O Rosal volve encherse de deporte durante a Semana Santa. Máis de 240 nenos e nenas participarán esta semana no XI Torneo Infantil ORosalCup, unha nova edición deste xa tradicional evento deportivo organizado pola UD RIbera en colaboración co Concello, Deputación de Pontevedra, Real Federación Galega de Fútbol e Deporte Galego. Trátase dunha competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego no que se pon en valor o deporte base.
Xogadores e xogadoras nados en 2009 e 2010 van gozar desta cita anual que se disputará en dous días. O venres 7 de abril a partir das 15.30 horas celebrarase a fase previa, na que os clubs da comarca tentarán atopar o seu oco na final. Nestes encontros participarán a UD Ribera, o Sporting Guardés, o AD Tomiño e o Goián CF.
Xa o sábado 8 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarse ao equipos da máxima categoría galega e clubs portugueses que visitarán O Rosal para gozar dunha apaixonante xornada de fútbol. A fase final contará coa participación da UD Ribera do Rosal, do SC Braga luso, do UD Santa Mariña vigués, do CD Areosa de Vigo, o EF Portero 2000 de Pontevedra, o Pabellón Ourense CF e o CD As Pontes. A derradeira xornada comezará ás 09.00 horas e rematará sobre as 20.45 horas.
O CPI Manuel Suárez Marquier é un dos centros que acolle a proxección dun documental sobre o impulsor da xeografía moderna en Galicia
Será o mércores 12 a través dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra
Foi o impulsor da xeografía moderna en Galicia e a primeira persoa en elaborar un completo mapa do país, a súa Carta Xeográfica de Galicia. Foi Domingo Fontán, histórico matemático e cartógrafo galego, unha figura que agora se achega á mocidade rosaleira a través do Servizo de Patrimonio Documental de Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.
O alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier poderá coñecer a este persoeiro coa proxección do documental 'Fontán, o primeiro rostro de Galicia', que achega á mocidade cunha linguaxe sinxela o proceso que levou a Domingo Fontán a determinar a través da súa carta xeográfica a orografía de todo o territorio galego nunha época na que non existían as novas tecnoloxías. Foron 17 anos de traballo.
Así, o vindeiro 12 de abril ás 12.00 horas o estudantado coñecerá como foi o proceso que deu pé ao primeiro mapa moderno e rigoroso de Galicia, que sería base cartográfica de proxectos de ferrocarril e de estradas e fonde de elaboración doutros mapas. Deste xeito, O Rosal será un dos 10 concellos da provincia que poidan gozar desta peza audiovisual que inclúe entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía.
Organizará unha xornada de degustación gratuíta e aberta a todos os públicos amenizada con música e cunha exposición de José Luis Correa
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o deputado Santos Héctor visitaron as novas instalacións, financiadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
O Rosal estrea o vindeiro sábado 15 de abril o espazo gastronómico do Mercado, un lugar vivo co que dinamizar a vila apostando pola economía de proximidade. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor, visitaron as novas instalacións neste edificio anexo que "converterá ao mercado nun punto de encontro gastronómico e de lecer".
O espazo gastronómico 'Daordaria' recolle no seu nome as tradicións rosaleiras, xa que significa 'terra de cabaqueiros' na lingua que empregaban os traballadores deste sector para comunicarse entre eles. O espazo abrirá as súas portas o sábado 15 cunha xornada de degustación gratuíta para que a veciñanza poida xa coñecer os produtos que se van ofrecer "neste innovador recuncho que dará valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario".
A apertura ao público será en sesión vermú a partir das 12.00 horas nunha xornada que estará amenizada con actuación musical e coa exposición de escultura do rosaleiro José Luis Correa.
"Este novo lugar foi deseñado e nace coa idea de achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos das persoas consumidoras", recalcou a rexedora durante a visita.
O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, louvou o deseño do novo espazo do Mercado do Rosal e subliñou "a transformación integral que supón para o mercado tanto esta fase que permite contar cun espazo gastronómico como a anterior de rehabilitación, que teñen convertido este inmoble nun edificio moderno, adaptado ás distintas necesidades, accesible e sostible, que vai dinamizar de xeito especial o municipio do Rosal". Destacou a aposta do Goberno local por transformar integramente esta contorna a través do Plan Concellos e tamén a recuperación da Praza do Calvario, na que se sitúa, ao abeiro do Plan ReacPon, "que teñen convertido este punto neurálxico nun espazo vivo e con futuro".
Este novo bar gastronómico de case 200 metros cadrados protagoniza o novo espazo da ampliación do edificio do mercado, unha renovación que supón o colofón final do proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para a veciñanza como lugar de compra, de encontro e de goce do produto local.
O Concello do Rosal investiu nas obras de ampliación case 400.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As novas instalacións anexas, conectadas de forma directa co Mercado, compleméntanse con espazos de lecer, exposición, reunión e formación no primeiro andar.