JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O ROSAL ACOLLE O DEBUT DE ANA LOMBA, "A NINFA DO MIÑO"

O vindeiro domingo 30 de abril, ás 17:30 horas, terá lugar unha sesión de contacontos moi especial na Librería & Editorial Tamuxe de O Rosal (Pontevedra) a cargo da xove mestra Ana Lomba Fernández, "A Ninfa do Miño".

Ana (Goián, 1999), Graduada en Educación Infantil pola Universidade de Vigo e que fará o seu 'debut oficial' en terras rosaleiras, explica a razón do seu nome afirmando que "o Miño é algo que me interesou dende sempre. Estamos separados do país veciño por un río, pero compartimos vidas e unha mesma identidade, é como unha converxencia".

No evento, enfocado aos máis pequenos pero aberto a todos os públicos, daráselle voz e vida a diferentes historias como as de "O coelliño branco", "Corre Corre, Cabaciña", "Cocorico" ou mesmo "A árbore xenerosa".

L&E Tamuxe, que o 17 de maio, Día das Letras Galegas, cumprirá o seu primeiro aniversario, está emprazada nas inmediacións da céntrica Praza do Calvario, en concreto na rúa Jesús Noya. A entrada é libre ata completar aforo. Máis información, no teléfono 986 62 53 12.

L&E Tamuxe


O Rosal esperta vocacións cos seus encontros con profesionais

O Concello recupera esta iniciativa coa axudar ao alumnado de 4º da ESO a coñecer diferentes saídas laborais

A rapazada coñeceu as vivencias de José Vicente e Jacobo Pereira, traballadores de ámbitos feminizados, e Sara Varela e Mirian Vicente, profesionais do eido tecnolóxico

O Concello do Rosal retoma os seus encontros con profesionais, unha iniciativa a través da que profesionais de diferentes ámbitos achegan as súas experiencias académicas e profesionais ao alumnado que se atopa inmerso no proceso de toma de decisións profesionais. Tras o parón por mor da pandemia, reactívase así unha actividade que naceu no ano 2016 que "é fundamental para que a mocidade poida coñecer mellor o mercado laboral actual e as posibilidades que teñen para o seu futuro", como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O alumnado de 4º da ESO foi o encargado de facer as preguntan ás e aos profesionais convidados para transmitir a mozos e mozas as súas vivencias persoais. Nesta ocasión, ata as aulas achegáronse José Vicente e Jacobo Pereira, traballadores de ámbitos tradicionalmente feminizados, e Sara Varela e Mirian Vicente, profesionais do eido tecnolóxico, amplamente masculinizado.

O estudantado puido coñecer de primeira man a historia da arquitecta guardesa Mirian Vicente, nai de tres fillos que continuou ampliando a súa formación e que neste momento compaxina o seu traballo nun estudo de arquitectura do Rosal con outro nunha empresa de construción.

Pola súa banda, Sara Varela, viguesa aínda que de familia rosaleira, estudou Bioloxía e se formou en paleontoloxía. Chegando a traballar en Atapuerca ou en Praga, Brasil ou Berlín, onde estivo 7 anos no Museo de Historia Natural. Desenvolveu a súa carreira tamén no Centro Nacional para a Investigación Humana en Burgos e en varias universidades españolas ata o seu regreso a Vigo, onde na actualidade leva a cabo un proxecto de investigación moi prestixioso.

José Vicente contou a súa experiencia como profesor de educación infantil dende hai 25 anos. Tras cursar Maxisterio en Pontevedra, aproba as oposicións en 1999 e colle como primeiro destino Goián e logo no CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño para no ano 2003 integrarse no equipo docente do CEIP A Sangriña da Guarda. Pai de tres fillas, sabe ben o que é conciliar vila laboral e familiar a tempo completo e destaca polo agarimo que lle teñen alumnado e familias e polo seu compromiso e responsabilidade.

O alumnado tamén puido coñecer as vivencias de Jacobo Pereira, cun itinerario académico e laboral que se escapa das liñas habituais. Estuda e traballa durante varios anos no sector da Mecánica Naval e incluso estivo embarcado durante un tempo, ata que decide cambiar de rumbo. Retoma o Bacharelato e, orientado por un profesor, decide estudar Administración e Dirección de Empresas durante tres anos pero, non contento co seu futuro, marcha a Santiago a facer Educación Social. Aí comeza un percorrido primeiro de dous anos por Granada cunha bolsa de estudos e logo por Brasil cunha bolsa de Excelencia Académica, ata que hai 7 anos recala en Avelaíña, traballando na actualidade no ámbito da Saúde Mental.

Invitando a profesionais de diferentes ámbitos o Concello procura axudar ao alumnado de 4º da ESO "nun momento no que se atopa inmerso no proceso de toma de decisións vocacionais. Este curso é un punto de inflexión para o alumnado, xa que está na procura do seu camiño profesional, polo que os percorridos e experiencias destes catro profesionais poden servirlles como inspiración".

Concello de O Rosal


A transformación da contorna da igrexa das Eiras avanza a bo ritmo

O Concello dá o primeiro paso para desenvolver na zona un proxecto integral para a recuperación da contorna, poñendo en valor o patrimonio natural e cultural e mellorando espazos para as persoas

O proxecto de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, avanza a bo ritmo. A obra, posta en marcha hai apenas unhas semanas, busca recuperar unha zona cun elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperan o patrimonio cultural e melloran os accesos, camiños e sendas.

O proxecto, redactado contando tamén coas ideas e suxestións achegadas pola veciñanza durante un encontro de participación social, comezou pola mellora da accesibilidade da Igrexa e da súa contorna deteriorada. O obxectivo desta transformación integral é "dar prioridade ás persoas, mellorando as condicións de accesibilidade peonil para reconectar o Miño coa Madalena, creando espazos de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e lecer", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As obras estanse a realizar con materiais de km0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloren a relación entre o medio e as persoas. Ademais, o proxecto construtivo contempla formas e cores inspirados na paisaxe e no propio medio, mellorando así a accesibilidade e difuminándose entre o patrimonio existente.

Entre os traballos que se están a realizar nesta zona inclúese as obras na área intramuros para chegar a cota ata a entrada da igrexa cun ancho camiño que garanta a accesibilidade e a mellora de toda a contorna, facéndoa máis amable e repoñendo os elementos que se atopan en malas condicións. Melloraranse as escaleiras e instalaranse bancos corridos que xeren espazos de convivencia nas inmediacións da igrexa.

A intervención mimetízase en todo momento coa contorna empregando materiais e vexetación propios desta zona en diálogo coa rocha existente, potenciando a súa presenza e mellorando a accesibilidade con espazos de reunión arredor da igrexa e cun camiño completamente accesible paralelo á fachada. En canto á vexetación, crearase un efecto verde perenne que compoña a antesala da subida á Ermida da Madalena, cunhas sobreiras catalogadas como árbores senlleiras, e con texturas que se mimetizarán coas rochas.

Concello de O Rosal


A sexualidade e a saúde integral feminina chega este xoves aos 'Cafés en igualdade' do Rosal

A pedagoga e sexóloga Erea Devesa falará do pracer feminino, do desexo, a menopausa e a menstruación

Será o día 27 ás 17.30 h na Daordaria, no espazo anexo do mercado

O Concello do Rosal ten todo listo para celebrar este xoves 27 de abril a cuarta sesión dos seus 'Cafés en igualdade', un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese e conversar como se se estivera cun grupo de amigas. "Trátase dunha burbulla de lecer na que abordar diferentes temáticas que permitirán a todas as asistentes gozar dun pequeno balón de osíxeno nesa loita diaria para manter o equilibrio entre a conciliación familiar, laboral e persoal real", destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nesta cuarta sesión, a pedagoga e sexóloga Erea Devesa falará sobre a saúde integral feminina, abordando cuestións como a sexualidade e o pracer feminino, o desexo, a menopausa e a menstruación. Especializada en igualdade de xénero e políticas de igualdade, Devesa leva máis de cinco anos dedicándose a traballar pola educación sexual sempre cun enfoque feminista, interseccional e inclusivo cara ás persoas. Actualmente é responsable do programa de educación sexual Con Xeito Sexoloxía, no que traballa para lograr unha igualdade efectiva e unha educación sexual que contemple a diversidade como un valor a protexer.

A charla será este xoves 27 de abril de 17.30 a 18.30 horas na Daordaria, no espazo gastronómico anexo ao mercado municipal do Rosal.

Con esta iniciativa, o Concello programa cada último xoves de mes ata maio interesantes encontros dirixidos a mulleres aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Son encontros dunha hora de duración que se celebran sempre de tarde e en diferentes establecementos hostaleiros do Rosal. A vindeira cita será o 25 de maio para afondar sobre a presión estética.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Concello de O Rosal


Unha unidade móbil de doazón de sangue visita o Rosal o vindeiro 4 de maio

Estará situada de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas na rúa Ramón Franco

O Rosal prepárase para recibir un mes máis a visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). O vindeiro xoves 4 de maio un autobús da entidade estará na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte a Abanca, coas súas portas abertas de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade.

Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que queren doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, o persoal recomenda non acudir se nos últimos 15 días se se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Lémbrase que poderán doar todas as persoas con máis de 18 anos e 50 kg de peso e que debe irse despois de almorzar se se acode pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se se acode pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao persoal médico en caso de estar tomando algún medicamento.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos mantén abertos cada día locais de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas, analizadas e preparadas para garantir o subministro de compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días ao ano.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais