|
O Concello de Tui recoñeceu esta mañá ás empresas colaboradoras co emprego local
Foi durante as xornadas "Xuntos polo Emprego" no que se reafirmou co compromiso da administración local por mellorar a empregabilidade da veciñanza
O Concello de Tui entregou esta mañá unha serie de recoñecementos ás empresas e entidades colaboradoras co emprego local en moi diversos ámbitos dende o institucional, asociativo e empresarial. Deste xeito quíxose plasmar o agradecemento do Concello de Tui con todos e todas cantos contribúen a mellorar a empregabilidade das persoas. Foi no transcurso da xornada "Xuntos polo emprego" celebrada na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez.
O peche da xornada correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, e do presidente da Asociación de Empresas do Parque Empresarial de Areas, Jesús López.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou coma con esta xornada quérese "trasladar o noso recoñecemento e gratitude a todo o tecido asociativo ,empresarial e comercial do concello de Tui". Engadiu que coa mesma tamén se pretende "ir saldando unha vella débeda que as veces temos os representantes públicos co noso sector privado e sentar as bases para seguir traballando neste ámbito de colaboración e entendemento que é necesario para o desenvolvemento social e económico do concello de Tui".
Salientaba Enrique Cabaleiro coma o traballo desenvolvido ao longo de todos estes anos "reflicte a importancia da estreita colaboración que ten que haber entre o conxunto das administracións públicas e tamén o sector privado". Recoñecía así o rexedor o compromiso das empresas "co territorio e coas persoas". Deu conta tamén coma dende a administración local enténdese que as políticas de emprego son claves e fundamentais. Nese senso destacou o traballo realizado dende o Concello, co apoio económico de distintas administracións, para mellorar a empregabilidade da cidadanía. Referiuse ao papel clave do sector empresarial para poder dinamizar e crear emprego.
David Regades, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, repasou a actividade desta entidade e lembrou os seus obxectivos "impulsamos a economía e creamos emprego". Avanzaba que co Concello de Tui están a desenvolver un Plan Estratéxico, "un plan de acción co que desenvolver modelos de éxito, no que buscamos a participación e facilitación das empresas mixtas, as empresas público-privadas", nas que dicía temos unha ampla experiencia.
Pola súa banda Jesús López, presidente da Asociación Empresarial de Areas, destacou que para Tui é "un orgullo ter un parque empresarial" no que hai empresas de diversidade de sectores. Coma reto do colectivo que preside sinalou incorporar unha bolsa de emprego na súa páxina web, e sinalou coma o Servizo de Orientación do Concello de Tui é un exemplo a seguir. Remataba amosando a súa satisfacción polo feito de que Tui estea relanzando o mundo empresarial.
A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento desta xornada coa que se quixo pór de relevo e en valor o papel clave das empresas, e a importancia da colaboración entre o sector privado e o público de cara a lograr o pleno emprego. Con esta iniciativa ponse de manifesto, nunha nova ocasión, o compromiso do seu departamento co emprego e coa colaboración coas empresas para crear oportunidades laborais.
A xornada comezou coa presentación do balance do servizo de Orientación Municipal que en 2022 atendeu a 108 mulleres e 52 homes, contactou con 276 empresas, e tramitou 318 ofertas de emprego. Tamén se expuxo o traballo que durante un ano vai realizar o Programa Integrado de Emprego como Servizo de Recrutamento, e que ten coma obxector lograr a inserción laboral de ao menos de 45 das 100 persoas participantes. Antía Romero, xefa de persoal e responsable de talento de Vegalsa abordou a responsabilidade social empresarial coma xeradora de emprego e competitividade nas empresas. Mentres Belén Varela de RH Positivo - Organizaciones Optimistas e autora de Jobcrafting ofreceu a ponencia "Grac-titute". O acto foi presentado por Victor Grande.
O Concello de Tui lamenta o pasamento de Damián Estévez Rodríguez, adestrador do CD Caldelas de Tui
A morte repentina de Damián Estévez Rodríguez, de 36 anos, e adestrador do CD Caldelas de Tui, conmocionou ao fútbol galego e ao Concello de Tui
Nado en Salceda de Caselas en 1986, Damián Estévez estaba casado con Yolanda Sousa e acababa de ser pai do seu segundo fillo hai uns días. Era xenro do ex concelleiro da corporación municipal de Tui, José Manuel Sousa, quen o consideraba coma un fillo. Tamén era sobriño do actual concelleiro de Parque Móbil, Javier Rodríguez Gómez.
Malia a súa xuventude, Damián deixou por escrito que os seus órganos sirvan para salvar vidas. A súa traxectoria levouno por clubs deportivos como o Pontellas porriñés, a Cultural Areas de Ponteareas e o Caldelas Tui, banco que ocupaba dende a tempada pasada. Moitas entidades deportivas transmitiron nas redes o pesar polo falecemento dunha persoa moi nova, chea de vida e apaixonada polo deporte.
O seu corpo será velado hoxe pola mañá no tanatorio Finisterre de Tui. Ás 17:15 h sairá en dirección á capela da Virxe do Camiño de Rebordáns, parroquia tudense onde residía coa súa muller e fillos, e lugar onde se lle dará o último adeus ás 17:30 h.
A súa é unha gran perda para o deporte tudense e para o concello de Tui, destacando sempre polo seu valor coma persoa e coma profesional.
Descanse en paz.
Abertas as inscricións para a Carreira Popular de San Telmo 2023
Celebrarase o sábado 15 de abril. Terá carácter solidario con SOS Tomiño Baixo Miño.
Até o mércores 12 de abril ás 22 h, está aberto o prazo de inscrición para a Carreira Popular de San Telmo 2023. A proba organizada polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui, celebrarase o sábado 15 de abril, a partir das 11.00 h, no Paseo da Corredoira. Como en anteriores edicións a carreira terá carácter solidario a favor da Asociación SOS Tomiño Baixo Miño, entregando un quilo de alimentos non perecedoiro no momento da recollida do dorsal.
A inscrición pode realizarse dende hoxe na web do Club Atletismo Tui, www.clubatletismotui.wordpress.com, non admitíndose inscricións fora do prazo, nin no mesmo día da proba.
A proba contará con distintas categorías, dende os pitufos, nados nos anos 2020, 2019 e 2019, ata os veteranos B, nado en 1977 ou con anterioridade.
Tui, á cabeza en investimento educativo e importe por alumno na provincia e en Galicia
O Concello de Tui destinou no bienio 2020-2021 máis dun 9% do seu presuposto a investimentos en educación, o que supón un importe por alumno de máis de 270 euros.
O Concello de Tui ratifica o seu firme compromiso coa educación pública e accesible para toda a súa veciñanza. O investimento educativo na cidade nos últimos dous anos supuxo o 9% do total orzamentario das arcas municipais. Isto arroxa datos como o importe por alumno, que en Tui superou os 270 euros por persoa.
Estes destacados datos son aínda máis salientables comparados coa media de investimento educativo dos concellos da provincia de Pontevedra e do resto de provincias galegas. Na nosa provincia o investimento por alumno quedou de media en 192 euros, o que supuxo o 5% do presuposto. Na provincia da Coruña os seus concellos destinaron de media un 4,3% cun investimento por alumno de 203 euros. En Lugo, pola súa banda, tamén repiten porcentaxe orzamentaria con A Coruña pero soben a media de importe por alumno até os 259 euros. Por último, en Ourense, investiron un 3,5% do diñeiro público en educación para unha media de 204 euros por alumno ou alumna.
Todos estes datos veñen reflectidos nunha reportaxe interactiva do xornal El País, que recolle os presupostos liquidados de todos os concellos españois no 2020 e no 2021 recabados e publicados polo Ministerio de Facenda. A información emprega a métrica de media de inversión en educación por estudante potencial -poboación até os 24 anos- e a proporción de gasto total do consistorio en educación.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, salientou que o Concello realizou estes anos un importante investimento en equipamentos públicos educativos malia non ser competencia municipal. Destacou que, nesta materia, Tui está á cabeza provincial, autonómica e mesmo nacional cun goberno que apostou polo ensino coma "piar básico para construír unha sociedade que faga fronte aos desafíos do futuro".
O murciano Rubén Lucas García gañador do concurso do cartel das Festas de San Telmo 2023
As festas de San Telmo xa teñen cartel anunciador. É o realizado por Rubén Lucas García que gañou o concurso convocado polo Concello con esta finalidade. O xurado valorou na obra deste deseñador de Murcia a calidade técnica e conceptual da proposta gañadora así coma o feito de recoller no deseño os valores e significado das festas, reflectindo o carácter festivo. A obra gañadora recibirá un premio de 700 euros.
Un total de 12 traballos foron presentados ao concurso de carteis convocado polo Concello para a elección da imaxe anunciadora das festas patronais de San Telmo 2023.
O conxunto dos carteis presentados a concurso pódense visitar dende hoxe e até o 1 de abril martes na exposición situada no Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.
As festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, vanse celebrar do 8 ao 17 de abril.
Éxito do I Congreso Internacional de Tui-Valença celebrado esta fin de semana.
Éxito do I Congreso Internacional de Educación celebrado o pasado venres e sábado na Eurocidade Tui-Valença.
Máis de 300 persoas asistiron presencialmente ás distintas ponencias tanto no auditorio da Escola Superior de Ciencia Empresariais en Valença coma no Teatro Municipal de Tui, ás que se suman as máis de 500 visualizacións que as retransmisións en directo das dúas xornadas suman xa nestes momentos.
Destacados expertos a nivel internacional expuxeron as claves sobre as que debe xirar a educación do presente, e nestes dous días reflexionaron sobre as ideas nas que os investigadores poden centrarse neste territorio transfronteirizo, tal e coma se avanzou na presentación inicial das conclusións. Os organizadores comprometéronse a presentar as conclusións finais antes do remate do actual curso académico. Houbo coincidencia na vontade de que este primeiro foro teña continuidade, posiblemente, coa celebración do Congreso cada dous anos, para seguir afondado en todo o exposto nesta fin de semana e nos traballos de investigación que a partir de aquí se poidan iniciar.
A clausura, o sábado á tarde, correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do vereador de Educaçao de Valença, Arlindo de Sousa, da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e da vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva Lantarón.
Enrique Cabaleiro destacou que "o ensino é o piar básico para construír unha sociedade que faga fronte a eses desafíos que temos por diante nun mundo cada vez máis complexo". Aludiu tamén á importancia de que a educación estea presente nos programas de cooperación transfronteiriza.
Mentres Arlindo de Sousa destacou que "Valença e Tui fixeron historia sendo o escenario deste primeiro congreso internacional de educación realizado entre cidades raianas da Península Ibérica". Engadiu que os grandes especialistas relacionados coas temáticas da educación que participaron nestas xornadas "abriron novos horizontes para o ensino e a formación nos próximo anos".
Pola súa parte Carmela Silva, presidenta da Deputación salientou que "este congreso internacional é unha extraordinaria idea e moi necesario". Reclamou o papel que a educación ten na sociedade e afirmou que "non hai nada máis apaixonante que debater, pensar e construír educación". Concluía indicando que "temos que sumar a todas e todas, o mundo local ten moito que dicir en todas as demandas que queremos facer do modelo educativo do que se falou aquí".
Eva Lantarón, vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade Vigo, deu os parabéns por "unir tantas vontades para falar dun tema transcendente para o futuro da educación das nosas xeracións, e para a formación dos educadores e educadoras destas crianzas e xoves do noso futuro". Salientaba coma "Galicia e Portugal están chamados a estreitar cada vez máis as súas relacións e moito pode contribuír a iso a Educación".
Previamente na exposición das conclusións Florencio Luengo do Proxecto Atlántida e Rui Trindade da Universidade do Porto explicaron que tres son as ideas sobre as que investigar nesta zona: o perfil de saída e a influencia no proxecto dos centros; como se plantexa o salto da avaliación por contidos á avaliación por competencias; e que perfil docente é o que se enfronta a este modelo de traballo por situacións.
Juan Manuel Moreno Olmedilla, Maria João Horta, José Moya Otero, e Ariana Cosme, foron os poñentes do primeiro día. Mentres o sábado abría a xornada o profesor Antonio Nòvoa, cuxa conferencia rematou co público en pé aplaudindo. Tras el houbo oportunidade de coñecer as experiencias que se están a desenvolver no CEIP nº1 de Tui, que prepara un novo congreso sobre os ODS para o remate do curso, e explicaron ademais os seus proxectos competenciais de participación e colaboración do alumnado. O IES San Paio compartiu a súa experiencia na iniciativa STEMbach, en colaboración coa Universidade de Vigo, que impulsa entre o seu alumnado a elaboración de proxectos científicos e de investigación en equipo. Mentres, o Centro de Formação Vale do Minho, o Agrupamento de Escolas da Cámara de Caminha e Muralhas do Minho presentaron o seu panel de competencias presentando o programa "Leio para crescer", para motivar a lectura e a aprendizaxe a través da literatura; "Educação patrimonial e sustentabilidade", cuxo obxectivo é educar ensinando tradicións e fauna da contorna; e "Ponte nas Ondas", o proxecto de radio transfronteirizo que está inscrito no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Eusebio Machado, Javier Cortés e José Antonio Gómez abordaron a avaliación competencial e o perfil de saída; Juan de Dios Fernández, Antonio Bolívar, Luisa Ucha, centraron a súa participación na sostenibilidade e inclusión. Pero neste congreso tamén se abordou a propia profesión docente coas intervencións de Luiza Cortesão e Beatriz Álvarez.
Este congreso que abordou a educación do presente acorde coa sociedade actual, tal e coma se expuxo ao longo do mesmo, estivo organizado polo Proyecto Atlántida e os EIP, Equipos de Investigación da Universidade de Porto, co apoio do Concello de Tui, a Cámara Municipal de Valença, a Deputación de Pontevedra, Educación 3.0 e a Xunta de Galicia, entre outras entidades.
A Oficina de Turismo de Tui recibe o distintivo de calidade turística SICTED na Gala de Turismo provincial
Este distintivo engloba servizos que contribúen a unha mellor experiencia turística en destino e súmase aos outros once xa galardoados na cidade
A Oficina Municipal de Turismo de Tui distinguida co 'Compromiso de calidade turística' que permite que este servizo forme parte do SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino. Este servizo municipal recibiu o galardón na última Gala do Turismo da provincia de Pontevedra celebrada pola Deputación no Auditorio Mar de Vigo o pasado venres.
A concesión desta distinción recoñece a xestión integral e permanente desta Oficina Municipal de Turismo enfocada na mellora e na posta en valor dos seus recursos e manuais de boas prácticas. Agora esta acreditación SICTED garante que o traballo que se leva a cabo neste servizo municipal responde aos parámetros de calidade que promove a Secretaría de Estado de Turismo.
Amais da Oficina Municipal de Turismo, o pasado venres tamén recibiron o distintivo SICTED diferentes establecementos e servizos tudenses. En concreto foron A Fada do Aloia, Casa das Trabancas, Segmento Divertido Tren Turístico, Balneario de Caldelas e Porta da Pía Artesanía. Todos estes engádense ao Hotel do Balneario de Caldelas, Casa Rectoral Areas, Hotel Alfonso I, Ideas Peregrinas, Parador de Tui e Tui Taxi Carlos Rico para sumar un total de 12 distintivos SICTED no concello de Tui.
Acudiu a recoller a distinción en representación do Concello de Tui, Ana María Núñez, concelleira de Emprego e Comercio, que quixo valorar o esforzo e compromiso de todos estes servizos para mellorar a calidade turística na cidade. Tamén engadiu que estes distintivos SICTED poñen en valor o territorio e a orixe.
SICTED é unha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo para promover destinos turísticos máis competitivos e sostibles, mediante unha oferta de produtos e servizos de calidade que satisfagan aos e ás turistas.
Tui inaugura a exposición 'O Esforzo In-Visible' das mulleres deportistas tudenses
A mostra, situada no Paseo da Corredoira, é unha homenaxe a 11 mulleres deportistas tudenses para dar visibilidade ao seu labor e dedicación
No marco dos actos organizados polo 8M, o Día Internacional das Mulleres, o Concello de Tui inaugurou este mediodía a exposición 'O Esforzo In-Visibile' das deportistas tudenses. Nesta mostra recóllense imaxes e declaracións de 11 mulleres deportistas tudenses de élite en distintas disciplinas: Aida Valiño, Anita Rodríguez, Carmen González, Eva María Ara, Leticia Barbosa, Loli Pedrares, Marisa Giráldez, Nuria Domínguez, Sara Tui, Susana Fontán e Tania Fernández.
Na inauguración da mostra estivo presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, xunto a membros da corporación municipal e algunhas destas mulleres deportistas representadas na exposición.
A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez explicou que con esta exposición preténdese visibilizar o papel e o legado de mulleres tudenses que inspiran a outras coma referentes. Incidiu en que quedan importantes retos por acadar xa que hoxe en día as mulleres teñen que demostrar máis valía para ser recoñecidas e acceder a postos de liderado.
Logo tomaron a palabra algunhas das mulleres deportistas presentes no acto e que recibían a homenaxe. Aida Valiño, Anita Rodríguez, Nuria Domínguez e Tania Fernández agradeceron o recoñecemento e incidiron no papel que o deporte xoga no crecemento persoal, a cultura do esforzo, as vontades da práctica do deporte e tamén na súa faceta inclusiva onde, engadiron, débese dar aínda máis voz e presenza a todas as mulleres.
Pechou o acto de inauguración desta exposición o alcalde de Tui. Enrique Cabaleiro expuxo que se trata "dunhas das moitas actuacións englobadas no Plan de Igualdade" aprobado polo Concello de Tui e que busca visibilizar o labor diario e multidisciplinar das mulleres tudenses na vida cotiá. Explicaba que, no deporte e tamén en moitas outras facetas da vida, as mulleres teñen un papel preponderante e que debe ser recoñecido e apoiado con políticas públicas que "corrixan situacións de desigualdade".
|