|
O Concello incorpora 10 novos traballadores e traballadoras ao abeiro do Plan Concellos
O Goberno municipal acadou unha subvención de case 134.000 euros para as contratacións
O Concello do Rosal vén de incorporar ao seu cadro de persoal a 10 novos traballadores e traballadoras contratadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, unhas incorporacións que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, "non só dará unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que estaban na procura de emprego, senón que permite reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais".
Entre as novas persoas contratadas atópanse tres oficiais de obras, que realizarán labores para o Concello durante oito meses e medio; catro peóns que se encargarán da limpeza viaria e da roza forestal durante 9 meses; unha persoa operaria de maquinaria forestal por seis meses e unha auxiliar de axuda no fogar por nove meses. Ademais, en xuño contratarase unha persoa oficial electricista por sete meses.
O Goberno municipal acadou unha subvención de case 134.000 euros da Deputación de Pontevedra, mentres que o Concello deberá achegar unha partida inicial de 3.200 euros á que deberá sumarlle a diferencia para adecuación ao salario mínimo interprofesional, cunha suba aprobada tras a concesión da axuda.
Concello de O Rosal
O Concello mellorará varios camiños nas parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Tabagón
Vén de sacar a licitación as obras en rúas e tramos por case 97.000 euros
O Concello do Rosal segue avanzando na súa aposta estratéxica pola recuperación de estradas e rúas do municipio. Neste camiño, o Goberno municipal vén de sacar a licitación a mellora de varios camiños e tramos nas parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Tabagón, unhas obras que contarán cun investimento de case 97.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.
"Estes traballos forman parte do proxecto que puxemos en marcha para a mellora progresiva dos camiños rosaleiros, garantindo o seu mantemento e recuperación, empezando por aquelas zonas que presentan un maior estado de deterioro e que son empregados con maior frecuencia pola veciñanza", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As actuación contemplan a mellora de camiños que na actualidade están asfaltados pero presentan un importante deterioro da capa de rodadura, incluso coa aparición de fochancas que provocan un paso irregular, e que "están en núcleos rurais de poboación no que existe un tránsito habitual de vehículos que fai moi necesaria a súa intervención".
Na parroquia de Santa Mariña acometeranse traballos de mellora no Camiño da Chanqueira e as interseccións co Camiño do Xestal e coa Subida ao Picón, todos eles situados en Fornelos-As Cruces. En Pancenteo as obras serán no Camiño do Lavadoiro, na Transversal 1ª e no Camiño do Sestelo. Pola súa banda, na parroquia de San Miguel de Tabagón as estradas a mellorar serán un tramo do Camiño da Cumieira, no Morán, e un tramo da rúa da Estrada, en Pías.
Os traballos nestas estradas terán un mes de execución. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de abril.
Concello de O Rosal
Cooperación, solidariedade e reciclaxe este sábado con Traperos de Emaús
O Concello organiza unha conferencia con esta asociación pioneira en Europa no aproveitamento de residuos. Será ás 17.00 h no salón de plenos
O compromiso ambiental e social son as bases de Traperos de Emaús, unha asociación pioneira en Europa no campo da reutilización e aproveitamento de residuos e que este sábado 25 de marzo falará no Rosal da súa filosofía colectiva e do traballo que están a desenvolver.
Será nunha charla no salón de plenos do Concello a partir das 17.00 horas na que durante a primeira parte do encontro se explicará en que consiste a actividade desta asociación, que "loita por un mundo máis xusto e solidario, facilitando a incorporación laboral a través do traballo de recollida, reutilización e reciclaxe de obxectos que pon á venda nos seus propios rastros".
Xa a partir das 17.30 horas o público poderá falar por videoconferencia con José Mari García Bresó, fundador deste colectivo no ano 1972 cun fin social e ambiental que prioriza a acollida de persoas con dificultades e que na actualidade conta con máis de 290 compañeiros e compañeiras.
As persoas que non poidan asistir de forma presencial poderán facelo de xeito telemático. O Concello informará da vía de conexión á videoconferencia a xornada previa.
A conferencia está aberta a todos os públicos e será de balde con entrada libre ata completar aforo.
Concello de O Rosal
|