|
O alumno tudense Rodrigo Buján premiado no IV Concurso de Microrrelatos da Red de Juderías de España
Cursa 2º da ESO no Colexio Maristas Santa María de Tui
Rodrigo Buján Fernández, alumno de 2º da ESO do Colexio Maristas Santa María de Tui, é un dos gañadores do IV Concurso de Microrrelatos, convocado pola Red de Juderías de España, no que participou alumnado de 1º e 2º da ESO de toda España.
Proximamente terá lugar o acto de entrega deste premio ao alumno tudense, así como un recoñecemento ao Colexio Maristas Santa María como "Colexio Asociado á Red de Juderias de España".
O relato de Rodrigo Buján será publicado xunto aos 30 seleccionados a nivel nacional nun libro pola Red de Juderías de España.
O Concello de Tui felicita a este alumno polo bo traballo e o esforzo realizados para obter este recoñecemento, e agradece ao Colexio Maristas Santa María o compromiso con este concurso, que ten como obxectivo dar a coñecer o importante legado xudeu que atesouramos en España, e concretamente en Tui, que aínda segue moi descoñecido.
A Red de Juderías de España convocou a cuarta edición do concurso de microrrelatos "Benjamín de Sefarad", dirixido a escolares españois, co obxectivo de promover o coñecemento do legado xudeu de España.
A temática dos microrrelatos desta edición foi a música. O xurado do certame estivo composto por Jimmy Barnatán, músico, actor e escritor; Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora Xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de Diarios de Viaxe da Red de Juderías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e directora do Centro Internacional de Música Medieval.
A Guía Turística de Tui da Red de Juderías xa está dispoñible en portugués
A nova versión desta publicación turística pódese descargar de xeito gratuíto en PDF na páxina web da Red de Juderías
Co obxectivo de dar resposta ao cada vez maior interese do visitante de Portugal pola ruta xudía de Tui, a Guía Turística da cidade, editada pola Red de Juderías de España, está xa dispoñibles en portugués.
A colección de guías turísticas 'Rutas polas Xudarías de España' recolle a historia, as tradicións, a gastronomía e a cultura orientada para que o viaxeiro poida descubrir todos os atractivos das 21 cidades que forman parte desta rede. Todas estas publicacións foron realizadas pola autora sefardí Alejandra Abulafia.
Estes materiais son gratuitos e a nova versión da cidade de Tui en portugués xa está dispoñible para consulta e descarga en formato PDF na páxina web da Red de Juderías. Próximamente tamén estará dispoñible no novo portal turístico 'Caminos de Sefarad', un proxecto dixital e interactivo no que o visitante poderá coñecer a historia de cada cidade da Red de Juderías con mapas elaborados, ilustracións orixinais, enlaces a materiais audiovisuais, itinerarios, testemuñas e curiosidades.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta edición en lingua portuguesa ten unha especial importancia para a cidade xa que a posición transfronteiriza converte aos visitantes procedentes de Portugal nun dos principais sectores de público obxectivo aos que achegar a oferta turística de Tui. Cabaleiro apunta que esta versión da guía "abre novas posibilidades de promoción para Tui e o seu amplo patrimonio cultural, especialmente no que atinxe á herdanza xudía conservada na nosa cidade, unha das referencias deste legado en Galicia e España".
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui acada o 46% de insercións laborais en 5 meses
Supera xa o obxectivo do 45% fixado ao remate desta acción que será dentro de seis meses
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui acadou xa o 46% de insercións laborais entre as 100 persoas participantes nos cinco primeiros meses de actividade. Supérase así xa o obxectivo fixado do 45% de inserción ao remate do programa previsto para dentro de seis meses.
Dende que comezou en xaneiro ten realizado unha intensa actividade impartindo 28 accións formativas en competencias dixitais, coaching, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos, xestión de almacén, atención ao cliente en aloxamentos turísticos… A isto suman a realización de entrevistas personalizadas coas 100 persoas participantes, estableceron convenios de prácticas con 5 empresas, realizaron accións de prospección e intermediación laboral con máis de 40 empresas, e tramitaron máis de 180 ofertas.
Das 46 persoas que lograron dende xaneiro un posto de traballo, destacan dende o Programa Integrado de Emprego, o 60% están a traballar en empresas ubicadas en Tui, destacando a concelleira de Formación e Emprego, Ana Nuñez que "o tecido empresarial tudense está sendo o principal recrutador de persoal". Engade, Ana Nuñez que "este dato implica unha mellora da calidade de vida das persoas que se incorporan ao mercado laboral así como un fortalecemento das empresas tudenses que están creando emprego con talento local".
Dende o Programa Integrado de Emprego apuntan que algunhas das empresas comprometidas na contratación de persoal e socialmente responsables co emprego local son Valver, Naldo Costas, Ideas Peregrinas, Hotel Alfonso I, Restaurante El Niño Trasto, Pepco, Joyería Time Road, Moveratus, Restaurante La de Manu, Amoralia, Talleres Seixal, Equigalia, Bar O Descansiño ou a Residencia Paz e Ben. Tamén cabe destacar a colaboración doutras como Coplegal, Serveo, Albo ou Externa ETT.
Por outra parte a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, destaca como "a cercanía dos postos de traballo co domicilio das persoas traballadoras, mellora significativamente a súa satisfacción laboral e as posibilidades de conciliar a súa vida familiar e laboral".
Os colectivos aos que pertencen as persoas do programa de Emprego, son moi variados, pero cabe destacar que un 65 % son mulleres. A incorporación ao mercado laboral de persoas migrantes ou pertencentes a etnias minoritarias é outro dos éxitos do programa que demostra que tras o esforzo e unha boa actitude se atopa sempre o resultado.
O programa integrado continua a súa andadura e prepara o inicio dunha nova actividade formativa. Será un curso de "Atención ao cliente para supermercados e estacións de servicio", co fin de mellorar a empregabilidade e xerar novas oportunidades laborais ás persoas que aínda non acadaron un posto de traballo.
Cómpre lembrar que no Centro Municipal de Formación, situado en Guillarei, préstase atención personalizada a persoas desempregadas a través do Servizo Municipal de Orientación e Emprego. Este centro municipal ten na actualidade plena ocupación das súas instalación xa que amais do Programa Integrado de Emprego e do Servizo Municipal de Orientación e Emprego acolle tamén o Obradoiro de Emprego Senda do río Furnia, entre outras iniciativas.
O alcalde de Tui amosou o seu apoio ás persoas traballadoras de Maderas Iglesias
Comprometeuse a trasladar ás institucións este respaldo e solicitar os instrumentos que garantan a viabilidade da firma
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu hai uns días ao Comité de Empresa de Maderas Iglesias xunto a representantes sindicais da CIG e UGT. Deste xeito o rexedor tudense coñeceu de primeira man a situación pola que atravesa a empresa con sede no Porriño que chegou a ser líder mundial na fabricación de tarimas flotantes. Actualmente a empresa conta con 169 persoas traballadoras das que 14 son de Tui. Pese ao momento de "alta produtividade" que vive a compañía nestes momentos o seu futuro é incerto debido á débeda contraída con seis entidades bancarias que demandaron xudicialmente o incumprimento do calendario de pagos.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, comprometeuse a trasladar ás institucións o apoio do Concello de Tui á empresa e demandar que se habiliten os instrumentos precisos para garantir a viabilidade da empresa, entre os que estaría a busca dun inversor.
|