JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O BNG de Tomiño presenta a súa candidatura para as municipais nun acto multitudinario

Máis de 350 persoas acompañaron a Sandra González na presentación do seu equipo, que contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón

Trátase dunha lista renovada que combina experiencia, formación, compromiso e talento

Sandra González, candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG, presentou este sábado ao seu equipo, co que concorrerá ás eleccións municipais do 28 de maio. Nun acto multitudinario no que participaron máis de 350 persoas, Sandra González agradeceu o apoio e o agarimo das veciñas e veciños de Tomiño, resaltou a importancia da participación no exercicio do voto na vindeira cita electoral e comprometeuse a que co seu equipo, co seu proxecto e coa confianza da veciñanza o mellor en Tomiño está por vir.

O acto contou tamén coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que eloxiou ao goberno municipal encabezado por Sandra González e o avance vivido no municipio durante os seus 16 anos de goberno, "apostando por un modelo de cambio que pon por diante ás persoas". "Levamos moito tempo transformando en positivo a vida e a vila de Tomiño nun proceso que non pode pararse agora", proclamou Ana Pontón.

A candidatura do BNG de Tomiño para as eleccións municipais está formada por 26 persoas, 17 titulares e 9 suplentes, nunha lista renovada onde están representadas a totalidade das parroquias de Tomiño e que combina a experiencia, coa formación o compromiso e o talento. Un equipo de persoas ilusionadas, co coñecemento, a experiencia en xestión e a motivación necesarias para sacar adiante o proxecto que o equipo presenta para os vindeiros 4 anos. A consolidación e finalización de grandes proxectos xa comezados e outros proxectos novos iranse presentando e explicando polo miúdo á veciñanza nos próximos días.

O BNG de Tomiño empregará como lema desta campaña electoral o slogan 'Sandra ponlle corazón', frase que fai referencia a outra forma de facer política, pensando nas persoas, xestionando coidando cada detalle, con proximidade á veciñanza e con humildade.

Sandra González e o seu equipo, que xa conseguiron nos seus anos á fronte do Goberno municipal liderar un cambio que fixo de Tomiño un referente da comarca, afrontan agora o futuro chamando á veciñanza á sumarse á ilusión por este proxecto, a sentirse orgullosos e orgullosas do seu concello e de todo o acadado e a seguir traballando por consolidar o proxecto de futuro de Tomiño.

BNG de Tomiño


Tomiño constitúe unha mesa de traballo para garantir a convivencia entre o desenvolvemento do sector agro e veciñanza

O Concello porá en marcha en Carregal un proxecto piloto para ordenar as plantacións agrícolas nas contornas residenciais para proporlle á Xunta que o adopte como lei

A comisión contará coa presenza de acuBam, Coxapo, persoal investigador, empresas produtoras, comunidades de montes e augas ou veciñanza, entre outros

O Concello de Tomiño constituirá unha mesa de traballo integrada por representantes de diferentes eidos para garantir a convivencia entre o desenvolvemento do sector agro e a veciñanza. A alcaldesa, Sandra González, e concelleiros e concelleiras mantiveron este xoves unha reunión no salón de plenos do Concello na que participaron o xefe do Servizo Provincial de Medio Rural da Xunta en Pontevedra, Antonio Crespo, con representantes de Coxapo, do persoal investigador do departamento de Ecoloxía e bioloxía animal da Universidade de Vigo, da comunidade de montes de Amorín, da traída de augas de Carregal, de empresas produtoras e cinco membros dunha comisión veciñal que rematou co obxectivo conxunto de crear esta mesa de traballo para a ordenación de plantacións agrícolas nas contornas residenciais e as problemáticas ambientais polo uso de fitosanitarios no agro.

O Concello de Tomiño porá en marcha un proxecto piloto en Carregal para elaborar de forma consensuada un decálogo de boas prácticas que funcione como un protocolo de recomendacións que permitan esa ordenación das plantacións agrícolas, abordar as problemáticas asociadas e recompilar que medidas correctoras poden establecerse para reducir a incidencia que pode ter a agricultura extensiva en zonas residenciais.

Tomiño non é un caso illado, xa que as problemáticas asociadas ao desenvolvemento do agro en zonas poboadas é algo que se repite por toda Galicia e que xa foi debatido no Parlamento galego, xa que a Xunta é a única administración con competencias para o seu ordenamento. Por este motivo, tras a análise da situación e a elaboración deste decálogo, o Concello levará ante a Xunta de Galicia esta iniciativa para que poida servir de referente na ordenación da actividade agraria en lugares de concentración de persoas.

O Concello de Tomiño convocará a mesa de traballo na que participarán de forma activa representantes de acuBam, Coxapo, empresas produtoras, comunidades de montes e de augas ou veciñanza, entre outros.

Esta mesa de traballo xurde a raíz da incomodidade da veciñanza pola proliferación de moscas. O Concello traballa coa Universidade de Vigo para estudar a orixe desta problemática, que está aínda por determinar.

Concello Tomiño


Vermú entre plantas con música en directo na Feira de Cultivos do Baixo Miño

A feira contará cunha zona de venda de plantas aberta ao público e cun Mercado de Primavera no que haberá postos de xoias, artesanía en pel, libros, xoguetes...

Celebrarase o 5, 6 e 7 de maio en Goián

A Feira de Cultivos do Baixo Miño continúa sumando novidades para celebrar un evento renovado no que os público poderá gozar de diferentes actividades de lecer, como sesións vermú entre plantas con música en directo. "É un orgullo ofrecer a profesionais, á veciñanza e ás persoas visitantes unha edición renovada e con máis sorpresas que nunca, con música, con obradoiros, actividades infantís, música e participantes de primeiro nivel que farán da Feira un evento atractivo e único", destaca a alcaldesa, Sandra González.

O sábado 6 ás 13.30 horas o público poderá desfrutar na sesión vermú da música en directo de 'Up to you', Sabela Cereijo e Andrés Cunha, mentres que o domingo 7 a nota musical correrá a cargo do grupo Weli Kings, tamén ás 13.30 h.

Non serán os únicos concertos da Feira de Cultivos do Baixo Miño, xa que ao concerto de inicio de xira do artista Xosé Manuel Budiño súmase o sábado 6 ás 18.30 h o de 'The Manueles' ao abeiro do proxecto Música Nova da Eurocidade Cerveira-Tomiño, unha das iniciativas elixidas pola mocidade de ambos os dous concellos como unha das gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023. A feira baixará o pano desta edición tamén co concerto de San Rockers ás 20.30 horas no escenario principal.

Pero a Feira de Cultivos do Baixo Miño non se entende sen a presenta estelar das plantas. Por este motivo, Concello e acuBam engadiron nesta nova edición unha ampla zona de venda de plantas na que o público poderá mercar produtos de calidade e de proximidade procedentes dos viveiros da comarca.

A zona de expositores e de venda complementarase co Mercado de Primavera, un espazo no que se darán cita diferentes postos nos que se combinarán bisutería e xoias, artesanía en pel, mel, xabóns, madeira, libros, xoguetes... Ademais, a organización anima a todo o público a pasar un momento divertido e agradable noutros esppazos como no bar, na zona de food trucks e nos establecementos hostaleiros de Goián.

A XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño celébrase do 5 ao 7 de maio na renovada Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, un espazo ao aire libre que brindará un ambiente acolledor e único no que o público poderá desfrutar de morea de actividades para todos os públicos. A presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, salienta a ilusión posta nesta nova edición da Feira, "cun programa atractivo que fortalece o evento e que permitirá ao público entreterse, aprender e descubrir os produtos que se producen na nosa comarca. Agardamos que se converta nun punto de encontro para todas aquelas persoas que aman a natureza, a agricultura e a horta".

Concello Tomiño


Tomiño inicia o seu Camiño de Santiago

O Concello presentou este mércores a variante da Nosa Señora do Norte tras un ano de investigación que documenta o paso de persoas peregrinas polo territorio

Tomiño deu este mércores o primeiro paso do seu Camiño de Santiago. Tras un ano de investigación, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; e o arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago, unha variante do Camiño de Santiago que pasa polo territorio que recollen xa os arquivos históricos.

"Co arduo traballo feito ata o de agora podemos documentar o paso de peregrinos e peregrinas por Tomiño ao longo dos séculos. Por iso hoxe iniciamos esta camiñada que non vai ser pequena, que vai levar tempo, pero rematará con éxito co recoñecemento oficial desta variante", salientou a rexedora.

Unha proposta de nova variante de Camiño a Compostela realizada que fortalece a identidade transfronteiriza e permite tender novas pontes de amizade entre Galicia e Portugal, xa que comeza en Barcelos, segue por Viana do Castelo e Cerveira e cruza a Tomiño para continuar por Gondomar, Vigo e Redondela ata Vilavella, onde se funde co Camiño Central a Santiago. "É unha andaina que comezamos con moitas ganas dende o Concello de Tomiño e á que foron sumándose con ilusión a Eurocidade Cerveira-Tomiño e os concellos polos que pasa o trazado", recalcou Sandra González.

Un entusiasmo que tamén destacou o alcalde de Cerveira, Rui Teixeira, para quen "esta nova variante reafirma o proxecto de Eurocidade e a nosa relación histórica de traballo e amizade. Seguimos cimentando unha relación con Galicia que é moi importante para nós e pensamos que o que estamos a dar hoxe será o primeiro paso de centos de quilómetros camiñando xuntas e xuntos por este proxecto".

Un traballo conxunto que tamén quixo poñer en valor o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, para quen esa unidade "é fundamental para ser imparables e conseguir o recoñecemento por primeira vez desta variante do Camiño de Santiago". Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Redondela, María Castro, amosou a ledicia do concello redondelán de sumarse a este novo proxecto, "porque sabemos que o camiño é un gran tractor para a economía e o turismo de calidade". O acto celebrado no salónde plenos do Concello contou coa presenza da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e de autoridades e representantes do tecido asociativo e hostaleiro da comarca.

A investigación documenta o paso de peregrinos e peregrinas por Tomiño cara a Santiago dende polo menos 1295, ano do que data a referencia máis antiga coñecida. Como sinalou o investigador, Antonio Soliño, o xermolo do paso do Camiño por territorio tomiñés está na vila da Barca, "hoxe xa desaparecida situada no actual Goián, topónimo que certifica que era un dos pasos importantes do Miño". E se algo caracteriza á variante tomiñesa é "o alto valor do patrimonio construído pola arquitectura de orixe medieval e barroca, pero sobre todo pola súa arquitectura militar e polo elevado número de elementos etnográficos, especialmente polos cañizos, cruceiros e petos de ánimas, algúns deles con moita importancia histórica".

O estudo realizado se presentará ao Xacobeo e a Turismo de Galicia para propoñer a oficialización desta nova variante do Camiño de Santiago. Ademais, toda a investigación se recollerá nun libro que será presentado en breve e posto a disposición da veciñanza.

Concello Tomiño


Nota musical en Tomiño co Concerto de Primavera da Coral Polifónica

A cita será este domingo 30 de abril ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián. Entrada de balde

A Coral Polifónica de Tomiño prepárase para sorprender esta fin de semana ao público co seu tradicional Concerto de Primavera. Este domingo 30 de abril a coral tomiñesa ofrecerá no auditorio municioal de Goián un espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán gozar do seu variado repertorio, que inclúe cancións populares e clásicas, así como algunhas pezas contemporáneas.

Baixo a dirección de David González, a Coral Polifónica de Tomiño subirá ao escenario ás 19.00 horas cunha actuación aberta a todos os públicos. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo e na actualidade está formada por 30 voces mixtas que teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Dende a súa fundación, a agrupación polifónica percorreu as comarcas veciñas, así como moitas outras de toda Galicia, España e Portugal, participando en numerosos intercambios, encontros e concursos.

Concello Tomiño


A 'Música Nova' toma Goián

O sábado 29 auditorio municipal e skatepark acollerán concertos, obradoiros e conversas cos grupos musicais Chisme e Wicked Youth

Este proxecto foi un dos elixidos nas votacións dos OPT2023 da Eurocidade Cerveira-Tomiño

A música continúa estreitando lazos entre a mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Este sábado 29 de abril, Goián será o escenario que acolla una nova quenda de actividades da iniciativa 'Música Nova', un dos proxectos elixidos pola rapazada de ambos os dous concellos nas votacións do Orzamento Participativo Transfronteirizo para este ano 2023.

Dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, a Eurocidade organiza ao abeiro deste programa interesantes actividades en diferentes espazos de Tomiño e Cerveira coa música como nexo de unión. Tras celebrar unha primeira quenda de actividades na vila portuguesa, esta fin de semana a música desprázase ata Tomiño para celebrar ensaios, concertos, obradoiros e mesmo conversas con varios grupos musicais profesionais das dúas beiras do Miño.

A xornada comezará ás 10.30 horas no auditorio municipal de Goián cun novo ensaio do espectáculo aberto á participación da comunidade 'O Miño que une', un show baseado na identidade local, na relación transfronteiriza e nas características da paisaxe que mesturará cine e música en vivo e que será presentado ao público o vindeiro 10 de xuño nun concerto final en Tomiño.

As actividades reanudaranse ás 16h cun obradoiro para aprender a facer un rider técnico para despois propiciar que mozos e mozas podan conversar cos grupos profesionais Chisme e Wicked Youth. De 17.30 a 18.00 horas as e os participantes poderá coñecer un pouco máis sobre o mundo da música e resolver dúbidas e curiosidades da man de Fernando Epelde, dramaturgo, actor e creador de Chisme, con varios albumes marcados pola exploración da arte sonora, a electrónica minimalista e o pop cibernético ou xéneros como a new-rave ou o pop groove máis espacial. A rapazada tamén poderá conversar con Wicked Youth, unha banda musical de Paredes de Coura influenciada polo rock que busca inquietudes e mutacións sonoras cunha enerxía impulsada tamén pola Escola de Rock de Paredes de Coura.

Tras esta conversa próxima e intimista, mozos e mozas poderán gozar de dous showcases no skatepark de Goián, dous concertos de pequeno formato con Chisme como protagonista ás 18.00 horas e con Wicked Youth ás 18.45 horas.

O programa 'Música Nova' busca propiciar a implicación da mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño en actividades musicais conxuntas, procurando a divulgación da tradición e aprendizaxe de novos estilos musicais, ademais de promover o espazo público para a divulgación e o intercambio cultural e xeracional.

A iniciativa forma parte do proxecto de consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado ao 75% pola 6ª Convocatoria do programa INTERREG VA ESPAÑA PORTUGAL (POCTEP) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Concello Tomiño


Budiño estrea álbum e xira na Feira de Cultivos do Baixo Miño

O músico moañés estará en Goián o sábado 6 de maio ás 21.00 horas cun concerto de balde

O monologuista David Amor porá a nota de humor á Feira, mentres que os chefs Toñi Vicente e Iván Méndez explorarán co público todo o potencial dos cultivos do Baixo Miño

A Feira de Cultivos do Baixo Miño quenta motores. Asociación de Cultivos do Baixo Miño e Concello de Tomiño ultiman os detalles dunha feira que regresa tras a pandemia renovada e cun programa de actividades de altura que conquistará ao público xeral e profesional.

A música terá un papel destacado na programación, que contará coa participación estelar de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro moañés iniciará en Tomiño a xira do seu novo álbum, 'Branca Vela', o seu oitavo disco, cun gran concerto de balde o sábado 6 de maio ás 21.00 horas.

A XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño celébrase do 5 ao 7 de maio na renovada Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, un espazo ao aire libre que brindará un ambiente acolledor e único no que o público poderá desfrutar de morea de actividades para todos os públicos. O monologuista galego David Amor será o encargado de poñer o toque de humor á programación da feira cunha actuación de balde o venres 5 ás 21.00 horas.

Serán tres días cun amplo programa no que a gastronomía e os cultivos locais terán dous anfitrións de luxo, os chefs Toñi Vicente e Iván Méndez. Ao abeiro do proxecto Eurochef de EuRural, a tomiñesa, pioneira da cociña galega, compartirá fogóns co recoñecido cociñeiro galego para ensinar ao público a explotar todo o potencial dos cultivos de tempada e dos produtos locais dun xeito ameno e divertido. O showcooking celebrarase o sábado 6 de maio ás 12.00 horas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que a Feira de Cultivos do Baixo Miño regresa "cun evento moito máis participativo, dinámico, aberto e lúdico, tanto para profesionais como para as persoas visitantes. Queremos que sexa unha feira de reencontro nun ambiente festivo pero tamén produtivo que nos permita coñecer de primeira man os últimos avances e tendencias do sector da planta, froita, flor, horta e subministros na comarca".

Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, convida a toda a veciñanza a participar nos tres días "dunha feira renovada que nos dará a oportunidade de dar a coñecer os produtos do noso agro rodeados de lecer, cultura, gastronomía".

Concello Tomiño


Tomiño entrega o 'Selo Revitaliza' a 28 centros escolares e especializados e establecementos hostaleiros

Este distintivo busca recoñecer o labor de todas aquelas entidades comprometidas coa compostaxe para o tratamento dos seus biorresiduos

Tomiño entregou o 'Selo Revitaliza' a 28 centros de ensino, centros especializados, asociacións e locais de hostalaría, un distintivo que recoñece o compromiso de todas estas entidades coa compostaxe para o tratamento dos seus residuos orgánicos.

Deste xeito, distínguese o facer responsable da comunidade terapéutica Alborada, da Asociación Vontade e do Centro de Día de Tomiño, así como seis establecementos hostaleiros: as bocaterías A Social de Estás e Cultu Tebra, o bar cafetería Vaya Punto e as taperías Casa Chaver, Casa das do Correo e Casa Faustino.

Durante o acto tamén se quixo recoñecer o labor dos centros escolares do municipio, que contan con composteiros ou teñen algún centro de compostaxe comunitario asociado para darlle outra vida ao lixo orgánico. Así, recibiron o 'selo Revitaliza' o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, o CEIP Plurilingüe de Tebra, o CEIP de Sobrada, o CEIP Pintor Antonio Fernández, o CEIP Barrantes, as Galiña Azul de Tomiño e Goián, a escola infantil Mi primer paso e as escolas do CRA Mestre Manuel Garcés do Seixo, Estás, Figueiró, Vilameán, Vilachán, Aurora, Barro, Taborda, Forcadela, Carregal e Amorín.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, deu os seus parabéns a todos os centros escolares e especializados e aos establecementos hostaleiros galardoados "por comprometerse coa boa xestión dos residuos e contribuír á economía circular facéndoo ademais con responsabilidade e calidade".

Estes distintivos postos en marcha ao abeiro do plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra "recoñecen tanto a restaurantes, comercios e outro tipo de entidades como a centros escolares que converten os biorresiduos de cociña, de comedores, merendas, xardíns ou podas nunha materia prima que servirá para alimentar os solos e pechar o ciclo que, nun futuro, reverterá en novos alimentos".

Ao abeiro do Plan Revitaliza, o Concello de Tomiño comezou a traballar no ano 2019 na implantación do tratamento dos biorresiduos a través da compostaxe tamén cos produtores singulares, aqueles establecementos, centros escolares, asociacións... que pola súa actividade xeran unha gran cantidade de residuos orgánicos. Persoal técnico realizou varias visitas para cuantificar a xeración de residuos e propoñer alternativas de xestión, tanto para os orgánicos como para o resto de fraccións. En función de cada caso instaláronse Unidades Modulares de Compostaxe similares ás dos Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) e composteiros individuais de 300 ou 800 litros. Unha vez instalados, o persoal técnico continuou coas visitas para axudar a iniciar o cambio a unha autoxestión dos biorresiduos, achegando axuda técnica e resolvendo dúbidas.

O pasado ano 2022 o Concello de Tomiño xestionou case 660 toneladas de biorresiduos por compostaxe, entre os centros de compostaxe e os composteiros individuais distribuídos polas vivendas de todo o municipio. Estímase que case o 75% dos residuos orgánicos tratados foron a través dos composteiros individuais, xestionando case 491 toneladas, das que resultaron máis de 104 toneladas de compost. Pola súa banda, a través dos centros de compostaxe recolléronse case 166 toneladas de biorresiduos, dos que se obtiveron 35 de compost.

"Esperamos que estas entidades sexan exemplo para outras que aínda non separan este tipo de residuos, algo que xa é obrigatorio por lei", lembra a edil, que remarca que "os datos de reciclaxe en xeral melloraron, pero dende o Concello temos que marcarnos uns obxectivos máis ambiciosos para poder cumprir coa normativa e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e poder demostrar o compromiso da nosa veciñanza co medio".

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais