JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello do Rosal amosa a súa boa saúde tras o peche con balance positivo do orzamento de 2022

Cerrou o ano pasado cun remanente de tesourería de máis 1,4 millóns de euros, unha cifra aínda superior ao do exercicio de 2021

As contas reflicten a boa xestión do Goberno municipal

O Concello do Rosal goza de boa saúde económica. O Goberno municipal aprobou este xoves en pleno a liquidación do orzamento para o ano 2022, que se pechou cun balance económico moi positivo. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o gran resultado acadado a nivel orzamentario o exercicio pasado, que se pechou cun remanente de tesourería de 1,4 millóns de euros, por riba dos 1,2 millóns de euros de remanente de tesourería xa acadados no ano 2021.

"Estas contas reflicten a economía saneada coa que conta o Concello do Rosal grazas á capacidade de xestión do equipo de Goberno, xa que non só conseguimos manter os niveis económicos do ano anterior, senón incrementalo", resalta a rexedora. Como sinala Fernández Callís, "dende o Goberno municipal preocupámonos de investir ao longo do ano ese remanente positivo en proxectos transformadores que permiten recuperar o financiamento captando fondos externos de diferentes administracións".

Outro dos indicadores deste bo momento da economía do Rosal é o resultado orzamentario axustado, que supera os 820.000 euros e que indica que os ingresos ordinarios son superiores aos gastos ordinarios rexistrados "e que o Concello ten recursos suficientes para facer fronte a actividade municipal".

Estes datos compleméntanse co balance de aforro neto positivo, que no 2022 foi de case 510.000 euros, o que permite determinar que o Concello rosaleiro ten capacidade suficiente para financiarse.

Concello de O Rosal


O Rosal recibe o vindeiro 3 de abril a visita dunha unidade móbil de doazón de sangue

Estará situada na rúa Ramón Franco, 4, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas

O Rosal prepárase para Semana Santa coa visita unha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 3 de abril para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. Como ven sendo habitual, o autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Cómpre lembrar que aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue extraída, recoméndase a todas as persoas non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos pon a disposición da veciñanza un número de teléfono gratuíto, o 900 100 828, para consultar dúbidas sobre a doazón de sangue ou sobre a localización das unidades móbiles.

As doazóns feitas nas unidades móbiles son procesadas e analizadas nas dependencias centrais da Asociación Galega de Doazón de Sangue e Órganos, grazas ao que é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano. É importante lembrar que os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...

Concello de O Rosal


O Concello porá o nome de Juan Manuel Castro Martínez á Casa de Oficios

Será aprobado en pleno este xoves pola Corporación municipal, que tamén se sumará á campaña da Iniciativa Lexislativa Popular a prol da regularización extraordinaria de persoas migrantes

O Concello do Rosal celebra este xoves 30 de marzo ás 20.30 horas unha nova sesión plenaria na que se aprobará poñerlle o nome do ex xefe de obras do Concello, o xa xubilado Juan Manuel Castro Martínez, á Casa de Oficios. Trátase dunha iniciativa que busca "recoñecer o intenso traballo polo servizo público e o gran legado que deixou Juan no noso Concello, onde desempeñou as súas tarefas durante máis de 29 anos, nos que sempre estivo disposto a botar unha man e colaborar", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

"Foi un gran traballador e unha gran persoa que sempre está dispoñible e activo para o que se precise. Por iso parécenos digno merecedor deste pequeno recoñecemento por parte do Concello do Rosal, o seu Concello, onde é un vello gran coñecido para moita xente", destaca a rexedora.

Por outra banda, durante o pleno a Corporación municipal tamén aprobará o apoio á campaña da Iniciativa Lexislativa Popular 'Esenciales' para a regularización extraordinaria das persoas migrantes en situación administrativa irregular en España. Integrado por ducias de colectivos e redes migrantes organizadas e entidades sociais de diferente índole, o que busca esta iniciativa é regularizar ás entre 290.000 e 470.000 persoas sen papeis residentes en España, un terzo deles menores de idade. Como destaca este movemento popular, a irregularidade "é unha condena á explotación laboral, á invisibilidade ante as institucións, á desprotección xurídica e á exclusión de servizos públicos esenciais como a educación ou a sanidade".

Coa aprobación desta moción o Concello do Rosal comprométese a promover a concienciación popular e a apoiar a recollida de sinaturas, así como a intensificar o seu compromiso cos dereitos e liberdades da veciñanza e coa loita "por unha cidade e unha sociedade máis xusta, equitativa, inclusiva e democrática".

Concello de O Rosal


O Rosal estrea grupo de voluntariado de limpeza da natureza

A primeira saída será este domingo 2 de abril ás 10.00 horas pola contorna das Aceñas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 29 de marzo

O Rosal estrea esta fin de semana o seu grupo de voluntariado de limpeza da natureza cunha saída coa que seguir coidando a contorna. "É moito máis que un xesto, participar en iniciativas como esta ten un impacto moi positivo no noso concello ao tempo que fomentamos a concienciación e participación activa da veciñanza no coidado do noso medio ambiente e gozan de tempo de lecer en espazos naturais", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A actividade desenvolverase o vindeiro domingo 2 de abril a partir das 10.00 horas co muíño das Aceñas como punto de encontro. Será a primeira actividade nesta zona da ribeira, na que as e os participantes irán recollendo o diferente lixo que se vaia atopando na contorna.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao Concello ou enviando un correo electrónico a conserxe@orosal.gal especificando nome, apelidos, documento de identidade e número de teléfono de contacto. Todas as persoas inscritas contarán cun seguro de participación na actividade. Aquelas persoas que non se inscriban e queiran formar parte desta saída poderán facelo pero baixo a súa responsabilidade. A data límite de inscrición é o mércores 29 de marzo.

Recoméndase levar roupa e calzado cómodos para camiñar duante a actividade, así como luvas. Dende a organización levaranse bolsas para a recollida e luvas para aquelas persoas que non leven as súas propias.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais