JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Real Federación Galega de Motonáutica imparte en Tomiño un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación

Será o vindeiro venres 2 de xuño no Espazo Fortaleza de Goián. Data límite para inscribirse, 30 de maio

A Real Federación Galega de Motonáutica en colaboración co Concello de Tomiño e o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño impartirá un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación. Este curso celebrarase o vindeiro venres 2 de xuño na contorna do Espazo Fortaleza de Goián e contará con prazas a tarifa reducida para persoas con mobilidade reducida. A data límite para inscribirse será o vindeiro 30 de maio ás 00.00 horas.

O curso consistirá nunha parte teórica e outra práctica, para a que se empregará o pantalán da zona. A actividade contará cunha embarcación adaptada para aquelas persoas inscritas con mobilidade reducida.

A nova titulación coñecida como Licencia de navegación habilita á persoas para o goberno de embarcacións de recreo de ata 6 metros de eslora e unha potencia de motor adecuada á mesma segundo o fabricante, navegación diúrna ata 2 millas de calquera dirección de porto, mariña ou lugar de abrigo, así como o manexo de motos acuáticas de calquera potencia.

Para realizar a inscripción e obter máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 222 440 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@fgmotonautica.org.

Concello Tomiño


Abertas as inscricións para os 'Xogos Eurocidade - Sen Fronteiras'

A iniciativa, gañadora do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023, celebrarase os días 10 e 11 de xuño

A mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño poderá gozar dunha fin de semana marcada pola diversión deportiva e a celebración dos valores europeos. Os vindeiros 10 e 11 de xuño, o Skate Park de Goián, en Tomiño, e o Centro Municipal de Atletismo de Vila Nova de Cerveira serán os escenarios dos 'Xogos Eurocidade - Sen Fronteiras'. O proxecto está dirixido a mozos e mozas de 12 a 25 anos e as persoas interesadas poden inscribirse xa a través do formulario na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Inspirado na idea de Charles de Gaulle, que en 1965 creou a 1ª edición dos Xogos Sen Fronteiras que marcaría varias xeracións do século pasado, os 'Xogos Eurocidade - Sen Fronteiras' é un dos proxectos gañadores da edición 2023 do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Ademais de promover a implicación da mocidade en actividades deportivas e de lecer, este evento mantén os obxectivos de fomentar a amizade, o compartir, a unión e a solidariedade entre os mozos e mozas de ambos concellos veciños a través de xogos tradicionais e/ou probas típicas dese célebre evento europeo, adaptados aos recursos e deportes máis actuais.

A mocidade participante formará equipos que, ao longo de dous días, competirán nun conxunto de desafíos, acumulando puntuacións para atopar o equipo gañador. Haberá torneo de tracción de corda, inchable de futbolíns humanos, xogo da illa e xogo big bags, xincana de bicicletas, tiro de tiratacos, inchable basket challenge, xogos tradicionais, xogo do pneumático, xogo do pé atado, xogo do ovo na culler, xogo da malla, Fun Games, paintball e slide.

A participación é de balde. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición a través da web da Eurocidade Cerveira-Tomiño ata o día 31 de maio.

Este proxecto gañador do OPT Cerveira-Tomiño 2023 asume un forte compromiso en contribuír ao logro das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas (ODS), nomeadamente no ámbito da Saúde de Calidade, que establece que, ata 2030, debe haber unha redución dun terzo da mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles a través da prevención e tratamento, e unha maior promoción da saúde mental e benestar, así como reforzar a prevención e o tratamento do abuso de substancias, incluíndo o abuso de drogas e o uso nocivo do alcohol.

O proceso participativo da Axenda para a Mocidade integra o proxecto "0780_AMIZADE_1_P", cofinanciado nun 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.

Concello Tomiño


Tomiño conmemora a Semana do Medio Ambiente con obradoiros, unha exposición e un roteiro polas árbores senlleiras

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades, que se desenvolverán do 29 de maio ao 5 de xuño

O mesmo 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, farase a entrega de premios do Concurso audiovisual "Como mellorar a xestión do lixo no meu centro"

O Concello de Tomiño quenta motores para conmemorar un ano máis a Semana do Medio Ambiente. Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, o Concello organiza do 29 de maio ao 5 de xuño a terceira edición de 'Tomiño Natural', cunha morea de actividades que nesta ocasión estarán centradas na xestión do lixo sen perder de vista a emerxencia climática e a contorna natural.

"Queremos achegar á veciñanza a necesidade de coidar o noso medio ambiente, algo que esixe unha acción global e ter en conta moitos aspectos, polo que cada ano dedicamos a nosa Semana do Medio Ambiente a unha temática diferente. Este ano buscamos concienciar ás tomiñesas e tomiñeses da importancia dunha correcta xestión do lixo para traballar contra a emerxencia climática e garantir un futuro sostible", explica a alcaldesa, Sandra González.

A semana de actividades comezará o luns 29 de maio coa exposición no Mercado Municipal de Tomiño de 'Emerxencia climática, feitos e datos', unha mostra cedida polo CEIDA que busca achegar os fundamentos básicos que argumentan a crise climática actual a través de 17 paneis explicativos. A exposición estará aberta ao público ata o luns 5 de xuño.

Xunto á mostra, o Concello porá en marcha dous obradoiros e un roteiro para os que xa está aberto o prazo de inscrición a través da web municipal. Así, o sábado 3 de xuño o salón de plenos e a Praza do Seixo acollerán ás 11.00 horas o obradoiro 'Reciclamos xuntos', con Aventura Plástica, un taller para público familiar no que ademais dunha charla teórica con coloquio, haberá unha parte práctica na que aprender a seleccionar e separar residuos e na que se poderá traballar na transformación de residuos en obxectos, como unha buxaina ou un pomo de porta.

Ese mesmo día, ás 19.00 horas, no Parque da Feira as familias poderán desfrutar do espectáculo didáctico e participativo 'Xogando a reciclar', un obradoiro teatralizado en clave de clown no que aprender a reciclar dun xeito diferente e divertido.

O domingo 4 de xuño o público poderá desfrutar do Roteiro árbores senlleiras, unha andaina de 4 quilómetros de dificultade baixa a través da que visitar ata sete puntos nos que se atopan algunhas da árbores senlleiras de Tomiño. A saída será ás 10.00 horas dende a Capela de San Roque.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza a participar nestas actividades que "permiten concienciarnos sobre a importancia de colaborar e adoptar prácticas respectuosas co medio ambiente para preservar os nosos recursos naturais e minimizar o impacto ambiental para as futuras xeracións".

Como colofón final, o luns 5 de xuño entregaranse os premios do concurso audiovisual 'Como mellorar a xestión do lixo no meu centro', un certame dirixido a asociacións e grupos escolares dos centros educativos tomiñeses. O obxectivo do concurso é achegar a toda a veciñanza, novos e maiores, a importancia dunha xestión do lixo adecuada, reflexionando sobre o impacto que produce o lixo no medio ambiente e facéndoos partícipe da solución.

Concello Tomiño


O programa 'Coidados porta a porta' regresa este mes a Tomiño

A unidade móbil estará no torreiro do Alivio os días 26, 29, 30 e 31 para prestar de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a maiores de 55 anos

Completarase cunha charla sobre o coidado do oído o martes 30 de maio ás 19.00 h no salón de plenos do Concello

Tomiño acolle este mes de maio unha nova visita do programa 'Coidados porta a porta', unha iniciativa posta en marcha pola Xunta con fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia co que achegar de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estumulación da memoria a persoas maiores de 55 anos que viven no rural.

Deste xeito, os vindeiros 26, 29, 30 e 31 de maio, unha unidade móbil instalarase no torreiro do Alivio de 09.00 a 20.00 horas para pasar consulta destas tres especialidades. As persoas interesadas en participar neste programa deben solicitar cita previa a través dos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992 ou enviando un correo electrónico ao enderezo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.es.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a poboación maior de 55 anos do municipio a participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podolóxica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzheimer ou demencias dexenerativas.

Por outra banda, para completar esta visita, o vindeiro martes 30 de maio o salón de plenos do Concello acollerá a charla 'Coidado do oído e prevención de complicacións', un encontro impartido pola persoa responsable do servizo de audioloxía da unidade móbil do programa 'Coidados porta a porta'. A charla será ás 19.00 horas con entrada de balde.

Concello Tomiño


Xincana, teatro e música para fomentar o uso da lingua en Tomiño no Día das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio o Concello organiza unha morea de actividades de 10 a 14 horas na Praza do Seixo

Tomiño conmemora o Día das Letras Galegas cunha morea de actividades o propio 17 de maio coas que poñer en valor o galego e fomentar o seu uso, especialmente entre a infancia e a mocidade. Por este motivo, o vindeiro mércores o Concello organizará diferentes obradoiros, música, teatro e descontos nas librarías nas compras de libros en galego.

A Praza do Seixo acollerá de 10.00 a 14.00 horas seis talleres variados para todos os públicos organizados polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño que conforman unha xincana coa que deberán conseguir selar todas as letras da palabra 'Galego' para recibir de balde unha chapa e unha camiseta co deseño gañador desta edición do concurso do Día das Letras Galegas, que este ano gañou o tomiñés Andrés Álvarez.

A primeira actividade será 'Galepalabra', unha sorte de rosco co abecedario galego no que as persoas participantes deberán ir acertando as palabras ás que se refiren distintas definicións. En 'Aprender galego con xogos ancestrais' a través dunha aplicación do Observatorio do Patrimonio Lúdico o público aprenderá a lanzar buxainas, en 'Rosalía ABC' tratarase de chegar ao máximo de palabras en galego da a á z, mentres que en 'Cantamos/Contamos' hai que saber continuar coñecidas cancións de antes e de agora. A xincana rematará cos obradoiros 'Adiviña quen', no que cada persoa participante deberá descubrir que persoa coñecida galega se lle asignou, e 'Creatividade', co que inventar un poema en galego, compartir un refrán... nunha lona penduraba para logo sacar foto e publicalo nas redes sociais.

Xa ás 11.30 horas a mocidade tomiñesa representará 'O enterro do galego', no que cada persoa voluntaria disfrazarase dun idioma do mundo para asistir á morte da lingua galega por caer en desuso. Un espectáculo con final alegre, xa que nenos e nenas comezarán de novo a falar o galego e conseguen resucitalo. Ás 12.00 horas ademais a Agrupación Musical de Goián dará un concerto na Praza do Seixo.

Por outra banda, para fomentar a lectura en galego e en colaboración co comercio local, Concello e librarías de Tomiño ofrecerán un 40% de desconto en todos os libros que se merquen en lingua galega ese día.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais