JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Roteiro para aprender a recoñecer a lingua das aves no Rosal

O Concello organiza o 30 de abril unha ruta accesible e de balde dende o parque do Tamuxe ata As Aceñas. Necesaria inscrición previa

O Concello do Rosal organizará a finais deste mes o roteiro 'A lingua das aves', unha interesant4e ruta pola Senda de Pescadores e o río Tamuxe para aprender a identificar ás diferentes especies de paxaros que viven na contorna a través do seu canto.

A actividade celebrarase o vindeiro domingo 30 de abril, con saída ás 10.30 horas do Parque do Tamuxe e remate ás 13.30 horas na Área Recreativa das Aceñas. Trátase dun roteiro impartido por Lorena Franco, de Biophilia, e Manu Sobrino, de El Naturalista Cojo, no que as persoas participantes farán un percorrido dun quilómetro de dificultade baixa e totalmente accesible.

A ruta contará con prazas limitadas polo que para participar será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poderán solicitar información ou inscribirse a través do correo electrónico lorenafranco.biophilia@gmail.com ou do teléfono 693 56 26 74.

Concello de O Rosal


Cartas que conectan xeracións no Rosal

Alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier escríbese con persoas usuarias do Centro de Día, retomando a comunicación en papel doutros tempos

Conectar xeracións diferentes a través dunha práctica doutros tempos: escribir cartas en papel. Por segundo ano consecutivo, o CPI Manuel Suárez Marquier puxo en marcha en colaboración co Concello do Rosal o proxecto 'Madriñas e padriños da Mata', unha iniciativa que busca o intercambio de cartas entre o alumnado do centro e as persoas usuarias do Centro de Día 'Mirador do Val' de Martín.

A iniciativa naceu o pasado curso, aínda coa pandemia limitando a vida social das persoas e co claro obxectivo de loitar contra a soidade, xa que a correspondencia naquela edición mantívose con mulleres que vivían soas. "É unha forma de conectar xeracións que parecen moi distintas pero que en moitas ocasións poden ter moitas cousas en común. Unha actividade feita con moito agarimo tanto polos rapaces e rapazas como polas persoas maiores que tece oportunidades para seguir aprendendo, ter novas motivacións e facer novas amizades", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A profesora do CPI Manuel Suárez Marquier Ana Fernández é a encargada de coordinar ao alumnado e de entregar as cartas que logo son enviadas polo Concello ao centro de día. O proceso continúa recollendo as cartas de resposta escritas polas persoas maiores para remitilas de novo ao centro educativo e así sucesivamente ata fin de curso.

Ao remate da actividade realizarase unha xornada de encontro e convivencia entre o alumnado e os usuarios e usuarias do centro de día, un encontro interxeracional co que seguir compartindo experiencias e tecendo amizades.

Concello de O Rosal


Costas do Estado reconstruirá parte da senda que une Tomiño e O Rosal danada polas inundacións

As alcaldesas e o xefe do Servizo Provincial en Pontevedra visitaron este martes a zona afectada

Tratarase dunha intervención con bioenxeñería de dous tramos da senda ao seu paso sobre o río Tollo, ao tempo que se tramita a reparación da ponte

A reconstrución do tramo da senda peonil que une Tomiño e O Rosal danada polas inundacións do pasado mes de xaneiro comezarán en breve. As alcaldesas de ambos concellos, Sandra González e Ánxela Fernández Callís, e o xefe do Servizo Provincial de Costas do Estado en Pontevedra, Miguel García, visitaron este martes as zonas afectadas tras as intensas chuvias e as fortes crecidas do nivel do río Miño, nas que se produciron estragos de consideración.

Costas comezará en breve os traballos de reparación dos derrubos sufridos na senda peonil, sobre todo nos dous tramos antes e despois do seu paso sobre o río Tollo, un dos afluentes do Miño. Para a reconstrución empregaranse técnicas de bioenxeñería, xa que se trata de unha zona de actuación situada en espazos protexidos da Rede Natura 2000.

As obras de reconstrución consistirán na reposición do pavimento natural primitivo e no emprego de pilotes de madeira colocados no chan aos que se unirán franxas de vexetación viva para que se estableza un entramado de raíces e vexetación que axude a conter as marxes do río Miño. Os traballos incluirán ademais a renovación dos valos e dos bordes de madeira ao longo de toda a zona de reparación.

Por outra banda, Costas xa está a realizar os trámites necesarios para completar esta intervención coa reconstrución da ponte peonil de madeira sobre o río Tollo, xa que o estado actual no que se atopa interrompe a continuidade do itinerario desta senda que une a parroquia tomiñesa de Goián coa rosaleira das Eiras.

Concello de O Rosal


O Rosal recoñece a Manuel Armán cun premio por toda unha vida dedicada ao deporte

Foi durante a celebración do primeiro 'Encontro co deporte', un acto co que o Concello puxo en valor o traballo das bases deportivas rosaleiras

Grande acollida da primeira edición do 'Encontro co deporte', un acto organizado polo Concello do Rosal co que se buscaba recoñecer o gran traballo das bases deportivas rosaleiras. Ante o amplo público que se deu cita na Praza do Calvario deportistas protagonizaron unha charla coloquio dirixida polo xornalista deportivo Terio Carrera na que se puxo en valor o grande esforzo dos clubs e das e dos seus integrantes en diferentes disciplinas.

Durante o encontro, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, agradeceu a participación e apoio de todos os rosaleiros e rosaleiras que participaron no evento, "un acto moi emotivo co que queremos visibilizar e darlle todo o valor que merece ao deporte de base que se está a realizar no Rosal, unha actividade que non para de crecer no noso municipio e que permite aos nosos nenos e nenas e á nosa mocidade achegarse a uns valores moi importantes".

Nesta primeira edición do 'Encontro co deporte' a organización quixo recoñecer o gran labor realizado por Manuel Armán co premio por toda unha vida dedicada ao deporte. "Foi un apaixonado do balonmán, xogador e adestrador do Valinox Novás, e artífice dunha das páxinas máis notables da historia deste deporte en Galicia. E soubo facelo mentres transmitía o seu amor por este deporte non só aos seus fillos e sobriños, senón a toda unha xeración de xogadores e xogadoras", resalta a rexedora.

Ademais, o público puido desfrutar dunha charla co atleta David Gómez, primeiro deportista rosaleiro en competir nuns xogos olímpicos; coa atleta Eva Piñel, cun amplo palmarés ás súas costas; co xogador de balonmán Javi Díaz, porteiro con máis de 600 partidos na liga Asobal; coa futbolista Sara Álvarez, unha xoia de presente e de futuro convocada co combinado galego e estatal; e con Serafín Martínez, unha gran figura do ciclismo galego.

O encontro completouse ademais coa entrega de agasallos aos monitores e monitoras da base da Sociedade Atlética do Trega, do Club Ciclista O Rosal, da UD Ribera e do Valinóx Novás, todos eles con escola deportiva no Rosal. Ademais, tamén se fixo unha pequena exhibición de futgolf, unha fusión de fútbol e golf que dalgún xeito tivo as súas orixes no Rosal, así como unha exhibición enriba da bicicleta a cargo do campión brasileiro de Bike Trial Lima.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais