JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Arce 'Perro Viejo' actuará no Espazo Feiral o sábado 15 nas Festas de San Telmo

O rapeiro compostelán conta con milleiros de seguidores e actuará xunto a DJ Mesu e DJ Enter dende ás 22h da noite no Espazo Feiral

No marco dos eventos musicais das Festas de San Telmo, Tui tamén contará cunha programación especialmente dedicada ao público máis novo. Arce 'Perro Viejo', DJ Mesu e DJ Enter ofrecerán o sábado 15 no Espazo Feiral de Tui un concerto que mesturará os versos do rapeiro compostelán e as mesturas destes dous disc-jóckeys que amenizarán a festa até a entrada da madrugada.

Arce é o nome artístico de Pablo Arce, rapeiro galego nado en Santiago de Compostela e que conta con milleiros de seguidores nas súas redes sociais. Dende o ano 2002 interpreta temas con rimas desenfadadas e ten publicados tres álbums de estudo, Luciffer, Pedigrí e Stand By, este último lanzado o pasado ano. No seu concerto en Tui cantará os seus temas máis importantes e o seu último lanzamento, o sinxelo Polbo, publicado este mes de marzo.

O encargado de abrir esa noite de festa e música urbana será o DJ galego Mesu. Adrián, que é como se chama este disc-jóckey, comezou a súa carreira profesional hai 8 anos 'pinchando' en discotecas galegas como Anubis ou Metropol en Tui. Dende entón, compartiu cabina con grandes da música electrónica como David Guetta ou Tom Boxer.

Pola súa banda, DJ Enter conta con máis 11 de once anos nas cabinas, sendo un referencia en Galicia coas súas residencias na Sala Queen e Dux Sanxenxo. Detaca a súa colaboración con "El Completo RD". Ten actuado en festivais coma H2O ou Sonorama Ribeira, así coma en cidades coma Ibiza, Madrid, Toledo e en distintos puntos do norte de Portugal. Será o encargado de por o fin de festa logo da actuación do rapeiro Arce, facendo bailar aos asistentes coas súas mesturas musicais até entrada a madrugada.

Concello Tui


Chans do Carrasco terá unha nova área lúdico recreativa

O espazo contará cun parque infantil renovado, unha zona de aparcamento delimitada e con novidosos elementos de xogo

O Concello de Tui avanza no proxecto da área lúdico recreativa de Chans do Carrasco, en Randufe, dando resposta á demanda que durante anos vén expresando a veciñanza. O proxecto fai fincapé na recuperación deste espazo, moi degradado na actualidade, nunha aposta por rehabilitar espazos públicos para a práctica do deporte ao aire libre.

Con este proxecto concílianse necesidades e mellórase o emprego deste espazo, desprazando a zona do parque infantil cara o lavadoiro, afastándoa dunha estrada altamente transitada ao ser a saída cara o Val Miñor. Intégrase así o valor patrimonial que ten o lavadoiro recentemente restaurado.

A temática do parque infantil será a seguridade viaria, xerando un pequeno circuíto para o desfrute e aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas. Asemade, os elementos do parque actual serán recuperados e empregados noutros espazos infantís que nestes momentos poidan atoparse en mal estado.

Introduce ademais elementos novidosos de xogo, adaptados a todas as idades e a todas as capacidades, sendo elementos educativos importantes tendo en conta a proximidade co centro escolar de Randufe.

Nun primeiro momento, procederase á retirada do mobiliario, luminarias e á preparación das superficies existentes de formigón. Posteriormente executarase a regularización e nivelación do terreo para a instalación de pluviais e rego segundo as necesidades. Unha vez concluídos os traballos no firme e no pavimento procederase a instalar os diferentes elementos lúdicos, de bancadas, das novas luminarias e dun tótem informativo.

O espazo está pensado para o desfrute de todos os membros da familia, con áreas de descanso biosaudables, espazo para bicicletas e zonas recuperadas para a práctica de deporte.

Neste momento o proxecto atópase no departamento de contratación para poder ser executado coa maior celeridade posible.

A proposta conta cun investimento total de 298.653,69 euros, dos que 287.648,750 serán aportados pola Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Concellos 2023, e os 11.004,94 restantes serán aportados polo Concello de Tui.

O Concello traballa no desenvolvemento de novos proxectos que se axusten á nova forma de entender eses espazos lúdicos recreativos atendendo aos criterios do Plan Ágora.

Concello Tui


As Festas de San Telmo escaparate da riqueza cultural, patrimonial, deportivo a gastronómica da cidade

A música será protagonista no programa a celebrar entre o 8 e o 17 de abril

Tradición, música, espectáculos familiares, gastronomía, deporte… forman parte da programación das Festas de San Telmo 2023 que se van celebrar do sábado 8 ao luns 17 de abril en Tui. O Paseo da Corredoira, onde se instalará unha carpa para as festas, a praza da Inmaculada, o Teatro Municipal, a rúa Compostela, e o Espazo Feiral, serán os principais escenarios das actividades previstas.

As festas foron presentadas esta mañá polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma as festas de San Telmo "son un dos eventos máis importantes da cidade e que nos singularizan". Detallou a aposta, que se mantén un ano máis, por descentralizar a actividade programada celebrando eventos ao longo de todo o entramado urbano. Dicía Enrique Cabaleiro que "as festas teñen que ser unha ventá aberta, un escaparate onde as distintas manifestacións de produción cultural do noso concello teñen que ter cabida". Aludía amais o alcalde a aposta por un pregón con carácter festivo, á creación e continuidade que se deu ao Premios Cidade de Tui, e a aposta por un libro de festas cunha coidada edición que cada ano se centra nunha temática e que "serve de escaparate do moito que temos que ofrecer". Este ano está dedicado a espazos emblemáticos do municipio, aos primeiros fotógrafos tudenses, e ao médico e filósofo Francisco Sánchez.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicou que nestas festas declaradas de Interese Turístico Galego "aunamos a música coma principal protagonista, a tradición, as artes escénicas, o teatro, a maxia, a animación na rúa, o deporte, a gastronomía" nunha programación que "é o reflexo da riqueza e da diversidade que ao longo de todo un ano xa ten o noso concello". Repasaba a continuación a concelleira de xeito pormenorizado todo que que poderemos disfrutar ao longo dos dez días dos festexos.

Así Nena Daconte, Rafa Sánchez, e o rapeiro Arce encabezan o cartel musical dos festexos cos concertos que ofrecerán no Espazo Feiral. Mentres na carpa situada no Paseo da Corredoira actuarán os grupos locais Amnesia e Ola de Calor o domingo 9, Old Bridge estará en concerto o venres 14, La Patrulla o sábado 15 e Los Jinetes del Trópico o domingo 16. Tamén na parte musical das festas contarase con Cé Orquestra Pantasma e as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo.

A música tradicional estará presente nos festexos co concerto do grupo galego Treixadura ofrecerá no Espazo Feiral o domingo 9 ás 20 h. O sábado 8 as bandas de gaitas Arume de Malvas e Lembranzas da Terra de Guillarei protagonizarán un desfile dende o Teatro Municipal até a Corredoira. O domingo 9 os grupos tudenses participarán no tradicional Festival Folclórico no Teatro Municipal no que dicía Sonsoles Vicente, amosarase a "diversidade e riqueza do folclore no municipio". Mentres o domingo 16 celebrarase o desfile exaltación do traxe tradicional.

As bandas de música populares actuarán tamén na carpa da Corredoira. Así a Banda de Música Popular Tui ofrecerá o seu primeiro concerto o domingo 9, e volverá actuar o domingo 16. A Municipal de Silleda estará en concerto o domingo 9, a Cultural de Salceda actuará o domingo 16, e a Popular de Rubiós e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín ofrecerán os seus concertos o Luns de San Telmo.

A orquestra Panorama será a encargada de pechar as festas no Espazo Feiral o luns 17, pero tamén actuarán nas verbenas a Orquestra Olympus, o grupo América, a Orquestra Los Satélites e Los Players.

O público familiar poderá gozar das actuacións de Paco Nogueiras, Migallas, o Rey Midas, Brais das Hortas, Patty Difhusa que actuarán polas tardes entre o martes 9 e o sábado 15 ás 18 h na carpa da Corredoira. Tamén participarán nas festas Barafunda Animación con "Aves de Paraíso" e Troula Animación con "Circo" con sendos pasarrúas o venres 14 e sábado 15.

Por outra parte as corais Ponte das Febres, do Centro Sociocomunitario e San Telmo actuará nas residencias San Telmo, Paz y Bien e no Centro de Día de Amoralia.

Coincidindo coas Festas de San Telmo celebrarase a décimo terceira edición da Semana de Teatro Amador que terá lugar entre o martes 11 e o venres 14 no Teatro Municipal coa participación dos grupos tudenses Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, A Insua de Caldelas e Aloia de Pazos de Reis

O Concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, presentaba as actividades deportivas previstas nas festas. Así avanzou que xa se superan as 800 persoas inscritas na Carreira Popular e Solidaria que se vai celebrar o sábado 15 organizada polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui e na que se recollerán alimentos para SOS Tomiño-Baixo Miño. A inscrición está aberta até o mércores 12 na web do club de atletismo. O domingo 16 celebrarase a Andaina de San Telmo que da man de AndaTui fará un percorrido de 8 quilómetros polo conxunto histórico partindo ás 10 h dende a Praza da Inmaculada de Tui. É preciso inscrición previa en andatui.es ou no 607 785 601.

Avanzou amais Rafael Estévez que de novo a Feira Cabalar se celebrará en dobre xornada, o domingo 16 e o luns 17, no barrio de San Bartolomeu. Xunto á actividade compra-venda, haberá concurso de saltos, exhibición concurso de enganche e de andadura galega, xincanas, poni club, paseos en carruaxe e o espectáculo ecuestre de Santi Serra Camps. Agradecía o concelleiro a colaboración neste evento da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu, Hípica Marcos, Amigos Cabalar de Ribadelouro, Equigalia, Protección Civil e Radio Municipal.

Ta el coma explicou a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, nas festas non faltará a cita coa gastronomía coa Festa do Meixón que dende mañá e até o luns 17 se celebra no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, e Parador de Tui. Nestes restaurantes poderase degustar unha tapa de meixón por un prezo de 79€ previa reserva no propio establecemento. E o sábado 8 e domingo 9 celebrarase o II Encontro de Viños da Raia coa participación dunha ducia de adegas das dúas marxes do Miño, postos de petiscos e actividades paralelas nas que participarán a enóloga tudense Susana Esteban, o cociñeiro Estrella Michelín Rafa Centeno, o sumiller Adrián Guerra, e no que se presentará o libro "A nación dos mil viños".

Tamén durante os festexos se conmemorará o décimo aniversario do acordo de irmandade co municipio alemán de Versmold cun acto institucional o luns 17 e a entrega dun banco da irmandade entre as dúas cidades.

Na fin de semana de San Telmo non faltarán os actos relixioso que culminarán coa tradicional e multitudinaria procesión do Santo luns pola noite. E para pechar os festexos deste ano dende os xardíns de Troncoso haberá unha tirada de fogos piromusicais.

Concello Tui


Do 1 ao 17 de abril celébrase a Festa do Meixón en sete restaurante tudenses

Dende o Concello apóstase por este festexo que pon en valor a gastronomía e hostalería local e que contribúe á promoción turística da cidade

Do 1 ao 17 de abril volverá celebrarse en Tui a Festa do Meixón. Dende o Concello apóstase por reeditar unha nova edición deste evento gastronómico que se volverá a celebrar en distintos restaurantes da cidade.

A Festa presentouse esta mañá no edificio da praza da Inmaculada por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, dos representantes das empresas subministradoras do meixón Rubén Estévez de Pesbami e Consuelo Fernández de Benítez Fernández SL, xunto a Paulo Manuel Barros do Asador Paulo, Pilar Alonso e Laura Méndez de El Molino, María Domínguez de O Novo Cabalo Furado, e Miguel Rodríguez e Emilio González do Parador, e de Olalla Ruibal da adega Edmun do Val.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembrou na presentación coma a Festa do Meixón conta cunha longa tradición de case 60 anos, un tempo no que pasou por moitos avatares. Enrique Cabaleiro sinalou que " é de crucial importancia seguir apostando por esta celebración dada a tradición que ten". Nese senso aludiu que precisamente esta cita gastronómica durante as festas patronais de San Telmo foi un dos motivos polo que estes festexos foron declarados de Interese Turístico Galego. O rexedor tudense engadía que amais o meixón "é un produto que se identifica moito con Tui coa súa historia, e é un elemento de posta en valor da propia gastronomía tudense e da propia hostalería". Por iso sinalaba que dende a " administración debemos seguir apostando e debemos seguir apoiando e contando coa implicación dos representantes da hostalería, porque a gastronomía forma tamén unha parte do que é o noso legado patrimonial intanxible e que tamén pon en valor a nosa cidade". Concluía indicando coma a gastronomía é un recurso de promoción turística importante "e non podemos olvidar que o turismo é unha das nosas principais fontes de desenvolvemento económico e social". Tamén sinalaba coma esta Festa "é un escaparate para a hostalería".

Pola súa parte a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, agradeceu aos restaurantes participantes "manter viva esta longa tradición na nosa cidade deste produto tan singular e que tanto nos identifica, que é xoia do noso río Miño".

Rubén Estévez e Pesbami, empresa subministrador do produto xunto a Benítez Fernández S.L., indicou coma "o meixón do Miño está catalogado coma o mellor meixón de España para os restaurantes", ao tempo que fixo fincapé na importancia de "continuar con esta festa que é moi importante para a zona". Sobre o meixón desta temporada salientou a súa calidade e explicou que, aínda que houbo algo máis de capturas que outros anos tamén se produciu unha maior demanda, o que provocou unha pequena alza nos prezos".

Tomou tamén a palabra a veterana cociñeira Pilar Alonso do Restaurante El Molino quen salientou que truco na preparación deste produto está na súa calidade, algo que o meixón do Miño cumpre con creces.

A Festa do Meixón 2023 celebrarase dende este sábado, 1 de abril, até o luns 17, luns de San Telmo no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, e Parador de Tui. Nestes restaurante poderase degustar unha tapa de meixón por un prezo de 79€ previa reserva no propio establecemento.

Concello Tui


A mesa do Camiño Portugués en Tui reuniuse para abordar os retos actuais

O gran desafío do sector é mellorar a calidade de atención por parte dos axentes implicados. Na reunión expuxéronse as boas expectativas para este ano 2023

A 29 de marzo tivo lugar unha nova sesión da Mesa do Camiño Portugués en Tui. Nela participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias, o director de Xestión do Xacobeo da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa, así como representantes da hostalería, a restauración, as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e da Igrexa.

O rexedor tudense realizou unha análise dos datos estatísticos sobre a afluencia de peregrinos na cidade tanto no ano 2022 e os datos dos primeiros meses deste ano 2023, que apuntan a un notable incremento no número de peregrinos polo Camiño Portugués. Por tanto, as expectativas para este ano son altamente positivas.

Enrique Cabaleiro informou sobre as actuacións que está realizando o Concello de Tui nos últimos meses en torno ao Camiño Portugués, como é a mellora da seguridade viaria na área da Virxe do Camiño. Tamén referiuse ás obras de humanización na rúa Antero Rubín e Coengo Valiño e ao inminente comezo das obras na Avenida de Portugal.

Anunciou tamén a redacción do proxecto para a mellora do Camiño da Barca, polo que vai a traza do Camiño a executar nos vindeiros meses, e comentou as diversas accións de promoción realizadas (presenza en Fitur, Foro do Camiño Portugués, exposicións, etc).

Tanto o representante da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa, como da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, comentaron os proxectos en marcha. No primeiro caso, a aprobación do novo Plan Director dos camiños en Galicia cun investimento de 140 M, e no caso da Deputación expuxo os diversos programas de actuación que inciden no Camiño especialmente para favorecer a súa mobilidade: Reacpon ou Plan Agora 2.

O responsable da xestión do grupo de facebook "Camiño Portugués. Tui", o xornalista Cristóbal Ramírez, fixo un balance do mesmo, que conta con 5.547 membros, que suma novos membros cada día. Unha das carencias detectadas nas primeiras sesións desta mesa, a escasa incidencia de Tui nas redes sociais, ten sido corrixida ao longo deste dous anos coa creación deste grupo de facebook.

Os e as representantes do sector turístico comentaron as positivas perspectivas da afluencia de peregrinos e peregrinas, pero tamén diversos temas que afectan ao sector: a proliferación de vivendas de uso turístico de carácter ilegal que supoñen unha competencia desleal, os problemas de comunicación de Tui, tanto por vía férrea como por autobús, etc.

O representante dos colectivos de amigos do Camiño incidiu en dous puntos: a necesidade de crear un paso de peóns na zona de Ribadelouro e amosou a súa inquietude pola dilación nas obras da Ponte das Febres. Finalmente, o representante da Igrexa comprometeuse tamén o seu compromiso a potenciar a atención aos peregrinos.

Ao termo destes debates, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou o seu agradecemento a todos e todas pola súa participación desta lexislatura que ten convertido a esta Mesa nun lugar de encontro entre todos os axentes implicados na xestión do Camiño Portugués en Tui. Este é o gran reto, sinalou o rexedor tudense, "e no que cómpre unha implicación de todo o sector que garanta o noso posicionamento no ámbito xacobeo e como destino turístico".

Esta Mesa foi creada, hai xa case catro anos polo Concello de Tui para realizar un seguimento deste importante tema para o sector turístico e económico da cidade. Esta mesa está integrada por representantes dos diversos axentes implicados na xestión do Camiño de Santiago, tanto públicos como privados.

Concello Tui


O Concello de Tui reactiva a campaña de prevención da velutina

A concellería de Medio Ambiente está instalando trampas en espazos públicos e ofréceas tamén para uso individual nas vivendas

O Concello de Tui reactivou este mes de marzo a campaña de prevención da vespa velutina, que nesta época do ano busca espazos onde asentar os seus niños. Por iso, e aínda que non sexa o tempo onde aparecen en máis fogares, é agora cando se establecen nun lugar para os meses de verán mentres a vespa raíña hiberna.

O pasado ano 2022 o Concello de Tui comezou con esta campaña de prevención porta a porta, ofrecendo un servizo de colocación de trampas nas vivendas. Ofrecíanse dúas doses, que servían para protexer durante medio ano. Así funciona a campaña deste ano, que tamén incidirá na protección de espazos públicos.

Así, a concellería de Medio Ambiente está colocando trampas en espazos de titularidade municipal, durante este mes de marzo e o de abril, e abren esta posibilidade a que Comunidades de Montes ou Asociacións de Veciños, que conten con espazos públicos de uso cidadán, poidan tamén pedilas.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, confirmaba o dato de que o pasado ano "se entregaron 100 trampas, que están localizadas para poder ter un control real da campaña". Agardan deste xeito acadar esta cifra, e incluso poder superala este ano, xa que estes meses son claves para previr a aparición de velutinas nos meses de máis calor.

Para solicitar unha das trampas pode contactarse co correo compostaxe@tui.gal ou medioambiente@tui.gal ou no teléfono 607 24 99 53. O Concello de Tui pide á cidadanía que se observa algún niño ou algunha velutina contacte o antes posible co 012.

Concello Tui


O II Encontro de Viños da Raia celebrarse o 8 e 9 de abril

Dez adegas participarán nesta cita. Contarase coa prestixiosa enóloga tudense Susana Esteban e cun showcooking de Rafael Centeno

Tui acollerá os días 8 e 9 de abril o II Encontro de Viños da Raia, un evento que pretende poñer de relevo o traballo que realizan as adegas e os viticultores e as viticultoras de ambos lados do Miño. Nun evento que pretende potenciar o enoturismo na zona.

A inauguración oficial será o sábado 8, ás 12 h, previa á lectura do pregón das Festas de San Telmo. O evento celebrarase, o igual que na súa primeira edición, na praza da Inmaculada, tendo como principal novidade a instalación dunha sala polivalente dentro dos antigos xulgados, que albergará diferentes actividades relacionadas co mundo do viño.

Participarán a Adega Corisca, de Tui; Adega do Vimbio, de Tomiño; Adega Edmun do Val, de Valença; Sergio Álvarez, do Rosal; Lagar Pedregales, de Tomiño; Adega do Ricón, de Arbo; Adega Pateira, do Rosal; Márcio Lopes, de Melgaço e Adega María Bargiela, de Salvaterra de Miño. Poderanse degustar os seus viños, a partir de 2,50€ a copa, acompañados pola oferta gastronómica de distintos postos de comida que ofrecerán petiscos coma xamón, queixo, patés, empanadillas…

Programáronse unha serie de actividades paralelas que se van celebrar tanto o sábado coma o domingo no interior do edificio da Praza da Inmaculada. Para as mesmas é preciso inscribirse gratuitamente na Oficina de Turismo ou en turismo@tui.gal até a xornada anterior ou esgotarse as prazas.

Así o sábado ás 19 h a prestixiosa enóloga tudense Susana Esteban presentará os seus viños "Aventura" e "Procura". Susana Esteban, Máster en Viticultura e Enoloxía pola Universidade de La Rioja, inicou a súa carreira coma enóloga en 1999, traballando para distintas adegas principalmente no Alentejo portugués. En 2012 recibiu o premio "Enóloga do Ano" pola Revista Vinhos, o galardón máis prestixioso que pode recibir un enólogo en Portugal. En 2009 emprendeu o seu proxecto persoal elaborando viños cun carácter diferente ao tradicional Alentejo.

Posteriormente ás 20.30 h presentarase o libro "A nación dos mil viños" de Martiño Santos, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla publicado por Edicións Laiovento. A "Nación dos mil viños" busca ser unha iniciación combinada á cultura do viño en xeral, á súa proba sensorial e o panorama concreto dos viños galegos.

Realiza un repaso descritivo pola xeografía vitivinícola galega actual acompañado polos elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño, xunto ás persoas produtoras e as marcas comerciais.

O domingo ás 12.30 h o cociñeiro Rafael Centeno, do restaurante Maruja Limón, posuidor dunha Estrella Michelín, elaborará receitas co río Miño como protagonista. Pola tarde, ás 19 h, o sumiller Adrián Guerra fará un percorrido polas distintas variedades de viño das marxes da "raia".

Esta segunda edición do Encontro de Viños da Raia celebrarase na primeira fin de semana das festas tras o éxito colleitado o ano pasado, apostando así pola posta en valor da gastronomía da zona.

Concello Tui


O Concello de Tui e a Confederación Hidrográfica do Miño Sil asinaron esta mañá o protocolo de colaboración para a senda río Caselas

Suporá un investimento de 935 mil euros e contemplará a recuperación de dous muíños, unha levada e a senda até Salceda

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o convenio que posibilitará a recuperación da senda do río Caselas.

Nunha primeira fase recuperarase o patrimonio etnográfico presente na zona, dous muíños e unha levada, e na segunda executarase a senda propiamente dita. Suporá un investimento de 935 mil euros. Arestora o proxecto está en fase de redacción, que sairá logo a licitación. Tras a adxudicación, as obras poderían comezar este verán.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu o compromiso do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, José Antonio Quiroga, "con este Concello e co medio natural". Lembrou como para o goberno que preside dende o inicio do mandato, a recuperación dos leitos fluviais "é unha prioridade". Nese senso, aludiu á recentemente colocada ponte sobre a desembocadura do río Louro, co que se cumpre "unha demanda histórica da cidadanía" así como o tramo de senda entre a praia da Metralla e a praia de Areeiros, tamén en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

Por outra banda, indicaba que a Deputación de Pontevedra está executando o tramo de senda entre a praia da Mariña e a da Metralla e aludía tamén o alcalde de Tui ao traballo que se está a realizar na senda do río Furnia.

Salientaba ademais Enrique Cabaleiro coma, co convenio asinado hoxe, se recuperará a senda do río Caselas. Algo que é posible "grazas á planificación realizada dende o Concello e polo compromiso do presidente da Confederación", motivo polo que o convidou a asinar no libro de honra do Concello de Tui.

Pola súa banda o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga sinalou que "poñemos en marcha hoxe a recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico e fluvial do río Caselas ao seu paso polo Concello de Tui". Detallaba as accións a realizar na zona da desembocadura "coa recuperación de dous muíños, do Medio e da Seña, pero tamén a recuperación e restauración da antiga levada augas abaixo destes dous muíños, "creando un zona medioambiental e, etnográficamente falando, moi transcendente e importante". Engadía José Antonio Quiroga que nunha segunda fase, recollida tamén neste convenio, contémplase unha senda de 2.100 metros até o límite con Salceda.

Concello Tui


O Concello de Tui entregou hai uns días o composteiro número 500

Estase levando a cabo unha campaña porta a porta nas parroquias para incentivar a compostaxe

Tui acada o medio millar de composteiros individuais entregados ao longo do termo municipal. Hai uns días eran dúas persoas de Randufe as que recibían o composteiro número 500 dentro da campaña "Cada fogar co seu composteiro". O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, fixo a entrega deste composteiro facendo fincapé na importancia de reducir o lixo que vai ao contedor verde, e reciclar a maior parte posible do mesmo, neste caso os restos orgánicos.

A mestra composteira, Sara Luque, explicou a este noso usuario do Plan Municipal de Compostaxe, que restos se poden depositar no composteiro, a importancia do estruturante, e o proceso que se debe seguir. Fíxolle entrega tamén dun pequeño agasallo para fomentar a reutilización e a reciclaxe, e para premiar esta cifra de 500 composteiros acadada polo Concello de Tui.

Nas última semanas estase levando a cabo unha campaña porta a porta para incentivar a compostaxe e entregar composteiros individuais que se realizou xa en Pazos de Reis e Rebordáns, e continuará nas outras parroquias tudenses.

Asemade as persoas que viven nun piso no centro urbano poden compostar depositando os restos orgánicos nalgún dos seis Centro Comunitarios de Compostaxe situados na traseira e no lateral do Edificio Francisco Sánchez, na rúa Ourense, a carón da praza de Abastos, na rúa Mártires de Sobredo, e na rúa Tenencia.

As persoas interesadas en obter, de forma gratuíta, un composteiro individual ou un caldeiro para a compostaxe comunitaria, poden solicitalo no correo compostaxe@tui.gal ou no teléfono 687 24 99 53.

Concello Tui


A tradicional Feira Cabalar de San Telmo celebrarase durante dous días

Será o domingo 16 e o luns 17 de abril, Luns de San Telmo, en San Bartolomeu con concursos, exhibicións, espectáculos, xincanas e premios aos participantes

A Feira Cabalar das Festas de San Telmo 2023 volve este ano a celebrarse durante dous días. Será o próximo domingo 16 e o luns 17 de abril, Luns de San Telmo, en San Bartolomeu.

Dúas xornadas nas que poderá desfrutarse do deporte hípico, da afección polo mundo dos cabalos e dunha romaría popular que congrega a miles de tudenses e visitantes cada ano.

O domingo día 16 o programa arrincará ás 10:30 h coa Copa San Telmo de Horseball, unha mestura entre baloncesto, rugby e polo. Ás 12:30 h será a quenda do concurso de saltos, con salto de potencia de altura libre, e ás 14:00 h comezará o xantar popular. Xa pola tarde, ás 17:00 h terá lugar unha Exhibición-Concurso de enganche con limoneras, troncos, ponis, novel e children. Ás 19:00 h porá fin á xornada un espectáculo ecuestre da man de Santi Serra Camps, adestrador de cabalos en liberdade con case 20 anos de experiencia.

Xa o luns 17 de abril, Luns de San Telmo, abrirase a feira ás 8:00 h coa compra e venda de gando cabalar. Ás 10:00 h está prevista unha exhibición de Andadura Galega e unha hora despois haberá unha xincana para nenos e nenas e, ás 12:00 h, para público adulto. Ás 13:00 h terá lugar a entrega de Premios Especiais, con galardóns ao Mellor Xinete, Amazona, Cabalo, Poni, Carruaxe, Burro, Mula, Xinete máis xove e Amazona máis xove. Tamén se entregaran premios ao Tratante con máis Cabezas, Burros, Ponis e Cabalos. Ás 13:30 h pecharase a Feira deste ano, de novo, co espectáculo ecuestre de Santi Serra Camps.

Durante toda a Feira Cabalar, ofrecerase Poni Club (bautismo hípico para nenos) de xeito gratuíto. Ademais porase a disposición dos asistentes un carruaxe para paseos, tamén gratuíto.

PROGRAMA

- Domingo 16
o 10:30 h - Horseball - Copa San Telmo
" Triangular de Sub21
" Doble Sub 13 - Copa San Telmo
o 12:30 h - Concurso de Saltos
" Salto de potencia altura libre
o 14:00 h - Xantar popular
o 17:00 h - Exhibición Concurso de Enganche
" Limoneras, Troncos, Ponis, Novel, Children
o 19:00 h - Espectáculo ecuestre
" Santi Serra Camps

- Luns 17, Luns de San Telmo
o 8:00 h - Apertura da Feira
" Compra e venda de gando cabalar
o 10:00 h - Exhibición de Andadura Galeg
o 11:00 h - Xincana Paralela nenos
o 12:00 h - Xincana Paralela adultos
o 13:00 h - Entrega de Premios Especiais
" Premio Mellor
" Xinete, Amazona, Cabalo, Poni, Carruaxe, Burro, Mula, Xinete máis xove, Amazona máis xove
" Premio Tratante
" Con máis Cabezas, Burros, Ponis e Cabalos
o 13:30 h - Espectáculo ecuestre
" Santi Serra Camps

Concello Tui


Nena Daconte e Rafa Sánchez abrirán musicalmente as festas de SanTelmo

Estarán en concerto no Espazo Feiral o sábado, 8 de abril, ás 22 h

Tui. Domingo, 26 de marzo de 2023.

Nena Daconte e Rafa Sánchez abrirán musicalmente as festas de San Telmo o próximo sábado, 8 de abril, ás 22 h no Espazo Feiral na rúa Mártires de Sobredo. Estes dous destacados artistas do panorama nacional presentarán un espectáculo musical no primeiro día dos festexos patronais de Tui. A entrada será gratuíta.

O público asistente gozará dun evento de gran calidade artística no que se fusionarán os grandes éxitos de ambos artistas.

Tras máis de tres décadas formando parte de La Unión Rafa Sánchez no seu directo ofrecerá grandes temas da banda coma 'Lobo hombre en París' ou 'Maracaibo' xunto aos novos temas que ten composto como 'Vístete princesa'.

Un imprescindible no concerto será 'Tenía tanto que darte' de Nena Daconte xunto a outros temas da súa carreira coma 'El Aleph' e os temas do seu novo disco 'Casi Perfecto' como 'Despiértame, Madrid' e 'Detrás de cada luz' que presenta esta primavera.

O público poderá gozar do directo destes dous grandes artistas no que vai ser o primeiro gran evento musical das festas de San Telmo 2023.

En breve darase a coñecer o cartel completo de concertos que se poderán gozar durante os festexos patronais de Tui, declarados de interese turístico galego.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais