|
O Concello mellora a accesibilidade dos vestiarios do campo de fútbol municipal da Mata
Investíronse case 116.000 euros financiados con fondos propios e a través do Plan Concellos 2022
O Concello do Rosal segue dando pasos na súa aposta por un municipio máis inclusivo e accesible para todas as persoas e en todos os eidos da vida. Neste camiño, o Goberno municipal vén de rematar as obras de mellora da accesibilidade nos vestiarios do campo de fútbol municipal A Mata, "garantindo así o acceso a toda as persoas e convertendo de forma progresiva todas as dependencias municipais que aínda non o eran en espazos inclusivos", como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Situados nunha edificación anexa na parte posterior das bancadas do campo de fútbol, o espazo estaba dividido en sete vestiarios, catro deles comunicados de dous en dous nos espazos das duchas, no que se reparten os equipos locais, visitantes e árbitros. Para salvar as dificultades de acceso existentes anteriormente, con estas obras estableceuse unha nova distribución do conxunto dos vestiarios, eliminando os espazos dedicados ao almacenamento de material de adestramento e o último dos vestiarios existentes.
Con esta nova distribución todos os vestiarios pasaron a ser independentes, aumentando o número de duchas dispoñibles e xerando cabinas accesibles que tamén funcionan como aseos accesibles. Ademais, instalouse unha porta de paso corredeira entre os vestiarios 1 e 2 e os 3 e 4 de forma que poidan comunicarse interiormente en caso de necesidade para convertelo un espazo único co dobre de capacidade. Ademais, abríronse novas portas en dous dos vestiarios e na zona de árbitros ampliouse o paso libre da porta de acceso ao interior.
As obras contaron cun investimento de case 116.000 euros dos que case 74.000€ foron financiados con fondos propios do Concello do Rosal e outros 42.000 euros foron subvencionados a través do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Este é o primeiro paso para conseguir a accesibilidade total no campo de fútbol municipal A Mata. O Concello xa está a traballar no proxecto do cambio de céspede no campo, unha necesidade importante detectada no traballo conxunto coa UD Ribera para a reforma das instalacións. Tras este cambio, o proxecto continuará coas obras de mellora da accesibilidade na zona de entrada ás instalacións.
Concello de O Rosal
O alumnado de primaria do Rosal aprende a reciclar nas aulas
O Concello puxo en marcha a campaña 'Traballando co lixo' para implicar a rosaleiros e rosaleiras nunha correcta xestión dos residuos dende a infancia
Aprender dende cativos e cativas a reciclar os diferentes residuos. Ese é o obxectivo de 'Traballando co lixo', unha campaña posta en marcha polo Concello do Rosal coa que se busca implicar a rosaleiros e rosaleiras nunha correcta xestión dos residuos dende a infancia.
"É moi importante que dende moi pequenos e pequenas poidan ir aprendendo que o primeiro paso para un axeitado reciclaxe de residuos é saber recoñecer onde debe ir cada resto. Aprendelo na aula, rodeado dos seus compañeiros e compañeiras, en equipo, é unha boa experiencia para nenos e nenas", destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Con este proxecto vanse percorrendo todas as aulas de educación primaria dos centros educativos do Rosal para traballar en común as cuestións relacionadas co lixo e coa reciclaxe. Así, ao longo da actividade, os nenos e nenas aprenden que deben botar no colector amarelo, "ese que sempre se di de plásticos pero que realmente é de envases", como lles explica durante os encontros o concelleiro de Participación Veciñal e Voluntariado, Ramón Fernández Leal.
A través de diferentes actividades, o alumnado repasa aqueles elementos que deben levarse ao Punto Limpo aproveitando as lembranzas da visita realizada ás instalacións. Ademais, tamén seleccionan diferentes tipos de residuos e falan de outros tipos de lixo moitas veces máis difíciles de catalogar para poder desbotar, como as cápsulas de café, os medicamentos ou os restos orgánicos.
Concello de O Rosal
Conto musical para gozar en familia con Belén Otxotorena e a Banda da Agrupación Musical do Rosal
Este sábado 18 traerán ao auditorio municipal o espectáculo 'Noé, Noemí e Noemilia. Sete animais e a súa familia'
O auditorio municipal do Rosal prepárase para acoller esta fin de semana un encontro interactivo entre as familias e a banda de música. A Banda da Agrupación Musical do Rosal acompañará a Belén Otxotorena na interpretación de 'Noé, Noemí e Noemilia. Sete animais e a súa familia', un innovador conto musical inspirado nun divertido poema colombiano e nunha das historias máis antigas da humanidade, a Arca de Noé.
Otxotorena dará vida a unha obra na que as composicións de Andrés Valero e de Óscar Navarro serán as protagonistas. Unha historia que conta as vivencias de Noé, Noemí e Noemilia, que vivían placidamente pescando cada un nun lugar diferente do mundo ata que corenta días e corenta noites chovendo a esgalla os obrigaron a subirse a unha arca xigante.
Con estudos musicais e de teatro, Belén Otxotorena é escritora, coautora de contos e guías didácticas e escritora de relatos musicais para toda a familia. Ten participado en espectáculos con moitas bandas musicais por toda España, así como coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Castela e León. Aínda que o que sen dúbida a caracteriza é a súa emoción ao subir ao escenario e o seu desexo de espertar a imaxinación de grandes e cativos e cativas.
Este conto musical chega ao auditorio municipal o sábado 18 de marzo ás 20.30 horas. O prezo da entrada será de 2 euros e poderán mercarse no propio auditorio, en Milar-Teleson e en Puntera Zapatos.
Concello de O Rosal
|