JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello destina 14.000 euros para a promoción e fomento das actuación dos grupos de música tradicional tomiñeses

As axudas do 'Circuíto Cultural 2023' poderán solicitarse ata o vindeiro 1 de decembro cunha antelación mínima de 30 días á data da actividade solicitada

O Concello de Tomiño publica un ano máis as bases do 'Circuíto Cultural 2023', unhas subvencións coas que se busca promocionar e fomentar as actuacións dos grupos de música tradicional tomiñeses. O Goberno municipal destinará 14.000 euros a estas axudas, xa que entende a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a veciñanza como parte activa da creación cultural.

"A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Por iso, dende o Concello asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o seu descubrimento e contratación", explica a alcaldesa, Sandra González.

Poderán solicitar a inclusión no circuíto as bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns que, en caso de cumprir cos requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada polo Concello. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións incluídas no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data de actuación, sendo exclusivamente un acordo entre ambas as dúas partes.

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación de Tomiño serán:
- Banda de música: 400 euros
- Corais: 200 euros
- Bandas de gaitas con máis 30 compoñentes: 300 euros
- Grupos de gaitas: 200 euros
- Treboadas: 200 euros
- Pandeireteiras: 150 euros
- Murgas ou charangas: 150 euros
- Grupos de acordeóns: 150 euros

As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 1 de decembro de 2023. O modelo de solicitude tamén está dispoñible na propia Sede Electrónica. As agrupacións interesadas deberán presentar a súa solicitude cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

Concello Tomiño


O curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio de Tomiño chega ao seu ecuador

O Concello encheu as prazas deste curso formativo de 300 horas co que se busca facilitar o acceso ao mundo laboral a tomiñeses e tomiñesas desempregadas

Chega ao seu ecuador a nova edición do curso gratuíto posto en marcha polo Concello de Tomiño para formar a persoas desempregadas como auxiliares de atención sociosanitaria a domicilio.

Un novo paso "na aposta que facemos dende o Goberno municipal por organizar accións que permitan non só ofrecer cursos formativos para os nosos veciños e veciñas, senón facelo tendo en conta a demanda actual do mercado laboral", destaca a alcaldesa, Sandra González.

Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención sociosanitaria, as 15 persoas inscritas comezaron curso comezou a súa parte teórica o pasado 6 de febreiro na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián e rematarán a finais do mes de marzo.

"É un orgullo ver a gran resposta da veciñanza, que encheu todas as prazas dispoñibles rapidamente", explica a concelleira, Cristina Martínez. Do 3 ao 31 de abril as persoas participantes no curso formativo realizarán prácticas non remuneradas en diferentes domicilios para achegarse á realidade deste servizo.

Dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño, ao remate da formación as e os participantes recibirán un diploma acreditativo que, ademais de facilitar o acceso ao mercado laboral no sector, servirá para abrirlles novas vías para a obtención da Acreditación das competencias profesionais da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Concello Tomiño


'As que limpan', a loita das kellys galegas

Tomiño acolle o domingo 19 esta obra de teatro da compañía A Panadaría que reivindica o traballo das camareiras de piso

A compañía A Panadaría pode gabarse de coleccionar premios coas súas comedias, historias que raian o irreverente para facer ao público chorar da risa, pero que tamén chegan directas á boca do estómago para remover conciencias. As súas actrices e fundadoras chegan este domingo 19 a Tomiño para subirse ao escenario co seu espectáculo 'As que limpan', unha obra que reivindica a loita das camareiras de piso galegas para conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos, pero que tamén fala de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñan cada día.

'As que limpan' fala da loita organizada das limpadoras de piso de hoteis contra a cobiza dos donos e donas das cadeas hoteleiras. Un cartel pendurado no manubrio da habitación. "Por favor, arranxe o cuarto". Ao regreso da praia as camas están feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Todo grazas ás que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador, encargadas de que á volta das persoas hospedadas a súa habitación estea impoluta pero cun traballo que non está valorado.

Neste espectáculo escrito e dirixido por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, fundadoras da compañía, as actrices formúlanse preguntas como se é posible revalorizar este traballo e desligalo do xénero, se existe un turismo sostible ou... quen limpa na casa da limpadora? Porque hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a veciñanza a gozar dunha tarde de teatro con esta obra "que nos divertirá ata a saciedade pero que tamén nos fará reflexionar sobre a loita das limpadoras de piso dos hoteis e sobre as dificultades que teñen as mulleres na súa vida cotiá formulándonos preguntas para as que moitas veces non temos resposta".

A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 19.00 horas. A entrada terá un prezo de 5 euros para persoas adultas e de 2,5 euros para menores de 12 anos.

Concello Tomiño


Dispoñibles xa en YouTube e varias plataformas de podcast as conferencias da VIII Semana da Educación de Tomiño

O Concello pon a disposición do público as charlas de José Manuel López Nicolás, Eurídice Cabañes, Miriam Leirós e Nino Cervera e Natalia R. Valls

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta polas novas tecnoloxías para levar a Semana da Educación máis alá do auditorio municipal de Goián. Para achegar a oitava edición deste importante evento a todos os públicos, o Concello xa puxo a disposición das persoas interesadas os vídeos de podcast das catro conferencias impartidas o pasado mes de febreiro, nas que cinco destacados profesionais afondaron sobre a educación con ciencia e con conciencia.

"Difundindo a nosa Semana da Educación en diferentes plataformas buscamos seguir achegando o debate sobre temas que nos preocupan a pais e nais e á comunidade educadora, tanto para aquelas persoas que non puideron desfrutar con nós das magníficas charlas de forma presencial como para todo o público que estivo no auditorio de Goián e quere volver deleitarse coas diferentes temáticas que tratamos", explica a alcaldesa, Sandra González.

Con grande acollida de público e coa presenza por primeira vez de docentes procedentes do norte de Portugal, cinco recoñecidos expertos e expertas fixeron reflexiona ao público sobre temas como a alimentación, os videoxogos, a educación social ou a propia docencia.

Así, o catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular, investigador e divulgador José Manuel López Nicolás botou luz sobre os mitos e realidades que rodean á alimentación actual, analizando a efectividade da maioría dos alimentos que atopamos nos supermercados e desmontando algúns produtos 'con' e 'sen'. A doutora en Filosofía, docente e experta en videoxogos como ferramenta de transformación social Eurídice Cabañez, abordou o uso das novas tecnoloxías e o seu impacto na infancia e na mocidade. Pola súa banda, Miriam Leirós, mestra, educadora ambiental e experta en xestión social do hábitat e deseño participativo afondou na educación ecosocial. O broche de ouro do ciclo de conferencias chegou da man dos docentes Natalia R. Valls e Nino Cervera, que nunha charla dinámica e participativa reflexionaron sobre as claves dun bo ou boa docente e a boa educación con metodoloxías para obter clases innovadoras, motivadoras e inspiradoras.

As persoas interesadas poden ver os vídeos das conferencias íntegras, coa charla e a quenda de preguntas na canle de YouTube do Concello de Tomiño. Ademais tamén están dispoñibles en formato podcast en Spotify, Amazon Music, iVoox, Spreaker ou Anchor.

Concello Tomiño


Tomiño e Cerveira presumen de deportistas 'olímpicos'

Integrantes do equipo da Eurocidade participante nos 'Olimpics4All' entregan ao Concello o trofeo gañado na última edición dos xogos

É o único equipo transfronteirizo e o gañador indiscutible das últimas edicións das olimpíadas sénior 'Olimpics4all'. Integrantes do equipo da Eurocidade Cerveira-Tomiño visitaron o Concello tomiñés para entregar o trofeo logrado nos xogos celebrados a finais do ano pasado, revalidando o título xa conquistado nas Olimpíadas de 2019, a última edición antes da crise sanitaria destes encontros anuais que buscan promover a práctica deportiva das persoas maiores, reforzando o intercambio social e cultural entre todas e todos os participantes.

Durante o encontro a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo agradecer a grande implicación de todos e todas as participantes nesta iniciativa, "que a viven como moita intensidade e responsabilidade, adestrando todas as semanas para prepararse para cada nova cita. Confiamos en que volvan revalidar este título nos vindeiros xogos, que serán en Viana do Castelo".

"Para nós é un orgullo formar parte deste equipo e traballar nun proxecto tan completo, que fomenta a actividade deportiva saudable, controlada e adaptada, pero que tamén permite tecer lazos de unión entre a veciñanza e entre os concellos do río Miño transfronteirizo", destacou a rexedora.

O encontro contou tamén coa presenza e participación da Vereadora de Desporto e Vicepresidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães, que salientou o traballo realizado por todas e todos os integrantes do equipo participante nestas olimpíadas senior. Na entrega do trofeo tamén interviñeron unha veciña tomiñesa e un veciño de Cerveira integrantes do equipo, que achegaron a súa experiencia neste programa.

Na última edición destes xogos olímpicos participaron arredor de 300 deportistas de dez municipios do Alto Minho luso. Cada un dos concellos participantes preséntase cun equipo preparado grazas á implementación dun programa a través do que se traballan diferentes modalidades, dende atletismo ou voleibol ata baloncesto, natación ou fútbol, ademais de xogos tradicionais como a petanca, a corda ou a malha, un xogo tradicional portugués.

A iniciativa nace financiada polo programa Erasmus+ Sport como un proxecto internacional que buscaba afondar nos factores que motivan ás persoas de maior idade a practicar deporte, o In Common Sports. No ano 2021, con nome de In Common Sports + Fit, Food and Fun for Elderly! o proxecto pasa a contar coa participación do Instituto Público de Deportes esloveno coa integración dunha nova liña de análise enfocada á nutrición. Replicado en seis países socios (España, Portugal, Italia, Eslovenia, Hungría e Bulgaria), conta con máis de 500 atletas que participan nos adestramentos semanais e nos diferentes eventos e competicións.

Concello Tomiño


Desembarca en Tomiño Xirriquiteula Teatre, unha das mellores compañías teatrais do panorama español

A compañía catalá chega este sábado 18 con 'Laika', un innovador espectáculo para público familiar con numerosos premios ás súas costas

Tomiño prepárase para gozar esta fin de semana da arte de Xirriquiteula Teatre, unha das mellores compañías do panorama teatral español e pioneira das artes en vivo para nenos, nenas e mocidade. O vindeiro sábado 18 de marzo o auditorio municipal de Goián acollerá a representación de 'Laika', un espectáculo con numerosos premios ás súas costas que falará ao público das marabillas do ceo pero tamén das inxustizas da Terra.

"Queremos convidar a toda a veciñanza a vir ao auditorio de Goián este sábado a gozar dun espectáculo novidoso, moi diferente á programación que podemos ter habitualmente e que estrea en Tomiño unha pequena xira pola provincia. Unha programación teatral de gran calidade que seguro que namorará a todo o público asistente", explica a alcaldesa, Sandra González.

Da man da compañía catalá o público trasladarase a 1957 en Moscova, durante a Guerra Fría e a carreira espacial. Laika é unha cadeliña que sobrevive nas rúas da xeada cidade que pouco se imaxina que o seu destino a levará ao espazo na nave Spútnik II e pasará á historia da humanidade como o primeiro ser vivo en orbitar arredor da Terra. Unha historia coa que Xirriquiteula Teatre achegará ao público a aqueles que como a propia Laika se atopan inmersos sen querelo en loitas de poder doutros.

Neste espectáculo a compañía empregará técnicas diversas como as retroproxeccións en directo, monicreques e autómatas, sombras... xunto coa interpretación duns personaxes que falan un ruso moi singular acompañados dunha fermosa banda sonora creada a medida para arroupar cada escena. A obra foi gañadora do Premio Max 2021 ao Mellor espectáculo para público familiar, Premio GUINEUETA 2020 á traxectoria do espectáculo, Premio FETEN 2019 Xixón á mellor autoría e dirección, Premio BBVA 2019 ao mellor espectáculo, Premios da Crítica 2018 ao mellor espectáculo de teatro familiar, o Venus 2019 por méritos conseguidos ou dos Drac D'Or 2018 ao mellor espectáculo xurado infantil e mellor escenografía.

'Laika' é un espectáculo para público familiar recomendado a partir dos 6 anos. A representación será ás 17.30 horas e terá un prezo de 7 euros para persoas adultas e de 3,5 horas para menores de 12 anos.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais