JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Carlos Blanco será o pregoeiro das festas de San Telmo 2023

A lectura do pregón terá lugar o sábado, 8 de abril, ás 12.45 h, na praza da Inmaculada

O actor galego Carlos Blanco será o pregoeiro das festas de San Telmo 2023 en Tui. O actor, natural de Vilagarcía de Arousa, é coñecido pola súa destacada carreira no cinema, a televisión e o teatro. A súa carreira foi recoñecida tanto a nivel nacional como internacional.

O pregón das festas de San Telmo 2023 será lido por Carlos Branco o sábado 8 de abril ás 12:45 h na praza da Inmaculada.

Carlos Blanco é polifacético: presentador, monologuista, actor… Conduciu programas da TVG coma 'A Reoca' ou 'Somos unha potenzia', o seu papel coma Ladislao en 'Mareas Vivas' supuxo o lanzamento na súa carreira. Dende entón ten participado en películas coma El lápiz del carpintero (2003), Heroína (2005), Cargo (2006), Volver (2006), o La playa de los ahogados (2015), entre moitas outras. Actuou en series coma Fariña o La Unidad, así coma serie portuguesa Santiago, e na segunda temporada de Rapa. Ten representado multitude de obras teatrais, está en xira con "Tercer cuerpo" de Claudio Tolcachir. Arestora traballa na posta en escena de Síbaris, a única obra teatral escrita por Domingo Vilar, que, dirixido polo seu fillo Lois Blanco , ten previsto levar aos escenarios no outono.

Na súa carreira ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Premio Rebulir da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas, o Premio Mestre Mateo, o Premio da Unión de Actores. Ademais, é un recoñecido activista social, comprometido con diversas causas.

O Concello de Tui convida á cidadanía e visitantes a gozar do pregón das festas de San Telmo 2023, no que Carlos Branco dará inicio ás celebracións coas súas palabras. A cidade de Tui prepárase para vivir unhas festas cheas de alegría, música, baile e tradición entre o 8 e o 17 de abril, e a presenza de Carlos Branco como pregoeiro será, sen dúbida, un dos momentos destacados.

Proximamente darase a coñecer o programa completo das festas que se poderá consultar tanto na web municipal tui.gal, na APP Concello de Tui, e nas redes sociais.

Concello Tui


O venres 31 celébrase a xornada de negocios 'Mulleres Conectadas'

O próximo venres, 31 de marzo, celebrarase na Aula da UNED de Tui a xornada de negocios 'Mulleres Conectadas'. O obxectivo da mesma é crear novas oportunidades de negocio e colaboracións de éxito entre as mulleres empresarias, emprendedoras e directivas de Tui e arredores.

A presentación da xornada está prevista para ás 10 h a cargo da concelleira de Igualdade, Ana Núñez. Previamente as persoas participantes compartirán un café de benvida. Ao longo da mañá en distintas quendas terá lugar a presentación tanto das persoas coma das empresas participantes explicando a que se dedican, que servizos ou produtos ofertas. Realizaranse as actividades de networking 'Four by Four', 'Six Together' e 'Business Meeting'.

Trátase dunha oportunidade única para que as mulleres empresarias, emprendedoras e profesionais conecten, colaboren e se inspiren mutuamente. Así as participantes terán a oportunidade de conectar ou coñecer a aquelas mulleres e empresas coas que poderían establecer relacións comerciais nas axendas personalizadas 'A quen che interesa coñecer', podendo xerarse a partir de aquí sinerxías, colaboracións, ou traballo en rede.

Este evento é unha oportunidade única para que as mulleres de diferentes campos e niveis de experiencia se unan e apoien mutuamente no seu camiño cara ao éxito.

As inscricións están abertas xa enviando o formulario dispoñible en tui.gal a info@qonekt.com. A participación é gratuíta.

Ás 14 h as mulleres e empresas que o desexen compartirán un xantar no restaurante Época para o que deben confirmar previamente a súa asistencia. Terá un prezo de 14€.

Concello Tui


O Trofeo de Baile Deportivo e a Ultreia centran a intensa fin de semana de deporte na Eurocidade

Outra das probas destacadas será o TT Eurocidade de Jeeps. Deportistas e clubs tudenses acoden esta fin de semana a competicións nacionais de piragüismo, patinaxe e ciclismo.

Intensa fin de semana de deporte na Eurocidade Tui-Valença. O calendario deportivo conxunto retoma este domingo unha das probas afianzadas coa novena edición do Trofeo de Baile Deportivo, organizada pola Escola Pasos Bailegalicia en colaboración coa Eurocidade.

Celebrarase no pavillón Gustavo Rodríguez dende as 10 da mañá, con entradas a 8 euros para o público xeral. O trofeo terá modalidade clásica en parella, tamén bailes latinos en parella, modalidade single no que bailan as mulleres de xeito individual e, por último, os grupos. Trátase dun evento deportivo puntuable para o ránking nacional español.

Haberá moita representación de Galicia, tamén doutras autonomías e preto de 100 bailaríns dende Portugal, reflictindo a boa acollida deste trofeo tamén no país veciño.

Outra das citas destacadas do deporte local é a Ultreia, un evento deportivo en formato andaina que percorre cada ano e con saída dende Tui os 52 quilómetros até Pontevedra. O percorrido que tomará as 446 persoas participantes trascorre por tramos do Camiño Portugués nunha quinta edición que baterá récords de participación e inscricións de camiñantes vidos de distintos puntos da península.

Por último, este sábado tamén se celebrará o TT Eurocidade Jeeps, organizado polo Club Tracçao As 4. A proba pechou as súas inscricións con 200 jeeps e máis de 400 participantes. A competición arrincará pola mañá pero se prolongará todo o día e, pola tarde, a partir das 18h hora portuguesa, realizarase unha pista todo terreo no campo do Segadanense.

En canto á participación de clubs e deportistas tudense, será unha fin de semana con presenza do Kayak Tudense no Campionato de Invierno de Promesas en Arcos de la Frontera, Cádiz. Alí competirán 19 padeeiros en categorías infantil e cadete acompañados por tres técnicos.

O Club de Patinaxe Artístico Ribex tamén afronta estes días o Campionato de España de Grupos Shows Grandes e Pequenos no pavillón GEM Olimpics de Barcelona. Alí competirán mañá sábado co cuarteto e o domingo co grupo grande.

En ciclismos, os tudenses do club Avanza, André Martínez e David Fernández, disputarán esta fin de semana en Ávila a segunda proba da Copa de España de Enduro coa selección galega de ciclismo. David Fernández competirá en sub23 e André Martínez en categoría junior.

Concello Tui


O médico Juan Carlos García-Valdecasas Salgado e a Radio Municipal de Tui, Premios 'Cidade de Tui' 2023

A gala de entrega dos galardóns terá lugar o sábado, 8 de abril, no Teatro Municipal de Tui

O Concello de Tui acordou a concesión dos premios "Cidade de Tui" correspondentes a este ano 2023 ao médico tudense Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, na categoría individual, e á Radio Municipal de Tui, na modalidade colectiva.

Juan Carlos García-Valdecasas Salgado naceu en Tui no ano 1952, residindo en Barcelona dende a infancia. Graduado na Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona, licenciándose en 1975 e obtendo 28 matriculas de honra e tres sobresalientes. Obtivo a cualificación de Matricula de Honra e Premio Extraordinario de Licenciatura.

É catedrático de Cirurxía e xefe de Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva. É o responsable da Unidade de Cirurxía Hepatobiliopancreática e Transplante do Hospital Clínic de Barcelona.

En 1988, realizou o primeiro transplante de fígado do Hospital Clínic de Barcelona e, dende entón, esta institución realizou máis de 2000, sendo un dos centros máis activos de Europa. A unidade realiza todo tipo de transplantes, ademais do convencional. Foi pioneiro en transplante hepático en adulto procedente de doante vivo (2001), así como en transplante de fígado procedente de doante en parada cardíaca. O seu grupo é na actualidade un centro de referencia na obtención de órganos a partir deste tipo de doantes, mediante a utilización da Recirculación Normotérmica. Foi tamén pioneiro na incorporación da cirurxía laparoscópica na Cirurxía Hepática formando parte da abordaxe habitual de moitos deses pacientes

Escribiu máis de 400 artigos, a maioría no campo da Cirurxía Hepática e o transplante. Foi profesor convidado ten impartido conferencias tanto en España como no estranxeiro. García-Valdecasas é unha referencia na medicina española e mantivo sempre a súa vinculación coa nosa cidade, á que retorna con frecuencia.

Por outra o premio na modalidade colectiva é concedido á Radio Municipal de Tui con motivo do trinta aniversario da súa creación, o 16 de abril de 1993, e logo de consolidarse como unha referencia informativa, tanto en Tui como na contorna do Baixo Miño, ao longo destas décadas. Nestes anos a equipa encabezada por José A. Font, Beti Rey e Javier Martínez reuniu a numerosos colaboradores que teñen enriquecido a programación da Radio Municipal cunha ampla diversidade de contidos. Un premio que recoñece este amplo abano de persoas que ao longo destes anos teñen consolidado a emisora municipal como un espazo de información e entretemento para todos os veciños e veciñas do Baixo Miño. É tamén un viveiro de profesionais que agora traballan noutros medios ou noutras profesións, a Radio Municipal de Tui.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes galardóns recoñecen o relevante valor desenvolvido tanto pola Radio Municipal nestes trinta anos de traxectoria, así como a achega que no ámbito da medicina ten realizado Juan Carlos García-Valdecasas sendo unha referencia internacional pola súa traxectoria profesional.

Os Premios Cidade de Tui foron creados polo Concello de Tui no ano 2021 sendo concedidos nestes dous anos na categoría colectiva á Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados e a SOS Tomiño - Baixo Miño, mentres que na categoría individual foron premiados Silverio Rivas e Alberto Romero "Romer".

Os premios "Cidade de Tui" serán entregados nunha gala que se celebrará no Teatro Municipal tudense o vindeiro sábado 8 de abril.

Concello Tui


O Camiño Portugués bateu rexistros no mes de febreiro con 779 peregrinos e peregrinas

Dende Tui partiron 185 camiñantes, sendo o terceiro lugar máis escollido para saír cara Santiago de Compostela

Ao longo do pasado mes de febreiro a Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela entregou un total de 779 'Compostelas' a peregrinos e peregrinas que realizaron o Camiño Portugués. Estes datos baten os rexistros de peregrinos de calquera outro ano, cun incremento do 36% respecto aos 571 peregrinos do pasado ano 2022 ou do 60% en relación aos 478 peregrinos do Camiño Portugués en febreiro de 2019.

Este notable incremento tamén se experimenta no Camiño Portugués da Costa, que no seu trazado oficial en Portugal chega a Valença e Tui, e tamén no Camiño Francés aínda que neste caso cunhas porcentaxes de incremento de camiñantes moito máis moderadas.

No que atinxe aos lugares de saída dos peregrinos e peregrinas a cidade de Tui con 185 peregrinos ocupa o terceiro lugar elixido polos peregrinos de calquera Camiño no pasado mes de febreiro tras as localidades de Sarria (847), no Camiño Francés, e de Porto (281) no propio Camiño Portugués. Cabe sinalar que sumando os 162 peregrinos que comezaron a súa peregrinación en Valença, na Eurocidade Tui - Valença comezaron o Camiño Portugués o 44,50% dos peregrinos, en concreto 347 camiñantes.

Para o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, a consolidación do incremento nos datos de peregrinos polo Camiño Portugués, xa apuntada no pasado mes de xaneiro, é unha excelente noticia para a nosa cidade que ten no Camiño Portugués unha das súa referencias culturais e turísticas. Como apuntan tamén os datos estatísticos da Oficina Municipal de Turismo, a gran maioría dos peregrinos neste mes son de procedencia estranxeira cunha notable presencia de visitantes alemáns.

O rexedor tudense reitera a necesidade de ser conscientes do reto que supón para os axentes implicados na xestión do Camiño Portugués estes datos e as expectativas que suscita para este ano 2023, e iso reclama de todos un esforzo para mellorar as condicións da acollida aos peregrinos que se achegan ata Tui dinamizando á vida social e económica da nosa cidade, porta histórica dos Camiños Portugueses a Santiago.

Concello Tui


Tui presenta o programa da Semana Santa 2023 que conta cunha tradición secular

Comezará este domingo coa lectura do pregón na Capela das Reliquias da Catedral de Santa María. Rematará o 9 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección

O Concello de Tui presentou hoxe a programación da Semana Santa deste ano 2023, que comezará este domingo 26 de marzo e rematará o próximo 9 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección.

No acto de presentación estiveron presentes Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, e Jorge Gonçalves e Juan José Sío Castro, representantes da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e da Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui, respectivamente.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, referiuse aos valores culturais que destacan en Tui ao longo dos séculos e ao valor turístico, patrimonial e histórico da Semana Santa tudense. Deste xeito, puxo en valor a procesión do Santo Cristo no Venres Santo, que está documentada xa no ano 1653; a horta das Oliveiras, que se recrea na Capela da Misericordia dende 1818; ou o "Monumento" da Catedral, "retablo que se montaba anualmente para a función litúrxica do Xoves Santo, testemuño das disposicións canónicas na Contrarreforma". Salientaba o rexedor que se trata dunha peza de mobiliario litúrxico única en España nestes momentos, foi realizada en175 por Juan Luís Pereira.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicaba que buscan que a Semana Santa de Tui "sexa recoñecida, tanto na comarca como en Galicia". Amosou ademais a vontade de colaboración dende o Concello cos colectivos que promoven a celebración da Semana Santa, amosándolles o seu agradecemento por "manter estas celebracións que contan cunha tradición secular".

Jorge Gonçalves, representante da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús, e Juan José Sío Castro, da Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui, fixeron un chamamento nesta presentación para contar con "máis costaleiros e costaleiras para sacar ós santos nos actos procesionais".

Este domingo día 26 de marzo comeza a programación co Pregón de Semana Santa ás 18:00 h na Capela das Reliquias da S.I. Catedral. Será a cargo de D. Avelino Bouzón Gallego, coengo e director do Arquivo da Catedral. Haberá ademais un pequeno concerto a cargo de Cristina Gómez, e Gabriel Silvera, profesora de óboe e profesor de guitarra, respectivamente, do Conservatorio de Música de Tui.

O próximo domingo 2 de abril, Domingo de Ramos, terá lugar a tradicional beizón de ramos ás 11:00 h na Praza de San Fernando. A continuación sairá a procesión e celebrarase misa na S.I. Catedral.

O mércores 5 de abril, Mércores Santo, terá lugar a Misa Crismal na S.I. Catedral ás 12:00 h presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano.

O Xoves Santo, 6 de abril, a Misa Vespertina da cea do Señor será ás 19:30 h na S.I. Catedral. Logo, e até as 23:00 h, terá lugar o tradicional percorrido polos seguintes monumentos: S.I. Catedral, Igrexa das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo e a Igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación de Horto das Oliveiras. Debido ás obras na rúa Antero Rubín, este ano non é posible acceder á Capela da Residencia San Telmo e á igrexa de San Domingos.

O 7 de abril é Venres Santo e ás 11:00 h terá lugar o Sermón do Encontro e procesión dos pasos. Os pasos sairán dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando, onde será o Sermón do Encontro, a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, reitor do Seminario Maior "San Xosé". Ás 18:00 h celebrarase a Paixón do Señor na S.I. Catedral. Ás 20:00 h será o Sermón do Desencravo, a cargo de D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior "San Xosé", e a procesión do Santo Enterro até a igrexa parroquial de San Francisco. Debido ás obras na rúa Antero Rubín trasládase o Sermón á S.I. Catedral.

O Sábado Santo, 8 de abril, ás 8:00 h comezará a procesión da Nosa Señora da Soidade dende a Igrexa de San Francisco até a S.I. Catedral. A continuación, Sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, reitor do Seminario Maior "San Xosé". Ás 20:00 h terá lugar a solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco.

Xa o domingo 9 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección, terá lugar a Misa Pascual na S.I. Catedral ás 12:00 h, presidida polo Bispo da diocese.

Concello Tui


O concello de Tui amosa o seu agradecemento aos servizos de emerxencia e corpos de seguridade

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, en nome da corporación municipal, quere trasladar o agradecemento da institución municipal aos equipos de emerxencia así coma aos corpos e forzas de seguridade pola súa actuación nos feitos acontecidos na madruga do luns no conxunto histórico de Tui.

Así por unha banda destacase o labor realizado polos membros da Policía Local e da Garda Civil. Especialmente cómpre destacar a rapidez e eficiencia demostrada pola Garda Civil na resolución destes feitos que levaron á detención na presunta autora dos feitos en tan so unhas horas.

Salientar o labor dos servizos de emerxencia amosando o agradecemento aos membros da Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Tui, así coma das asociacións de Tomiño, Salceda de Caselas, e membros do GES de Mos, e polos efectivos dos Bombeiros do Porriño e dos Bombeiros Voluntarios de Valença. Grazas ao labor de todos eles púidose controlar a situación, que nalgúns momentos da madruga revestiu gran perigo.

Por outra parte o rexedor tudense salienta o traballo realizado polos técnicos municipal, de forma especial polo persoal do departamento de Servizos Sociais en atención ás persoas afectadas.

Finalmente amósase unha vez máis orgullo da veciñanza tudense que "diante duns feitos extremadamente graves tivo un comportamento exemplar".

Concello Tui


O Concello de Tui avanza na dinamización da participación infantil e xuvenil do municipio

Logo das actividades de sensibilización realizadas nos centros educativos durante os últimos meses, os nenos, nenas e adolescentes interesados/as no grupo de participación xa tiveron as primeiras xuntanzas

O proxecto parTUIcipando de dinamización da participación infantil e adolescente, avanza con paso firme logo de que persoal especializado en participación infantil e xuvenil acudira aos centros de ensino do concello para dar a coñecer os dereitos da infancia, e animar á xente nova a sumarse ao grupo de participación infantil.

Este grupo de participación infantil, trátase dun órgano estable, de consulta, representación e participación do que xa están inscritos 12 nenas, nenos e adolescentes de Tui, que se xuntan periodicamente para traballar en cuestións do seu interese e buscar propostas de mellora para achegarllas ao goberno local.

O obxectivo desta iniciativa é favorecer a construción da cidadanía activa das nenas, nenos e adolescentes como parte dunha sociedade democrática. Aquí poderán expresar libremente as súas ideas, propor medidas naquelas temáticas que elas e eles mesmos decidan abordar, defender e visibilizar os seus dereitos… sendo así voceiros/as e interlocutores entre nenas, nenos e adolescentes e as administracións públicas locais.

Esta é unha oportunidade que segue aberta a todas as nenas, nenos e adolescentes que vivan en Tui e que lles motive ser protagonistas do seu propio cambio, e polo tanto o concello habilitou un formulario de inscrición na súa páxina web do concello para que as nenas, nenos e adolescentes de entre 10 a 17 anos que o desexen poidan formalizar a súa participación.

Concello Tui


5.500 persoas forma parte do grupo de facebook Camiño Portugués.Tui

O grupo "Camiño Portugués. Tui" na rede social Facebook, promovida polo concello de Tui en xullo de 2020, acadou hai uns días a cifra de 5.500 seguidores, un dato que revela o éxito desta iniciativa de promoción da cidade tudense como a porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia. Este grupo naceu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede é a máis empregada no ámbito da peregrinación.

En efecto, neste período de funcionamento son xa 5.500 os membros activos pertencentes a este grupo en Facebook, un número récord no mundo das redes sociais para seren un grupo centrado tan só nunha ruta e en concreto nunha cidade dela. A medida de visitantes diaria supera as setecentas persoas en tempada baixa como é a actual, tendo chegado a unha media de máis de millar e medio no verán pasado, con picos de dous mil. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta, evidenciando a seguridade que ofrece esta ruta. Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima - Santiago, así como ao do Camiño Portugués da Costa entre Caminha e Valença.

É un grupo de servizos, non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas como o Camiño Portugués da Costa ou a Variante Espiritual, carentes desa dimensión.

Segundo as por agora últimas estatísticas de Facebook, o número total de visualizacións directas foi de 1.000.000. As liñas de extrapolación ofrecidas polos estudos sociolóxicos permiten afirmar que, sumada esa cantidade ás visualizacións ou replicados nos outros grupos, a cifra total duplicaríase, ata chegar aos 2.000.000 de impactos.

Este perfil está atendido por ata catro persoas. Diariamente suben unha foto de actualidade a instagram (onde hai 1.003 seguidores) e entre dous e catro posts ao grupo de Facebook, incitando á interacción dos propios peregrinos. As entradas se replican diariamente nunha ducia dos 77 grupos que existen centrados no Camiño e Santiago e en varios idiomas. P

ara o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este grupo de facebook "Camino Portugués. Tui" ten respondido aos obxectivos para o que foi creado: ofrecer información sobre a nosa cidade para todos os usuarios interesados no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento de Tui como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.

Concello Tui


O Concello de Tui contrata a un avogado para asesorar ás persoas afectadas polos incendios no conxunto histórico na reclamación ante as aseguradoras

Disporá vehículos de aluguer para os que precisen unha solución de mobilidade de forma urxente, e estuda a redacción dunha ordenanza para a concesión de axudas para a adquisición dun novo coche

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a membros do equipo de goberno e de todos os grupos da corporación municipal reuniuse onte á tarde no salón de sesións da casa do concello con medio centenar de persoas afectadas polos incendios rexistrados en cinco puntos do conxunto histórico de Tui na madrugada do domingo ao luns.

O rexedor tudense explicou coma onte á tarde comezaron a ser retirados os primeiros vehículos que estaban completamente calcinados por parte dunha empresa de desguace contratada polo Concello. Sinalou que esta era unha prioridade ante o risco que presentaban os materiais calcinados. Hoxe mesmo unha empresa especializada encárgase de limpar toda a zona afectada.

Por outra parte para poder prestar aos afectados e afectadas o mellor asesoramento para poder reclamar ante as compañías aseguradoras o Concello de Tui contratou a un avogado que asesorará a todos os interesados nesta tramitación. Para iso será preciso que aporten a póliza do seu seguro así coma a documentación do vehículo sinistrado, que en moitos casos ardeu co coche, polo que deberán solicitar un duplicado.

Dende o Concello estase a xestionar cunha compañía de aluguer de coches a dispoñibilidade destes vehículos para os afectados que poidan precisar dunha solución de mobilidade de xeito inmediato. O concello asumirá os custos do aluguer.

Amais o persoal técnico municipal está a estudar xa as axudas que dende o Concello se poderían establecer para facer fronte á adquisición dun novo vehículo por parte daquelas persoas que perderon o seu coche nos sucesos acaecidos no conxunto histórico. Para iso será preciso redactar unha ordenanza municipal na que se establezan os criterios para a concesión das axudas.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais