|
Tui agarda miles de persoas na fin de semana grande das Festas de San Telmo
Deportes, música, tradición, gastronomía, fotografía, feira cabalar… no programa festivo de mañá domingo
Tui agarda esta fin de semana a miles de persoas nas festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, que se celebran até este luns, 17 de abril, Luns de San Telmo, festivo local na cidade.
A programación festival comezará mañá domingo coa Andaina de San Telmo que sairá ás 10 h praza da Inmaculada. O medio centenar de persoas inscritas realizarán un percorrido polo centro urbano.
Na mesma praza da Inmaculada haberá mañá un programa especial de radio con motivo dos 30 anos da Radio Municipal de Tui, no que se contará con parte das persoas que nestas tres décadas formaron parte desta emisora municipal, pero tamén haberá música en directo con Pancho Álvarez, Rockin Gina e Best Boy.
A de mañá domingo será a primeira das dúas xornadas nas que se vai celebrar a tradicional Feira Cabalar no barrio de San Bartolomeu e que congregará a milleiros de afeccionados ao longo destas dúas xornadas. O programa da feira mañá comezará coa Copa San Telmo de Horseball, unha mestura entre baloncesto, rugby e polo. Ás 12:30 h será a quenda do concurso de saltos, con salto de potencia de altura libre. A partir das 17:00 h terá lugar unha Exhibición-Concurso de enganche con limoneras, troncos, ponis, novel e children. Ás 19:00 h porá fin a esta primeira xornada un espectáculo ecuestre da man de Santi Serra Camps, adestrador de cabalos en liberdade con case 20 anos de experiencia.
Organizado pola Asociación do Traxe de Tui ás 12.45 h partirá dende a Glorieta de Vigo até a Praza de San Fernando o desfile exaltación de traxes tradicional, no que participarán numerosas persoas ataviadas con distintos traxes tradicionais.
Non faltará a música nesta xornada festiva cos concertos que ofrecerán na carpa da Corredoira a Banda Cultural de Salceda de Caselas ás 14.45 h e Banda de Música Popular ás 18 h. Pero amais actuarán polas rúas de Cé Orquestra Pantasma ás 17 h e as 19 h e, e a charanga Cantos Somos ás 20 h.
Na rúa Compostela as orquestras Los Players e Satélites amenizarán a verbena a partir das 20 h, e na carpa da Corredoira estarán en concerto Los Jinetes del Trópico.
Ademñais mañá domingo na praza da Inmaculada contarase coa presenza dun fotógrafo da empresa Lab on Wheels que empregará unha técnica do século XIX coñecida coma o "colodión húmido". Trátase dun proceso artesanal que consiste en facer unha fotografía formada de prata pura sobre unha placa de aluminio ou cristal. Este fotografo ambulante de Lab on Wheels fará retratos con este sistema a todas aquelas persoas que o desexen, previo pago, segundo a tarifa do fotografo. O público poderá ver coma se toma a fotografía cunha cámara clásica, como se prepara artesanalmente cada placa e coma se revela diante dos clientes.
Lembramos que amais na Sala de Exposicións Municipal pode visitarse a mostra 'As Orixes da Fotografía en Tui" que tanto hoxe, coma mañá domingo e o luns abre de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.
A gastronomía tamén está presente nas festas xa que até o luns celébrase a Festa do Meixón 2023 no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, e Parador de Tui, previa reserva no propio establecemento.
Deporte, música, actividades infantís, verbenas e concertos no sábado de San Telmo
A carreira de San Telmo bate récord e supera os 700 inscritos. Actuará o rapeiro Arce, Dj Mesu e Dj Enter, La Patrulla e o grupo América amenizará a verbena.
Tui prepáranse para vivir e gozar a gran fin de semana das Festas de San Telmo. Mañá sábado haberá deporte, música, actividades infantís, verbenas e concertos.
A xornada comeza con deporte coa celebración a partir 11 h, no Paseo da Corredoira, da Carreira Popular de San Telmo que bate record de participación con 738 persoas inscritas. É solidaria con SOS Tomiño Baixo Miño, xa que as persoas inscritas entregan un quilo de alimentos na recollida do dorsal.
A charanga A Tu Ritmo amenizará as rúas tudenses durante dúas horas e dende as 12 h, actuación que tamén repetirán ás 20h da tarde. Ás 17 h será a quenda do pasarrúas de Troula Animación e o seu espectáculo 'Circo', pase que repetirán ás 19 h. Mentres, ás 18 h, a cita será para os e as máis pequenas da casa co teatro musical 'Canta Xoga' de Migallas Teatro.
Co caer da noite, ás 21 h na rúa Compostela actuará o Grupo América, previa do concerto para público xuvenil do rapeiro Arce, DJ Mesu e DJ Enter ás 22 h no Espazo Feiral. Á mesma hora, na carpa da Corredoira actuará o grupo La Patrulla e, xa ás 12 da noite comezará o segundo pase do Grupo América na rúa Compostela até ben entrada a madrugada.
Fotografía do século XIX este domingo e luns de San Telmo en Tui con Lab on Wheels"
Conmemórase así a presenza hai cen anos en Tui da barraca dun fotógrafo ambulante segundo recollía o xornal La Integridad
Os ferrotipos, unha técnica fotográfica do século XIX, estará presente este domingo e luns na praza da Inmaculada da man do fotógrafo ambulante da empresa Lab on Wheel. Coincidindo coas festas de San Telmo emúlase a presenza dun fotógrafo ambulante en Tui hai cen anos segundo recollía daquela o xornal tudense La Integridad.
Esta fin de semana este fotógrafo empregará unha técnica do século XIX coñecida coma o "colodión húmido". Trátase dun proceso artesanal que consiste en facer unha fotografía formada de prata pura sobre unha praca de alumiño ou cristal. Este fotografo ambulante de Lab on Wheels fará retratos con este sistema a todas aquelas persoas que o desexen, previo pago, segundo a tarifa do fotografo
O público poderá ver coma se toma a fotografía cunha cámara clásica, como se prepara artesanalmente cada placa e coma se revela diante dos clientes.
Por outra parte para aqueles que desexen viaxar no tempo a través da fotografía cómpre lembrar que até finais de mes na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez está a mostra 'As orixes da fotografía en Tui' que recolle parte da obra dos primeiros fotógrafos con estudo en Tui entre finais do século XIX e comezos do século XX. Son Maximino Antonio, Pedro Varela, Rosendo Bugarín Menoyo e Gonzalo Gutiérrez
A exposición pode visitarse de luns a venres abre de 9 h a 14 h e de 16 h a 21 h, e os sábados, domingos e festivos de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.
A irmandade entre Tui e Versmold cumpre unha década
Unha delegación do municipio alemán visita Tui coincidindo coas festas de San Telmo
A irmandade entre o municipio de Tui e o alemán de Versmold cumpre dez anos. Con motivo do décimo aniversario da sinatura do acordo de irmandade entre ambas localidade, asinado en abril de 2013, unha delegación Versmold visitará oficialmente Tui dende mañá 16 de abril e até o xoves 20, coincidindo amais coa celebración das festas patronais de San Telmo.
A delegación estará encabezada polo burgomestre da localidade, Michael Meyer-Hermann, que estará acompañado por cinco representantes do grupos políticos daquel concello así como pola funcionaria encargada das irmandades. Versmold é una cidade do distrito de Gütersloh, no estado federado de Renania do Norte-Westfalia (Alemania), cunha poboación superior ás 21.500 persoas. A industria cárnica ten unha longa tradición nesta localidade, na que existe unha ampla comunidade de veciños de Tui, especialmente da parroquia de Paramos, que son os impulsores deste acordo de irmandade.
Ao longo destes anos tanto por iniciativa do Concello como da Asociación Versmold-Tui se teñen realizado múltiples actividades de intercambio entre ambas localidades tanto no ámbito deportivo, cultural, etc. que ten consolidado este acordo.
Con motivo da súa visita a delegación de Versmold entregará á veciñanza de Tui un banco da amizade Versmold-Tui, no que figurarán os escudos de ambas localidades, como símbolo da relación entre as dúas cidades. Será instalado na rúa Ourense.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este "acordo contribúe a impulsar dende as administracións locais o proceso de integración europeo, pois é un acordo baseado na participación activa dos nosos cidadáns. Ao longo destes dez anos os froitos recollidos neste proceso son evidentes: actividades deportivas e culturais promovidas, os encontros periódicos en ambas localidades, pero salienta especialmente a creación da asociación de amizade, unha iniciativa cidadán que expresa como esta irmandade ten unha sólida base entre os nosos veciños e veciñas, garantía da súa continuidade e vigor."
O luns, 17 de abril, ás 13 h a delegación de Versmold será recibida oficialmente na Casa do Concello tudense dirixíndose posteriormente á rúa Ourense para o descubrimento do "banco da amizade Tui - Versmold".
O Concello de Tui está a realizar a desmontaxe de dous inmobles en ruínas no conxunto histórico
Estas semana executou a actuación na rúa Martínez Padín ante o risco de derrube do inmoble
O Concello de Tui executou esta semana o desmonte das ruínas dunha vivenda situada na rúa Martínez Padín que levaba décadas en situación de abandono. Unha empresa contratada polo Concello realizou estes traballos, que proseguirán noutro inmoble nas mesmas condicións situado na rúa Sanz.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que se trata de "dúas vivendas que levaban moitos anos en situación de abandono", e sobre as "os informes técnicos avalaban un posible risco de derrube e polo tanto un perigo tanto para as persoas coma para o propio patrimonio". Por este motivo dende o Concello se instruíron os oportunos expedientes para proceder a súa desmontaxe.
En ambos casos o Concello asume a execución subsidiaria ante o risco que representan xa que no caso da vivenda situada na rúa Martínez Padín descoñécense os propietarios, e no do inmoble da rúa Sanz aínda que si se coñece a propiedade esta non asumiu as obras.
Unha vez completados os traballos orzamentados en 57 mil euros, o Concello de Tui repercutirá os gastos aos propietarios que de non ser localizados ou non facerse cargo dos mesmos abrirase outro expediente para poder embargar estes bens e sacalos subasta. En ambos casos o PECHA (Plan Especial Protección Conxunto Histórico) contempla a recuperación da edificación existente.
O MUMI 2023 volverá conectar artistas e profesionais da industria musical de Galiza e Portugal en setembro
En maio abriranse tanto as inscricións profesionais como a convocatoria artística para participar na 4ª edición da feira, que se celebrará na Eurocidade Tui-Valença do 21 ao 24 de setembro.
Eurocidade Tui-Valença, 12 de abril.- O encontro profesional das mu?sicas do Minho xa ten datas para a edición 2023. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestio?n cultural, xornalistas e pu?blico xeral teñen unha nova cita na Eurocidade Valença-Tui do xoves 21 ao domingo 24 de setembro. Esta edición amplíase a catro di?as de mu?sica e encontros profesionais que terán lugar en localizacio?ns emblema?ticas de ambos municipios e que converterán de novo á Eurocidade nun polo de intercambio cultural e económico entre os dous países. A feira terá tamén programación aberta á cidadani?a, nas prazas e rúas de Tui e Valença, onde se poderá gozar dalgunhas das propostas musicais que se presentarán este ano.
As inscricións abrirán en maio
A principios de maio a organización anunciará a apertura do prazo para que profesionais e artistas podan inscribirse no encontro a trave?s da web mumimusicas.eu. As propostas artísticas poderán candidatarse ata o 31 de maio, mentres que as inscricións para profesionais continuarán abertas ate? as datas de celebracio?n do evento. En ámbolos dous casos, a participación será gratui?ta.
O encontro profesional das mu?sicas do Minho volve á Eurocidade Tui-Valença co obxectivo de seguir medrando e consolidarse como o mercado musical de referencia do oeste peninsular. A pasada edición a feira reuniu a máis de 200 profesionais durante tres días nos que se programaron vinte showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings, e un festival con bandas transfronteirizas.
Aberto o prazo de inscrición para a XXV Feira de Artesanía de Tui
Celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de maio na rúa Ordóñez e na praza de San Fernando
O sábado 6 e o domingo 7 de maio celebrarase a XXV Feira de Artesanía de Tui organizada polo Concello de Tui, en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns, cos obxectivos de promocionar e difundir a actividade artesá e apoiar a comercialización do produto artesán. O Concello de Tui vén de abrir o prazo de solicitude dun dos corenta postos que se instalarán na rúa Ordóñez e na praza de San Fernando. As persoas interesadas deben cubrir o formulario dispoñible en tui.gal e enviar entre 4 e 6 fotografías dos seus produtos ao correo comercio@tui.gal até ás 14 h do martes 25 de abril.
Terán prioridade as solicitudes de persoas con razón social en Tui e ou na comarca, así coma os artesáns e as artesáns tradicionais populares. Amais valorarase a calidade, singularidade e carácter diferencial do produto, a variedade de oficios representados na feira, que sexa un obradoiro radicado en Galicia ou o ofrecemento da realización de obradoiros para o público. Na adxudicación dos postos evitarase que estean contiguos dous postos do mesmo oficio ou similar produtos. As bases completas desta convocatoria poden consultarse en tui.gal.
A Feira de Artesanía celebrarase o sábado 6 coma o domingo 7 de maio de 12 a 21 h na rúa Ordóñez e na praza de San Fernando.
Éxito rotundo para el II Encontro de Viños da Raia
Foron vendidas mil copas e degustadas 500 botellas das dez adegas participantes. As actividades paralelas encheron o interior do edificio da praza da Inmaculada.
Éxito do II Encontro de Viños da Raia realizado esta pasada fin de semana na Praza da Inmaculada coa participación de dez adegas. As cifras falan por si mesmas: mil copas vendidas e máis de 500 botellas degustadas nas casetas das adegas Corisca; de Tui; Do Vimbio, de Tomiño; Edmun do Val, de Valença; Sergio Álvarez, do Rosal; Lagar Pedregales, de Tomiño; Adega do Ricón, de Arbo; Pateira, do Rosal; Márcio Lopes, de Melgaço, María Bargiela, de Salvaterra de Miño e Jorge Marcote Viticultor do Rosal.
O Concello de Tui volveu apostar por este evento, tras o éxito obtido na súa primeira edición en 2022, para pór en relevo o traballo que realizan as adegas e os viticultores das dúas marxes do río Miño.
Así, Ana Núñez, concelleira de comercio do Concello de Tui, destacou a importancia deste evento para contribuír á visibilización e promoción daquelas persoas que máis se esforzan por conservar o noso patrimonio vitivinícola.
Foron numerosos as persoas de Tui e doutros municipios que na fin de semana compartiron un viño e un petisco na praza da Inmaculada na primeira fin de semana das festas de San Telmo. Amais no interior do edificio da mesma praza celebráronse distintas actividades paralelas que contaron cunha gran acollida por parte do público.
Así o sábado tivo lugar presentación dos viños da tudense Susana Esteban, considerada unha das mellores enólogas de Portugal, que abarrotou as instalacións para dar a coñecer o seu proxecto vitivinícola que tantos éxitos está a cultivar a nivel mundial. A continuación, presentouse o libro 'A nación dos mil viños' da man dos seus creadores, Martiño Santos, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla, que ofreceron unha interesantísima charla sobre etnografía, xeografía e viños.
Mentres o domingo pola mañá, Rafa Centeo, Estrella Michelín do restaurante Maruja Limón, foi o encargado de levar a cabo un showcooking no que o río Miño foi o protagonista. Sábalo, lamprea e anguía elaborados en tres propostas de vangarda non deixaron indiferente a ninguén.
E para terminar, non menos interesante foi a cata do sumiller Adrián Guerra, que fixo un percorrido polas distintas variedades de viño das dúas marxes da 'raia'. Toda unha lección do bo facer dos pequenos viticultores e viticultoras que asistiron a esta segunda edición do Encontro de Viños da Raia.
Juan Carlos García-Valdecasas e a Radio Municipal de Tui, premios 'Cidade de Tui' 2023
O Teatro Municipal acolleu o acto de entrega destes galardóns na súa terceira edición
O cirurxián tudense Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, na categoría individual, e a Radio Municipal de Tui, na modalidade colectiva, recibiron o pasado sábado os 'Premios Cidade de Tui' 2023, na gala celebrada no Teatro Municipal.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, entregou sendos premios, poñendo en valor o labor dos premiados. Dicía que "a gratitude e a xenerosidade fixeron posible a existencia desta bimilenaria cidade".
Con respecto a Juan Carlos García-Valdecasas indicaba que "ao premiar a súa traxectoria tamén premiamos ao conxunto dos profesionais sanitarios deste país, aos que tanto lles debemos e a veces pouco lle recoñecemos". Engadía que "Juan Carlos é un claro exemplo desta profesionalidade e dese sistema sanitario magnífico do que disfrutamos os españois". Mentres sobre o premio colectivo indicaba que "30 anos de traxectoria dunha radio pública municipal reflicte que as cousas se fixeron moi ben e que grandes profesionais estiveron e están ao fronte da nosa radio municipal". Engadía que "eses 30 anos de radio reflicten ese traballo serio e rigoroso".
Remataba Enrique Cabaleiro indicando que "todos como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un médico tudense sexa referencia mundial, e todos como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un medio de comunicación local sexa o principal medio de comunicación que temos na comarca".
Pola súa banda a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, lembraba no acto coma estes Premios Cidade de Tui "naceron para celebrar, para recoñecer o labor de milleiros de persoas, a nivel individual e de maneira colectiva, que nos enriquecen e que fixeron que nos sintamos orgullosos da sociedade que construímos ao longo destes séculos". Engadía a concelleira que "sen vos, os tudenses, esta cidade non tería acontecido tal e coma a coñecemos, esa colina de pedra da que falaba Eliseo Alonso, non sería a que é sen a aportación de milleiros e milleiros de homes e mulleres que de maneira individual e ou en comunidade traballaron, e seguirá acontecendo para seguir construíndo entre todos a mellor cidade".
Tras recibir o premio o médico Juan Carlos García-Valdecasas confesaba que para el "é unha honra e unha gran alegría que se me concedera esta importante distinción". Destacaba que "sempre tiven a Tui coma referencia, estou moi orgulloso de ter nacido aquí". Lembrou a casa familiar da rúa Canicouva, os veráns en Tui, e coma sempre que pode aproveita para vir á cidade e ensinar Tui e Galicia. Dicía García-Valdecasas que "despois de 44 anos de exercicio profesional, de máis de 2.500 transplantes realizados polo seu grupo, de ter percorrido o mundo, véxome aquí e o que máis ilusión me fai é compartir estes momentos cos que me acompañaron naqueles veráns inesquecibles". Tamén se refería a súa carreira profesional indicando que "tivemos a oportunidade de facer algo que cando rematei a carreira era impensable" sinalando que "co transplante de fígado fomos capaces de cambiar a vida e a calidade de vida de moitísimas persoas".
Na súa intervención, o director da Radio Municipal de Tui, José Font, tras recoller o premio salientaba que "hoxe estamos aquí polo o esforzo de centos de persoas, este é un premio colectivo, i é que desde hai trinta anos son centos as persoas que traballaron ou colaboraron con esta emisora, a todos eles quero dicirlles que este premio é de todos e de todas". Afirmaba que "a información local, interesa , como interesou sempre e interesará no futuro" polo que "radio local seguirá falando do que pasa o lado da casa , na cidade ou na comarca do día a día de cada un de nós". Indicaba Jose Font que "a Radio Municipal de Tui, é percibida por moitos como a radio da casa, esa voz familiar que nos acompaña, coa que rimos, falamos ...e as veces... ata discutimos". Agradecía o apoio que, dende o seu comezo, "sempre mostrou o Concello de Tui" e daba as grazas aos cinco alcaldes que nestes 30 anos tivo Tui cos que "a radio funcionou dun xeito autónomo e independente". E remataba sinalando que "este premio é merecido, merecido por todos aqueles que dedicaron o seu tempo a facer da Radio Municipal de Tui a radio que é".
A Gala contou coa actuación da Banda de Gaitas Arume de Malvas.
Tui recupera cunha exposición o traballo dos primeiros fotógrafos da cidade
A mostra 'A orixe da fotografía de Tui' xa se pode visitar na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, até o próximo luns 17 en horario de mañá e de tarde
Os catro primeiro fotógrafos que tiveron estudo en Tui, Maximino Antonio, Pedro Varela, Rosendo Bugarín Menoyo e Gonzalo Gutiérrez, son os protagonistas da mostra "As orixes da fotografía en Tui".
A mostra, organizado polo Concello de Tui, foi inaugurada o pasado sábado, na Sala de Exposicións Municipal, no marco das actividades programadas nas Festas de San Telmo. O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, o deputado provincial Carlos López Font, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, o historiador Carlos Castelao, e os comisarios da exposición Javier Álvarez Ribadulla e Jose Font.
A mostra recolle as orixes do oficio da fotografía e a chegada dos primeiros fotógrafos e estudos á cidade de Tui. Esta selección de traballos fotográficos pon de manifesto a importante fonte de información que supoñen estes traballos para entender e coñecer o pasado e así axudar a revelar a imaxe do que somos e o que é hoxe en día Tui.
Cun percorrido que tamén fala da chegada desta arte a Galicia, cara o ano 1841, recóllense imaxes e datos de distintas personalidades tudenses coma Rosendo Bugarín, o primeiro fotógrafo tudense de nacemento, pero tamén do pioneiro neste arte da fotografía na cidade como foi o fotógrafo orixinario da Cañiza Maximino Antonio Rodríguez, que montou o seu establecemento en 1870. Tamén se recollen os retratos de Pedro Varela Burgo-da Ulla, natural de Lugo que foi o segundo fotógrafo en ter gabinete de fotografía en Tui. Forma parte tamén desta exposición Gonzalo Gutiérrez que continuou a saga iniciada polo seu pai, José Félix Gutiérrez Rodríguez.
Na exposición pódense visualizar retratos individuais e familiares, encontros de músicos e de amigos, todos eles feitos por catro destes fotógrafos 'residentes' en Tui Así coma dúas fotografías de María Vila Fernández, a esposa de Pedro Varela, que foi unha das poucas mulleres con estudo propio na provincia de Pontevedra.
A mostra 'A orixe da fotografía en Tui' pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, visitar de luns a venres en horario de 9 h a 14 h e de 16 h a 21 h, e sábados, domingos e festivos de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.
|