|
O tradicional Cross de Pedornes volve o 13 de maio como carreira infantil
O Cross de Pedornes volve tras un parón de 27 anos sen celebrarse, cunha nova edición dirixida especificamente aos máis pequenos e pequenas do Baixo Miño e Val Miñor. Esta carreira pedestre infantil celebrarase o próximo 13 de maio con un total de 6 categorías para nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2022.
O Cross de Pedornes foi unha tradicional carreira creada grazas á dedicación e o traballo desinteresado de José Javier Pereira Feijoo, Chicho, e que se celebrou nesta parroquia durante algo máis dunha década e congregando a varios centos de participantes nas súas edicións. A primeira foi en 1985 e, tras 11 convocatorias, celebrouse por última vez en 1996. Agora a competición volve e desenvolverá a súa XII edición baixo a denominación Cross Escolar de Pedornes e coa organización do Concello de Oia, o club Cornelios e a Comisión de Festas de Pedornes.
A participación é gratuíta, sendo necesaria unha autorización asinada polo pai/nai/titor do menor. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse a través da ligazón https://acortar.link/kHlluG. O prazo remata o 9 de maio. Para máis información pódese chamar ao Concello ao teléfono 986362125.
O día 13 de maio as carreiras sairán do Eirado de Pedornes ás 17.00 horas, se ben os dorsais poderán recollerse a partir das 15.30 horas. Haberá un total de 6 categorías, con distancias que van desde os 100 metros para os "minipulgas" (nenos e nenas nados nos anos 2020, 2021 e 2022) ata os 1.750 metros para os participantes inscritos na categoría "infantil" (nados nos anos 2010 e 2011). Haberá un pequeno agasallo para todos aqueles que participen e os vencedores serán premiados cun trofeo.
Curso de prevención de riscos laborais no manexo de motoserra e rozadoira en Oia
O ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia) organiza en Oia un curso gratuíto de prevención de riscos laborais no manexo de motoserra e rozadoira. A actividade terá lugar do 3 ao 5 de maio e o prazo de inscrición está aberto ata o venres 28.
A acción formativa desenvolverase en tres sesións, os días 3, 4 e 5 de maio en horario de 15.30 a 20.30 horas. En total, ofértanse 15 prazas para a actividade.
As persoas interesadas en asistir deberán cubrir un formulario (accesible na ligazón: https://issga.xunta.gal/gl/novas/publicada-resolucion-pola-que-se-convocan-6-cursos-de-prevencion-de-riscos-laborais-no-manexo) e envialo por correo electrónico ao enderezo issga.formacion@xunta.gal O prazo de inscrición está aberto ata o día 28 de abril.
Para máis información pode chamarse aos teléfonos de contacto 981551704 / 659515371 e consultar a web do ISSGA: http://issga.xunta.gal
A comunidade de montes de Santa María de Oia estrea a rehabilitación da casa forestal e programa visitas guiadas para poder coñecela
O edificio albergará un centro de interpretación da Serra da Groba
A comunidade de montes de Santa María de Oia vén de rematar os traballos de rehabilitación da casa forestal, edificio de grande valor patrimonial que, unha vez recuperado, funcionará como centro de interpretación da Serra da Groba. Para celebralo, esta fin de semana organízase un acto institucional de inauguración destinado ás persoas comuneiras (de acceso só con convite) e dúas visitas guiadas abertas ao público nas que se mostrará o edificio e se fará un pequeno percorrido polo patrimonio situado na contorna.
As visitas guiadas desenvolveranse o domingo 30 de abril e luns 1 de maio ás 12.00 horas. Nelas percorrerase o interior do edificio, explicarase a súa historia e se fará un pequeno paseo ata o castro de Chavella para dar a coñecer os principais elementos patrimoniais e paisaxísticos da zona. Para participar cómpre apuntarse previamente chamando ao número de teléfono 677.78.32.96.
Previamente, o sábado 29 pola mañá celebrarase o acto de inauguración, destinado aos comuneiros e comuneiras e de acceso con convite. Xa pola tarde (18.00h) haberá unha actuación musical de acceso libre ata completar aforo, e que estará a cargo do grupo Take it Easy.
Proxecto de rehabilitación da casa forestal
Nos anos 1909-1910 foi construída a primeira casa forestal de Galicia, quedando vinculada ás primeiras repoboacións do Estado na provincia de Pontevedra. A partir dos anos 60 comezou a súa decadencia ata case desaparecer para sempre polo abandono sufrido.
No ano 2016 a comunidade de montes de Santa María de Oia, propietaria do inmoble, aprobou por maioría en asemblea o proxecto de recuperación deste edificio tan coñecido en todo o concello e con tanta historia ás súas costas.
O proxecto consiste na rehabilitación dun conxunto de tres edificios onde o principal é a antiga vivenda do garda forestal. Esta será destinada a centro de interpretación da Serra da Groba, para a súa divulgación como espazo sensible de especial protección natural, patrimonial e paisaxística.
|