Os socialistas da Guarda agradecen “o apoio da xente que valorou a nosa xestión" e abren unha nova etapa “na que seguiremos traballando pola nosa vila”
Os socialistas da Guarda agradecen "o apoio da xente que valorou a nosa xestión" e abren unha nova etapa "na que seguiremos traballando pola nosa vila"
Os socialistas da Guarda queren agradecer "o apoio da xente que valorou o noso traballo nestes anos e as propostas do noso programa electoral".
Antonio Lomba sostén que "o resultado non foi o que nós esparabamos despois duns anos intensos e de moito traballo, pero temos que aceptalo e respectar a vontade da veciñanza".
Os socialistas abren agora unha nova etapa "na que seguiremos traballando a diario pola nosa vila".
Saúdos, Socialistas da Guarda
Actividades Orgullo 2023 Raiceiras
A Asociación Raiceiras informa sobre a súa programación para o mes do Orgullo LGTBIQA+, este mes posúe un significado especial para as súas compoñentes e obxectivos polo que se levarán a cabo distintas accións repartidas durante todo o mes.
O día 8 de Xuño a equipa de asociación visitará a Asociación San Xerome Emiliani para falar de diversidade rural. Proxectarase a curtametraxe "Armarios Rurais", unha produción propia de Raiceiras, para máis tarde levar a cabo unha valoración colectiva dos temas que se tratan na mesma; sexilio, discriminación nas vilas, familias diversas e o seu proceso no rural, etc. A actividade é aberta a todo o público interesado e levarase a cabo no Espazo polivalente da Asociación San Xerome Emiliani das 10:15h ás 11.30h da mañá.
O día 9 de Xuño ás 20:00h desfrutaremos da proxección en pantalla grande desta mesma curtametraxe "Armarios rurais" no Centro Sociocultural da Guarda. Posteriormente levarase a cabo un coloquio no que contaremos coa participación de Mercedes Míguez e Uxo Pousa, protagonistas do audiovisual e que poderán ampliar información e responder preguntas do público. Falaráse da diversidade dende unha perspectiva comunitaria e familiar.
O día 17 de Xuño levarase a cabo un Libro-forum da novela gráfica "Género Queer" no espazo facilitado pola Librería Atlántica (A Guarda). É recomendable asistir coa lectura feita, existen exemplares dispoñibles para a súa adquisición nesta mesma librería. A equipa de Raiceiras ademáis fará unha pequena presentación sobre o significado do sexo e o xénero, tanto na actualidade como cunha perspectiva histórica. Rematarase cun obradoiro de chapas nas que faremos unha homenaxe a distintas referentes queer.
O día 28 de Xuño Raiceiras sacará un posto á rúa no que dará a coñecer a súa labor durante todo o ano con respecto a súa área de diversidade. Haberá actividades de animación, información de utilidade, reivindicación e sorpresas para todas.
Haberá participacións e accións de última hora, polo que Raiceiras recomenda permanecer atentas ás suas redes sociais.
A Guarda acolle o vindeiro 10 de xuño o I Tándem e Cociña Internacional para a mocidade
O vindeiro sábado día 10 de xuño de 2023 en horario de 10:30 a 13:30 no San Xerome Emiliani terá lugar o I Tándem e Cociña Internacional para a mocidade en A Guarda, o cal se organizou coa finalidade de crear un espazo de ocio para as persoas voluntarias que actualmente se atopan traballando no noso municipio e á rapazada do pobo.
Neste encontro realizaranse diversas actividades fundamentalmente un Taller de Cociña no que realizarán e se degustarán diversas receitas italianas, ucranianas e españolas. A continuación, móstrase o programa do encontro:
PROGRAMA DO ENCONTRO:
10:30 - 10:45
Recepción e benvida dos participantes.
10:45 - 11:30
Dinámicas de presentación.
11:30 - 12:00
Presentación dos proxectos das persoas voluntarias coa realización dunha microobra.
12:00 - 13:30
Taller de cociña internacional e degustación das receitas elaboradas polos propios participantes.
O encontro é totalmente gratuíto. Dende o Concello de A Guarda animámosvos a participar!!
Non é preciso inscrición previa, para máis información na Omix da Guarda no enderezo informacion@aguarda.es ou no 986610000 ext.7
Neste encontro colaboran O Concello de A Guarda, San Xerome Emiliani e a entidade FOCO.
A Guarda formará parte dos 23 concellos galegos que conforman o Ciclo Mestre Mateo 2023
" O Ciclo presentará nas localidades escollidas as proxeccións das longametraxes finalistas na edición 2023 dos premios ao cinema galego.
No mes de xuño comeza na Guarda o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta coa colaboración das catro deputacións provinciais, para poder amosar o mais novidoso e relevante do noso cinema nas vilas de Galicia.
Esta proposta que tivo a súa primeira edición o pasado ano 2022 , suma neste 2023 novas localidades entre as que se atopa a vila da Guarda. O ciclo conleva a proxección de 8 filmes, de ficción, documental e animación que se proxectarán entre os meses de xuño e novembro.
O ciclo comezará no mes de xuño coa proxección de dúas longametraxes de ficción: o 8 de xuño con Código Emperador, filme de acción dirixido por Jorge Coira estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); que poderá verse na Guarda o 29 de xuño.
Durante o verán o ciclo fará unha pausa para retomarse no mes de outubro, cando poderemos ver a gran gañadora da edición 2023: O Corpo Aberto, que se fixo con 12 galardóns na presente edición dos premios Mestre Mateo 2023. Outros filmes que teremos a oportunidade de ver nos meses de outubro son: o documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, e Unicorn Wars recoñecidas respectivamente como Mellor documental e Mellor longametraxe de animación. O filme de animación Valentina, que foi gañadora no 2022 do Goya á mellor longametraxe de animación, así como os documentais A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF - Ourense Film Festival.
Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:
8 XUÑO, CÓDIGO EMPERADOR ás 21:00h.
29 XUÑO, LIVE IS LIFE ás 21:00h.
7 OUTUBRO, VALENTINA ás 18:00h.
11 OUTUBRO, O CORPO ABERTO ás 21:00h.
26 OUTUBRO, A FOREIGN SON ás 20:30h.
10 NOVEMBRO, UNICORN WARS ás 20:30h.
16 NOVEMBRO, ONDE MAIS DOE ás 20:30h.
30 NOVEMBRO, MARÍA CASARES A MULLER QUE VIVIU MIL VIDAS, ás 20:30h.
A Guarda terá un baño público autolimpable no porto da Guarda
" O financiamento para esta dotación procede dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
Na liña de traballo de mellora dos servizos municipais o concello da Guarda viña procurando financiamento para a instalación dun aseo público no porto da Guarda coas mesmas características co instalado na alameda no ano 2021.
Trátase dun aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida cun sistema de limpeza automatizado despois de cada uso e con apertura de portas programable. Que no caso da alameda fora financiado co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Neste caso, o financiamento para a nova dotación, vai con cargo a unha subvención en concorrencia non competitiva a concellos para embelecemento do litoral galego no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con cargo aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados por Turismo de Galicia.
A contía da subvención ascende a 45.000 € e representa o 90% do investimento que está cifrado en 50.000 €.
A instalación do aseo está previsto facela no límite do xardín a carón da casa do Mar e preto do Auditorio de San Benito. Este servizo, ao igual que o da alameda, foi priorizado polo equipo de goberno en vista da importante demanda veciñal e da mellora que representa dos espazos e servizos públicos da localidade.
O monte Santa Trega amplía a oferta de visitas guiadas
" A novidade desta tempada é que non é preciso facer reserva previa para asistir as visitas.
O Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte.
Durante o verán de 2022 foron case 3.000, as persoas que realizaron a visita guiada e as que trasladaron que o xacemento arqueolóxico entendese mellor grazas as explicacións do guía. Trala boa acollida da oferta de visitas guiadas do ano pasado, vanse repetir comezando xa no mes de xuño e rematando no mes de setembro.
Os meses de xuño e setembro adoitan ser datas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que as visitas guiadas regulares nestes meses serán as fins de semana con dous horarios (12:00 e 17:00h).
Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecela cultura castrexa e a nosa paisaxe.
Este ano as visitas guiadas volven a estar centradas no Castro de Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño.
A novidade desta tempada é que non é preciso facer reserva previa para asistir as visitas. Tan só hai que estar a hora no punto de encontro. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.
Acádanse máis de 71.000€ para a transformación paisaxística do acceso ao Castelo de Santa Cruz
" A intervención para a que se consegue esta subvención estará dirixida a mellorar o entorno do acceso ao Castelo pola Porta de Socorro.
O Concello da Guarda ven de recibir da Xunta de Galicia a resolución positiva da subvención que se solicitou nunha convocatoria de axudas dirixidas a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
A través desta intervención repoñeranse todas aquelas árbores que se atopan danadas no acceso ao Castelo de Santa Cruz e realizarase unha actuación na principal zona axardinada creando un pequeno bosque de plantas aromáticas e un "hotel para insectos", unha iniciativa que favorece a biodiversidade, e pode servir como ferramenta pedagóxica para os centros educativos e outros colectivos interesados no coidado do medio ambiente.
|