoiería, Carlos San Claudio Cerámica, Carliños Cestería, Luis Álvarez Cantería.
-Ás 17.30 horas, a Praza Centinela acollerá o espectáculo infantil "As palabras perdidas", de Inventi Teatro. O tráfico estará cortado nas rúas de acceso á praza mentres dure esta actividade.
-Ás 20.00 horas dará comezo o espectáculo do grupo de teatro veciñal. O punto de encontro será a mesma Praza Centinela e, desde alí, público e artistas percorrerán a pé o camiño ata o Mosteiro para asistir á representación no interior do recinto.
Xunto co alumnado do taller de teatro, o espectáculo contará coas artistas convidadas Olga Cameselle (danza), Mónica de Nut (canto) e Rubén Pastoriza (música). Así mesmo, participará o alumnado da aula infantil de teatro do Concello de Oia.
-Ao remate, a oferta cultural e de lecer trasladarase de novo ás rúas do Arrabal, coa música dos grupos locais Tra-lo Mosteiro de Oia e A Fiada de Viladesuso.
Esta xornada festiva está organizada polo Concello de Oia xunto co grupo Tra-lo Mosteiro e conta coa colaboración de Pontegal (Deputación de Pontevedra) e máis do Mosteiro de Oia.
En caso de choiva, os postos de artesanía trasladaranse á oficina de turismo, mentres que a programación da tarde pasará ao IES Mestre Manuel García.
|