JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O BNG pide explicacións ao goberno polo uso que o PP fai dun "presunto acto informativo" en Tomiño ao cargo do propio responsable de decidir ás axudas para o sector empresarial

Denuncia a utilización de subvencións como "ferramenta electoral" e posible "coacción" ao empresariado do sector e cualifica a "charla informativa" de José Balseiros como "unha nova mostra da intención do PP para obter réditos electorais, a través da Xunta"

O BNG rexistra no Parlamento galego diversas preguntas ao goberno ante o anuncio do Partido Popular de Tomiño de celebrar unha "charla informativa" dirixida a empresarios do sector gandeiro e industrias agroalimentarias, impartida por un "especialista en axudas e oportunidades para o sector primario" cando en realidade, o mencionado especialista é o propio Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, titular do departamento encargado de decidir as devanditas axudas.

Para o BNG, o PP está incorrendo "nun uso intolerable" da súa función como goberno e provocando unha "grande preocupación no sector" ante unha invitación a un acto informativo cuxo ponente é o responsable de decidir as axudas ás empresas.

"O propio Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias convida ás empresas que puideran ou non ser beneficiarias destas axudas". Este proceder, a xuízo do deputado nacionalista, Manuel Lourenzo, pode incorrer en "coacción" e, lonxe de informar ao sector empresarial, busca "empregar como ferramenta electoral as axudas ás que lexitimamente poderían acceder as empresas", denunciou.

Por outra parte, o BNG tamén recriminou a utilización no cartaz do Partido Popular como imaxe representativa do sector gandeiro e agroalimentario, onde aparece un viveiro de hortensias, que en si mesmo debería poñer en cuestión a "autodefinición de especialista" que se atribúe.

O BNG recalcou que o verdadeiramente interesante sería que José Balseiro acudira a Tomiño como Director Xeral para dar explicacións ao sector de por que a Xunta leva 30 anos sen entregar os títulos da concentración parcelaria no municipio. Por outro lado, tamén lle pide que aclare que accións ten levado a cabo a Xunta de Galicia en algo tan importante para o sector como a mobilidade de terras, ademais de desmantelar o banco de terras nada máis chegar ao goberno autonómico.

BNG Tomiño


O Concello investiu 1,1 millóns de euros na mellora das instalacións deportivas de Tomiño

O Goberno municipal acometeu intervencións na Área Deportiva do Mosteiro, nos campos de fútbol do Alivio ou Lito Oliveira ou no pavillón de deportes de Goián

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta estratéxica polo deporte no municipio, tanto polos clubs consolidados e polos deportistas individuais como polo deporte de base. Neste camiño, o Goberno municipal investiu 1,1 millóns de euros nas diferentes instalacións deportivas do concello, espazos que cada día son empregados por centos de deportistas tomiñeses e tomiñesas das máis variadas disciplinas, dende fubtol ata judo, piragüismo, patinaxe, boxeo, skate, calistenia, tenis ou atletismo, entre moitas outras.

"O deporte é fundamental para a vida. É saúde, compañeirismo, amizade... é son valores importantísimos para os nosos cativos e cativas", salienta a alcaldesa, Sandra González. "Queremos que nenos e nenas vexan na actividade deportiva un espazo de desenvolvemento do seu futuro, por iso dende o Concello facemos un esforzo especial para que Tomiño dispoña dunhas instalacións boas, versátiles e melloradas de forma continua", recalca a rexedora.

O Concello investiu máis de 430.000 euros en diferentes intervencións para reformar o Campo de Fútbol O Alivio, no que se colocaron novas torres de iluminación con focos LED de baixo consumo, instalouse céspede artificial, melloráronse bancadas e escaleiras e reformáronse os vestiarios, con máis duchas, chan novo ou termos eléctricos de maior capacidade.

O Campo de Fútbol Lito Oliveira tamén conta con céspede novo e con outras melloras "realizadas contando cos usuarios e usuarias, xa que son eles e elas as que mellor nos poden contar o que precisan para que dende o Concello sigamos investindo en xuventude e deporte". En total, foron máis de 206.000 euros. Tamén se procedeu ao cambio de céspede no Campo de Fútbol da Carballa, ademais de instalarse un novo marcador e paneis solares ou mellorar os vestiarios.

O Complexo Deportivo do Mosteiro foi outra das instalacións deportivas nas que se acometeron diferentes intervencións, como nas pistas de atletismo, nas pistas de tenis e nas pistas polideportivas de uso compartido para deporte escolar e para o público xeral en horario non lectivo. Foi a este espazo onde o Concello trasladou as instalacións de calistenia, reubicándoas así nun emprazamento máis axeitado para a realización deste deporte, algo que viñan demandando as persoas practicantes deste deporte.

A pista de skate de Goián foi tamén unha clara aposta do Goberno municipal por outras actividades deportivas. Un investimento de máis de 200.000 euros para a creación deste skatepark que, dende a súa apertura, permitiu crecer á comunidade de usuarios e usuarias que practican deportes como skate, scouter, BMX... Estas instalacións son un claro exemplo "da importancia da captación de fondos externos como os da Deputación de Pontevedra para seguir mellorando os espazos deportivos de Tomiño", como explica o concelleiro de Deportes, Francisco Campo.

Por outra banda, tamén se realizaron importantes obras de reforma no pavillón deportivo de Goián, cambiando completamente as instalacións de fontanería, que se atopaban moi deterioradas, cambiando luminarias e mellorando os vestiarios. Ademais, o Goberno municipal investiu arredor de 193.000 euros no cambio de piso e de luminarias do pavillón da Carballa.

A petición do Club Deportivo Miño-Teixugos leváronse a cabo a reparación de danos da cuberta e pintado da sede, preparación de baños, cambio de portas, instalación de pechadura automática..., ampliando así as instalacións de adestramento coa adecuación do edificio de Aduanas para que as e os deportistas contaran cun espazo de adestramento cuberto para os días nos que non sexa posible saír ao río.

Concello Tomiño


Máis de 170 nenos e nenas de primaria achéganse á loita en Goián

Alumnado de centros escolares de Tomiño, Salceda de Caselas e Gondomar participaron nunha xornada deportiva coordinada por Agrudebam

Achegar a rapaces e rapazas a diferentes deportes. Ese é un dos obxectivos da Asociación Deportiva Baixo Miño, Agrudebam, que este xoves reuniu no pavillón de Goián a máis de 170 nenos e nenas de 4º de primaria de Tomiño, Gondomar e Salceda de Caselas nunha competición de loita.

Na xornada participaron todos os centros escolares tomiñeses: o CEIP de Sobrada, o CEIP Plurilingüe de Tebra, o CEIP Barrantes, o CEIP Pintor Antonio Fernández e o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán. Ademais, ata as instalacións deportivas tamén se desprazaron para participar alumnos e alumnas do CEP Altamira de Salceda de Caselas, así como do CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar como convidados e convidadas.

Durante a mañá cativos e cativas puideron desfrutar desta modalidade deportiva nunha competición simultánea en catro lonas con variadas e divertidas probas por equipos. Así, unha das actividades que puntuaba era conseguir 'Dar a volta á tortilla', unha proba na que un dos ou das competidoras tiña que tentar darlle á volta completamente á persoa contrincante, que estaba colocada boca abaixo sobre a lona.

As e os participantes tamén loitaron de xeonllos no tapiz agarrados polos cóbados tentando derrubar á persoa rival sen soltar o agarre, xogaron a roubar un balón de baloncesto usando só as palmas das mans e pelexaron para expulsar ao compañeiro ou compañeira do tapiz cun escudo acolchado, empurrando á ou ao contrincante ata botalo do círculo marcado no chan.

Tamén xogaron a atrapar a cola do cabalo, unha proba na que as e os participantes saltan á lona cunha cinta colgada que o rival ten que tentar coller sen saírse do círculo nin agarrar ao contrincante pola roupa. As lista de probas da xornada remataba co Sogatira, unha actividade na que dous equipos de catro participantes cada un tiñan que agarrar unha corda e tirar dela ata conseguir que o equipo rival cedese terreo e acabara pisando unha liña horizontal debuxada no chan.

Concello Tomiño


O escritor J. Benito Fernández presenta en Tomiño a biografía definitiva de Leopoldo M. Panero, poeta maldito

O acto será este sábado 1 de abril ás 12.30 h no Hotel Nova Colina e contará coa participación do xornalista Fernando Franco

Leopoldo María Panero ocupa un espazo singular na poesía española contemporánea pola súa obra pero tamén pola súa notable proxección pública. Unha vida que o escritor tomiñés J. Benito Fernández recolle no seu libro 'El contorno del abismo. Vida y leyenda de Leopoldo María Panero', unha rigorosa biografía do coñecido como poeta maldito da literaturas española contemporánea que esta fin de semana o autor presenta no seu Tomiño natal.

O acto será este sábado 1 de abril ás 12.30 horas no Hotel Nova Colina nunha charla que contará tamén coa presenza e participación do xornalista Fernando Franco. "Non hai nada que me faga máis ilusión que presentar este libro no meu concello, entre amigos, familiares e veciñanza", comenta Fernández. Esta presentación está organizada polo Club de Lectura da antiga asociación sociocultural SenRaia.

O tomiñés presentará ante o público unha minuciosa biografía na que reconstrúe a vida e lenda de Panero tras case tres anos de investigación e documentación. Polas súas páxinas desfilan a infancia do poeta entre Madrid e Astorga e as súas relacións familiares, pero tamén se amosa a condición de membro da xeración dos chamados 'novísimos', a repercusión da súa obra, a súa adicción ás drogas e ao alcohol, os seus xogos coa política e a súa relación coa loucura, que o levou a pasar boa parte da súa vida en sanatorios mentais. Pero tamén fala da vocación transgresora de Leopoldo María Panero, as súas iluminacións visionarias e a súa personalidade sempre en conflito, ao borde do abismo.

"Todas as biografías son complicadas e requiren de moita paciencia e de moitos anos de investigación para ser capaces de facer unha fotografía fiel do personaxe", explica J. Benito Fernández. Unha complexidade aínda maior neste caso "xa que ao tratarse dunha persoa psicótica pouca axuda tiven pola súa parte á hora de recoller información". Pero se de algo entende o escritor tomiñés é de paciencia: o seu vindeiro libro sobre a figura de Juan Benet, que sairá publicado en outubro, supuxeron 7 anos de investigación. "Todas as biografías ocultan algo de dificultade, por iso en España hai tan pouca tradición biográfica e somos poucos aos que nos apaixona dedicarnos a isto", explica Fernández.

O acto será aberto a toda a veciñanza, á que se convida a gozar desta historia na que J. Benito Fernández va máis alá do endemoñado mundo familiar de Panero, que deu lugar a dúas películas. Ao retrato intimista do poeta, narrador, prologuista, tradutor, derrotado e enfermo, Fernández superpón o fondo dunha España inhóspita, opresora e posiblemente non menos enferma.

Concello Tomiño


O Concello realiza unha diagnose sobre igualdade e violencia de xénero nos centros educativos de Tomiño

O 30 de marzo realizarase un foro participativo con representantes das ANPAS, centros de ensino, OMIX e Voces Novas

A información tamén se recolle a través de entrevistas persoais e dunha enquisa en liña

O Concello de Tomiño aposta pola igualdade en todos os eidos. Por este motivo, vén de poñer en marcha un estudo-diagnose sobre igualdade e violencia de xénero nos centros de ensino tomiñeses, unha iniciativa que pon o foco de atención na realidade da comunidade educativa tendo en conta todos os niveis formativos, dende infantil, primaria, secundaria ou bacharelato ata a FP Básica e os ciclos formativos.

"A igualdade de xénero e a prevención da violencia machista é para nós motivo de inquedanza, por iso continuamos traballando para poder facer unha labor de sensibilización e visibilización", sinala a alcaldesa, Sandra González. Para a rexedora é fundamental "investir os recursos que temos de forma intelixente, por este motivo é moi importante facer unha diagnose que nos permita coñecer a realidade social e descubrir ángulos cegos para poder desenvolver iniciativas diana e proxectos que vertebren un cambio real e evidente".

A primeira fase permitiu a recompilación de información de forma directa a través de entrevistas persoais con representantes de igualdade das ANPAS, dos centros educativos, da OMIX de Tomiño e da asociación de mocidade Voces Novas. Unha iniciativa que dá un paso máis alá coa celebración este xoves 30 dun foro participativo no salón de plenos do Concello con todas e todos estes representantes para seguir debullando a realidade da comunidade educativa.

Esta participación esténdese a familias, ANPAS, persoal técnico do Concello, persoal docente e alumnado a partir dos 12 anos de idade a través dunha enquisa en liña coa que poden achegar a súa visión sobre a igualdade tanto nas aulas como fóra delas.

Unha vez analizada toda a información recollida nos foros, nas entrevistas e a través da enquisa "teremos unha fotografía real que nos permitirá deseñar e levar a cabo nos centros educativos intervencións o máis enfocadas posible ás problemáticas reais, acadando así resultados de alto calado cara a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero", salienta a alcaldesa. O informe final recollerá diferentes liñas de actuación que permita traballar nas eivas detectadas a través da diagnose.

Concello Tomiño


A Eurocidade Cerveira-Tomiño une á mocidade a través da música

Arranca a actividade Música Nova, un dos proxectos elixidos nas votacións dos Orzamentos Participativos Transfronteirizos 2023

Aberta a inscrición para toda a rapazada de 12 a 30 anos interesada

A mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño estará máis unida que nunca grazas á música. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar en Música Nova, un dos proxectos elixidos pola rapazada de ambos os dous concellos nas votacións do Orzamento Participativo Transfronteirizo para este ano 2023.

Dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, a Eurocidade organizará ao abeiro deste programa interesantes actividades coa música como eixo central entre o 1 de abril o 6 de maio, en distintos puntos de Tomiño e Cerveira. Así, rapaces e rapazas poderán participar en talleres de capacitación na carreira profesional, con temas como como comunicar un proxecto de música, achegarse á improvisación, fabricar instrumentos con material de refugallo, facer un rider técnico ou crear efectos especiais sonoros para filmes.

Tamén haberá miniconcertos de rúa e ensaios con diferentes estilos musicais, ademais de ter a oportunidade de conversar con músicos profesionais de Galiza e Portugal.

A actividade rematará cun espectáculo final no Auditorio municipal de Goián, baseado na identidade compartida en torno ao Río Miño, "O Miño que une", un gran concerto o vindeiro 6 de maio protagonizado polos mozos e mozas participantes no proxecto. O obxectivo deste programa de actividades é "propiciar a implicación da mocidade da Eurocidade en actividades musicais conxuntas, procurando a divulgación da tradición e a aprendizaxe de novos estilos musicais, ademais de promover o espazo público para a divulgación e o intercambio cultural e xeracional".

Para participar non é imprescindible ter coñecementos musicais. Os mozos e mozas interesadas poden inscribirse a través da web da Eurocidade Cerveira-Tomiño, escollendo tantas actividades como lle interesen. Dado que algunhas delas contan con prazas limitadas, cando finalice o prazo de inscrición enviarase confirmación de horarios e actividades nas que poderá participar cada persoa inscrita.

Música Nova forma parte do proxecto de consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado ao 75% pola 6ª Convocatoria do programa INTERREG VA ESPAÑA PORTUGAL (POCTEP) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais