|
Presentación do documental "Os curros de Oia" este domingo en Torroña
O Concello de Oia presenta este domingo 2 de abril o documental "Os curros de Oia", unha peza audiovisual na que diversos veciños vinculados con esta tradición achegan os seus testemuños e vivencias. A proxección, aberta a toda a veciñanza, desenvolverase ás 17.00 horas nas Escolas de Torroña.
O documental foi elaborado durante a tempada de curros do pasado ano e recolle os testemuños de diferentes xeracións de veciños vinculados con esta antiga tradición da Serra da Groba. Está dividido en tres partes (unha por curro: A Valga, Torroña e Mougás) e ten unha duración total de media hora. Foi dirixido e editado pola presentadora, actriz e directora galega Cristina Maró (Quemasver), que xa ten traballado con anterioridade noutros audiovisuais arredor do patrimonio e a paisaxe do municipio, como é o caso dos contidos da serie Doc Way dedicados a Oia.
O filme sobre os curros de Oia, no que se recollen declaracións e vivencias narradas polos seus propios protagonistas, coa expresión oral do galego da zona e o vocabulario específico do mundo dos curros, tivo un custo total de 6.001,60 euros. Foi elaborado ao abeiro das subvencións para a Promoción do Uso da Lingua Galega da Xunta de Galicia (que concedeu 2.100,56 euros) e das axudas á Dinamización da Lingua Galega da Deputación de Pontevedra (que concedeu 2.923,75 euros).
O pleno do Concello de Oia rexeita por unanimidade as instalacións de eólicos mariños
A Corporación Municipal de Oia aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado este xoves o seu rexeitamento a proxectos de instalación de parques eólicos mariños na súa costa.
Os grupos políticos municipais subscribiron unha moción presentada pola Confraría de Pescadores "Santa Tecla" da Guarda na que, ante a situación actual e prevista coa posible implantación de varios polígonos de eólica mariña na costa en virtude dos POEM aprobados polo Goberno de España, solicitaba ao Concello de Oia que mostrase o seu rexeitamento como municipio afectado. A iniciativa plenaria manifesta que estes plans son "o maior ataque histórico á pesca e aos ecosistemas mariños", cualificándoos de "ecocidio" e "pescacidio" e advirte de que "poden poñer en risco o modo de vida de miles de pescadores e xente do mar".
Ante esta situación o pleno, co apoio dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG, acordou "rexeitar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM)" e solicitar a dimisión da ministra Teresa Ribera, dando traslado do acordo adoptado ao Ministerio e Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
A moción advirte de que "só na Demarcación Noratlántica hai máis de 300 caladoiros de pesca identificados e moitos deles son invadidos por estes espazos reservados polo Goberno para a eólica mariña". Segundo engade, diferentes especies peláxicas coma a anchoa, a sardiña, o bonito, a xarda ou o xurelo "móvense constante por toda a plataforma continental que pretende encher de aeroxeradores".
O Concello de Oia rehabilitará a Praza de Abastos
O pleno aprobou hoxe o proxecto, que dotará ao municipio dun novo espazo de uso público
Desde hai máis dun ano o Concello de Oia vén dando pasos para avanzar no proxecto de reforma da Praza de Abastos, que permitirá a Oia contar cun novo espazo de uso público situado nunha zona estratéxica do municipio, en pleno centro, a carón da farmacia, centro de saúde, colexio, escola infantil... e con acceso dende a estrada PO-552. As primeiras accións consistiron nun estudo de mercado e anteproxecto, así como a organización de diversos encontros cos comerciantes locais a fin de coñecer as súas opinións e achegas.
Dentro destes primeiros traballos postos en marcha desde a Administración local tamén se lograron definir os diferentes usos que poderá albergar a nova praza: feira alimentaria, feira de artesanía, espazos públicos, bar-cafetería, entre outros. Con esta actuación tamén se pretende contribuír a desestacionalizar o turismo, procurando crear unha oferta atractiva que incentive a chegada de turistas de xeito regular, durante todo o ano.
Así mesmo, realizáronse unha serie de actuacións para a captación de fondos do PIREP Local do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (programa que se enmarca na estratexia deseñada polo Goberno para distribuír os fondos europeos Next Generation EU). A candidatura presentada ao PIREP conseguiu captar un investimento de aproximadamente 600.000 euros para desenvolver o proxecto de rehabilitación integral do edificio do mercado. Ao longo do ano hai convocadas outras liñas de subvención ás que se vai optar para conseguir o resto do financiamento necesario.
No día de hoxe continuouse avanzando para facer esta iniciativa realidade, aprobando o proxecto no pleno ordinario. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables dos grupos municipais do PP e BNG e a abstención do PSOE. O seguinte paso será licitar a obra. A alcaldesa, Cristina Correa, manifestou que "coa aprobación plenaria deste xoves séguese a avanzar nunha actuación que permitirá que Oia dispoña dunha nova praza de abastos así como novos espazos polivalentes que dean servizo á veciñanza".
O Concello de Oia organiza un campamento infantil de Semana Santa do 3 ao 5 de abril
O Concello de Oia organiza un campamento infantil os próximos días 3, 4 e 5 de abril, pensado para favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares de Semana Santa.
O campamento vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e se desenvolverá no CEIP Mestre Manuel García en horario de 9.00 a 14.00 horas. As actividades serán de balde.
Para participar cómpre inscribirse no rexistro do Concello de Oia. O prazo está aberto ata o venres 31 de marzo ás 13.00 horas e as prazas son limitadas.
Para máis información pódese contactar co Concello no número de teléfono 986.36.21.25.
O Concello de Oia recibe unha doazón de libros procedentes da biblioteca persoal de Tito Lemos e dos fondos de InfoMAXE
O Concello de Oia vén de recibir unha doazón de libros procedentes da biblioteca particular de Tito Lemos, coñecido e querido médico da vila da Guarda. Os exemplares chegan á Oia grazas á familia do doutor, finado en 2019, e ás xestións desenvolvidas pola Fundación Tito Lemos e a asociación InfoMAXE, a cal tamén cedeu algunhas obras do seu fondo. O conxunto de libros quedará a disposición da veciñanza na zona de biblioteca da aula de novas tecnoloxías, situada nos baixos do Consistorio.
A alcaldesa, Cristina Correa, recibiu este mércores ao presidente da Fundación Tito Lemos, Miguel Reboredo, e ao representante de InfoMAXE, Celso Fariñas, para trasladarlles persoalmente o agradecemento polas xestións realizadas. Estas xestións permitiron que Oia poda contar coa importante doazón, procedente da familia do doutor Lemos así como dos propios fondos documentais de InfoMAXE. En total, recibíronse máis de 30 caixas cheas de novelas e unha interesante colección de libros de arte.
Como mostra de gratitude, a rexedora fíxolles entrega de exemplares das diversas publicacións editadas polo Concello nos últimos anos, todas elas sobre historia e patrimonio local. Poa súa banda, os representantes dos colectivos enmarcaron a súa iniciativa na vontade de que eses libros poidan quedar "a disposición da xente".
A doazón de libros de Tito Lemos vén a ampliar a oferta bibliográfica para consulta da veciñanza que está dispoñible na zona de biblioteca da aula de novas tecnoloxías de Oia (aula mentor), situada no baixo do edificio da Casa do Concello, en horario de 9 a 14h.
|