|
Antonio Lomba garante que "no próximo mandato impulsaremos a construción do novo auditorio, que albergará o conservatorio e un parking subterráneo"
Antonio Lomba, candidato socialista á alcaldía da Guarda, garante que "no próximo mandato impulsaremos, xunto con outras administracións, a construción do novo auditorio na finca da Fínola, que albergará o conservatorio e un parking subterráneo".
O gobierno local adquiriu hai anos os terreos da finca de Fínola e realizou os trámites urbanísticos necesarios para converter esa parcela en chan público dotacional. "A nosa idea é clara: construír nesa parcela o auditorio municipal, unha demanda histórica da vila", explica o candidato socialista.
Antonio Lomba está convencido de que "é un proxecto de presente e de futuro, para que os guardeses disfruten dun equipamiento tan necesario e demandado como é o auditorio e da ampliación da Alameda".
Dentro das propostas culturais, os socialistas pretenden tamén "a rehabilitación integral do primeiro bloque do Centro Sociocultural do antigo Sinde para mellorar as instalacións, que a día de hoxe son utilizadas polas asociacións da vila".
"Tamén seguiremos coa política de grandes concertos no Porto e habilitaremos un aula de estudo cun horario estable nas dependencias da biblioteca do Centro Cultural", engade Antonio Lomba.
A Guarda acolle a exposición "Mulleres represaliadas no Cárcere de Tui(1936-1939)"
" A exposición se pode visitar ata o 26 de maio na Casa dos Alonso.
Esta Exposición é unha lembranza a todas as mulleres represaliadas e nela encontraremos varias mulleres da Guarda e tamén do Baixo Miño que pasaron polo Cárcere de Tui. A exposición poderá visitarse de forma libre na Casa do Alonso, desde o día 18 ata o 26 de maio en horario de 08:00 a 15:00.
O día 25 de maio ás 20:00 terá lugar unha visita guiada a dita exposición e a presentación do libro "Mulleres Represaliadas no cárcere de Tui" a cargo dos seus/súas autores/as Helena Pousa, Quico Paz Antón e Marga do Val, que explicarán como se fixo todo o traballo de documentación.
Dende o Concello da Guarda agradecese a cesión desta exposición á Concellería de Igualdade do Concello de Tui e ás persoas autoras do libro.
CONCENTRACIÓN CONTRA EÓLICA MARIÑA - A GUARDA – SÁBADO 20 ÁS 12 H
• A Confraría Santa Tecla da Guarda convoca unha concentración, o sábado 20 de maio ás 12 h na praza Avelino Vicente, para amosar a súa firme oposición á instalación dun macropolígono de eólica mariña entre Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño.
• Mentres cada vez hai máis restricións para o sector da pesca, o Ministerio encargado de velar pola conservación do medio ambiente, o MITECO, abre a veda á instalación de macromuíños eólicos de 200 metros de altura a escasos 20 kilómetros da nosa costa.
Baixo o lema “O VENTO É GRATIS, A EÓLICA MARIÑA NON” a Confraría Santa Tecla convoca esta concentración para esixir a paralización dos proxectos de éolica mariña que pretenden instalar nas costas de A Guarda, Oia, O Rosal e mesmo Baiona. A recente aprobación dos POEM prioriza a produción industrial de enerxía fronte á protección da biodiversidade e a actividade pesqueira.
Tal e como promulga o MANIFESTO DE BURELA, que subscribimos plenamente, as persoas que vivimos do mar somos as máis interesadas en defender os ecosistemas mariños, que contribúen á xeración de emprego e creación de riqueza en vilas costeiras. Crendo firmemente na necesidade frear os devastadores efectos do cambio climático, desde Santa Tecla apostamos por unha transición enerxética xusta, compatible con actividades sustentables, que garanten a soberanía alimentaria e crean identidade, como é o caso da pesca.
Por estas razóns, desde unha comunidade pesqueira tradicional como é A Guarda, queremos manifestar nosa firme oposición a este tipo de proxectos e esiximos:
• Ao MITECO, a retirada dos POEM e a paralización de calquera proxecto de eólica mariña. Urxe acometer estudios científicos independentes e rigorosos sobre a afectación xerada por muíños e liñas de evacuación nas especies mariñas e o conxunto do ecosistema. A recente admisión a trámite no Tribunal Supremo do recurso presentado polas Confrarías, debería facer reflexionar á Ministra Ribera para decretar a paralización cautelar de calquera proxecto, pola irreversibilidade dos danos que se poden causar.
• Do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, unha oposición frontal a plans de saqueo dos nosos recursos pesqueiros. Instamos Ministro Planas a antepoñer a soberanía alimentaria fronte á especulación enerxética.
• Da administración autonómica, un posicionamento claro na defensa do sector pesqueiro. Rexeitamos os anuncios sobre eventuais fondos de compensación para paliar os prexuízos da eólica mariña, que implican per se un perigo real de afectación á pesca. Reclamamos que o Sr. Rueda exerza de presidente da Xunta e non de comercial do lobby enerxético.
Por último, queremos transmitir á cidadanía da franxa costeira do sur de Galicia e Norte de Portugal que este non é un problema que só afecta ás xentes do mar. A instalación dun macropolígono de enerxía eólica terá tamén repercusión en terra, afectando principalmente a concellos como A Guarda, Oia ou O Rosal, por onde previsiblemente discorreran as liñas de alta tensión para a evacuación da enerxía eléctrica, creando unha verdadeira “autoestrada” que fragmentará a paisaxe ao longo do seu trazado. Por isto, apelamos tamén a colectivos ecoloxistas, ambientalistas e organizacións sociais e veciñais a unirse ao sector pesqueiro nesta loita, porque o mar e a paisaxe do sur das Cíes ao Trega perténcenos a todas e todos. O vento é gratis, pero a eólica mariña pode saírnos moi cara se non lle plantamos cara.
Confraría Santa Tecla da Guarda
ACTO CENTRAL DO BNG NA ALAMEDA DA GUARDA O SÁBADO 20 ÁS 19:30 HORAS
O BNG convida á sociedade guardesa a participar no acto central da campaña electoral este sábado día 20 ás 19:30 horas na Alameda da Guarda.
Ademais do Candidato á Alcaldía, Anxo Baz, intervirán neste acto Bea Lomba, Álvaro Lamas, a Candidata a Entidade Local Menor de Camposancos Merchi Martínez e o Portavoz do BNG no Congreso, Nestor Rego.
Antonio Lomba lamenta que "o señor Rueda marchase da Guarda sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta desde hai anos"
--- "Serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora", afirma o candidato socialista
Antonio Lomba, candidato socialista á alcadía da Guarda, lamenta que "o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viñera onte ata A Guarda e marchase sen prometer solucións ás cuestións que o concello lle ten plantexadas á Xunta".
"Seguiremos esperando por parte da Xunta e do candidato do PP vontade política para desbloquear proxectos moi importantes para a Guarda que son competencia do goberno autonómico, rexeitando por exemplo apoiar o acceso sur ao porto, unha infraestrutura fundamental para o noso concello", lembra Antonio Lomba.
"Non fixeron referencia a ningún dos grandes proxectos para A Guarda que dependen da Xunta; ou o señor Rueda non sabe nada da realidade da Guarda ou non quere adquirir compromisos porque ten datos de que Roberto Carrero non vai a ser o próximo alcalde", sostén.
"A Guarda avanza grazas aos investimentos da Deputación, do Goberno estatal, dos fondos europeos que conseguimos desde o concello e dos recursos municipais, é inaceptable a ausencia da Xunta para mellorar a Atención Primaria na sanidade, ou para axilizar as obras da autovía a Tui", engade.
O candidato socialista fai mención a outros proxectos que son competencia da Xunta, "como a senda arredor do Trega para mellorar o tránsito peonil na PO-352 de Camposancos, ou a renovación do embarcadeiro do ferry a Caminha, impracticable desde o ano 2021".
Por último, Antonio Lomba garante que "serei eu quen xestione diante da Xunta aqueles proxectos que A Guarda necesita, como o veño facendo ata agora".
Saúdos, Socialistas A Guarda
ANXO BAZ ACOMPAÑADO DE ANA PONTÓN PIDE O APOIO DA SOCIEDADE PARA DARLLE A GUARDA O FUTURO QUE MERECE
Na tarde de onte o Candidato á Alcaldía polo BNG, Anxo Baz acompañado da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón e das persoas que o acompañan na candidatura participaron nunha visita ao comercio da localidade.
Anxo Baz, pediu o apoio da sociedade "para darlle A Guarda o futuro que merece e desenvolver un proxecto que vai colocar a vila, na vangarda da comarca afastándoa da parálise na que está instalada". Para levar adiante ese proxecto destacou "contamos cun grupo de mulleres e homes entusiastas e vitais, co empuxe e o optimismo que tanto necesitamos para saír adiante. Unha equipa solvente, capacitada, ilusionada, que combina a experiencia coas novas ideas".
Pola súa parte a Portavoz Nacional do BNG , Ana Pontón, fixo un chamamento a facer historia na Guarda concentrando en Anxo Baz todo o voto das persoas que queren un cambio real na Guarda e enfatizou " o BNG ten un modelo municipal de éxito, de calidade e de prestixio, que transforma en positivo. No Baixo-Miño temos exemplos ben claros deste modelo, que aporta as solucións máis vangardistas aos retos deste século XXI, como o da mobilidade,o cambio climático,a xestión de residuos ou a preservación do noso medio ambiente dándolle calidade de vida a xente e dinamizando a economía"
ANTONIO LOMBA CONSIDERA "UNHA PRIORIDADE A RENOVACIÓN INTEGRAL DA PISCINA MUNICIPAL" NO PRÓXIMO MANDATO
A Guarda é un concello referente en materia deportiva no eido das infraestruturas, no apoio aos clubs, entidades e deportistas, na celebración de eventos e por contar cun importante e variado movemento asociacionista que, da man do actual grupo de goberno socialista, dinamiza a vila.
Para continuar con este importante labor, Antonio Lomba, candidato do PSdeG á reelección como alcalde nas municipais do 28 de maio, propón novas medidas no seu programa encamiñadas a mellorar as diferentes instalacións municipais, así como a construción dunha pista de Pump Truck na zona do porto.
Unha das principais actuacións que prevén acometer os socialistas no próximo mandato é a renovación integral da Piscina Municipal, para a que xa presentaron un proxecto de reforma e rehabilitación enerxética aos fondos Next Generation da Unión Europea. O orzamento desta importante obra, que prevé un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume, ascendía a 2,3 millóns de euros.
Na partida contémplanse, entre outras cousas, unha nova iluminación LED, a ampliación do ximnasio e o spa, abrir un novo vaso para os nenos e nenas, unha sala de usos múltiples, xunto á mellora dos equipos e da estética do edificio e o seu entorno.
"Trátase dun proxecto ambicioso que permitirá a modernización e a renovación integral da piscina, facéndoa máis eficiente e accesible. Supón unha obra moi necesaria porque é unha instalación clave para a nosa veciñanza á hora de practicar deporte, pero tamén un recurso importante de cara ao mantemento e a mellora da saúde", subliña Antonio Lomba.
Os socialistas tamén reformarán as actuais instalacións do campo de fútbol, coa creación dun novo espazo para vestiarios, ximnasio e zona de actividades e reunións, continuarán mellorando o parque deportivo do Codesal, e acondicionarán a pista de baloncesto no Centro Cultural.
Anxo Baz presenta un programa con oito ideas do BNG para transformar A Guarda
O candidato nacionalista deu a coñecer xunto con parte do seu equipo as claves para desenvolver un modelo de vila participativo e dinámico no que as persoas sexan o centro
O candidato do BNG á alcaldía da Guarda, Anxo Baz, presentou xunto cos nove primeiros membros do seu equipo un completo programa electoral para unha transformación en positivo no que as persoas son o centro, unha alternativa de cambio para desenvolver un modelo de vila participativo e dinámico.
Oito ideas para transformar A Guarda con varias ideas clave, como a recuperación do espazo público para a veciñanza, lugares de lecer e convivencia, de calidade, accesíbeis e seguros. Un proxecto para o que será fundamental desenvolver o PERI nº 5 xa que, como explica Anxo Baz, "permitirá dotar á nosa vila de 15.000 m2 de solo público que, sumado á Alameda, permitiría crear unha grande área destinada a zonas verdes, aparcamentos en superficie e infraestrutura cultural".
A dinamización da economía local e a potenciación dos recursos son outro dos eixos fundamentais do programa do BNG, que apostará por dinamizar o comercio de proximidade convertendo A Guarda no gran referente comercial da comarca, apoiará todas as iniciativas empresariais vinculadas ao sector do mar e outros sectores produtivos e desenvolverá un modelo turístico sostíbel e desestacionalizado respectuoso co patrimonio natural, histórico e paisaxístico.
Un patrimonio material e inmaterial que o BNG abordará non só como recurso, senón tamén como elemento central da conformación e cohesión, cunha recuperación que estea integrada na vida cotiá da veciñanza e na estratexia educativa, cultural e turística do Concello, creando paquetes de actividades que poñan valor os recursos e colaborando con outras administracións para a recuperación e activación do Monte Trega, tendo como referencia o Plan Director do Trega.
Na presentación do programa, Anxo Baz tamén quixo destacar a importancia de promover fomentar unha Guarda máis limpa e sostíbel "promovendo un modelo de xestión dos residuos municipais apoiado na implicación e participación de toda a sociedade, apostando de forma decidida pola compostaxe e a redución". Ademais, impulsarase un sistema de control da rede de augas "para arranxar as deficiencias existentes e detectar outras novas que poidan xurdir, tanto en abastecemento como saneamento".
O BNG da Guarda apostará tamén por unha comunicación "eficaz e sostíbel" con Caminha, "unha necesidade de primeiro orde para xerar dinamismo económico e social entre as dúas beiras do Miño". Por este motivo, Anxo Baz e o seu equipo abriría as portas á constitución da Eurocidade para compartir infraestruturas, recursos, proxectos e accións en común.
Un proxecto de futuro no que as persoas son fundamentais, polo que o BNG apostará por unha política na que a comunicación coa sociedade e a escoita amábel serán fundamentais para lograr un Concello amigo e próximo aos problemas da veciñanza, un Concello que contará coa participación de colectivos e entidades nos procesos de toma de decisión dos seus ámbitos sectoriais.
"Contar cos nosos veciños e veciñas, escoitar as súas opinións, ideas e necesidades é fundamental para seguir avanzando e crear unha vila máis próspera e sostíbel. E nós centraremos todos os nosos esforzos en conseguilo. Porque A Guarda merece máis", concluíu Anxo Baz.
As persoas interesadas poden ler e descargar o programa completo na web do BNG da Guarda.
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o xoves 1 de xuño
" O xoves 1 de xuño en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o xoves 1 en horario de 10:15 ás 14:30 horas e de 16:30h a 21:00h.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.
A Guarda festexou o Día das Letras Galegas con música e baile
" As asociacións e grupos folclóricos da Guarda uníronse no Auditorio de San Benito para lembrar a figura de Francisco Fernández del Riego.
O pasado mércores día 17 de maio o Auditorio de San Benito da Guarda acolleu o tradicional Festival de música e baile, no que as diferentes asociacións da Guarda renderon tributo ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego.
Este ano, e ante máis de 700 persoas, o acto contou coa presenza da Agrupación Cultural Guardesa, que abríu o acto lembrando a figura de Francisco Fernández del Riego a través dunha reseña sobre a súa vida adicada a difusión das nosas letras e a nosa lingua.
A continuación interviron os diferentes grupos de música e baile tradicional como o Grupo de gaitas da Terceira Idade, o Grupo de Baile Xamaraina, Grupo de Pandereteiras Vento Mareiro, A Boalleira, Trebón dos Xidos e os grupos de baile Na ribeira do Miño (CEIP A Sangriña), Anduriñas (CEIP As Solanas) e Churumbela. Todos eles tiveoán tamén ocasión de lembrar a memoria do autor homenaxeado a través de pequenas lecturas da súa obra.
Nunha xornada excepcional, A Guarda lembrou a figura do homenaxeado nesta edición 2023, contando cun total de 6 asociacións participantes e 9 grupos de baile e música.
A Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes quixo agradecer publicamente a participación e colaboración desinteresada das diferentes asociacións que no día de onte renderon homenaxe no Día das Letras Galegas coa entrega dun pequeno agasallo que representa a fachada mariñeira da Guarda.
Novas datas para as Andainas A Guarda - Caminha Primavera 2023
Esta primavera o Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha organizaron novamente a actividade de Andaina onde os participantes percorren outras vilas e paisaxes descubrindo as belezas do patrimonio material e natural.
O calendario das andainas de Primavera 2023 incluíu catro andainas e polas previsión de mal tempo houbo que trasladar a novas datas polo que agora hai novas prazas dispoñibles para os interesados.
Polo que os interesados poden contactar a partir do xoves 18 de maio en turismo@aguarda.es ou no tel. 986614546 informando do seu interese.
NOVO CALENDARIO ANDAINAS A GUARDA - CAMINHA PRIMAVERA 2023
Data nova Andaina
20 de maio Ecopista Río Miño entre Monçao e Valença
3 de xuño Trilho Porta do Mezio na Serra do Géres
24 de xuño Andaina pola Illa de Sálvora e paseo polas Pedras Negras de San Vicente do Mar (O Grove)
ANDAINA 1.- SÁBADO, 20 DE MAIO: ECOPISTA DO RÍO MIÑO MONÇAO / VALENÇA
Saída: 9:00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h
Prezo: 10 €
Tipo: ruta lineal
Percorrido: natural/etnográfico
Punto de partida/chegada: Monçao / Valença do Minho
Distancia: 13 km
Duración:4,5 h
Grao de dificultade: fácil
Descrición:
Tratase dunha ecopista de referencia para os practicantes de deporte na natureza, que se desenvolve na marxe esquerda do rio Miño, ao longo do trazado da liña férrea desactivada. Ao longo do traxecto, os participantes serán sorprendidos por viñedos, campos de cultivo e vistas panorámicas sobre o rio Miño, e poderán apreciar as pesqueiras, as praias fluviais e as insuas, incluídas na Rede Natura 2000.
En Troporiz, parroquia onde o río Gadanha encontra o "Pai Miño", como xentilmente os galegos tratan o rio Miño, encontramos unha verdadeira postal ilustrada, cunha magnífica beleza paisaxística, perpetuado nas historias tempestuosas de dous pobos que a amistade uniu.
Durante o percorrido será posible visitar a Torre da Lapela, maxestosa construción medieval de planta cuadrangular con trinta e cinco metros de altura, que se ergue sobranceira ao río Miño, e poderase apreciar o patrimonio ferroviario edificado. A andaina terminará xunto ao Mosteiro Beneditino de Ganfei.
ANDAINA 3.- SÁBADO, 3 DE XUÑO: TRILHO DO MEZIO - PARQUE NACIONAL DA PENEDA-GÊRES
(ARCOS DE VALDEVEZ)
Saída: 9:00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19:00h
Prezo: 10 €
Tipo: ruta circular
Percorrido: natural/ paisaxístico/cultural
Punto de partida/chegada: Portela do Mezio
Distancia: 8 km
Duración: 5h
Grao de dificultade: moderado
Descrición:
A ruta do Mezio localizase na pendente da Serra do Soajo, e permite aos participantes percorrer camiños rurais e bonitos cenários agrícolas e florais das aldeas de montaña do Vale do Lima, na parroquia de Cabana Maior, do concello de Arcos de Valdevez.
O punto de partida deste recorrido é na Portela do Mezio, onde se sitúa a Porta do Mezio, unha das cinco portas do Parque Nacional da Peneda Gerês, porta de entrada para a magnífica inmensidade das montañas e vales do Soajo e Peneda, territorio magnífico que a UNESCO considera Reserva Mundial da Biosfera.
Neste punto será posible visitar o Centro Interpretativo, o Parque da Biodiversidade e o Núcleo Megalítico existente, área arqueolóxica que engloba cerca dunha decena de monumentos funerarios pre-históricos - as "Antas do Soajo"- construídos hai cerca de 5000 anos, e un conxunto significativo de gravados rupestres, composto por cerca de 100 rochas gravadas.
ANDAINA 4.- SÁBADO, 24 DE XUÑO: ANDAINA POLA ILLA DE SÁLVORA E PASEO POLAS PEDRAS NEGRAS DE SAN VICENTE DO MAR (O GROVE)
Saída: 8:00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19:00 h.
Prezo: 22,50 €
Tipo: rutas lineais
Percorrido: natural/etnográfico
Punto de partida/chegada: Porto do Grove
Distancia: 5 km + 3,4 km
Duración: 3 h + 1h
Grado de dificultade: fácil
Descrición:
Sairemos do Grove con destino a Sálvora, illa que forma parte do Parque Nacional Illas Atlántica de Galicia. Na illa, dividiremos o grupo en grupos de 25 persoas para poder admirar con calma este lugar, e realizaremos as súas dúas rutas: a antiga aldea e o faro. Durante o percorrido, os guías acreditados nos explicarán o porqué da importancia deste lugar, a súa fauna e flora, e as historias aquí ocorridas, coma o naufraxio do vapor Santa Isabel, na parte oeste da illa, entre outros moitos segredos.
Unha vez feitas as rutas, regresamos ao barco para volver navegando ata o porto. Pola tarde, realizaremos o sendeiro de Pedras Negras, en San Vicente do mar, un paseo relaxado pegado ao mar que nos permitirá observar entre as pasarelas de madeira, unha xeoloxía de bolos moldeados polas condicións do mar, que forman unha paisaxe especial e totalmente distinta da costa á que estamos acostumados.
A ruta pola illa é fácil pero non hai que confiarse e sempre hai levar calzado adecuado e roupa de abrigo.
A Guarda abre o prazo de solicitudes para o Campamento urbano de verán
" Do 22 de maio ao 2 de xuño
A partir do 22 de maio e ata o 2 de xuño estará aberto o prazo para solicitar praza no campamento urbano de verán. O campamento desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en horario de 9 a 14 horas, para nenos e nenas de 4 (nacidxs no 2019) a 12 anos.
O principal obxectivo deste actividade é a de conciliar vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo de lecer que representa o verán tras rematar o período lectivo
Os rapaces e rapazas terán unha alternativa de ocio dinámico e educativo a través de talleres, xogos, actividades deportivas… pero sobre todo compartirán un espazo de xogo diferente.
As bases e solicitude poderanse consultar e/ou obter na web www.aguarda.es ou na sede electrónica da entidade.
A Guarda súmase á axenda 2030 coa presentación dun Plan de acción en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
" A estratexia, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, establece unha serie de accións para os próximos 3 anos que aliñen ao Concello no cumprimento dos ODS.
O Concello da Guarda presenta odía 12 de maio, un Plan de Acción para a implementación da Axenda 2030 e os seus 17 ODS, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e con financiamento da Xunta de Galicia, que establece unha serie de accións a curto, medio e longo prazo a nivel municipal para o período 2023-2025.
Este Plan de Acción é o resultado dun proceso de análise-diagnose previo no que se avaliou o grao de aliñamento e cumprimento da Axenda 2030 do Concello. O seu obxectivo foi deseñar, publicar e obter como referencia un documento estratéxico no que se describan as principais actuacións que o Concello da Guarda debe realizar nos próximos 3 anos para incrementar a súa contribución ao cumprimento de cada un dos dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, mellorando os índices de benestar da cidadanía e construíndo un entorno mais respectuoso co medio ambiente.
A presentación do Plan de Acción terá lugar o día 12 de maio ás 12 horas no Concello da Guarda e estará dirixida polo Alcalde Antonio Lomba e contará coa participación de Andrea Corzo, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o equipo de ICSEM, a empresa que participou na elaboración dos documentos.
|