JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tui recibirá dous millóns de euros de fondos Next Generation para a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Vive a historia, descobre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza"

O Concello de Tui recibirá 2 millóns de euros de fondos Next Generation para a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, "Vive a historia, descobre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza". Así llo vén de comunicar a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, ao pasar o corte para entrar dentro do financiamento do Plan Territorial de Vilas termais e Cascos Históricos de Galicia 2023".

O proxecto presentado inicialmente polo Concello de Tui ascendía a 3 millóns de euros, polo que antes do martes ás 12 h deberá remitir novamente o proxecto adaptando as actuación á subvención concedidas, un trámite no que se está xa traballando. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que se trata dun proxecto vinculado sobre toda á declaración de Tui coma Área Rexurbe e o Plan de Dinamización do conxunto histórico da cidade.

Por outra parte o Concello de Tui solicitou tamén, outro PSDT para a rehabilitación do Teatro Principal cun investimento de até 3 millóns de euros. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agarda que este outro proxecto reciba tamén a aprobación para poder acometer así a recuperación deste histórico inmoble situado na praza de Fromista, e para o que o Concello de Tui conta xa cun anteproxecto elaborado polo arquitecto César Portela. Cómpre lembrar que para esta rehabilitación o Concello ten concedida xa unha axuda de 772 mil euros por parte do Ministerio de Transportes Movilidad y Agenda Urbana (Mitma) ao abeiro do PIREP Local, pero o investimento necesario supera os 3 millóns de euros.

Concello Tui


O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui acadou xa a inserción laboral de 41 das 100 persoas participantes

Once persoas usuarias dos servizos municipais de emprego veñen de ser contratadas para a nova tenda de PEPCO na cidade, o que representa que o 92% do persoal do establecemento é tudense.

Corenta e unha das cen persoas que están a participar no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui lograron a súa inserción laboral dende o mes de xaneiro.

Deste total, once persoas usuarias do Programa Integrado de Emprego e do Servizo de Orientación Laboral do Concello de Tui veñen de ser contratadas pola empresa PEPCO para a nova tenda que abriu hoxe no municipio.

O pasado mes de marzo, tras a solicitude realizada por PEPCO en colaboración do Servizo Público de Emprego de Tui, levouse a cabo o proceso de selección de persoal para o novo establecemento da marca. Co obxectivo de cualificar as persoas participantes nese proceso selectivo e impulsar así as súas candidaturas o Programa Integrado de Emprego adiantou a celebración do curso de "Atención ao cliente" previsto no seu programa formativo. Das doce persoas contratadas para o novo establecemento ubicado en Tui 11 eran usuarias dos servizos municipais de emprego.

Por este motivo dende o Programa Integrado de Emprego amosan a súa satisfacción por ter logrado este elevado índice de contratación. Estes feitos dan folgos ás persoas que continúan a mellorar a súa empregabilidade participando nesta acción, e que grazas as accións que se están a desenvolver ven incrementar de xeito real as súas oportunidade de acceso ao mercado laboral.

Dende xaneiro deste ano o Programa Integrado de Emprego de Tui ten impartido 26 accións formativas en competencias dixitais, coaching, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos. Amais teñen realizado entrevistas personalizadas de orientación ás 100 persoas participantes no Programa. Neste tempo estableceron convenios de prácticas en tres empresas, teñen realizado labores de prospección e intermediación nunha trintena de empresas,e tramitando máis de 150 ofertas.

Concello Tui


O martes 2 de maio abre o prazo de inscrición no Campamento de Verán Igual É + Tui 2023

Ofértanse catro quendas nos meses de xullo e agosto. As solicitudes poden presentarse até o venres 12 de maio.

O próximo martes, 2 de maio, abre o prazo de inscrición para o Campamento de Verán Igual É + Tui 2023 que organiza o Concello de Tui. Este ano ofértanse catro quendas nos meses de xullo e agosto ofrecendo unha alternativa lúdica - deportiva - educativa aos nenos e nenas e ao tempo ofrecendo a pais, nais e titores unha alternativa para conciliar a vida familiar e laboral no período de vacacións escolares estivais. Incorpora amais a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, nos nenos e nenas que participen neles, en aras a acadar unha igualdade real e efectiva na sociedade do futuro.

O campamento vai dirixido a nenos/as e mozos/as de Tui con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (idades cumpridas antes do inicio de cada quenda).

A primeira quenda será do 3 ao 14 de xullo, a segunda do 17 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 14 de agosto e a cuarta, do 16 ao 31 de agosto. O horario do campamento será de 09.00 a 14.00 horas, con opción de aula matinal dende as 07.45 horas e aula de sobremesa ata as 15.15 horas. O prezo será o mesmo que nos anos anteriores, 30,56€ por participante e quenda.

O modelo de solicitude, xunto coa documentación requirida, pode presentarse dende o martes 2 até o venres 12 de maio, a través da sede electrónica do Concello de Tui o de forma presencial no rexistro do Concello de Tui, de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas.

O modelo de solicitude e as condicións xerais do Campamento de Verán Igual é + Tui 2023 pode descargarse da páxina web do Concello de Tui, www.tui.gal o recollela na secretaría do Concello de Tui.

Concello Tui


Tui acolleu ao alumnado en prácticas do curso de Mestría en Compostaxe organizado por Composta en Rede

Once alumnas e alumnos deste curso nivel 3 coñeceron o Plan Municipal de Compostaxe. Tui é unha das catro localidades onde se realizan as prácticas desta formación.

Once alumnos e alumnas do curso de Mestría en Compostaxe que está a impartir Composta en Rede, entidade á que está adherida o Concello de Tui, realizaron o pasado sábado na cidade as prácticas correspondentes a esta formación. Tui é unha das catro localidade españolas na que se realizan esta parte práctica do curso de nivel 3 dirixido a persoal técnico no ámbito medioambiental que queira formarse ou ampliar a súa formación técnica no ámbito da compostaxe. Esta actividade formativa ten lugar entre o 21 de marzo e o 31 de maio.

O pasado sábado, durante 8 horas, os e as estudantes coñeceron en profundidade en que consiste o Plan de Compostaxe Municipal, un exemplo de boas prácticas na xestión de residuos orgánicos a nivel nacional e que está adscrito ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Este plan, tal e coma comprobou o alumnado, integra a xestión de residuos orgánicos tanto a través da compostaxe como da xestión de restos verdes co emprego de biotrituradoras. As persoas en prácticas amais realizaron traballos de tipo práctico nos Centros de Compostaxe Comunitaria da localidade.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, deu conta o pasado sábado ao alumnado dos detalles do Plan Municipal de Compostaxe, e a mestra composteira, Sara Luque, explicoulles o traballo que se realiza guiando as prácticas nos centros de compostaxe. O concelleiro Ismael Diz agradeceu a Composta en Rede ter elixido ao concello de Tui para acoller esta formación práctica.

O curso que está a impartir Composta en Rede conta entre o profesorado con dous referentes a nivel internacional no mundo da compostaxe Ramón Plana e Franco Llobera.

Concello Tui


Tui estivo presente na constitución do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

Ana Gómez foi a representante da cidade, que foi acompañada pola concelleira de Xuventude e Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez

A representante do Concello de Tui no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, Ana Gómez, acudiu o pasado venres á súa constitución na Cidade de Cultura, en Santiago de Compostela. Estivo acompañada pola concelleira de Xuventude e Igualdade do Concello de Tui, Ana María Núñez.

Ata alí desprazáronse xunto ás persoas representantes dos utros concellos da provincia de Pontevedra, que xa contan co selo de Cidades Amigas da Infancia que outorga UNICEF, e que están representados no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia coma son Tomiño, Ponteareas e Redondela. Tamén acudiron representantes de Moaña, que do mesmo xeito que Tui, está en proceso de obter o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia.

Unha trintena de nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia de entre 10 e 17 anos, procedentes dos Consellos locais de participación infantil, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico forman parte deste novo Consello Autonómico.

No caso de Tui, a representante elixida polo consello de participación local é Adela Hernández, quen non puido acudir á constitución do Consello pola ter que acudir a unha competición deportiva de kung fu. No seu lugar, contouse coa representación de Ana Gómez coma suplente.

O acto estivo presidido pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que constituíu de xeito oficial este organismo de participación que ten por obxectivo involucrar á mocidade na toma de decisións.

Concello Tui


"Tui en Letras", catorce actividades de dinamización cultural e de promoción da lingua galega

A XXIV Feira do libro galego volve ao Paseo da Corredoira o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Conmemorarase o CXXXII Aniversario dos Xogos Florais en Tui

"Tui en Letras" é o nome do programa de dinamización cultural e promoción da lingua galega e as letras que terá lugar en Tui nos meses de abril, maio e xuño. Un total de catorce actividades conformarán este programa, impulsado pola Concellería de Cultura do Concello de Tui.

A programación comezou xa o pasado 14 de abril coa XIV edición de "Tui Le", realizada en colaboración entre as bibliotecas escolares de Tui e a Biblioteca Pública Municipal. A cita reuniu a máis de 400 alumnos e alumnas no paseo da Corredoira e contou coa actuación de Bea Campos e o seu espectáculo 'As palabras perdidas', xunto ás poetas María Lado e Lucía Aldao con 'Aldaolado'.

A seguinte actividade terá lugar este xoves día 27 de abril, coa presentación do libro de Samuel Ferro "Tierra de leyenda - El legado de Breogán" no edificio Francisco Sánchez, ás 20:00 h.

O mércores 3 de maio será a quenda do espectáculo de contos "O eco das pedras" con Raquel Queizás na Biblioteca Municipal. Será ás 18:00 h.

A presentación do libro "Canto da emigración. Historia da música de Teódulo R. Paramos" terá lugar o mércores 10 de maio ás 10:00 h na Biblioteca Municipal. Estará presente o autor, Manuel Martínez Torres,

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, a cita será coa XXIV Feira do Libro Galego, onde participarán a Librería Iris e a Librería Nobel con 13 postos. O mesmo día, a escritora tudense Beatriz de Saracho dará lectura ao pregón; e autores e autoras poderán asinar os seus libros. Ás 12:00 h Títeres Viravolta presentará o seu espectáculo "A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón". Pola tarde, ás 18:30 h actuará o mago Samuel Ferro con "A maxia das letras". A Feira terá lugar no paseo da Corredoira a partir das 11:00 h.

O mércores 24 de maio a Biblioteca Municipal acollerá o contacontos "O traxe novo do rei" con Tarabelos Teatro a partir das 18:00 h.

Xa en xuño, o venres día 9 a cita será cunha ruta literaria por Tui. Partirá ás 19:30 h dende a Biblioteca Municipal.

O martes 20 de xuño terá lugar un encontro literario con Ledicia Costas e os clubs de lectura tudenses arredor do seu libro "Infamia". Será ás 18:00 h na Biblioteca Municipal de Tui.

Con todo, o mes de xuño conmemorarase o CXXXII Aniversario dos Xogos Florais de Galicia, e o xoves día 22 Xesús Alonso Montero ofrecerá a conferencia "Manuel Murguía e os Xogos Florais de Tui" no edificio Francisco Sánchez. Será ás 20:00 h.

Finalmente, e dentro deste aniversario, o sábado 24 de xuño a cita será cun recital poético co "Cántico dos topónimos esdrúxulos" de Pepe Caccámo e a música de Magdalena Gamallo. Será na praza de Frómista ás 20:00 h.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, valora esta programación como "unha ampla oferta de actividades diversificada por idades para achegarse aos intereses de cada sector da nosa cidadanía". O proxecto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Concello Tui


A Policía Local de Tui detén a un varón de 45 anos por tres presuntos delitos de danos e contra a seguridade viaria

O home conducía sen permiso de circulación un vehículo sen seguro nin ITV e baixo os efectos do alcohol. Foi posto a disposición da Garda Civil.

A Policía Local de Tui detivo esta pasada fin de semana a un varón de 45 anos tras a comisión dun presunto delito de desobediencia grave aos axentes da autoridade, delito contra a seguridade viaria e delito de danos.

Todo comezou sobre as 17.15 h da tarde do pasado 21 de abril, cando os axentes foron alertados telefónicamente por varios cidadáns informando de que, presuntamente, o varón identificado conducía un furgón Mercedes no aparcamento na parte traseira do edificio Francisco Sánchez. O vehículo circulaba a gran velocidade, batendo contra varios vehículos estacionados, e o seu conductor parecía estar en aparente estado de embriaguez.

A patrulla desprazouse até o lugar, dando alto ao vehículo e procedendo a identificar do conductor, comprobando na base de datos de tráfico de que carecía de permiso de conducir ao perder o total de puntos do permiso e circulando cun vehículo que carecía de seguro e ITV. Ao presentar síntomas de ter inxerido bebidas alcohólicas, procedeuse a sometelo á proba de alcoholemia, arroxando resultado positivo superior a 0,25 mg/l en aire espirado. Por todo isto, tramitáronse as correspondentes denuncias en vía administrativa por cada unha das infraccións.

Posteriormente, pola tarde, o corpo de policía voltou a recibir varias chamadas sobre a mesma persoa, a cal estaba tentando levarse o vehículo inmobilizado pola forza, ameazando a usuarios do mesmo aparcamento e resultando implicado nunha pelexa. Por este motivo, cara ás 22.15 da noite, os axentes da Policía Local de Tui procederon á súa detención e posterior traslado e custodia pola Garda Civil, pasando a disposición xudicial ao día seguinte, o pasado 22 de abril.

Balance do dispositivo policial nas Festas de San Telmo

Asemade, a Policía Local de Tui tamén fixo balance do operativo despregado polas festas de San Telmo. Nesas datas detectáronse 3 conductores con resultado positivo nas probas de alcoholemia. No tocante á orde pública, non se rexistraron incidencias reseñables en materia de seguridade cidadá, destacando a normalidade da celebración destes festexos.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais